Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 13 de decembro de 2017 Páx. 56254

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2017, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural de Morgade, concello de Padrenda.

O Concello de Padrenda remite novamente o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación co punto segundo da disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de Padrenda, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

I.1. O Concello de Padrenda non conta con ningunha figura de planeamento xeral, polo que son de aplicación as normas complementarias e subsidiarias da provincia de Ourense, aprobadas definitivamente o 3.4.1991.

I.2. A tramitación da delimitación de solo de núcleo rural foi a seguinte:

• Constan informes municipais: xurídico, do 12.7.2014; e técnico, do 24.7.2015.

• O Concello someteu a información pública a delimitación durante un mes mediante anuncios nos diarios La Voz de Galicia, do 29.7.2015 e Faro de Vigo, do 31.7.2015, e no DOG, do 17.8.2015. Non se presentaron alegacións.

• Consta informe favorable, con condicións, do 6.7.2015, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

• Consta informe, do 30.11.2015, da Deputación Provincial de Ourense, canto á non afectación a estradas provinciais.

• O Pleno do Concello, en sesión do 29.1.2016, aprobou provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural de Morgade.

• Con datas do 13.5.2016 e 6.2.2017 a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditou requirimentos ao Concello de Padrenda, sinalando unha serie de deficiencias.

• Constan novos informes do técnico municipal, do 7.6.2016 e 23.2.2017.

• O Pleno do Concello, en sesións do 7.10.2016 e do 31.3.2017 aprobou de novo provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural de Morgade.

II. Análise e consideracións:

II.1. O ámbito de actuación comprende unha zona de 79.950 m2, situada arredor do núcleo de Morgade. Desta superficie, 52.183 m2 corresponden a solo que se cualifica como solo de núcleo rural histórico-tradicional; e o resto, 27.767 m2, a solo de núcleo rural común. Daquela, resulta un núcleo rural complexo, conforme o establecido no punto 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

II.2. No novo documento corrixido excluíronse da delimitación do núcleo rural parcelas vacantes situadas ao norte e oeste do barrio de Pereira; e ao sur do núcleo principal de Morgade.

II.3. Nas condicións de edificación do solo de núcleo rural común e da tipoloxía de edificación exenta no solo de núcleo rural histórico-tradicional incorporouse a edificabilidade máxima permitida. Porén, suprimiuse a condición de parcela mínima edificable en solo de núcleo rural común, que conforme os datos da verificación do grao de consolidación é de 500 m2, debendo constar esta condición de edificación.

De conformidade co artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural, correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución:

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural de Morgade (Gome-sende), do Concello de Padrenda, con suxeición ao cumprimento ao sinalado no punto II.3 do informe.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2017

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file