Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 14 de novembro de 2017 Páx. 52289

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se declara a singularidade de graos no Sistema universitario de Galicia.

O 30 de marzo de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 1 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se fixan os criterios para a determinación de titulacións de grao singulares no Sistema universitario de Galicia.

Esta disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten por obxecto definir o concepto e fixar os criterios para a determinación do carácter singular de determinadas titulacións de grao ofertadas no Sistema galego de universidades, para os efectos do establecido no Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 161/2015, do 5 de novembro, e dáselle unha nova redacción ao seu artigo 6.

Deste xeito, a antedita norma determina, no seu artigo 3, os seguintes criterios de singularidade:

a) Ser imprescindible para a formación dos recursos humanos especializados que permitan dar cobertura ás necesidades do sistema educativo non universitario da comunidade autónoma.

b) Ter unha estrita vinculación coa especialización do campus en que se imparte e constituír unha parte esencial das liñas estratéxicas desa especialización.

c) Os estudos da lingua galega.

d) Estar directamente vinculados aos sectores considerados estratéxicos pola Xunta de Galicia (Plan estratéxico de Galicia 2015/2020).

De acordo co exposto e unha vez analizadas as solicitudes de singularidade remitidas polas universidades que atinxan titulacións de grao en que a media do número de alumnos de novo ingreso durante tres cursos consecutivos é inferior aos mínimos exixidos no artigo 6 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, ditase a seguinte

RESOLUCIÓN:

Primeiro. Declaración de singularidade

Recoñéceselles o carácter singular no Sistema universitario de Galicia, por cumprimento dalgúns dos criterios establecidos no punto terceiro da Resolución do 1 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades, aos seguintes títulos de grao:

Na Universidade da Coruña:

1. Grao en Arquitectura Técnica, por cumprimento da alínea b).

2. Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, por cumprimento das alíneas b) e d).

3. Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, por cumprimento das alíneas a) e d).

4. Grao en Tecnoloxía da Enxeñaría Civil, por cumprimento da alínea b).

Na Universidade de Santiago de Compostela:

1. Grao en Lingua e Literatura Galegas, por cumprimento da alínea c).

2. Grao en Filoloxía Clásica, por cumprimento das alíneas a) e b).

3. Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio, por cumprimento das alíneas a), b) e d).

Na Universidade de Vigo:

1. Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, por cumprimento das alíneas b) e d).

Segundo. Efectos do recoñecemento de singularidade

A declaración de singularidade supoñerá, para as titulacións recoñecidas como tales, a exención do cumprimento do exixido no artigo 6 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e, en todo caso, seralles aplicable o contido no resto de articulado e demais normativa de aplicación.

Terceiro. Responsabilidade universitaria

1. A declaración de singularidade non exime o centro responsable do título de levar a cabo as accións concretas para a mellora da calidade da titulación e a súa avaliación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

2. Para estes efectos, antes do remate do curso académico vixente, o centro responsable do título declarado singular presentará un plan de reforzo da calidade docente do título, en que se determinará a temporalidade para a súa efectiva execución.

Cuarto. Prazo de recurso

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2017

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades