Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 7 de novembro de 2017 Páx. 51415

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2017 pola que se convocan as X Xornadas nacionais de defensa da competencia: libre competencia, boa regulación e unidade de mercado en beneficio das persoas consumidoras.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Comisión Galega da Competencia (Instituto Galego do Consumo e da Competencia), as X Xornadas nacionais de defensa da competencia baixo o título Libre competencia, boa regulación e unidade de mercado en beneficio das persoas consumidoras, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

As X Xornadas nacionais de defensa da competencia, baixo o título Libre competencia, boa regulación e unidade de mercado en beneficio dos consumidores, teñen como obxectivo básico analizar, desde a perspectiva das autoridades de competencia e das persoas consumidoras, as cuestións máis actuais que suscita a aplicación da normativa española e da Unión Europea no ámbito da defensa e promoción da competencia nos mercados, a importancia de fomentar as mellores prácticas regulatorias e a incidencia da recente Sentenza do Tribunal Constitucional núm. 79/2017, do 22 de xuño, na aplicación da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.

2. Contidos.

Nestas xornadas trataranse, entre outros, os seguintes temas:

• Innovación disruptiva, macrodatos e algoritmos: desafíos para a competencia e a regulación.

• A revisión xurisdicional das resolucións das autoridades de competencia.

• Regulación versus competencia; quen se preocupa das persoas consumidoras?

• Un novo dereito para a economía colaborativa.

• A Lei de garantía de unidade de mercado tras a sentenza do Tribunal Constitucional.

• O dereito da competencia fronte aos novos monopolios dixitais.

• Plataformas dixitais: vantaxes e inconvenientes dos requisitos de neutralidade.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma, das universidades do Sistema universitario de Galicia, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: salón de graos da Facultade de Dereito. Campus Vida; avenida Dr. Ángel Echeverri, s/n, Santiago de Compostela.

Datas: 23 e 24 de novembro de 2017.

Horarios: día 23 de novembro, mañá e tarde; día 24 de novembro, horario de mañá.

Duración: 13 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 17 de novembro de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. No apartado destas xornadas da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contado desde a súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase no apartado destas xornadas da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), a listaxe definitiva de persoas admitidas nesta actividade.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contado a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final das xornadas emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas cuxa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización das xornadas, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública