Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 30 de novembro de 2017 Páx. 54721

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción e se recoñece, en concreto, a utilidade pública para a infraestrutura eléctrica denominada E/S da LAT 132 kV Doiras-Mondoñedo na subestación de Barreiros, nos concellos de Barreiros e Lourenzá (expediente IN407A 2016/005).

Logo de examinar o expediente instruído por petición da empresa Viesgo Distribución Eléctrica S.L., con domicilio para os efectos de notificación na rúa Isabel Torres, 25, 39011 Santander, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 19 de agosto de 2016, a empresa Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. solicitou a autorización administrativa, de construción e a declaración de utilidade pública da E/S da LAT 132 kV Doiras-Mondoñedo na subestación de Barreiros, presentando o preceptivo proxecto de instalacións e achegando a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Liña eléctrica aérea de alta tensión de 132 kV, cunha lonxitude de 1.040 m en condutor LA-280, dobre circuíto con configuración simplex e cable de conmutación OPGW 48 F sobre apoios metálicos, con orixe na futura subestación de Barreiros, e final no apoio P6 proxectado entre os apoios P180 (a desmontar) e P179 da LAT 132 kV Doiras-Mondoñedo.

Finalidade da instalación: dar conexión á nova subestación de Barreiros coa rede de distribución desde a liña LAT 132 kV Doiras-Mondoñedo.

Esta solicitude acompáñase do correspondente proxecto de execución titulado E/S da LAT 132 kV Doiras-Mondoñedo na subestación de Barreiros, asinado polo enxeñeiro industrial Enrique Fernández Olea (colexiado nº 574 do ICOIIG) e visado co nº 20161140 e data 9.5.2016; e no que figura un orzamento de 275.775,76 €.

Neste proxecto inclúese a declaración responsable, asinada polo proxectista con data do 9.5.2016, no que se fai constar que o proxecto cumpre con toda a normativa que lle é de aplicación, de conformidade co exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e da Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo coa citada lei.

Segundo. O 3 de maio de 2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático ditou unha resolución pola que se formula o informe de impacto ambiental da liña eléctrica de referencia, xunto con outras infraestruturas.

Terceiro. O 23 de xuño de 2017, a Xefatura Territorial de Lugo emitiu un informe relativo ás posibles afeccións de dereitos mineiros polo trazado da liña eléctrica prevista no proxecto E/S da LAT 132 kV Doiras-Mondoñedo na subestación de Barreiros, na provincia de Lugo, onde se indica que non existen dereitos mineiros afectados.

Cuarto. O 18 de agosto de 2017, a Xefatura Territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública por petición de autorización administrativa previa e de construción e utilidade pública da instalación eléctrica denominada E/S da LAT 132 kV Doiras-Mondoñedo na subestación de Barreiros que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 29.8.2017, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 30.8.2017, no diario El Progreso do 24.8.2017, e tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Barreiros e Lourenzá).

Quinto. Durante o período no que o proxecto da dita instalación eléctrica se someteu ao trámite de información pública, presentáronse os seguintes escritos de alegacións (dos que se lle deu traslado á empresa promotora, quen presentou a súa contestación):

Alegacións

Resumo

1

Armando Penedo Rivas, como titular da parcela 27, presentou escrito de alegacións nos que fai constar o seguinte: a parcela ten unha superficie de 2.845 m2 e que no catastro está rexistrada con 559 m2 polo que a superficie de afección é superior á indicada no RBDA.

2

José Díaz Gil, como titular da parcela 14, presentou escrito de alegacións nos que fai constar o seguinte: que as afeccións da liña proxectada deixan unha superficie que entende como non rendible para continuar co cultivo forestal actual (eucalipto) e, en consecuencia, solicita que se lle expropie a totalidade da superficie da parcela.

Sexto. Simultaneamente ao trámite de información pública, a Xefatura Territorial de Lugo trasladou as separatas técnicas do dito proxecto de execución, para os efectos de obter o seu informe, ás seguintes entidades titulares de bens e dereitos afectados pola dita instalación eléctrica: Red Eléctrica de España, S.A., Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Barreiros, Concello de Lourenzá, Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.

As entidades que contestaron, presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade ou fixando os seus condicionamentos técnicos, dos que se dan traslado á empresa promotora da instalación eléctrica proxectada, quen presentou a súa conformidade.

En canto as entidades que non contestaron (Concello de Barreiros e Concello de Lourenzá), sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación eléctrica proxectada, de acordo co disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Sétimo. O 8 de agosto de 2017, a Xefatura Territorial de Lugo emitiu un informe técnico favorable sobre o citado proxecto, ademais do informe de que non se aprecian limitacións para a imposición de servidume de paso.

Oitavo. O 24 de outubro de 2017, a Xefatura Territorial de Lugo trasladou a esta dirección xeral copia do expediente de referencia, informe técnico favorable e unha copia do proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19.2.2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora da liña e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• Dentro das alegacións identificadas co nº 1, con respecto a posibles erros na superficie da parcela afectada pola instalación do proxecto, será durante o levantamento de actas, acto ao que o titular da parcela será oportunamente convocado, o momento no que pode establecer a superficie afectada e demostrar a titularidade desta, achegando a documentación acreditativa necesaria.

• Dentro das alegacións identificadas co nº 2, e con respecto á pretensión de expropiación adicional da parte da parcela que queda sen afección, cunha superficie de 1.297 m2, indicar que non se considera, xa que segundo o artigo 152 do Real decreto 1955/2000, o solicitante non xustifica as causas concretas determinantes dos prexuízos económicos como consecuencia da alteración das condicións fundamentais de explotación da parcela.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar a Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción para o proxecto E/S da LAT 132 kV Doiras-Mondoñedo na subestación de Barreiros, no concello de Barreiros, nos termos municipais de Barreiros e Lourenzá.

2. Recoñecer, en concreto, a utilidade pública da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, empresa Viesgo Distribución Eléctrica, S.L., denominado E/S da LAT 132 kV Doiras-Mondoñedo na subestación de Barreiros, asinado polo enxeñeiro industrial Enrique Fernández Olea (colexiado nº 574 do ICOIIG) e visado co nº 20161140 e data 9.5.2016; e no que figura un orzamento de 275.775,76 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que, en todo momento, se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro; o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio; así como demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial de Lugo poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contado a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito sexto da presente resolución), a empresa Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, por facilitar datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria prevista.

Oitava. Esta resolución emítese sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia do Concello, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións obxecto desta.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas