Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 29 de novembro de 2017 Páx. 54494

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

O artigo 29 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde (BOE núm. 301, do 17 de decembro) dispón que a provisión de prazas do persoal estatutario se realizará polos sistemas de selección de persoal, de promoción interna e de mobilidade, así como por reingreso ao servizo activo nos supostos e mediante o procedemento que en cada servizo de saúde se establezan.

Os procedementos de mobilidade voluntaria, como así recoñece o artigo 37 do mesmo texto legal, terán carácter periódico, estarán abertos á participación do persoal estatutario fixo da mesma categoría dos restantes servizos de saúde e resolveranse mediante o sistema de concurso, logo de convocatoria pública e consonte os principios de igualdade, mérito e capacidade.

No Sistema público de saúde de Galicia nos últimos anos vense constatando a necesidade de regular unhas novas bases dos procedementos de mobilidade voluntaria que, respectando os principios reitores anteriormente indicados e conforme o artigo 115 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, favorezan en maior medida a conciliación da vida laboral e familiar dos/das profesionais, permitíndolles optar a novos destinos, dunha forma áxil, sen suxeición a prazos e mediante o emprego dos medios telemáticos, cunha maior periodicidade na adxudicación de destinos.

De conformidade cos antecedentes normativos expostos, co obxectivo de facilitar a mobilidade voluntaria dos/das profesionais, favorecer a conciliación da vida laboral e familiar e acadar un mellor desenvolvemento profesional, esta dirección ceral, en virtude das facultades conferidas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 47, do 7 de marzo) e o artigo 4 da Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 139, do 20 de xullo), logo de negociación na Mesa Sectorial de Sanidade e coa aprobación das organizacións sindicais CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., CSIF e SATSE,

RESOLVE:

Artigo único. Establecer o procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema Público de Saúde de Galicia e aprobar as súas bases, que se inclúen como anexo desta resolución.

Disposición derradeira. Como consecuencia dos cambios organizativos e de carácter técnico que supón a aplicación deste procedemento, a súa implementación efectuarase de forma gradual nas distintas categorías profesionais, mediante publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de convocatoria pola que se iniciará o prazo de inscrición e que terá vixencia indefinida.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2017

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO
Bases

Primeira. Periodicidade do concurso

1.1. O concurso de traslados aberto e permanente será obxecto dunha convocatoria única que se publicará no Diario Oficial de Galicia e que manterá a súa vixencia no tempo, cunha oferta de prazas e adxudicación de destinos que terá unha periodicidade mínima anual.

1.2. Cada ciclo anual de adxudicación iniciarase a partir do 15 de xaneiro do mesmo ano natural e finalizará coa publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución definitiva de adxudicación de destinos.

Segunda. Requisitos de participación

2.1. Persoal que poderá participar voluntariamente no concurso de traslados.

Poderá participar no concurso de traslados aberto e permanente o seguinte persoal estatutario fixo:

2.1.1. O persoal estatutario fixo da mesma categoría ou equivalente (anexo II) que estea desempeñando ou teña praza reservada nas institucións sanitarias dos servizos de saúde do Sistema nacional de saúde, sempre que tomase posesión da praza estatutaria desempeñada cun ano de antelación, como mínimo, á data límite de cumprimento de requisitos de participación de cada ciclo anual de adxudicación, nos termos que se indican na base 4.1.

2.1.2. O persoal estatutario fixo dos servizos de saúde do Sistema nacional de saúde en situación distinta á de activo e que non teña reserva de praza da mesma categoría ou equivalente, sempre que reúna os requisitos legais e regulamentarios para incorporarse ao servizo activo o último día do prazo hábil para a presentación de instancias de cada ciclo anual de adxudicación.

2.1.3. De conformidade co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, para a provisión de prazas das unidades e servizos de atención primaria, tamén poderá participar o persoal sanitario, licenciado e diplomado que nela se indica, con vínculo de fixeza nunha praza do modelo tradicional de atención primaria cos mesmos requisitos e condicións que o resto do colectivo.

O/a participante que obteña praza quedará integrado no novo modelo de atención primaria nos termos previstos na disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e normativa complementaria.

2.1.4. O persoal sanitario licenciado e diplomado que resulte adxudicatario dun destino que, consonte a oferta de prazas de cada ciclo anual de adxudicación, leve asociado o exercicio de titoría de persoal residente en formación, asumirá o compromiso da súa realización.

2.2. Persoal que deberá participar obrigatoriamente no concurso de traslados.

2.2.1. Terá a obriga de participar no concurso de traslados aberto e permanente o persoal estatutario fixo que estea en situación de reingreso provisional ao servizo activo no Servizo Galego de Saúde, que deberá solicitar necesariamente, por orde de preferencia, todas as prazas da súa categoría da área sanitaria a que pertenza a praza que desempeña con carácter provisional.

Os/as profesionais que se encontren nesta situación deberán presentar a solicitude de participación no concurso antes de que finalice o prazo de inscrición no primeiro ciclo anual de adxudicación posterior á data en que se produza a súa reincorporación ao servizo activo.

2.2.2. O/a reingresado/a provisional que non obteña praza definitiva no concurso, tendo solicitados todas as da categoría convocadas na área sanitaria de pertenza, poderá optar por obter un novo destino provisional nalgunha das prazas que resulten vacantes como consecuencia da resolución do proceso de mobilidade ou pasar á situación de excedencia voluntaria.

2.2.3. O/a reingresado/a provisional que non participe no concurso ou non obteña praza e non solicitase todas as da súa categoría, convocadas na área sanitaria de pertenza, será declarado/a de oficio en situación de excedencia voluntaria.

2.3. Capacidade funcional.

2.3.1. A persoa interesada deberá reunir a capacidade funcional necesaria para atender as funcións propias do posto a que concursa con suxeición ao réxime organizativo da prestación laboral que o posto solicitado teña asignado. A acreditación de tal requisito efectuarase mediante declaración asinada polo/a profesional no formulario de solicitude.

2.3.2. O persoal estatutario que participe no concurso de traslados e teña recoñecida unha discapacidade que requira de adaptación deberá facelo constar na instancia de participación achegando, xunto con esta, certificado de discapacidade, ditame técnico facultativo da limitación que posúa así como a/s adaptación/s que require.

2.3.3. O persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde que participe no concurso de traslados e tivese adaptado o posto ou condicións de traballo da praza de orixe por razón de protección da saúde consonte o procedemento establecido na Orde do 16 de setembro de 2008 (DOG núm. 189, do 30 de setembro) modificada por Orde do 8 de novembro de 2012, e requira manter a dita adaptación no/s destino/s solicitado/s, deberá facelo constar na instancia de participación achegando, xunto con esta, a resolución da xerencia respectiva pola cal se autorizou a dita adaptación.

2.3.4. Unha comisión técnica especializada que se constituirá para o efecto no Servizo Galego de Saúde e cuxa composición se publicará na páxina web do organismo valorará as solicitudes dos/das concursantes que teñan manifestado algunha limitación que requira de adaptación, co obxecto de acreditar a procedencia ou non da adaptación requirida e a compatibilidade co desempeño do/s posto/s solicitado/s. Instruído o procedemento e previamente á emisión da resolución que proceda, darase trámite de audiencia á persoa interesada.

A incompatibilidade da/s limitación/s e/ou adaptación/s requirida/s coas funcións propias do posto que se vai asignar suporá a perda do dereito á adxudicación de tal posto de destino.

2.3.5. Os efectos da declaración sobre a capacidade funcional estenderanse ata a toma de posesión na praza adxudicada. Calquera modificación na capacidade funcional que sobreveña durante a tramitación do concurso deberá ser comunicada á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde achegando a documentación que acredite a dita modificación.

As modificacións na capacidade funcional que requiran da realización dalgunha adaptación no/s posto/s solicitado/s valoraraas a comisión técnica prevista na base 2.3.4.

Terceira. Procedemento

3.1. Solicitude de participación no concurso.

Cada concursante deberá cubrir unha única solicitude de participación por categoría/especialidade, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos), á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no anexo IV, e que, logo de confirmada, deberá presentar por rexistro electrónico no prazo indicado na base 3.4.

Para o rexistro electrónico da solicitude requirirase DNI electrónico ou certificado dixital.

Vixencia. Unha vez presentada, a solicitude de participación manterá a súa vixencia nos sucesivos ciclos anuais de adxudicación ata que o/a profesional resulte adxudicatario/a dalgún dos destinos seleccionados, sen prexuízo da posibilidade de desistencia ou modificación nos termos que se indican nesta regulación.

3.2. Solicitude condicionada por razón de convivencia familiar.

No suposto de estaren interesados/as nos destinos que se convoquen na mesma localidade dous/dúas concursantes que sexan matrimonio ou parella de feito, poderán condicionar a súa petición por razón de convivencia familiar á circunstancia de que ambos/as obteñan destino na mesma localidade.

Os/as concursantes que se acollan a esta petición condicionada deberán facelo constar na súa solicitude e achegar, xunto con esta, copia compulsada do certificado de matrimonio ou acreditación da condición de parella de feito.

Mentres non se produza, en aplicación do baremo, a adxudicación de posto na mesma localidade aos dous/dúas concursantes, ningún deles resultará adxudicatario de destino. A súa inscrición no concurso aberto e permanente manterase activa nos sucesivos ciclos anuais de adxudicación ata a súa modificación ou renuncia.

3.3. Lugar de presentación.

As solicitudes de participación no concurso dirixiranse a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e deberán presentarse por rexistro electrónico.

3.4. Prazo de presentación.

As persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación no concurso de traslados aberto e permanente en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

En cada ciclo anual de adxudicación incluiranse as solicitudes de participación e petición de prazas que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do ano en curso.

3.5. Destinos.

3.5.1. Selección no formulario.

O formulario de participación fará visibles, para a súa selección polo/a concursante, os potenciais destinos, prazas básicas do cadro de persoal das institucións sanitarias, a que poderá optar o/a profesional en función da súa categoría/especialidade de pertenza, con independencia da súa ocupación na data de solicitude por persoal temporal ou fixo. Tales destinos identificaranse por centro, localidade e, se for o caso, quenda de traballo.

Os/as participantes poderán solicitar, por orde de preferencia, os destinos que consideren convenientes.

A solicitude de praza nun centro ou complexo hospitalario suporá a petición da totalidade das prazas que se oferten nese concreto centro ou complexo en cada ciclo anual de adxudicación, así como as que queden vacantes no dito centro como consecuencia da resolución do concurso e, por tanto, sexan susceptibles de ser adxudicadas en resultas.

A solicitude de praza nun centro de atención primaria suporá a petición da totalidade das prazas do mesmo réxime de xornada que se oferten nese centro en cada proceso de xeración, así como as que queden vacantes do mesmo réxime de xornada no centro como consecuencia da resolución do concurso e, por tanto, sexan susceptibles de seren adxudicadas en resultas.

As solicitudes de participación no concurso que non conteñan a selección de, polo menos, un destino, non terán a consideración de solicitude validamente presentada e quedarán excluidas automaticamente do ciclo de adxudicación en curso.

3.5.2. Oferta de destinos.

No primeiro trimestre de cada ano natural a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, logo do seu tratamento na Mesa Sectorial de Negociación, publicará no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde, a oferta de prazas correspondente ao ciclo de adxudicación do ano en curso, co detalle do seu número por categoría, centro, localidade e, se for o caso, quenda de traballo.

A data fin para o cómputo de prazas que se oferten en cada ciclo anual de adxudicación será o 31 de decembro do ano anterior. A oferta incluirá, ademais, as prazas de necesaria cobertura ocupadas por persoal fixo susceptibles de seren adxudicadas en resultas.

Cuarta. Acreditación de requisitos e méritos

4.1. Requisitos de participación no concurso.

4.1.1. Os requisitos para participar no concurso de traslados aberto e permanente deberán reunirse o último día do prazo de presentación de solicitudes de cada ciclo anual de adxudicación e manterse durante a tramitación do procedemento ata a toma de posesión do destino adxudicado.

4.1.2. O persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde que solicite participar no concurso de traslados non terá que rexistrar electronicamente no formulario de inscrición o cumprimento dos requisitos de participación fixados na cláusula segunda das presentes bases, que aparecerán cubertos no formulario. Así mesmo, non terá que presentar ningunha documentación acreditativa do cumprimento de tales requisitos. O sistema identificará a situación administrativa desde a que participa de forma automática.

O Servizo Galego de Saúde verificará en cada ciclo anual de adxudicación o mantemento do cumprimento dos requisitos de participación dos/das profesionais con vínculo neste organismo e poderá solicitar a documentación complementaria que considere oportuna.

4.1.3. O persoal estatutario fixo procedente doutro servizo de saúde que solicite participar no procedemento deberá rexistrar electronicamente no formulario de inscrición os requisitos de admisibilidade establecidos na cláusula segunda e acreditar o seu cumprimento mediante a presentación, xunto coa solicitude de participación, da seguinte documentación:

Para o persoal que participe desde a situación de activo:

– Copia compulsada do nomeamento como persoal estatutario fixo na categoría desde a cal concursa.

– Copia compulsada da dilixencia de toma de posesión no último destino definitivo obtido ou, de ser o caso, resolución de reingreso provisional.

– Certificación orixinal de servizos prestados expedida pola unidade de recursos humanos do centro en que actualmente preste os seus servizos con carácter definitivo, segundo se indica no anexo III da presente resolución.

Consonte se indica na base 4.2, o/a concursante deberá proceder, ademais, a rexistrar no seu expediente electrónico o período de servizos acreditado na dita certificación para que poida ser tido en conta como mérito para valorar na fase de baremación.

Para o persoal que participe desde unha situación distinta á de activo:

– Copia compulsada da resolución pola cal se declara a situación administrativa desde a cal concursa.

A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade determinará a súa exclusión do proceso de provisión.

4.1.4. É responsabilidade do/da profesional procedente doutros servizos de saúde comunicar á unidade de validación a que dirixiu a solicitude de participación no concurso calquera cambio na situación administrativa reflectida no formulario de inscrición, no momento en que esta se produza. En particular, dentro do prazo de reclamación contra a lista provisional de admitidos/excluidos deberá informar de calquera modificación que se tivese producido na súa situación administrativa.

4.1.5. Os/as concursantes que deixen de reunir os requisitos de participación no concurso serán excluídos/as do proceso.

4.2. Méritos.

Os méritos que se valorarán en cada ciclo anual de adxudicación serán os causados ata o 15 de decembro do ano anterior, inclusive, que consten debidamente rexistrados en Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada na data do 15 de xaneiro.

Non será obxecto de valoración nun ciclo de adxudicación en curso ningún mérito inserido no sistema informático e/ou acreditado polo/a concursante con posterioridade ao 15 de xaneiro do respectivo ano.

4.3. Procedemento de rexistro electrónico e acreditación de méritos.

4.3.1. Para o rexistro electrónico e acreditación dos méritos, os/as participantes no concurso deberán proceder da seguinte forma:

Os/as concursantes accederán a través de Fides ao expediente electrónico do profesional segundo se indica no anexo IV destas bases e comprobarán os datos do seu currículo baremables no dito procedemento de provisión que constan rexistrados na aplicación informática, así como o seu estado.

Se non consta ningunha información ou esta está incompleta, o/a profesional rexistrará no sistema os méritos que posúe para a súa valoración no concurso. Logo do seu rexistro electrónico, deberá imprimir a solicitude de validación, que estará dispoñible na aplicación informática na epígrafe «informe».

A solicitude de validación de méritos dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no formulario electrónico de inscrición e deberá presentarse en rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos que se indican no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.3.2. Xunto coa solicitude de validación, o/a concursante deberá achegar a documentación acreditativa dos requisitos e méritos que figuren pendentes de validación nos termos que se indican no anexo III. Só se admitirá como medio de acreditación válido o que se indica para cada un dos méritos no indicado anexo.

Habilitarase progresivamente o rexistro electrónico como medio válido de presentación polo/a concursante da documentación relacionada coa súa participación no proceso.

4.3.3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, non se admitirá, unha vez rematado o prazo de presentación de instancias e para os efectos da súa valoración no respectivo ciclo anual de adxudicación, ningunha documentación acreditativa de novos méritos, aínda que consten inseridos no expediente electrónico, agás aquela documentación que, constando documentalmente ter sido solicitada polo/a interesado/a ao organismo ou entidade competente con anterioridade á finalización do prazo de presentación de instancias do correspondente ciclo anual de adxudicación, esta non fose recepcionada polo/a interesado/a no indicado prazo, suposto en que se admitirá a súa presentación no prazo de reclamación contra a lista provisional de admitidos/excluidos.

Fóra deste suposto e prazo, non se admitirá a presentación de ningunha documentación acreditativa de novos méritos.

4.3.4. Aquelas persoas que tivesen solicitado, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente inserido no expediente electrónico e que se atope validado ou pendente de catalogar pola Administración, non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/es mérito/s, agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

É responsabilidade do/da concursante a actualización de méritos consonte a data de referencia de cada proceso de xeración mediante a presentación de novos certificados. No suposto de que non se produza tal actualización, só se terán en conta os achegados inicialmente.

4.3.5. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución tivesen solicitado mediante a presentación da documentación correspondente a validación dalgún mérito previamente introducido no expediente electrónico e que se atope pendente de validar, non terán que presentar de novo a documentación.

4.3.6. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución, introducisen no sistema informático os seus méritos, que figuran como pendentes de validar, sen que presentase ningunha documentación acreditativa deles, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión nos termos do anexo III para que poidan ser valorados no procedemento.

4.3.7. Non será necesaria a acreditación documental da experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia.

4.3.8. A Administración poderá requirir, en calquera momento, a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito, aínda que conste validado.

4.3.9. Os méritos que figuren validados en Fides/expedient-e permanecerán no dito estado, agás nos supostos en que se aprecie un erro de validación que obrigue á súa modificación.

4.3.10. Os méritos que non consten introducidos no sistema informático na data de finalización do prazo de presentación de instancias de cada ciclo de adxudicación non serán obxecto de valoración neste.

Quinta. Efectos derivados da solicitude de participación no concurso

5.1. A solicitude de participación no concurso de traslados formalmente presentada será vinculante para o/a peticionario/a. Non obstante, admitirase a súa desistencia na forma e coa data de efectos que se indican na base sexta.

5.2. A falsidade na acreditación documental de calquera requisito ou mérito, así como a participación no procedemento en fraude de lei, determinará a exclusión do/da profesional de participación no concurso, logo de resolución motivada do órgano convocante, sen prexuízo das demais responsabilidades que procedan.

Sexta. Desistencia da solicitude de participación

6.1. O/a concursante poderá desistir da solicitude de participación no concurso de traslados aberto e permanente en calquera momento, mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación da inscrición e que deberá presentar por rexistro electrónico. As renuncias á participación no concurso de traslados presentadas entre o 16 de xaneiro de cada ano e a data de publicación da resolución definitiva de adxudicación de destinos correspondente a ese ciclo anual de adxudicación producirán efectos no seguinte proceso anual de adxudicación.

6.2. En ningún caso se admitirán para a súa efectividade nun proceso de adxudicación en curso as renuncias presentadas no intervalo temporal anteriormente indicado.

6.3. Habilitarase en Fides/expedient-e un módulo específico que permitirá ao/á concursante acceder ao formulario de renuncia, que logo de completado, deberá presentar por rexistro electrónico.

Sétima. Modificación na selección de prazas

7.1. Dentro do prazo dos 15 días naturais seguintes á publicación no Diario Oficial de Galicia da oferta de prazas correspondente a cada ciclo anual de adxudicación, o/a concursante poderá modificar a través de Fides/expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de prazas efectuada. A modificación que realice deberá presentala por rexistro electrónico e non requirirá a entrega de documentación.

Só se admitirá en cada ciclo de adxudicación en curso a última modificación na selección de prazas que se presente por rexistro electrónico, dentro do prazo indicado.

Oitava. Relación de persoas admitidas e excluídas e resolución do concurso

8.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes de cada ciclo de adxudicación e se concorrer algún suposto de exclusión, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola cal se declaran con carácter provisional os/as concursantes admitidos/as e excluidos/as, con indicación do motivo da exclusión.

8.2. As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución para poderen corrixir, se for o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

8.3. A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaran, con carácter definitivo, os/as admitidos/as e excluídos/as para participar neste concurso e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e destinos provisionalmente asignados, con indicación dos lugares de exposición.

8.4. Os/as concursantes admitidos/as disporán dun prazo de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para formularen reclamación contra a dita resolución.

8.5. As citadas reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva que aprobará a autoridade convocante e que se publicará na mesma forma en que foi publicada a convocatoria do concurso. Esta publicación servirá de notificación aos/ás interesados/as.

Novena. Efectos derivados da resolución do concurso

9.1. Profesionais que resulten adxudicatarios de destino.

9.1.1. O destino adxudicado será irrenunciable agás que a renuncia estea motivada pola obtención de praza en virtude da resolución dun procedemento de mobilidade voluntaria convocado por outra Administración pública ou servizo de saúde.

9.1.2. Cesamento. Os/as concursantes que obteñan praza deberán cesar na que, de ser o caso, desempeñen dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución definitiva. A Dirección Xeral de Recursos Humanos, por necesidades do servizo debidamente acreditadas, e logo de informe dos centros afectados, poderá ampliar o prazo de cesamento ata un máximo de tres meses.

No suposto de que a persoa interesada se encontre desfrutando de permiso, licenza ou en situación de incapacidade temporal ou maternidade, o cesamento e prazos de toma de posesión quedarán diferidos ata que a persoa interesada se incorpore á súa praza de orixe.

9.1.3. Toma de posesión. A toma de posesión da nova praza deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde dentro do Servizo Galego de Saúde; no prazo de quince días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Servizo Galego de Saúde ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos. Non disporán de ningún dos prazos posesorios sinalados aqueles/as adxudicatarios/as de praza no concurso que xa viñesen ocupando praza con carácter definitivo no mesmo centro de destino ou en virtude de comisión de servizos ou reingreso provisional.

No caso de que a adxudicación de praza supoña o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución definitiva do concurso.

Se así o permiten as necesidades do servizo e por petición do/da interesado/a, o prazo de toma de posesión poderá ser prorrogado pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

O persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde que non se incorpore ao destino obtido en concurso de traslados dentro do prazo establecido ou, se for o caso, da prórroga concedida, entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular como persoal estatutario e será declarado en tal situación pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

Non obstante, se existen causas suficientemente xustificadas, así apreciadas, logo de audiencia do/da interesado/a, pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, poderá deixarse sen efecto a dita situación. En tal caso, a persoa interesada deberá incorporarse ao seu novo destino así que desaparezan as causas que no seu momento o impediron.

No suposto de persoal estatutario doutro servizo de saúde que, tendo participado no concurso de traslados convocado, non se incorpore ao destino obtido dentro do prazo establecido ou, se é o caso, da prórroga concedida, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde comunicará tal incidencia ao servizo de saúde de orixe do/da profesional para os efectos do previsto no artigo 37.5 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Procederá a prórroga do prazo de toma de posesión, ata a data do cesamento, para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde que desempeñe algún dos postos obxecto de provisión de conformidade cos capítulos VI e VII do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. Non procederá a dita prórroga nos supostos provistos por concurso de méritos a que se refire o artigo 50 do dito decreto.

Agás cando a resolución do concurso implique o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión e, de ser o caso, a prórroga deste, terá a consideración de servizo activo, e percibiranse os correspondentes haberes conforme as normas establecidas na orde vixente pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas de persoal ao servizo da Administración autonómica.

Os traslados que deriven da resolución do concurso teñen a consideración de voluntarios; en consecuencia, non xerarán dereito a indemnización.

9.1.4. Participación nos seguintes concursos de traslados da mesma categoría/especialidade. Os/as profesionais que, tendo participado no concurso de traslados aberto e permanente, resulten adxudicatarios/as dalgún dos destinos seleccionados, aínda que este non fose a súa primeira opción, deberán presentar a través de Fides/expedient-e unha nova solicitude para poder participar en próximos ciclos de adxudicación da mesma categoría/especialidade. A adxudicación dalgún dos destinos seleccionados provocará a baixa automática da solicitude de participación presentada.

9.2. Profesionais que non resulten adxudicatarios de ningún destino.

Neste suposto, a solicitude de participación no concurso de traslados coa última selección de prazas efectuada polo/a interesado/a manterase vixente para o seguinte ciclo anual de adxudicación, agás renuncia expresa do/da interesado/a.

Non obstante, desde o día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de adxudicatarios de cada ciclo anual de adxudicación e ata o 15 de xaneiro seguinte, a inscrición figurará en Fides/expedient-e en estado editable, o que permitirá ao/á interesado/a efectuar as modificacións que considere oportunas.

Décima. Normas derradeiras

De conformidade co establecido no artigo 23.2 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras de Galicia, serán gratuitas todas as compulsas e certificacións que expidan os distintos centros de gasto do Servizo Galego de Saúde ao persoal estatutario fixo que participe no concurso.

Anexo I
Baremo de méritos

A valoración de méritos efectuarase consonte o baremo aplicado no último concurso de traslados da categoría/especialidade correspondente. En particular, para as categorías de persoal licenciado sanitario, resultará de aplicación o baremo publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 105, do 5 de xuño de 2017.

No suposto de que na data do 15 de xaneiro, data límite de inscrición de cada ciclo anual de adxudicación, se tivese publicado logo de negociación coas organizacións sindicais un novo baremo para os procesos de mobilidade por concurso de traslados, a valoración de méritos dos/das profesionais participantes efectuarase consonte este último baremo.

Criterio de desempate. En caso de empate na puntuación final, resolverase a favor do/da concursante que acredite máis tempo traballado como persoal estatutario fixo nas institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde. De persistir o empate, resolverase a favor do/da concursante que acade a maior puntuación na epígrafe de experiencia, a seguir terase en conta o maior tempo traballado como persoal estatutario temporal nas institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde. Por ultimo, decidirá a maior idade.

Anexo II
Categorías equivalentes

As categorías equivalentes e de referencia son as contidas no Real decreto 184/2015, do 13 de marzo (BOE núm. 83, do 7 de abril), polo que se regulan o catálogo homoxéneo de equivalencias das categorías profesionais do persoal estatutario dos servizos de saúde e o procedemento da súa actualización.

Anexo III
Procedemento de acreditación de méritos

a) Formación académica

Acreditarase, segundo o suposto, mediante orixinal ou copia compulsada do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinada, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo aspirante e data en que foron causados. No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que o/a aspirante realizou todos os cursos de doutoramento e indicar o programa e créditos obtidos. Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase, xunto coa copia compulsada do título, tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

A acreditación da formación de máster efectuarase mediante orixinal ou copia compulsada do título ou certificación da universidade en que conste ter sido superada polo/a aspirante a formación conducente á obtención do referido título, datas de realización e o número de horas ou créditos ECT asignados á dita actividade formativa. Poderá requirirse á persoa aspirante a achega do programa formativo nos supostos en que non quede suficientemente acreditada a relación do seu contido co ámbito das ciencias da saúde.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado o mérito.

b) Formación continuada

a) Recibida: acreditarase tal mérito mediante copia compulsada do certificado de asistencia ao curso no cal deberá constar o organismo ou entidade que convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados. Xunto coa dita certificación deberá achegarse o correspondente programa formativo ou categoría/s destinataria/s.

No suposto de cursos acreditados pola comisión nacional ou autonómica de formación continuada, deberá constar o logotipo da respectiva comisión e, ademáis, o número de expediente se se trata de actividades formativas posteriores a abril de 2007.

Normas específicas para a formación en liña. Valoraranse aqueles diplomas de cursos en liña en que conste o número de créditos, o número de expediente e o logotipo da comisión de formación continuada. Non será necesario que conste o número de expediente se se trata de cursos anteriores a abril de 2007.

Serán válidos, ademais, aqueles diplomas asinados dixitalmente por Digital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referir a unha web verificable ou cotexable pola comisión de avaliación. Noutro suposto deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa, que conterá toda a información exixida nesta alínea.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro das ditas datas.

Valoraranse os módulos ou partes integrantes dun curso nos supostos en que quede debidamente acreditada a carga lectiva e horas/créditos asignados de forma diferenciada.

A comisión de avaliación reserva para si o dereito de poder exixir ao aspirante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

b) Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

c) Formación especializada

No suposto de titulacións obtidas en España, acreditarase tal mérito mediante orixinal ou copia compulsada do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou certificación emitida pola respectiva comisión de docencia ou Rexistro Nacional de Especialistas en Formación do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de ter completado o período de formación conducente á obtención do título da respectiva especialidade, que deberá indicar a data de superación.

No suposto de titulacións obtidas noutros Estados da Unión Europea, achegarase, xunto coa copia compulsada do título, tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

As titulacións obtidas no estranxeiro (non UE) deberán acreditarse coa achega da copia compulsada do título, tradución xurada deste ou equivalente e documento de homologación ou validación expedido polo Ministerio de Educación español.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

d) Docencia de formación sanitaria especializada

Acreditarase mediante certificación asinada pola comisión de docencia do centro ou, de ser o caso, comisión de docencia da unidade docente onde se tivese impartido, na cal deberán constar expresamente os períodos de desenvolvemento de tal actividade e condición en que se impartiu.

A participación como xefe/a de estudos acreditarase mediante certificación asinada polo/a director/a xerente da institución sanitaria correspondente.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

e) Experiencia profesional

A experiencia profesional acreditarase mediante certificación emitida pola dirección de recursos humanos do centro ou órgano equivalente, na cal deberá constar a seguinte información: categoría/especialidade, tipo de vínculo (fixo, temporal, atención continuada, formación, promoción profesional temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións/número de horas no suposto de vínculos de atención continuada, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

Tal certificación deberá facer constar expresamente a natureza pública da institución e a súa integración no sistema sanitario público do Estado respectivo. Noutro caso a experiencia profesional non será obxecto de valoración.

Non será necesario acreditar documentalmente a experiencia profesional nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

f) Publicación de traballos científicos e de investigación

Revistas científicas indexadas en Pubmed. Non será necesaria a súa acreditación documental. O/a aspirante consignará na aplicación informática, no espazo habilitado para o efecto, o código de identificación PMID e rexistrará manualmente toda a información solicitada na epígrafe.

Revistas científicas indexadas no CSIC (ICYT, ISOC), IBECS, Web of Science (Wos), Embase, PsycINFO. Acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivamento de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberá constar o nome da revista, o título do traballo, o seu autor e a data de publicación.

Libros/capítulos de libro editados en papel. Deberá achegarse copia compulsada das follas en que conste o título do libro, o título do capítulo, o autor, a editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, lugar e ano de publicación e índice da obra. Ademais, deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación está avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Libros editados en formato electrónico. Acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial ou organismo público con competencias de xestión e arquivamento de publicacións, na cal se fará constar a autoría do capítulo e demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

g) Coñecemento da lingua galega

A acreditación deste mérito efectuarase mediante certificación orixinal ou copia compulsada. Só se concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións homologados polo órgano competente en materia de política lingüistica.

h) Compulsa de documentos

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se acheguen deberán estar cotexadas polo responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por notario ou funcionario público acreditado para a realización de tales funcións.

Admitiranse tamén as copias electrónicas auténticas e documentos xerados electronicamente con código seguro de verificación.

i) Tradución de

documentos

Os títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español deberán acompañarse da súa tradución para o castelán ou para o galego, que deberá ser efectuada:

a) Por un tradutor xurado, debidamente autorizado ou inscrito en España.

b) Por calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) Pola representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán/cidadá o/a solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.

Respecto dos traballos científicos e de investigación redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español, non será necesario presentar copia traducida.

Anexo IV
Instrucións de acceso ao expediente electrónico FIDES

A Oficina Virtual do Profesional (FIDES) constitúe o punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e os/as profesionais con que mantén unha vinculación, así como coas persoas aspirantes e profesionais doutros servizos de saúde que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo, e configúrase como a plataforma de acceso ao expediente electrónico do/da profesional ou aspirante.

O acceso a FIDES poderase realizar desde:

– Internet (profesionais do Servizo Galego de Saúde e procedentes doutros servizos autonómicos de saúde).

– A intranet do Servizo Galego de Saúde (só dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa).

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Os/as profesionais do Servizo Galego de Saúde, así como os que procedan doutro servizo de saúde autonómico, poderán acceder desta forma a FIDES a través do enderezo http://fides.sergas.es.

É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través da internet (no enderezo www.cert.fnmt.es), ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Economía e Facenda).

Se o/a usuario/a xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do/da usuario/a mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dunha lectora de tarxetas. Non se requirirán lectoras de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipo.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (punto de acreditación electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención especializada e atención primaria do organismo.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os/as profesionais actualmente vinculados ao Servizo Galego de Saúde, así como aqueles/as profesionais procedentes doutros servizos de saúde que nalgún momento do pasado tivesen algún tipo de vinculación co citado organismo, serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico e á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo como ao resto de funcionalidades existentes na Oficina Virtual do Profesional (FIDES).

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os/as profesionais que nunca tiveron un vínculo co Servizo Galego de Saúde serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico como á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo.

A primeira vez que un/unha profesional acceda con certificado dixital a FIDES solicitaráselle que cubra un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso a FIDES desde a internet sen certificado dixital pode efectuarse a través do enderezo http://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave365, que permite aos/ás cidadáns/cidadás maiores de idade identificarse tanto en FIDES como na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.

Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave365 neste enderezo: https://sede.xunta.gal/chave365.

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía só estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa do citado organismo.

Os/as profesionais cun vínculo activo terán, mediante este sistema, acceso á totalidade de servizos e funcionalidades de FIDES, incluído o acceso á xestión do expediente electrónico e á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados.

O acceso a FIDES realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para accederen ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na sede electrónica do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura á disposición dos/das concursantes un manual de instrucións sobre o acceso e funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados en que pode atopar a información relativa aos seus méritos e as normas de validación da documentación que hai que achegar.

4. Caixa de correo electrónico.

Para efectuar as consultas e resolver as dúbidas que xurdan en relación con este procedemento, habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: concurso.traslados@sergas.es