Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 30 de novembro de 2017 Páx. 54624

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de novembro de 2017 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para os días 1 e 13 de decembro de 2017 nos centros de traballo da Administración de xustiza de Galicia.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga. O artigo 496.d) da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, establece que o exercicio do dereito de folga por parte do persoal ao servizo da Administración de xustiza axustarase ao establecido na lexislación xeral do Estado para os funcionarios públicos, aínda que estará, en todo caso, suxeito ás garantías precisas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da Administración de xustiza.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 20.1 que, en relación coa Administración de xustiza, lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia exercer todas as facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñezan ou atribúan ao Goberno do Estado.

Mediante os reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración xeral do Estado en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza. O Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúe a este departamento exercer as competencias que lle corresponden á Xunta de Galicia relativas aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de xustiza.

Pola súa banda, o artigo 3 do Decreto155/1988, do 9 de xuño, faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal preciso para a súa prestación logo de oír o comité de folga.

As organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial da Administración de Xustiza en Galicia, SPJ-USO, AXG-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CC.OO., comunicaron a convocatoria dunha folga para os días 1 e 13 de decembro de 2017 nos centros de traballo da Administración de xustiza de Galicia.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento do servizo esencial prestado pola Administración de xustiza en Galicia.

Os criterios determinantes para a fixación dos servizos mínimos establecidos na presente orde tiveron en conta a doutrina do Tribunal Constitucional e mais a xurisprudencia do Tribunal Supremo existente na materia (entre outras, as sentenzas do 10 de novembro de 2008, do 21 de decembro de 2011 e do 17 de setembro de 2007), así como os distintos pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, en particular, a Sentenza 1397/2012 ditada pola Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo con data do 19 de decembro de 2012.

Así pois, a concreción dos servizos mínimos que se deben observar durante as xornadas de folga debe efectuarse –e así se fai nesta orde– tomando en consideración a afectación que a convocatoria daquela poida representar noutros dereitos, polo que cómpre articular uns servizos mínimos que permitan compaxinar o dereito á folga dos traballadores co mantemento dos servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público.

No ámbito da Administración de xustiza débense garantir os medios para que os actos necesarios do Rexistro Civil, as actuacións que afecten ou poidan afectar a liberdade das persoas como son as causas con preso, as medidas precautorias, as actuacións sometidas a prazo perentorio ou a un prazo cuxo incumprimento poida supor unha perda de dereitos ou un prexuízo irreparable nestes, e as actuacións dos xulgados e fiscalías de garda e dos servizos de garda do Imelga se poidan realizar en calquera situación, polo que se debe considerar que, ao menos, estas actuacións son servizos esenciais para garantir o servizo público. Preténdese, pois, unha proporcionalidade entre as necesidades que é preciso cubrir e a garantía do exercicio do dereito de folga dos traballadores. Neste sentido, o establecemento do persoal mínimo para garantir os ditos servizos esenciais debe tomar en consideración as diferenzas de dotacións existentes nos órganos xudiciais, xa que estas diferenzas impiden unha uniformidade na fixación do número de funcionarios que deben constituír os mencionados servizos mínimos. Con base no anteriormente exposto, considéranse servizos esenciais:

– Actuacións do Rexistro Civil.

– Rexistro de asuntos en que venza un prazo preestablecido por lei.

– Todas aquelas actuacións en que venza un prazo establecido na lei cuxo incumprimento poida supor unha perda de dereitos ou un prexuízo nestes.

– Medidas precautorias ou provisionais.

– Servizos de garda de xulgados, fiscalías e Instituto de Medicina Legal de Galicia.

– Xuízos orais na orde penal e causas con preso.

– As actuacións relativas á violencia de xénero nos xulgados de violencia sobre a muller, sexan ou non exclusivos.

En virtude do exposto, e logo de acordados os servizos mínimos co Comité de Folga na xuntanza do 28 de novembro de 2017, no exercicio da facultade atribuída polo artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma,

DISPOÑO:

Artigo único

Establécense, no ámbito do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, os seguintes servizos mínimos durante a folga convocada polas organizacións sindicais SPJ-USO, AXG-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CC.OO. para os días 1 e 13 de decembro de 2017 en todos os centros de traballo da Administración de xustiza en Galicia:

– Nas seccións penais e mixtas das audiencias provinciais e nos xulgados do penal: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a e 1 funcionario/a de auxilio por cada dúas seccións ou xulgados.

– Nos xulgados de menores: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a.

– Nos xulgados de violencia sobre a muller: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a e 1 funcionario/a de auxilio.

– Nos xulgados de instrución de garda: o equipo de persoal que presta o servizo de

garda.

– Nos xulgados de primeira instancia e instrución de garda: o equipo de persoal que presta o servizo de garda.

– Nas oficinas de fiscalías: 1 funcionario/a por cada oficina e os/as funcionarios/as que presten o servizo de garda.

– Nas subdireccións territoriais do Instituto de Medicina Legal: o equipo de persoal que presta o servizo de garda.

– Nos rexistros civís principais e delegados: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a.

– Nas oficinas de rexistro e repartición e nos decanatos dos xulgados que realizan as ditas funcións nas cidades: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza