Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2017 Páx. 48036

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2017 pola que se convoca o Curso Superior de Administración Electrónica.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Curso Superior de Administración Electrónica de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

Este curso pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, con especial énfase no arquivo electrónico administrativo, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa comunidade. Os contidos do programa enfocarán, desde distintas perspectivas, a Administración electrónica para que as persoas a que se dirixe adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática.

2. Contidos.

O curso estrutúrase nunha serie de contidos que pretenden profundar nos aspectos máis importantes da Administración electrónica desde unha tripla perspectiva: xurídica, técnica e práctica.

A estrutura do curso é a seguinte:

• Réxime xurídico dunha Administración dixital.

• Identidade dixital: identificación e sinatura dixitais.

• Sede electrónica e carpeta do cidadán.

• Rexistro electrónico único.

• Notificación electrónica.

• Interoperabilidade e seguridade.

• Arquivo electrónico, documento electrónico e copia.

• Atención á cidadanía.

• Publicidade normativa.

• Reutilización e transparencia.

3. Número de prazas: 50.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: o curso desenvolverase desde o 30 de outubro ata o 20 de decembro de 2017.

As clases prácticas presenciais desenvolveranse os seguintes días:

– 30 de outubro de 2017.

– 6, 7, 13, 16, 22, 27 e 29 de novembro de 2017.

– 11, 14 e 20 de decembro de 2017.

Horario das clases presenciais: de tarde, das 17.00 ás 20.00 horas.

Duración: 114 horas lectivas, 30 horas de clases prácticas presencias e 84 de teleformación.

5. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, e das universidades do Sistema universitario de Galicia que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

a) Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

b) Pertencer aos grupos I e II do persoal laboral.

c) Pertencer ao grupo C (subgrupo C1) do persoal funcionario ou grupo III do persoal laboral incluído no ámbito de aplicación do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e estar en posesión do título de ciclo superior de formación profesional relacionado coa informática.

Este curso valorarase con 1,5 puntos a aquel alumnado que fose considerado apto á súa finalización e, polo tanto, teña dereito ao certificado de aproveitamento, sempre que cumpra os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento da Administración local, en cumprimento do previsto na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994, e consonte o establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52, do 16 de marzo).

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 24 de outubro de 2017.

Excepto as persoas que pertenzan á Administración autonómica ou á Administración de xustiza, todos/as os/as solicitantes deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, achegando un certificado acreditativo da súa condición de persoal empregado público e do grupo e/ou categoría a que pertencen. Esta certificación será expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración na que preste os seus servizos. Serán excluídas aquelas solicitudes de persoal empregado público que non acompañen a devandita certificación ou que sexan recibidas con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 24 de outubro de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41/981 54 62 39.

7. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. No punto deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contado desde a súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase no punto deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de dous días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de aproveitamento na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado electrónico de aproveitamento.

O alumnado deberá realizar un traballo ao finalizar o curso, que será presentado á dirección da actividade formativa como requisito previo para a obtención do certificado.

Tamén ao final do curso, o alumnado deberá superar un test de 25 preguntas con 4 posibles respostas, das cales deberán escoller unha; valoraranse negativamente as erróneas e exixiráselles un mínimo do 60 % do total de preguntas acertadas para a superación do test.

O alumnado deberá superar o exame e o traballo para obter o certificado de aproveitamento. De non superar algún dos dous requisitos, poderán presentarse unha segunda vez.

Superado o exame e o traballo, expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública