Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2017 Páx. 50147

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 104/2017, do 11 de outubro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia.

Mediante a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, lévase a cabo a transferencia de competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma de Galicia, utilizando a vía prevista no artigo 150.2 da Constitución. En concreto, no seu artigo 3, transfírense as competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, no marco da lexislación básica do Estado.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida no Decreto 72/2013, do 25 de abril).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais desfrutarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos da súa cualificación de legalidade, aprobación definitiva e inscrición no rexistro de colexios.

De conformidade co disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 13/2016, do 26 de xullo, de creación do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia, a asemblea xeral constituínte acordou a designación do órgano de goberno e a aprobación dos estatutos do colexio, que foron presentados ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para a súa aprobación definitiva.

En virtude do anterior, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de outubro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación dos estatutos

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia, que figuran como anexo ao presente decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de outubro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia

Prólogo.

A terapia ocupacional é unha profesión da saúde que se fundamenta no coñecemento e na investigación da relación que existe entre a saúde, a ocupación e o ambiente no benestar da persoa ante a presenza de limitacións físicas, cognitivas, sociais, afectivas
e/ou ambientais que alteran o seu potencial de desenvolvemento e o seu desempeño ocupacional; que utiliza actividades significativas para a persoa tendo como obxectivo final restaurar, manter e/ou desenvolver habilidades necesarias para integrarse e participar na súa esfera biopsicosocial.

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Denominación e competencia

Os presentes estatutos teñen por obxecto regular a organización e actuación do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia, a teor do establecido nas disposicións legais sobre a súa creación e de conformidade coa lexislación vixente sobre colexios profesionais.

Artigo 2. Principios esenciais

1. Son principios esenciais da súa estrutura interna e do seu funcionamento a igualdade dos seus membros, a elección democrática dos seus órganos de goberno, a adopción de acordos por maioría e a súa liberdade de actuación dentro do respecto ás leis.

2. A vontade do Colexio é dotar os/as terapeutas ocupacionais que exerzan en Galicia dunha institución que os/as represente e defenda os seus intereses, que desempeñe a representación do exercicio da profesión, e que contribúa na sociedade á promoción do dereito á saúde e a unha asistencia de maior calidade, tanto sanitaria como noutros ámbitos.

Artigo 3. Natureza

O Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia é unha corporación de dereito público, representativa de intereses profesionais, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións. Poderá adquirir a título oneroso lucrativo, allear, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens, contraer obrigacións e, en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, executar ou soportar calquera acción xudicial, reclamación ou recursos en todas as vías e xurisdicións.

Artigo 4. Representación do Colexio

1. A representación legal do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia, tanto en xuízo como fóra del, recaerá no seu presidente, quen estará lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores/as e avogados/as ou a calquera clase de mandatario/a, logo de acordo da Xunta de Goberno.

2. Correspóndelle ao/á presidente/a do Colexio o exercicio das facultades establecidas para o seu cargo, logo do acordo da Xunta de Goberno, excepto nos actos de disposición dos bens do Colexio, para os cales se exixirá ademais ratificación da Asemblea Xeral.

Artigo 5. Ámbito territorial e sede

O ámbito territorial do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia comprende a Comunidade Autónoma de Galicia, e integrará a quen reúna os requisitos legais para ser considerados/as terapeutas ocupacionais.

O Colexio terá a súa sede na Coruña, sen prexuízo de que se celebren reunións dos órganos de goberno noutros lugares da Comunidade Autónoma. O enderezo postal do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia é rúa Boquete de San Andrés, 8; 15003 A Coruña.

Este domicilio poderá ser modificado pola Asemblea Xeral por proposta da Xunta de Goberno. Así mesmo, corresponderalle establecer, se procede, diversas delegacións en distintos lugares da Comunidade Autónoma.

Artigo 6. Réxime xurídico

O Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia réxese polos presentes estatutos, pola súa lei de creación (Lei 13/2016, do 26 de xullo), pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios e de consellos profesionais de Galicia e pola demais normativa que resulte de aplicación.

Co fin de asegurar un adecuado funcionamento colexial e facelo da maneira máis práctica posible, a Xunta de Goberno pode propoñer á asemblea a aprobación dun regulamento de réxime interno.

Artigo 7. Relación do Colexio coa Xunta de Galicia

En todas as cuestións relativas a aspectos corporativos e institucionais, o Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia relacionarase coa Administración da Xunta de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais. Nos aspectos relativos aos contidos propios da profesión, deberá relacionarse coas consellerías competentes nas materias relacionadas coas actividades profesionais da terapia ocupacional.

Artigo 8. Relación do Colexio con outros organismos profesionais e públicos

1. O Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia relacionarase co Consello Xeral de Colexios Profesionais de Terapeutas Ocupacionais de España, de acordo coa normativa reguladora da organización colexial.

2. O Colexio poderá establecer relación coas distintas administracións, institucións, e demais entidades públicas ou privadas, nos ámbitos autonómico, nacional e internacional, de conformidade cos acordos adoptados polos órganos competentes e de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 9. Portelo único

1. O Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia dispoñerá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio, os/as profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. Concretamente, o Colexio fará o necesario para que, a través deste portelo único, os/as profesionais poidan de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e ao seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado/a e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non sexa posible por outros medios.

d) Convocar os/as colexiados/as ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do colexio profesional.

e) Acceder a toda a documentación que estea en posesión do Colexio, incluíndo estatutos, regulamentos de réxime interno, actas das asembleas, código deontolóxico, etc.

2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos dos/das consumidores/as e usuarios/as, as organizacións colexiais ofrecerán a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados/as, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos/das profesionais colexiados/as, número de colexiación, títulos oficiais dos que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, e o punto terceiro do artigo 22 dos presentes estatutos.

c) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpoñer en caso de conflito entre o/a consumidor/a ou usuario/a e un colexiado/a ou o colexio profesional.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores/as e usuarios/as ás cales os/as destinatarios/as dos servizos profesionais se poden dirixir para obter asistencia.

e) O contido do código deontolóxico.

3. O Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia deberá adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporar para iso as tecnoloxías precisas e crear e manter as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para iso, o Colexio poderá poñer en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios co resto de colexios de terapeutas ocupacionais e o Consello Xeral, ademais de coas corporacións doutras profesións.

4. O Colexio facilitaralle ao Consello Xeral de Colexios de Terapeutas Ocupacionais, a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados/as e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais de colexiados/as e de sociedades profesionais daqueles/as.

Artigo 10. Servizo de atención a consumidores/as e colexiados/as

1. O Colexio deberá atender as queixas ou reclamacións presentadas polos/as colexiados/as.

2. Así mesmo, dispoñerá dun servizo de atención aos/as consumidores/as ou usuarios/as, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos/das colexiados/as presente calquera consumidor/a ou usuario/a que contrate os servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de consumidores/as e usuarios/as na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. A través deste servizo de atención aos/as consumidores/as ou usuarios/as, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

4. A regulación deste servizo realizarase en virtude do correspondente regulamento, que deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

TÍTULO II
Finalidades e funcións

Artigo 11. Fins

1. O Colexio terá como fins esenciais a ordenación do exercicio da profesión de terapeuta ocupacional dentro do marco legal respectivo, a súa representación e a defensa dos intereses profesionais dos/das colexiados/as. Ademais, terá os seguintes fins:

a) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de terapeuta ocupacional.

b) Lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos/das colexiados/as, promovendo a formación, a investigación e o perfeccionamento destes.

c) Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio da profesión.

d) Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.

e) Protexer os intereses dos/das consumidores/as finais e usuarios/as dos servizos
dos/das colexiados/as.

f) Colaborar coas institucións e administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia na conservación e promoción do dereito á saúde e dunha asistencia sanitaria de calidade, participando na defensa e tutela dos intereses xerais da colectividade como destinataria da actuación profesional dos/das terapeutas ocupacionais.

2. O disposto no punto anterior enténdese sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial.

Artigo 12. Funcións

Para o cumprimento dos seus fins, o Colexio exercerá as funcións encomendadas na lexislación básica do Estado, e como propias as seguintes:

1. En relación coa finalidade de representación e defensa dos intereses xerais dos/das terapeutas ocupacionais e da terapia ocupacional:

a) Exercer no seu ámbito a representación e defensa da profesión, ante as administracións públicas e institucións de todo tipo, tribunais, e demais personalidades públicas e privadas con lexitimación para ser parte nos litixios que afecten os intereses profesionais.

b) Propoñer os/as colexiados/as, por instancia da autoridade xudicial, en calquera xulgado ou tribunal para intervir como peritos nos asuntos xudiciais, así como emitir informes e ditames, sempre que sexan requiridos para iso.

c) Prestar aos/as colexiados/as, a través dos/das profesionais competentes, os servizos de asesoramento xurídico, laboral, administrativo e fiscal que se consideren oportunos.

d) Relacionarse e coordinarse con outros colexios profesionais, así como co Consello Xeral de Colexios.

e) Emitir informe sobre aqueles proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecten os/as profesionais que agrupen ou se refiran aos fins ou funcións a eles/as encomendados.

f) Participar nos órganos consultivos da Administración de Galicia en materia de sanidade e asistencia sanitaria, ou calquera outro ámbito que aborde competencias da profesión, cando esta o requira ou así se estableza na normativa vixente e designar representantes en calquera xulgado ou tribunal en que se exixan coñecementos relativos a materias específicas, sempre que sexan requiridos para iso nos termos establecidos na Lei de axuizamento civil.

g) Emitir informes e ditames, de carácter non vinculante, en procedementos xudiciais ou administrativos en que se expoñan cuestións que afecten materias da competencia profesional.

h) Colaborar coas administracións públicas en materia das súas competencias, de acordo coas disposicións vixentes.

2. En relación coa finalidade de ordenación, orientación e vixilancia do exercicio profesional:

a) Ordenar o exercicio profesional dos/das terapeutas ocupacionais, velando pola súa ética e dignidade profesional, así como conciliando os seus intereses co interese social e os dereitos dos/das cidadáns/as.

b) Levar o censo de profesionais e o rexistro de título.

c) Vixiar para que o exercicio profesional responda, tanto en número de profesionais como en calidade, ás necesidades da sociedade.

d) Exercer a potestade disciplinaria sobre os/as profesionais de terapia ocupacional, nos termos previstos na Lei 11/2001 e os presentes estatutos.

e) Vixiar que a utilización do nome e o exercicio da terapia ocupacional, así como das súas técnicas propias, se ateñan ás normas reguladoras da profesión e do seu exercicio, impedindo e perseguindo todos os casos de intrusión profesional, competencia desleal e/ou publicidade enganosa. Para ese efecto, poderase requirir o apoio das autoridades gobernativas e sanitarias e expor os casos ante os tribunais de xustiza.

f) Amparar e defender os dereitos e o prestixio profesional dos/das colexiados/as en xeral ou de calquera dos seus grupos ou individuos en particular, de seren obxecto de vexación ou menoscabo, por motivo da súa actividade profesional.

g) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados/as e sobre as sancións firmes impostas a eles/as, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na lei.

h) Visar os traballos profesionais dos/das colexiados/as de acordo cos presentes estatutos e co artigo 13 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais. O visado non comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, que se determinarán por libre acordo das partes.

i) Intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre os/as colexiados/as.

j) Garantir a prestación da función polos/as profesionais colexiados/as ou en posesión do título correspondente que os/as habilita para o exercicio da profesión.

k) Actuar como árbitro nos conflitos entre os/as colexiados/as e terceiros/as, cando así o soliciten ambas as partes.

l) Prestar os servizos de asesoramento xurídico, laboral, administrativo e fiscal que se crean convenientes.

m) Prestar servizo de atención aos/as colexiados/as e aos/as consumidores/as e usuarios/as.

3. En relación coa finalidade de promoción científica, cultural, laboral e social da profesión:

a) Organizar actividades dirixidas á formación e perfeccionamento profesional dos/das colexiados/as.

b) Organizar conferencias, congresos e xornadas, publicar revistas, folletos e circulares e, en xeral, poñer en práctica os medios que se coiden necesarios para estipular o perfeccionamento técnico, científico e humanitario da profesión.

c) Participar de forma activa coas entidades de formación dos/das futuros/as titulados/as na mellora dos plans de estudo e na súa preparación.

d) Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos que sexan de interese para os/as colexiados/as, así como de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas por eles/as no exercicio da súa profesión.

e) Promover, divulgar e potenciar a terapia ocupacional, así como a súa integración e relevancia na estrutura sanitaria e social desde as perspectivas científica, cultural, laboral e investigadora.

f) Promover e estender a profesión da terapia ocupacional na prevención, a valoración, o diagnóstico, a intervención e a avaliación en relación coas discapacidades (limitacións na actividade, restricións na participación), os factores contextuais tanto persoais como ambientais (facilitadores, barreiras/obstáculos), así como a diversidade funcional e a dependencia da persoa.

g) Velar porque os medios de comunicación social divulguen a terapia ocupacional con base científica contrastada e combater toda propaganda ou publicidade incerta ou enganosa, ou a que con carácter xeral atente contra os dereitos dos/das consumidores/as ou usuarios/as ou contraveña os principios establecidos na normativa vixente.

h) Informar as industrias relacionadas coa terapia ocupacional das condicións desexables para o desenvolvemento de novos produtos e establecer, se as condicións técnicas o permiten, un control de calidade sobre os materiais ofrecidos.

i) Contribuír de forma continuada ao asesoramento cidadán en temas relacionados coa promoción e defensa da saúde.

4. O Colexio non poderá establecer baremos orientativos nin calquera outra orientación, recomendación, directriz, norma ou regra sobre honorarios profesionais. O Colexio poderá elaborar criterios orientativos para os exclusivos efectos da taxación de custas de peritaxes xudiciais. Estes criterios serán igualmente válidos para o cálculo de honorarios e dereitos que corresponden para os efectos de taxación de custas de peritaxes xudiciais en asistencia xurídica gratuíta.

5. Cantas outras funcións repercutan en beneficio dos intereses profesionais dos/das colexiados/as e se encamiñen ao cumprimento dos fins colexiais.

TÍTULO III
Da colexiación e dos/das colexiados/as

CAPÍTULO I
Da colexiación

Artigo 13. Colexiación e colexiados/as

1. A colexiación defínese como a incorporación ao Colexio como membro deste.

2. O exercicio da profesión de terapeuta ocupacional con domicilio profesional único ou principal na Comunidade Autónoma de Galicia requirirá a incorporación ao Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia cando así o estableza unha lei estatal.

3. Mentres pertenzan ao Colexio, os seus membros terán a calidade de colexiados/as, adquirindo pleno dereito desde o momento en que se incorporen.

4. A pertenza ao Colexio enténdese sen prexuízo dos dereitos de sindicación e asociación constitucionalmente recoñecidos.

Artigo 14. Modalidades de colexiación

1. Os/as colexiados/as poderán rexistrarse nas seguintes modalidades:

a) Exercentes: son aquelas persoas naturais que, reunindo todas as condicións exixidas, obteñan a incorporación ao Colexio e exerzan a profesión de terapeuta ocupacional.

b) Non exercentes: as persoas naturais que obteñan a incorporación ao Colexio e non exerzan a profesión.

c) Colexiados/as honorarios: os/as terapeutas ocupacionais xubilados/as, voluntaria ou forzosamente, e que acrediten non estar de alta no imposto de actividades económicas. Estes/as colexiados/as estarán exentos/as do pagamento das cotas colexiais, poderán asistir ás reunións dos órganos do colexio, sen dereito a voto (non poden ser colexiados aqueles que non poden exercer a profesión porque é unha das perdas da condición de colexiado).

2. A Xunta de Goberno poderá propoñer, á Asemblea Xeral, o nomeamento de membros de honra do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia das persoas que polos seus méritos científicos, técnicos ou profesionais, calquera que sexa a súa titulación académica, contribuísen notoriamente ao desenvolvemento da terapia ocupacional ou da profesión. O nomeamento terá un estrito carácter honorífico. Tamén se poderán conceder premios que consistirán nun agasallo, diploma ou distinción, que aprobará a Asemblea Xeral por proposta da Xunta de Goberno.

3. Os membros da Xunta de Goberno, mentres desempeñen o cargo para o que foron elixidos/as, non se poden presentar, nin ser propostos/as, para membros de honra ou recibir premios.

4. Non se poderá limitar o número dos/das compoñentes do Colexio nin pechar temporal ou definitivamente a admisión de novos/as aspirantes.

Artigo 15. Incorporación e requisitos para a colexiación

1. Poderanse integrar no Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia:

a) Os que posúan a titulación oficial de diplomado/a ou graduado/a universitario/a de Terapia Ocupacional, de acordo coa lexislación vixente sobre a materia, e o soliciten libremente a través dos medios facilitados para tal fin polo Colexio.

2. Son requisitos esenciais para obter o alta como colexiado:

a) Posuír a titulación legalmente requirida para o exercicio en España da profesión de terapeuta ocupacional. Deberase achegar, para efectos acreditativos, o correspondente título profesional orixinal ou testemuño auténtico deste. En caso de se tratar de título estranxeiro achegarase, ademais, a documentación acreditativa da súa validez en España para efectos profesionais.

b) Acreditar fidedignamente a súa identidade, mediante copia auténtica do DNI, pasaporte ou NIE.

c) Ser maior de idade e declarar non acharse inhabilitado/a legalmente para o exercicio da profesión.

d) Non acharse incurso/a, conforme as leis e os estatutos xerais da profesión, en causas de prohibición para o exercicio da terapia ocupacional.

e) Non estar suspendido/a no exercicio profesional por sanción disciplinaria colexial, durante o tempo fixado nela, cuxa certeza, salvo que se trate de primeira colexiación, se acreditará mediante certificación do colexio de procedencia.

f) Aboar os correspondentes dereitos, cotas de incorporación e cotas ordinarias ou, se é o caso, a parte proporcional destas. Acreditarase mediante o orixinal ou copia auténtica do documento do ingreso na conta do Colexio. A cota de inscrición débese regular nos termos previstos no artigo 3.2 da Lei 2/1974, en que se establece que a dita cota non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación.

g) Achegar a folla de domiciliación bancaria para o pagamento das sucesivas cotas ordinarias, debidamente cuberta e asinada.

h) Domicilio profesional único ou principal no ámbito territorial do Colexio para a modalidade de exercente, comprobado mediante copia da licenza municipal de actividade ou da matrícula no imposto actividades económicas (para traballadores autónomos/as) ou o certificado da Tesouraría Territorial da Seguridade Social (para exercentes por conta allea).

i) Se se propón exercer a profesión, deberá informar do lugar en que o vai facer e a modalidade de exercicio.

j) Ademais, declararanse ou acreditaranse os restantes datos que deban constar no Rexistro do Colexio, aprobados pola Xunta de Goberno.

3. A Xunta de Goberno resolverá as solicitudes de colexiación, que se presentarán de acordo co modelo aprobado, xunto co orixinal e copia da documentación ou copia compulsada para verificar a súa autenticidade coa finalidade de acreditar os requisitos de incorporación no prazo dun mes, podendo denegalas unicamente cando non se cumpran as condicións fixadas no punto anterior. A resolución poderase deixar en suspenso para emendar as comprobacións que sexan procedentes co fin de verificar a súa lexitimidade e suficiencia.

4. Para cambiar a modalidade de colexiado abondará a solicitude formulada en tal sentido polo interesado a través dos medios facilitados polo Colexio para tal fin, sen necesidade de volver presentar a documentación que xa lle facilitou ao Colexio con anterioridade.

Artigo 16. Denegación da colexiación

1. A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se completaron ou emendaron no prazo sinalado para o efecto, ou cando o solicitante falsease os datos ou documentos necesarios para a súa colexiación.

b) Cando o peticionario/a non acredite satisfacer as cotas de colexiación no seu colexio de orixe.

c) Cando sufrise algunha condena por sentenza firme que o/a inhabilite para o exercicio da súa profesión.

d) Por expulsión decretada en resolución da xurisdición disciplinaria colexial devida firme.

2. Se no prazo previsto, a Xunta de Goberno acorda denegar a colexiación pretendida, comunicarallo ao interesado/a sinalando a data do acordo denegatorio, fundamentos deste e os recursos dos cales é susceptible.

3. No termo dun mes seguinte á recepción da notificación do acordo denegatorio poderá o/a interesado/a formular recurso de reposición ante a Xunta de Goberno do Colexio. Contra o acordo denegatorio definitivo desta, o/a interesado/a poderá acudir á vía contencioso-administrativa.

Artigo 17. Perda da condición de colexiado/a

1. A condición de colexiado/a perderase polas causas seguintes:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal.

c) Separación ou expulsión do Colexio acordada en expediente disciplinario.

d) Admisión da baixa voluntaria xustificada por cesamento da actividade profesional.

e) Non aboar o importe dos dereitos correspondentes a un ano de colexiación ou non ter ao día a documentación de domiciliación bancaria das cotas.

2. Para que a baixa forzosa por incumprimento das obrigacións económicas sexa efectiva, será necesaria a instrución dun expediente sumario que comportará un requirimento escrito ao/á afectado/a para que dentro do prazo dun mes se poña ao día nos descubertos. Pasado este prazo sen cumprilo tomarase o acordo de baixa, que se deberá notificar de forma expresa ao/a interesado/a.

3. A perda da condición de colexiado/a non liberará do cumprimento das obrigacións vencidas.

Artigo 18. Reincorporación ao Colexio

1. O/a terapeuta ocupacional que causase baixa no Colexio e desexe incorporarse a el de novo deberá aterse ao que se dispón no artigo destes estatutos e deberá proceder ao aboamento dunha nova cota de inscrición.

2. Cando o motivo sexa a falta de pagamento das cotas ou achegas o/a solicitante terá que satisfacer as cotas ou achegas pendentes de pagamento, así como a cota de reincorporación validamente establecida polos órganos colexiais para estes casos.

3. Cando o motivo sexa que o/a solicitante solicitase previamente a baixa deberá satisfacer a cota de reincorporación validamente establecida polos órganos colexiais para estes casos.

4. O/a solicitante terá que acreditar –se é necesario– o cumprimento da pena ou sanción, cando esta fose o motivo da baixa.

CAPÍTULO II
Dereitos e deberes dos/das colexiados/as

Artigo 19. Dereitos dos/das colexiados/as

Son dereitos dos/das terapeutas ocupacionais colexiados/as:

a) Exercer a terapia ocupacional segundo os criterios deontolóxicos e profesionais recoñecidos.

b) Participar no goberno do Colexio formando parte das asembleas e exercendo o dereito a instar a súa convocatoria, a formular a estas proposicións, emendas, mocións de censura e rogos e preguntas, e a elixir e ser elixido para os cargos directivos, todo isto nas formas e condicións previstas neste estatuto.

c) Utilizar as dependencias colexiais tal e como se regule e beneficiarse do asesoramento dos servizos, programas e outras vantaxes que o Colexio poña á súa disposición.

d) Utilizar o anagrama ou logotipo do Colexio na súa identificación profesional baixo autorización previa dos órganos de Goberno do Colexio.

e) Ser asesorado/a ou defendido/a polo Colexio en cantas cuestións se susciten relativas aos seus dereitos e intereses lexítimos consecuencia dun recto exercicio profesional. A Xunta de Goberno decidirá os asuntos en que as custas e gastos que o procedemento ocasione sexan asumidos polo Colexio.

f) Dirixirse aos órganos do Colexio formulando suxestións, propostas, peticións e queixas.

g) Acceder á documentación e aos asentos profesionais do Colexio, obter certificacións dos documentos e actos colexiais que os/as afecten persoalmente e recibir información sobre cuestións de interese relacionadas coa terapia ocupacional.

h) Pertencer aos programas de previsión e protección social que se poidan establecer.

i) Exercer o dereito de recurso contra acordos e resolucións dos órganos colexiais.

j) Afirmar a súa condición de colexiado e dispor do carné que así o acredite.

k) O Colexio velará pola protección dos datos que posúe dos/das colexiados/as segundo o establecido e determinado nas leis e, en concreto na Lei orgánica 15/1999, do 29 de novembro, que regula a protección dos datos de carácter persoal.

l) Crear agrupacións representativas de intereses profesionais no seo do Colexio, dentro do marco destes estatutos, con sometemento, en todo caso, aos órganos de goberno do Colexio.

m) Exercer os dereitos de sindicación e asociación constitucionalmente protexidos. A pertenza ao Colexio enténdese sen prexuízo dos dereitos de sindicación e asociación constitucionalmente recoñecidos.

n) Calquera outro dereito que estea recoñecido pola lei ou sexa establecido polos órganos colexiais.

Artigo 20. Deberes dos/das colexiados/as

Son deberes dos/das terapeutas ocupacionais colexiados/as:

a) Cumprir as prescricións contidas nos presentes estatutos, nos regulamentos que os desenvolvan e nos acordos que o Colexio adopte.

b) Pagar nos prazos establecidos as cotas e dereitos tanto ordinarios como extraordinarios que fosen aprobados polo Colexio para o seu sostemento.

c) Observar a deontoloxía da profesión.

d) Informar o Colexio dos cambios nos seus datos persoais e profesionais nun período non superior a trinta días desde o momento do cambio.

e) Comunicar ao Colexio calquera acto de intrusión ou actuación profesional irregular.

f) Observar co Colexio a disciplina adecuada e entre os/as colexiados/as os deberes de harmonía profesional evitando a competencia ilícita.

g) Poñer en coñecemento do Colexio os feitos e as circunstancias que poidan incidir na vida colexial o no exercicio da terapia ocupacional.

h) Exercer fielmente os cargos colexiais para os que sexan elixidos/as.

i) Participar nas asembleas xerais do Colexio salvo causa inevitable.

j) A publicidade está permitida baixo as seguintes restricións:

– Terá que cumprir o disposto na súa normativa reguladora.

– Aterse á dignidade da profesión.

– Ser veraz e responder a uns coñecementos, experiencia e reputación demostrados.

– Está prohibida a comparación directa ou indirecta con outros profesionais.

Artigo 21. Abstención dos/das colexiados/as

Ademais das prohibicións que se poidan recoller nas normas deontolóxicas de rigorosa observancia, e do establecido nestes estatutos, todo/a colexiado/a se absterá de:

a) Tolerar ou encubrir, en calquera forma, a quen sen título suficiente exerza a terapia ocupacional.

b) Prestarse a impartir, figurar, promover ou participar en cursos de formación ou outros métodos que induzan á intrusión profesional.

c) Prestarse a que o seu nome figure como director/a, asesor/a ou traballador/a de centros de curación ou empresas relacionadas coa terapia ocupacional, que non dirixan, asesoren ou presten traballo persoalmente ou que non se axusten ás leis vixentes e aos presentes estatutos ou se violen neles as normas deontolóxicas.

d) Desviar os/as pacientes das consultas públicas de calquera índole cara á consulta particular con fins interesados.

TÍTULO IV
Dos órganos de goberno

CAPÍTULO I
A Asemblea Xeral

Artigo 22. Carácter e composición

1. A Asemblea Xeral é o órgano soberano do Colexio e, como tal, máximo órgano de expresión da vontade colexial, obriga cos seus acordos a todos/as os/as colexiados/as, mesmo os/as ausentes, os/as disidentes e os/as abstencionistas.

2. Rexerase polos principios de participación directa, igual e democrática de todos/as os/as colexiados/as asistentes. Nas asembleas xerais poden participar todos/as os/as colexiados/as, logo de acreditación, que estean en plenitude dos seus dereitos.

Artigo 23. Competencias das asembleas xerais

1. As asembleas poderán ser ordinarias ou extraordinarias. A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, preferentemente no mes de xaneiro.

2. A súa misión será a discusión e aprobación, se é o caso:

a) Da memoria presentada pola Xunta de Goberno, resumindo a súa actuación durante o ano anterior.

b) Da conta xeral de ingresos e gastos do Colexio referida ao exercicio económico anterior.

c) Do orzamento ordinario de ingresos e gastos para o exercicio económico seguinte e, se é o caso, dos orzamentos extraordinarios, se os houber.

d) Da contía das cotas extraordinarias que aboarán ao Colexio os seus colexiados.

e) Dos demais asuntos, ditames e proposicións que figuren na orde do día da reunión.

f) Das actas das sesións anteriores.

Artigo 24. Convocatoria da Asemblea Xeral

1. As convocatorias das asembleas xerais ordinarias serán comunicadas por escrito, con notificación individual a cada colexiado/a, con trinta días naturais de antelación como mínimo á súa celebración, especificando o día, hora, lugar e orde do día. Os/as colexiados/as poderán consultar na Secretaría do Colexio os antecedentes dos asuntos para tratar.

2. A Asemblea Xeral ordinaria celebrarase na sede do Colexio ou outro lugar sendo facultade da Xunta de Goberno a indicación do lugar, día e hora de celebración.

3. Ata quince días antes da celebración das asembleas, os/as colexiados/as poderán presentar as propostas que desexen someter a deliberación e acordo, aínda que só será obrigatorio para a Xunta de Goberno incluír na orde do día as que veñan avaladas por un 5 % do censo de colexiados/as, e a súa inclusión será notificada o mesmo día da celebración da Asemblea.

Artigo 25. Convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria

As asembleas xerais extraordinarias celebraranse por iniciativa da Xunta de Goberno ou dun vinte por cento dos/das colexiados/as cunha orde do día concreto. A súa convocatoria non terá lugar máis aló do prazo dun mes nin menos de cinco días, contados desde a data da súa solicitude, e será facultade da Xunta de Goberno a indicación do día, hora e lugar de celebración. Enviarase a comunicación a cada colexiado/a do día, hora, lugar de celebración e orde do día da Asemblea Xeral extraordinaria, polo menos, con cinco días de antelación á súa celebración.

Artigo 26. Constitución da Asemblea Xeral

1. As asembleas xerais serán dirixidas pola Mesa, composta polo/a presidente/a do Colexio acompañado polo resto dos membros da Xunta de Goberno. Actuará de secretario/a o/a que o sexa do Colexio, encargado de levantar a acta da sesión.

2. As asembleas xerais quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando participe unha maioría simple dos/das colexiados (metade máis un). Quedará validamente constituída en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asistentes, sempre con asistencia de presidente/a e secretario/a.

3. Nas asembleas só se poderán tomar acordos sobre aqueles asuntos que fosen fixados na orde do día, a cal non pode ser modificada. Terán dereito a voz e voto os/as colexiados/as que estean presentes na asemblea, agás que estean suspendidos/as dos seus dereitos.

Artigo 27. Desenvolvemento da Asemblea Xeral

1. A Asemblea procederá a debater os asuntos que figuren na orde do día. A Mesa poderá propoñer á Asemblea Xeral a modificación da orde de discusión dos asuntos incluídos na orde do día, a cal decidirá se procede tras a oportuna votación.

2. Na discusión dos asuntos estableceranse quendas a favor e en contra que se consumirán alternativamente, sen que se poidan dedicar máis de cinco minutos a cada intervención. Os/as colexiados/as que desexen consumir quenda comunicarano á Presidencia antes do debate de cada asunto. Finalizadas as intervencións, procederase á votación.

3. Poderase conceder o uso da palabra, por unha soa vez, por alusións e aclaracións logo de consumidas as quendas e antes da votación.

4. As emendas, adicións e propostas incidentais, teñen que discutirse con preferencia á proposición obxecto de debate, comezando polas emendas á totalidade. Se a mesa non as asume votarase en primeiro termo a súa toma de consideración cunha quenda previa a favor e outra en contra.

5. Os membros da Xunta de Goberno e os/as compoñentes das comisións nomeadas para algunha finalidade especial, aos/as cales se lles discuta a súa xestión, e os/as colexiados/as cuxa conduta afecte as proposicións sometidas a deliberación da Asemblea, poderán facer uso da palabra con carácter preferente e non consumirán quenda. Tampouco consumirán quenda os/as autores da proposición mentres esta se discuta.

Artigo 28. Votacións

1. As votacións poden ser:

a) Ordinarias como norma xeral. Son ordinarias as que se manifestan por signos convencionais de asentimento, disentimento ou abstención.

b) Secretas, en caso de solicitude da cuarta parte dos/das colexiados/as presentes, e sempre que algún membro o solicite nos casos de asuntos que afecten a imaxe do Colexio, a dignidade profesional dalgún/dalgunha colexiado/a, nos de moción de censura ou confianza e, en xeral, naqueles asuntos en que se poida ver condicionada a liberdade na emisión de voto. Son secretas as que se realizan por papeleta que cada membro do Colexio vaia depositando nunha urna ou bolsa.

c) Nominais, se así o solicitan a terceira parte dos/das colexiados/as presentes. Son nominais aquelas votacións que se realizan mediante chamamento por orde alfabética de apelidos e sempre en último lugar o presidente e na que cada membro do Colexio, ao ser chamado, responde en voz alta «si», «non» ou «abstéñome».

2. En caso de empate, o voto do/da presidente/a será dirimente.

Artigo 29. Convocatorias e adopción de acordos

1. Convocatorias:

a) Regra xeral: a asemblea de colexiados entenderase validamente constituída cando concorran nela, persoalmente ou mediante representación, en primeira convocatoria, a metade máis un dos colexiados, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de colexiados e sempre con asistencia do presidente/a e secretario/a ou quen legalmente o/a substitúa.

Cada colexiado poderá representar a un número máximo de tres colexiados. A representación será outorgada por escrito para cada reunión.

b) As asembleas que se convoquen para aprobar propostas de fusión, absorción, segregación, disolución, modificación de estatutos, moción de censura ou retirada de confianza aos membros da Xunta de Goberno, entenderanse validamente constituídas cando concorran nela o 50 % dos colexiados en primeira convocatoria e o 30 % na segunda convocatoria.

2. Adopción de acordos:

a) Regra xeral: os acordos serán adoptados, como norma xeral, por maioría simple de votos (máis votos positivos que negativos e abstencións).

3. Os acordos tomados en Asemblea Xeral serán obrigatorios para todos os membros do Colexio, mesmo os/as ausentes, os/as disidentes e os/as que se abstiveron sen prexuízo dos recursos procedentes.

Artigo 30. Competencia da Asemblea Xeral

1. É competencia da Asemblea Xeral:

a) Aprobar o estatuto do Colexio, os regulamentos, o código deontolóxico e a normativa xeral de obrigado cumprimento, así como as súas modificacións.

b) Coñecer e aprobar, se procede, a memoria anual do colexio, que será publicada no portelo único.

c) Aprobar a liquidación do orzamento vencido e o balance e conta de resultados da Corporación.

d) Aprobar os orzamentos e programa de actuación.

e) Autorizar os actos de adquisición e disposición e gravame dos bens inmobles e de dereitos reais constituídos sobre eles.

f) Coñecer e controlar a xestión da Xunta de Goberno solicitando informes e adoptando, se é o caso, as oportunas mocións, incluso a de censura con carácter revogatorio conforme o previsto no artigo seguinte así como resolver sobre mocións de confianza.

g) Establecer de acordos ou convenios que vinculen o Colexio máis aló do tempo de exercicio da Xunta que os propoña.

h) Fixar as achegas económicas extraordinarias.

i) Discutir e votar calquera asunto incluído na orde do día correspondente.

j) Aprobar as propostas de fusión, absorción, segregación e disolución do Colexio.

k) Nomear colexiados/as de honra.

l) Coñecer dos rogos, preguntas e proposicións sometidos á súa consideración.

m) Elixir os cargos directivos que deban ser substituídos por producirse unha vacante.

Artigo 31. Moción de censura

1. Os colexiados poden exercer o dereito de elevar moción de censura contra o/a presidente/a ou algún ou algúns dos membros da Xunta de Goberno ou en contra desta en pleno.

2. Para ser admitida a trámite, a moción de censura deberase formular por escrito e ser subscrita, polo menos, por un 15 % dos colexiados integrantes do censo no momento de formalizarse a solicitude; faranse constar con claridade e precisión os motivos en que se fundamenta e xuntarase a candidatura alternativa para cubrir os postos obxecto de moción.

3. Exposta unha moción de censura, convocarase para o efecto a Xunta Xeral con carácter extraordinario para tratar como único punto da orde do día sobre a moción de censura exposta. Para que prospere a moción de censura deberá ser aprobada pola metade máis un dos colexiados asistentes á Asemblea Xeral en que se resolva sobre ela.

4. A aprobación da moción implicará o cesamento no cargo do censurado ou censurados e a toma da posesión dos substitutos, que permanecerán no cargo polo tempo que reste para a convocatoria de eleccións.

5. Non se poderán expoñer mocións de censura sucesivas se non media entre elas un prazo de, polo menos, un ano.

Artigo 32. Libro de actas da Asemblea Xeral

1. Das reunións da Asemblea Xeral levantarase acta que quedará rexistrada nun libro para este efecto, asinada polo/a presidente/a e o/a secretario/a.

2. A acta da Asemblea será aprobada pola mesma Asemblea e terá forza executiva ou ben se elixirán tres compromisarios/as pola Asemblea que aprobarán a dita acta.

CAPÍTULO II
A Xunta de Goberno

Artigo 33. Carácter

A Xunta de Goberno ten encomendada a dirección e administración do Colexio e constitúe o seu órgano executivo respecto dos acordos da Asemblea Xeral aos preceptos contidos nestes estatutos e regulamento que se dite e respecto do resto de normas e acordos que regulen o réxime colexial.

Artigo 34. Composición

1. A Xunta de Goberno ten carácter colexiado e estará integrada polo/a presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a, tesoureiro/a e un/ha vogal como mínimo e oito como máximo.

2. Cando resulte necesario para axilizar o labor do Colexio (organización de congresos, instrución de expedientes) a Xunta de Goberno poderá acordar a constitución dunha xunta permanente formada polo/a presidente/a e outros dous membros da Xunta de Goberno designados por esta.

Artigo 35. Funcións

As funcións da Xunta de Goberno son as seguintes:

a) Cumprir e facer cumprir os acordos da Asemblea Xeral, os estatutos, os regulamentos e a lexislación vixente que afecte o Colexio.

b) A xestión e administración do Colexio e dos seus intereses. Decidir sobre as solicitudes de colexiación e baixa dos/das colexiados/as.

c) Coidar que se cumpran as disposicións legais que afecten a profesión, o Colexio e os/as colexiados/as, os presentes estatutos, o Regulamento de réxime interior do Colexio e demais normas adoptadas polos órganos colexiais, se existen, e cantos acordos adopten os órganos de goberno do Colexio, facendo uso das medidas legais que xulgue convenientes para a súa mellor execución, incluso solicitando o auxilio das autoridades, dentro do ámbito territorial do Colexio, e prestándolles a súa cooperación.

d) Redactar as modificacións dos estatutos do Colexio e o Regulamento de réxime interior deste, para sometelos á aprobación da asemblea xeral de colexiados/as.

e) Exercer a potestade disciplinaria dos/das colexiados/as.

f) Aprobar a conta de ingresos e gastos e os orzamentos que formule o/a tesoureiro/a, e a memoria que redacte o/a secretario/a, co fin de someter todo iso á definitiva aprobación da asemblea xeral de colexiados/as.

g) Propoñer á Asemblea Xeral, para aprobación definitiva, o importe dos dereitos de colexiación, o importe das cotas colexiais, ordinarias ou, se é o caso, extraordinarias, así como o mantemento ou modificación da súa contía.

h) Crear ou reestruturar as comisións e grupos de traballo necesarios para o mellor cumprimento das funcións colexiais e para o estudo, seguimento ou promoción de aspectos de interese para os/as terapeutas ocupacionais.

i) A preparación dos asuntos que deban ser sometidos á Asemblea e o coidado de todos os aspectos e trámites referidos á súa celebración.

j) Acordar a celebración da asemblea xeral de colexiados/as, xa sexa ordinaria ou extraordinaria, sinalando lugar, día e hora e establece a súa orde do día.

k) Convocar as eleccións dos cargos da propia Xunta.

l) Administrar, coidar, defender, recadar e distribuír os fondos económicos do Colexio.

m) Exercer as accións e actuacións oportunas para impedir e perseguir a intrusión.

n) Velar porque no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio que corresponden ao terapeuta ocupacional.

o) Informar os/as colexiados/as con prontitude de cantas cuestións coñeza que os/as poidan afectar.

p) Defender os/as colexiados/as no desempeño das funcións da profesión ou con ocasión destas, cando o coide procedente.

q) Propoñer á Asemblea Xeral para aprobación definitiva, a concesión de distincións e premios a colexiados/as e a terceiros/as que fixesen un labor relevante a favor da profesión e/ou Colexio.

r) Exercer os dereitos e accións que corresponden ao Colexio e en particular contra os que entorpezan o bo funcionamento da Administración sanitaria ou a liberdade e independencia do exercicio profesional.

s) Proceder á contratación dos/das empregados/as necesarios/as para a xestión do Colexio.

t) Dirixir, coordinar, programar e controlar a actividade dos departamentos e servizos colexiais.

u) Adquirir, hipotecar e allear bens inmobles, logo de autorización da Asemblea Xeral.

v) Conceder as distincións ao mérito colexial.

w) Cantas funcións non indicadas deriven destes estatutos ou sexan funcións propias do Colexio e non estean expresamente atribuídas á Asemblea.

Artigo 36. Convocatoria da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno celebrará sesión trimestral e tantas veces como o decida o/a presidente/a ou o soliciten tres dos seus membros.

2. As convocatorias faranse por escrito a través da Secretaría, por mandato do/da presidente/a, con polo menos cinco días de antelación, e acompañadas da correspondente orde do día.

3. É obrigatoria a asistencia de todos os membros. A falta de asistencia non xustificada a dúas sesións consecutivas ou catro non consecutivas considerarase como renuncia ao cargo.

4. As sesións da Xunta de Goberno celebraranse ordinariamente nas dependencias do Colexio, ou onde a Xunta de Goberno decida.

Artigo 37. Constitución da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno quedará validamente constituída coa asistencia da metade máis un dos seus membros entre os que deberán estar polo menos o/a presidente/a ou vicepresidente/a e o secretario/a.

2. Os acordos tomaranse por maioría dos/das asistentes, e en caso de empate decidirá o voto de calidade do/da presidente/a. Os acordos da Xunta consignaranse nas oportunas actas por orde de datas no libro que se dispoñerá para o efecto.

Artigo 38. Duración e renovación dos cargos

1. A duración dos cargos será de catro anos e poderán ser reelixidos para ocupar o mesmo ou outro cargo da Xunta de Goberno.

2. Se algún dos/das compoñentes da Xunta de Goberno, excepto o/a presidente/a, cesa por calquera causa, a mesma xunta designará o/a substituto/a con carácter de interinidade, ata que se verifique a primeira elección regulamentaria.

3. A baixa do/da presidente/a debe ser cuberta polo vicepresidente/a e comporta o nomeamento dun/dunha substituto/a deste/a, de entre os membros da Xunta de Goberno.

4. Se se produce a vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno ou do/da presidente/a e vicepresidente/a ao mesmo tempo, convocaranse eleccións no prazo dun mes.

Artigo 39. Do/da presidente/a

O/a presidente/a da Xunta de Goberno ten especialmente atribuídas as seguintes funcións:

a) A representación legal do Colexio para todos os efectos e a representación do Colexio en todas as relacións deste cos poderes públicos, entidades, corporacións de calquera tipo, persoas físicas ou xurídicas.

b) Levar a dirección do Colexio e decidir en casos urxentes que non sexan competencia da Asemblea, e coa obrigación de informar das súas decisións a Xunta de Goberno na primeira reunión que se celebre.

c) Visar as certificacións que expida o/a secretario/a.

d) Subscribir e outorgar contratos, documentos e convenios de interese para o Colexio.

e) Ser depositario da sinatura e do selo do Colexio.

f) Autorizar coa súa sinatura todo tipo de documentos en relación coa alínea a) do presente artigo.

g) Convocar as reunións da Xunta de Goberno e as asembleas xerais tanto ordinarias como extraordinarias.

h) Contratar, levar a termo todo tipo de actos e documentos propios da xestión e da administración colexial, incluídos os que sexan propios da cuestión económica bancaria e financeira, aínda que a mobilización dos fondos faraa conxuntamente co/a tesoureiro/a.

i) Coordinar o labor de todos os membros da Xunta de Goberno.

Artigo 40. Do/da vicepresidente/a

O/a vicepresidente/para terá como funcións:

a) Colaborar co/coa presidente/a no exercicio das súas funcións e exercer todas aquelas funcións específicas que lle sexan asignadas por este/a ou pola Xunta de Goberno que resulten de interese para o Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia.

b) Substituír o/a presidente/a nos casos de vacante, ausencia, enfermidade, ou outra causa legal.

Artigo 41. Do/da secretario/a

Son funcións do/da secretario/a:

a) Levar os libros necesarios para conseguir o mellor e máis ordenado funcionamento dos servizos do Colexio. Será obrigatoria a existencia de libros de actas da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, e o de rexistro de entrada e saída de documentos.

b) Levantar acta das reunións dos órganos do Colexio e autenticar coa súa sinatura a do/da presidente/a ou vicepresidente/a, expedir certificacións e testemuños, e é o/a depositario/a e responsable da documentación colexial.

c) Redactar a memoria anual de acordo cos termos previstos na lexislación sobre colexios profesionais vixente.

d) Coidar a organización administrativa e laboral das oficinas do Colexio, garantir o seu funcionamento e o cumprimento das obrigacións legais ao respecto.

e) Controlar a tramitación dos expedientes dos/das colexiados/as e ter permanentemente actualizado o seu rexistro.

f) Redactar e enviar os oficios de citación para todos os actos do Colexio.

g) Dar cumprimento aos acordos adoptados pola Xunta de Goberno.

h) Ter asignada a custodia dos períodos electorais durante os cales dá fe da recepción e tramitación da documentación, é depositario dos votos recibidos por correo e vixía o cumprimento dos requisitos electorais.

Artigo 42. Do/da tesoureiro/a

Son funcións do/da tesoureiro/a:

a) Recadar, vixiar e administrar os fondos do Colexio e levar a contabilidade.

b) Efectuar os pagamentos ordenados pola Xunta de Goberno e asinar os documentos para o movemento dos fondos do Colexio, conxuntamente co/a presidente/a ou vicepresidente/a.

c) Facer o balance e conta de resultados do exercicio, liquidando o orzamento vencido e formular o orzamento de ingresos e gastos, todo isto para sometelo á aprobación da Asemblea Xeral.

d) Levar ou supervisar os libros de contabilidade que sexan necesarios.

e) Realizar o balance de situación tantas veces como o requira o/a presidente/a ou Xunta de Goberno.

f) Ter informada a Xunta de Goberno sobre o estado financeiro do Colexio.

Artigo 43. Dos/das vogais

Son funcións dos/das vogais:

a) Auxiliar os/as titulares dos outros cargos da Xunta de Goberno e substituílos/as, excepto o cargo de presidente/a, nas súas ausencias.

b) Levar a cabo as tarefas que lles confíe o/a presidente/a da Xunta de Goberno ou a propia Xunta.

c) Supervisar e coordinar as comisións de traballo e/ou aos seus responsables.

Artigo 44. Remuneración

O exercicio dos cargos do Colexio é gratuíto, aínda que poden ser reembolsados os gastos que comporta o exercicio do devandito cargo, en conceptos de viaxes, representación, compra de material para o Colexio e axudas de custo.

CAPÍTULO III
Das comisións de traballo

Artigo 45. Creación das comisións de traballo

1. Por iniciativa da Xunta de Goberno poderanse crear as comisións de traballo que se xulgue convenientes.

2. As comisións de traballo serán supervisadas por un/unha membro da Xunta de Goberno.

3. Os obxectivos e o regulamento de funcionamento serán aprobados pola Xunta de Goberno.

CAPÍTULO IV
Eleccións á Xunta de Goberno

Artigo 46. Condicións para ser elector/a e elixible

Teñen dereito a actuar como electores/as na designación dos/das membros da Xunta de Goberno e ser elixibles todos/as os/as colexiados/as no momento da convocatoria, sempre que estean ao día das súas obrigacións colexiais e que non estean afectados/as por unha sanción que comporte a suspensión de actividades colexiais en xeral ou a limitación dos seus dereitos. Os/as candidatos/as non exercentes non poderán ser candidatos/as ao cargo de presidente/a.

Artigo 47. Vías de elección

Existen dúas vías de elección:

1. Candidaturas:

a) Só poderán concorrer ás eleccións candidaturas completas nas cales estean todos/as os/as membros da xunta que se vai elixir.

b) As candidaturas deberán formarse indicando o cargo ao cal opta cada candidato/a, os cales deberán asinar a súa aceptación de formar parte dela.

c) Ninguén se poderá presentar como candidato/a a máis dun cargo ou candidatura.

2. Listas abertas:

a) Todos/as os/as socios/as son potencialmente elixibles.

b) Se alguén non desexa ocupar algún ou ningún dos cargos de representación deberao notificar por escrito á Xunta de Goberno, a través do secretario, con 15 días naturais de antelación ás eleccións.

c) A Xunta de Goberno elaborará unha lista con todos/as os/as socios/as que non renunciaron a ser elixidos/as. Neste caso, cada elector/a poderá dar o seu voto a un número máximo de socios/as igual ao de postos que se van cubrir, sinalando a responsabilidade para exercer para cada socio/a.

Artigo 48. Convocatoria

1. A convocatoria de eleccións deberá efectuala a Xunta de Goberno con polo menos corenta e cinco días de antelación á data de celebración, e fará pública ao mesmo tempo a lista de colexiados/as con dereito a voto, que estará dispoñible na Secretaría do Colexio.

2. Os/as colexiados/as que desexen formular algunha reclamación contra as listas de electores/as deberán formalizala no prazo de cinco días desde a súa exposición. Estas reclamacións deberán ser resoltas pola Xunta de Goberno dentro dos tres días seguintes ao da expiración do prazo para formulalas, e a resolución deberá ser notificada a cada reclamante dentro dos dez días seguintes.

3. As candidaturas, que deberán cubrir todos os cargos da Xunta de Goberno, deberán presentarse na Secretaría do Colexio, debidamente asinada por todos os seus membros e con expresión do seu lugar de residencia (declaración xurada ou certificado) dentro dos quince días seguintes a aquel en que se faga pública a convocatoria e unha vez transcorridos estes quince días, a Xunta de Goberno deberá facer pública a relación de candidaturas dentro dos cinco días seguintes, e a partir dese día poderá emitirse o voto por correo.

A Secretaría do Colexio confeccionará unha relación coa copia literal das candidaturas presentadas, e remitiraas aos/as colexiados/as coa papeleta de voto correspondente e os sobres e instrucións para a emisión do voto por correo.

No caso de presentación dunha única candidatura, esta deberá ser ratificada mediante votación o día que se fixou para esta, de tal maneira que consiga a maioría simple da Asemblea.

4. Se non se presenta ningunha candidatura no prazo estipulado, optarase pola vía electoral de listas abertas, e así se fará saber a todos/as os/as socios/as. Tamén se optará pola vía electoral de listas abertas no caso que a única candidatura presentada non saia aprobada. Votación de listas abertas que se efectuará na mesma asemblea, tras non conseguir a única candidatura o beneplácito desta.

5. O/a candidato/a a presidente/a por cada candidatura poderá presentar brevemente as circunstancias dos/das candidatos/as e o programa da súa candidatura, antes de proceder á votación, se algunha das candidaturas o solicita con sete días de antelación. O/a presidente/a elixido/a, independentemente da vía utilizada, poderá dirixirse brevemente á Asemblea.

Artigo 49. Mesa electoral e sistema de votación

1. Unha vez constituída validamente a Asemblea Xeral, nos locais e hora da convocatoria, constituirase unha mesa electoral que será a que dirixa a votación e as súas circunstancias. Esta mesa estará formada por tres persoas ningunha das cales formará parte dunha candidatura.

2. O/a terapeuta ocupacional presente de máis idade será presidente/a de mesa e outros/as dous elixidos/as por sorteo entre os/as presentes serán secretario/a e vogal. Cada candidatura poderá designar entre os/as colexiados/as un/unha interventor/a que a represente nas operacións electorais.

3. Os/as colexiados/as deberán votar no lugar e local designado para o efecto. Na mesa electoral atoparase a urna, que deberá ofrecer suficientes garantías. Constituída a mesa electoral, o seu presidente/a indicará o inicio da votación e o seu final, unha vez que todos/as os/as presentes votasen e introducíronse todos os votos por correo.

4. Os/as electores/as votarán utilizando exclusivamente unha papeleta por persoa. Logo da identificación fidedigna do/da elector/a entregarase a papeleta ao/a presidente/a, o/a cal a depositará na urna, en presenza do/da votante. O/a secretario/a da mesa sinalará na lista de colexiados/as os/as que vaian depositando o seu voto.

5. A continuación do voto presencial, e despois da oportuna comprobación, introduciranse dentro da urna os votos que chegasen por correo certificado cos requisitos establecidos.

6. Os/as electores/as que non voten persoalmente poderano facer por correo certificado remitindo o voto á Secretaría do Colexio. O sobre certificado debe conter unha fotocopia do DNI do/da elector/a xunto coa solicitude de voto por correo, con sinatura lexible de puño e letra, ademais dun sobre branco pechado, dentro do cal estea a papeleta de voto ou conste mecanografada a candidatura escollida, coa relación de todos os seus membros e cargos.

7. Para que sexan válidos, os votos por correo deberán reunir os requisitos mencionados e recibirse na Secretaría do Colexio, con dous días de antelación á votación.

8. O voto presencial anulará o voto por correo, prevalecendo sobre este.

Artigo 50. Escrutinio e acta de votación

1. Acabada a votación procederase ao escrutinio. Serán declaradas nulas aquelas papeletas que conteñan expresións alleas ao escrutinio contido da votación ou borranchos que imposibiliten a perfecta identificación da vontade do elector e aquelas que nomeen máis dunha candidatura ou unha candidatura incompleta.

2. Finalizado o escrutinio o/a secretario/a da mesa levantará acta do resultado da votación e das súas incidencias, que será asinada por todos/as os/as membros da mesa, e polos/as interventores/as se os houber. Resultado que o/a presidente/a da mesa fará público.

Artigo 51. Toma de posesión

Os/as membros elixidos/as da Xunta de Goberno tomarán posesión dos cargos nun prazo máximo de quince días desde a data da elección. Os nomeamentos serán comunicados ao departamento correspondente da Xunta de Galicia e ás instancias que correspondan.

TÍTULO V
Do réxime económico

Artigo 52. Capacidade xurídica

O Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia ten capacidade xurídica para a titularidade, xestión e administración de bens e dereitos, no ámbito económico e patrimonial, adecuados para o cumprimento das súas finalidades.

Así, o Colexio contará cos recursos necesarios para atender adecuadamente os fins e funcións encomendados e as solicitudes de servizo dos seus membros.

A actividade económica realizarase de acordo co procedemento orzamentario.

Artigo 53. Recursos

Os recursos do Colexio estarán constituídos por:

1. Recursos ordinarios:

a) As cotas e os dereitos de incorporación fixados pola Xunta de Goberno.

b) As cotas ordinarias periódicas que fixe a Xunta de Goberno.

c) Os dereitos e as taxas que, eventualmente, fixe a Xunta de Goberno polos servizos colexiais.

d) Os rendementos dos bens e dereitos que constitúen o patrimonio colexial.

e) Calquera outro legalmente posible de similares características.

2. Recursos extraordinarios:

a) As derramas ou achegas extraordinarias aprobadas pola Asemblea Xeral.

b) As subvencións ou doazóns de calquera tipo de procedencia pública ou privada, estatal, autonómica ou rexional.

c) En xeral, os incrementos patrimoniais lexitimamente adquiridos.

d) Os bens e dereitos de toda clase que por herdanza ou por outro título, pasen a formar parte do patrimonio do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia.

Os/as colexiados/as satisfarán ao inscribirse no Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia unha cota de incorporación uniforme, cuxo importe fixará e poderá modificar a Asemblea Xeral de acordo coa lexislación vixente.

Os/as colexiados/as están obrigados/as a satisfacer as cotas de colexiación, cuxo importe fixa a Asemblea Xeral, salvo as excepcións que establezan estes estatutos.

O Pleno da Xunta de Goberno poderá propoñer á Asemblea Xeral a redución ou bonificación das cotas a aqueles grupos de colexiados/as desempregados/as, ou que polas súas especiais circunstancias se considere oportuno. O acordo da Asemblea Xeral deberá determinar os requisitos que deberán cumprir os/as beneficiarios/as, os importes e a duración das bonificacións.

En caso de débitos ou pagamentos extraordinarios, e logo de acordo da Asemblea Xeral, poderanse establecer cotas extraordinarias que serán satisfeitas obrigatoriamente polos/as colexiados/as.

O Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia manterá as contas bancarias que considere necesarias para o mellor desenvolvemento da súa actividade, procurando, cando sexa posible, efectuar os pagamentos a través delas, ben mediante transferencias ou cheques.

As sinaturas autorizadas en cada conta bancaria serán as do/da presidente/a e do/da tesoureiro/a.

Artigo 54. Orzamento económico

A Xunta de Goberno presentará anualmente para a súa aprobación á Asemblea Xeral:

a) A liquidación do orzamento do exercicio anterior.

b) O orzamento para o exercicio seguinte. Unha vez aprobado, o orzamento só pode ser aumentado ou reducido por circunstancias excepcionais, por acordo da Asemblea Extraordinaria convocada para ese efecto.

c) O orzamento será elaborado de acordo cos principios de eficacia, equidade e economía.

No orzamento habilitarase unha partida para gastos de dificil previsión.

TÍTULO VI
Do réxime disciplinario

Artigo 55. Responsabilidade disciplinaria

O Colexio ten potestade disciplinaria para sancionar as faltas cometidas polos/as profesionais no exercicio da súa profesión ou actividade colexial.

Artigo 56. Abstención de colexiados/as e faltas

As faltas cualificaranse en leves, graves e moi graves.

1. Son faltas leves:

a) A desatención dos requirimentos colexiais e deontolóxicos.

b) A realización de actos desconsiderados cara aos/as compañeiros/as, o Colexio e os seus órganos reitores.

c) A falta de comunicación ao Colexio das modificacións nos datos persoais e profesionais da persoa colexiada no período establecido.

d) A falta de seguimento das instrucións colexiais debidamente aprobadas e xustificadas por un interese xeral.

2. Son faltas graves:

a) A reiteración da comisión de faltas leves. Considerarase falta grave a terceira sanción leve cometida dentro do prazo dun ano desde a primeira.

b) As accións de incumprimento dos estatutos e outras normas colexiais, así como tamén a vulneración dos deberes profesionais e principios deontolóxicos da profesión, sen animosidade.

c) A realización de actos profesionais manifestamente incorrectos polos cales resulte prexudicado o/a paciente.

d) Cometer actos de desconsideración deliberada contra compañeiros/as, o Colexio ou os seus xestores/as.

e) A falta de pagamento correspondente a un período que non supere o ano de colexiación.

3. Son faltas moi graves:

a) O encubrimento ou promoción da intrusión profesional en calquera das súas facetas.

b) A realización de actos profesionais que sexan motivo dun veredicto xudicial nos cales se aprecie dolo ou engano.

c) O incumprimento dos estatutos e outras normas colexiais e dos principios que inspiran a profesión de forma deliberada e dolosa.

d) A falta de pagamento de máis dun ano de colexiación. Este feito é motivo de expulsión sempre que o/a moroso/a fose debidamente requirido.

Artigo 57. Expediente

1. A imposición de calquera sanción disciplinaria exixe a formación e tramitación previa do expediente correspondente pola Xunta de Goberno, que, en todo caso, se tramitará coa preceptiva audiencia ao/a interesado/a.

O expediente sancionador axustarase ás seguintes normas:

a) O procedemento iniciarase por acordo da Xunta de Goberno, xa sexa por iniciativa propia ou como consecuencia dunha denuncia formulada por calquera colexiado/a, persoa ou entidade pública ou privada. A Xunta de Goberno cando reciba unha denuncia ou teña coñecemento dunha suposta infracción, poderá acordar a instrución de información reservada antes de decidir a incoación do expediente ou, se procede, que se arquiven as actuacións sen recurso ulterior. Todas as actuacións relativas á tramitación do expediente irán a cargo do/da instrutor/a, o cal será nomeado pola Xunta de Goberno entre os/as colexiados/as. A incoación do expediente así como o nomeamento do/da instrutor/a notificaranse ao/a colexiado/a suxeito do expediente.

b) Corresponde ao/a instrutor/a realizar todas as probas e actuacións que conduzan ao esclarecemento dos feitos e a determinar as responsabilidades susceptibles de sanción. Á vista das actuacións practicadas, formularase un prego de cargos onde se expoñerán os feitos imputados ou ben a proposta de sobresemento e arquivamento do expediente.

c) O prego de cargos notificaráselle ao/a interesado/a e concederáselle un prazo de quince días para poder formular alegacións, e achegar e propoñer todas as probas das que se intente valer.

d) O/a instrutor/a, transcorrido o prazo, formulará proposta de resolución, que se lle notificará ao/a interesado/a para que no prazo de quince días poida alegar todo o que considere na súa defensa. Durante este período notificaránselle as actuacións realizadas.

e) A proposta de resolución, con toda a actuación, elevarase á Xunta de Goberno e esta ditará a resolución apropiada.

f) As resolucións sancionadoras conterán a relación dos feitos probados, a determinación das faltas constatadas, a cualificación da súa gravidade e a sanción imposta. A relación de feitos debe ser congruente co prego de cargos formulados no expediente.

2. O prazo máximo de resolución e notificación do procedemento disciplinario será de seis meses. Unha vez transcorrido este prazo máximo, computado desde a data de incoación do acordo, sen ditar resolución e notificala, producirase a caducidade do procedemento disciplinario.

3. No caso de existir denuncia contra algún membro da Xunta de Goberno será obrigación do órgano competente, para o coñecemento e resolución do expediente, o Consello Xeral de Colexios de Terapeutas Ocupacionais de España.

4. Recursos ante expediente disciplinario. Contra a resolución do expediente disciplinario, cuxas resolucións poñen fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo.

Artigo 58. Sancións

As sancións disciplinarias que se poden impoñer dependerán de se son faltas leves, graves ou moi graves:

1. Por faltas leves: amoestación verbal, represión privada, amoestación escrita, e/ou multa por importe inferior aos 150,25 euros.

2. Por faltas graves: amoestación por escrito con advertencia de suspensión, suspensión da condición de colexiado/a e do exercicio profesional durante un prazo non superior a tres meses, suspensión para o desempeño de cargos colexiais na Xunta de Goberno por un prazo non superior a cinco anos, e/ou multa comprendida entre 150,25 euros e 1.502,53 euros.

3. Por faltas moi graves: suspensión da condición de colexiado/a e do exercicio profesional por un prazo superior a tres meses e non superior a un ano, inhabilitación permanente para o desempeño de cargos colexiais directivos, expulsión do Colexio con privación da condición de colexiado, e/ou multa comprendida entre 1.502,53 euros e 15.025,305 euros.

Artigo 59. Prescrición de faltas e sancións

1. O período de prescrición das faltas será de seis meses para as leves, dous anos para as graves e catro anos para as moi graves; a prescrición interromperase polo inicio do procedemento disciplinario. O prazo de prescrición entenderase non interrompido cando o procedemento disciplinario permaneza paralizado durante máis de seis meses, por causa non imputable ao/a colexiado/a inculpado/a.

2. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos; as impostas por faltas graves, aos dous anos; e as impostas por faltas leves, aos seis meses. O prazo de prescrición da sanción, por falta de execución desta, comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que quedase firme a resolución sancionadora.

3. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador para todos os efectos, por tanto, a anotación das sancións no expediente persoal do/da colexiado/a caducará aos seis meses, se for por falta leve; aos dous anos, se for por falta grave; e aos catro anos, se for por falta moi grave. O prazo de caducidade contarase a partir do día seguinte a aquel en que quede cumprida a sanción.

Artigo 60. Rehabilitación

O/a sancionado/a poderá pedir á Xunta de Goberno a súa rehabilitación, coas consecuentes cancelacións da nota no seu expediente. Esta petición poderase realizar no prazo de tres meses se a falta é leve, no prazo dun ano se a falta é grave, no prazo de dous anos se a falta é moi grave e se é expulsado no prazo de sete anos, desde a data do inicio do cumprimento da sanción.

TÍTULO VII
Do réxime xurídico

Artigo 61. Réxime de recursos

1. A actividade do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia como corporación de dereito público, estará sometida ao dereito administrativo, cando exerza funcións administrativas. Exceptúanse as cuestións de índole civil e penal, que quedan sometidas ao réxime xurídico correspondente, así como as relacións co seu persoal, que se rexerán pola lexislación laboral.

2. Os actos, acordos e resolucións dos órganos do Colexio poñen fin á vía administrativa e contra eles poderase recorrer potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que non sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

3. No suposto de actos e resolucións ditadas no exercicio de competencias administrativas delegadas, observaranse os termos da propia delegación en canto ao órgano competente para coñecer, se é o caso, o recurso correspondente.

4. En todo o non previsto especificamente nestes estatutos aplicarase a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e todas aquelas normas xurídicas vixentes e aplicables ao caso ou suposto concreto.

5. O Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia será auditado cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos. Todo iso sen prexuízo da función fiscalizadora que corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

Artigo 62. Execución e suspensión cautelar

Os actos, acordos e resolucións do Colexio son inmediatamente executivos, pero conforme a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o órgano que o acorde poderá, por pedimento do recorrente ou de oficio, acordar a suspensión da execución mentres non sexa firme o acto impugnado.

Artigo 63. Notificación

Notificaránselles aos/as colexiados/as as resolucións e actos, dos órganos colexiais, que afecten os seus dereitos e intereses, por calquera medio que permita ter constancia da recepción, así como a data, a identidade e o contido do acto notificado.

Artigo 64. Nulidade

Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais que incorran nalgúns dos supostos que establece o artigo 47 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 65. Reforma dos estatutos

1. A reforma dos presentes estatutos poderase realizar por instancia do 15 % do censo colexial ou por proposta da Xunta de Goberno, e será en asemblea xeral extraordinaria, convocada para o efecto, onde se aprobe esta modificación.

2. Estas asembleas xerais extraordinarias, exixirán un quórum de asistencia da metade máis un/unha dos/das colexiados/as censados/as, en primeira convocatoria e, en segunda o 30 % do censo colexial. En calquera caso, os acordos adoptaranse co voto favorable da maioría simple de votos a favor respecto dos votos en contra (máis votos positivos que negativos e abstencións) dos/das asistentes, expresado en forma secreta, directa e persoal.

Artigo 66. Validez dos acordos dos órganos do Colexio

A actuación do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia, axustarase á lexislación específica.

TÍTULO VIII
Sociedades profesionais

Artigo 67. Incorporación ao Colexio e vínculo xurídico

1. Son sociedades profesionais aquelas que cumpran os requisitos que estableza en cada momento a lexislación xeral e especial de aplicación.

2. Poderán incorporarse ao Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia aquelas sociedades profesionais que teñan por obxecto o exercicio en común da profesión de terapeuta ocupacional, exclusivamente ou xunto co exercicio doutra profesión titulada e colexiada coa cal non sexa incompatible de acordo co ordenamento xurídico, e que teñan o domicilio social e desenvolver a súa actividade principalmente dentro do ámbito territorial do Colexio.

3. A incorporación das sociedades profesionais no Colexio farase mediante a inscrición no seu Rexistro de Sociedades Profesionais.

4. A inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio é o vínculo xurídico que determina a suxeición das sociedades profesionais ao réxime xurídico estatutario e permite o cumprimento do mandato legal de control e aplicación do réxime deontolóxico e disciplinario.

5. Os/as socios/as e administradores/as das sociedades profesionais estarán obrigados/as permanentemente a identificar no Colexio cales son os/as socios/as profesionais da sociedade, e a vixencia ou non dos requisitos que legalmente determinen que a sociedade ten a calidade de sociedade profesional.

Artigo 68. Réxime de dereitos e deberes estatutarios

1. As sociedades profesionais inscritas estarán sometidas ao réxime económico colexial previsto nestes estatutos e abonarán, se é o caso, as cotas de inscrición e as cotas periódicas que legalmente se acorde polo Colexio.

2. As sociedades profesionais non teñen dereito de sufraxio activo nin pasivo.

3. En canto ao resto de dereitos e deberes, será extensible ás sociedades profesionais o réxime de dereitos e deberes que se prevé estatutariamente e regulamentariamente para os/as colexiados/as persoas físicas, a menos que non lles poida ser de aplicación natural pola súa condición de persoas xurídicas, ou ben por imperativo legal.

Artigo 69. Do réxime disciplinario e sancionador

As sociedades profesionais quedan sometidas ao réxime de responsabilidade disciplinaria e dos procedementos que se establece nestes estatutos e, en concreto, aos tipos de faltas e sancións previstos, en todo aquilo que lles sexa de aplicación.

Artigo 70. Do Rexistro de Sociedades Profesionais

1. O Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio é o instrumento colexial onde se teñen que inscribir obrigatoriamente as sociedades profesionais, e ten por obxecto:

a) Inscribir os actos e contratos relativos á vida das sociedades profesionais con relevancia para o exercicio das funcións e competencias do Colexio, nos termos previstos á normativa específica.

b) Conter a máxima información posible para que o Colexio poida exercer as súas competencias sobre as sociedades profesionais.

c) Dar publicidade dos actos inscritos, tanto mediante os portais da internet do mesmo Colexio, como nos que están legalmente previstos ou creen as administracións competentes.

Artigo 71. Regulamento do Rexistro de Sociedades Profesionais

A Xunta de Goberno aprobará un regulamento que regule a constitución, funcionamento, inscrición e publicidade do Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio, no cal se preverán os requisitos e procedemento de inscrición, e calquera outra cuestión que se coide necesaria para o adecuado cumprimento das súas funcións.

TÍTULO IX
Da extinción do Colexio

Artigo 72. Disolución do Colexio

1. A disolución de colexios profesionais farase por pedimento dos profesionais interesados e sen prexuízo do que se di no parágrafo seguinte.

2. A fusión, absorción, segregación, cambio de denominación e disolución dos colexios profesionais da mesma profesión será promovida polos propios colexios, de acordo co disposto nos respectivos estatutos, así como na normativa vixente en materia de colexios profesionais.

3. O Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia ten vontade de permanencia, e está constituído indefinidamente para o cumprimento dos seus fins.

4. A Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora e someterá á Asemblea Xeral de colexiadas/os propostas do destino dos bens sobrantes, que se adxudicarán a calquera entidade non lucrativa de ámbito galego que cumpra funcións de interese social.