Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 6 de outubro de 2017 Páx. 47168

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2017 pola que se convoca un curso de iniciación en xestión e control de flora exótica invasora.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito o 4 de xaneiro de 2017 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de iniciación en xestión e control de flora exótica invasora,

RESOLVO:

Convocar un curso de iniciación en xestión e control de flora exótica invasora que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos participantes

1. Persoal técnico das administracións local, autonómica e estatal con competencias na xestión de montes, do medio rural de parques e xardíns, de obras públicas e de conservación da natureza.

2. Profesionais que realicen os seus traballos nos ámbitos forestal, do medio rural, da xardinaría, das obras públicas e da conservación na natureza.

3. Estudantes de universidade en titulacións relacionadas con aspectos citados.

4. Persoas interesadas na conservación da natureza e as plantas exóticas.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Pagamento de matrícula

O importe da matrícula é de douscentos corenta euros (240 €) para persoas colexiadas no Colexio Oficial de Biólogos, empregados/as públicos/as de carácter técnico das administracións local, autonómica e estatal e estudantes do grao en Bioloxía, que terán que acreditar documentalmente a condición, e trescentos vinte euros (320 €) para persoas non colexiadas e con outras situacións laborais e outras titulacións.

Farase unha transferencia bancaria polo importe correspondente á conta do Colexio Oficial de Biólogos ES93 2080 3114 1130 4000 7428 (Abanca) e enviarase o xustificante da operación a cursos@biologosdegalicia.org.

O pagamento da matrícula poderase facer efectivo nun prazo único ou en dous prazos. Neste último caso, a expedición do certificado de aproveiamento queda condicionada ao envío do xustificante de pagamento no prazo establecido.

As dúbidas ou peticións de información referentes ao pagamento da matrícula serán atendidas a través deste enderezo de correo electrónico e no número de teléfono 981 53 14 40.

Quinta. Criterios de selección

1. Persoal técnico das administracións públicas local, autonómica e estatal con competencias na xestión de montes, do medio rural de parques e xardíns, de obras públicas e de conservación da natureza.

2. Profesionais que realicen os seus traballos nos ámbitos forestal, do medio rural, da xardinaría, das obras públicas e da conservación na natureza.

3. Estudantes de universidade en titulacións relacionadas con aspectos citados.

4. Persoas interesadas na conservación da natureza e as plantas exóticas.

Criterios xerais da EGAP, segundo a Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas. Todo isto de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1º. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2º. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Realización de probas

Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final delas.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV17026.

Área de coñecemento: coñecementos transversais.

Nome do curso: iniciación en xestión e control de flora exótica invasora.

1. Obxectivos:

Formar persoal técnico relacionado coa xestión de montes, do medio rural, de parques e xardíns, de obras públicas e de conservación da natureza, no referido ao coñecemento dos procesos de invasión de flora exótica e a súa problemática ambiental e económica.

Sensibilizar acerca da existencia e das características das invasións biolóxicas no seu papel como factor de degradación ambiental de primeira orde contribuír a frear a perda de biodiversidade local e global (obxectivo da Unión Europea para 2020) a través do coñecemento e da correcta xestión desta problemática ambiental.

2. Destinatarios:

1º. Persoal técnico das administracións local, autonómica e estatal con competencias na xestión de montes, do medio rural de parques e xardíns, de obras públicas e de conservación da natureza.

2º. Profesionais que realicen os seus traballos nos ámbitos forestal, do medio rural, da xardinaría, das obras públicas e da conservación na natureza.

3º. Estudantes de universidade en titulacións relacionadas con aspectos citados.

4º. Persoas interesadas na conservación da natureza e as plantas exóticas.

3. Desenvolvemento:

Modalidade: presencial.

Duración: 24 horas.

Edicións: unha.

Lugar: Santiago de Compostela: local Cersia Empresa. Rúa do Alcalde Raimundo López Pol.

Datas: días 25 (10.00-14.00 horas), 26 (9.00-13.00 e 15.00-19.00 horas), 30 (9.00-13.00 e 15.00-19.00 horas) e 31 (10.00-14.00 horas) de outubro de 2017. As sesións de tarde serán de prácticas de campo.

A proba de avaliación consistirá na realización dun proxecto de xestión.

Prazas: 25.

4. Contido:

1º. Introdución á problemática global das invasións biolóxicas:

Definición e características.

Impactos ecolóxicos, económicos e na saúde humana.

Recoñecemento internacional.

Estado da cuestión en España.

2º. Situación actual en Galicia:

Diagnóstico e plan estratéxico elaborados pola Xunta de Galicia.

Principais actuacións executadas ata a data.

Lexislación de aplicación (catálogo español de especies exóticas, invasoras; Regulamento da Unión Europea).

Marco Institucional.

3º. Identificación e características das principais especies de flora invasora en Galicia:

Especies preocupantes para a Unión Europea.

Especies oficialmente catalogadas (Catálogo español).

Outras plantas con comportamento invasor en Galicia.

Plantas con invasión incipiente ou con risco de invasión futura.

4º. Estratexias de xestión:

Directrices internacionais e principios reitores de xestión.

Importancia das accións preventivas.

Sistemas de vixilancia, de alerta temperá e de resposta rápida.

Planificación de accións de control e erradicación.

5º. Implicacións na xestión cotián e de proxectos:

Xestión de montes (forestal).

Xestión do medio rural.

Xestión de parques e xardíns.

Xestión de obras públicas.

Xestión de conservación da natureza.