Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 5 de outubro de 2017 Páx. 47035

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2017, conxunta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para celebrar as eleccións de constitución do consello escolar en centros escolares de nova creación e outros sostidos con fondos públicos.

No punto 6 do artigo 126 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establécese que lles corresponde ás administracións educativas determinar o número total de membros do consello escolar e regular o proceso de elección. Ao abeiro do establecido na disposición transitoria décimo primeira da LOE, dado que o dito artigo remite a ulteriores disposicións regulamentarias que aínda non foron ditadas, son de aplicación as normas dese rango que o viñan sendo na data de entrada en vigor da LOE, sempre que non se opoñan ao disposto nela.

Pola súa banda, o Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, modificado polo Decreto 279/1990, do 27 de abril, e os decretos 324/1996, do 26 de xullo, 374/1996, do 17 de outubro, e 7/1999, do 7 de xaneiro, establecen as condicións de celebración das eleccións dos membros dos consellos escolares nos centros docentes.

A Orde do 28 de agosto de 1996 pola que se regula o procedemento de elección dos órganos de goberno dos centros privados concertados establece que o dito procedemento se realizará de acordo co regulamentado nesa orde e que nos aspectos non previstos nela haberá que aterse ao establecido para os centros públicos no Decreto 92/1988, do 28 de abril, modificado polo Decreto 324 /1996, do 26 de xullo.

Dado que no derradeiro trimestre do ano 2016 correspondeu a renovación de todos os consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma, no presente ano é constituír o consello escolar por primeira vez nos centros creados con posterioridade á citada renovación, ao tempo que se regulariza a situación daqueles centros que, por razóns de diversa índole, non realizasen as eleccións no citado proceso do ano 2016.

Por todo o anterior,

RESOLVEN:

Artigo 1

O obxecto desta disposición é fixar as datas para elixir os representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar dos centros docentes sostidos con fondos públicos que inician o seu funcionamento no curso 2017/18, así como ditar instrucións para o seu desenvolvemento.

Artigo 2

As eleccións para a primeira constitución do consello escolar nos centros que iniciaron o seu funcionamento a que se refire o artigo anterior terán lugar entre os días 6 e 10 de novembro de 2017, ambos os dous incluídos. Non obstante, co fin de fomentar a participación de todos os sectores implicados, é desexable que, dentro das posibilidades de cada centro, a xunta electoral fixe unha única data para as votacións correspondentes:

a) Para os centros de educación infantil, primaria e secundaria, de acordo coa orde desta consellería do 21 de outubro de 1996.

b) Para os centros públicos integrados, consonte o artigo 11 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro.

c) Para os centros públicos de ensino non universitario de características singulares, de educación especial e de educación de adultos, conforme o establecido na Orde desta consellería do 29 de outubro de 1996, corrección de erros no DOG do 15 de novembro de 1996.

d) Para os centros privados concertados, segundo a Orde desta consellería do 28 de agosto de 1996.

e) Para os restantes centros, terase en conta o establecido nos correspondentes regulamentos orgánicos.

Artigo 3

Nos centros a que se refire o punto anterior, a xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, constituirase entre os días 16 e 20 de outubro de 2017, ambos os dous incluídos.

De conformidade co establecido no artigo 31.b) do Decreto 92/1988, do 28 de abril, é competencia da xunta electoral concretar o calendario electoral. As xuntas electorais terán presente, en todo caso, que o prazo de admisión de candidatos non deberá ser inferior a sete días naturais.

Artigo 4

Aos membros integrantes da xunta electoral, das mesas electorais e aos electores que necesiten permiso laboral para o desempeño das súas obrigas seralles de aplicación o artigo 117 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Non obstante, o día ou os días en que teñan lugar as eleccións de representantes dos distintos sectores da comunidade educativa non poderán ser declarados non lectivos.

Artigo 5

A primeira renovación do consello escolar dos centros a que se refire o artigo 1 desta resolución producirase no ano 2018, coincidindo coa renovación do resto dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido na normativa vixente.

Artigo 6

1. A acta do escrutinio da votación de cada mesa electoral, á cal se refire o artigo 50 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, na súa redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, farase segundo o modelo que se publica como anexo I desta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, a dirección do centro, como presidencia da xunta electoral, unha vez proclamados os candidatos e candidatas elixidos, dará traslado das copias das actas de cada mesa electoral ao xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. Logo da constitución do consello escolar, a que se refire o artigo 52 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, a dirección do centro remitirá ao xefe ou xefa territorial, antes do 12 de decembro de 2017, o informe de seguimento que se publica como anexo II desta resolución.

Disposición adicional primeira

Os centros que na convocatoria do ano 2016 deberían ter realizado a primeira constitución ou a renovación parcial do consello escolar, e que por calquera circunstancia non a fixesen, deberán regularizar a súa situación levando a cabo o proceso electoral de acordo co calendario e normas previstos nesta resolución.

Disposición adicional segunda

No caso de renovación parcial terase en conta que:

1. Os centros modificarán o número de membros do consello escolar en función do número de unidades que teñan nese momento.

2. Nos centros regulados polos decretos 324/1996 e 374/1996, para determinar os membros do consello escolar que deben ser renovados procederase de conformidade co establecido no punto 1 da disposición adicional terceira do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e se regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, que modifica o artigo 40 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e o artigo 41 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria.

Disposición adicional terceira

Os centros a que se refire a disposición adicional primeira desta resolución realizarán a renovación do consello escolar no ano 2018, coincidindo coa do resto dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 49 tanto do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria como do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobados polos decretos 374/1996, do 17 de outubro, e 324/1996, do 26 de xullo, respectivamente; no artigo 11 do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, aprobado polo Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, e no punto 11.2 da Orde desta consellería, do 28 de agosto de 1996.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2017

José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file