Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 13 de decembro de 2017 Páx. 56258

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2017, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural de Santo Antonio de Monte Redondo, concello de Padrenda.

O Concello de Padrenda remite novamente o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación co apartado segundo da disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de Padrenda, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Padrenda non conta con ningunha figura de planeamento xeral, polo que son de aplicación as normas complementarias e subsidiarias da provincia de Ourense, aprobadas definitivamente o 3.4.1991.

I.2. A tramitación da delimitación de solo de núcleo rural foi a seguinte:

– Consta informe xurídico municipal, do 9.7.2015.

– Consta informe favorable, do 19.10.2015, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Consta informe técnico municipal, do 3.12.2015.

– O Pleno do Concello someteu a información pública a delimitación durante un mes mediante anuncios nos diarios La Voz de Galicia, do 28.1.2016 e Faro de Vigo, do 29.1.2016, e no DOG do 17.2.2016. Non se presentaron alegacións.

– O Pleno do Concello, en sesión do 7.10.2016, aprobou provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural de Santo Antonio de Monte Redondo.

– O 6.2.2017, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditou requirimento ao Concello de Padrenda sinalando unha serie de deficiencias.

– Consta novo informe técnico municipal, do 28.2.2017.

– O Pleno do Concello, en sesión do 31.3.2017, aprobou de novo provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural de Santo Antonio de Monte Redondo.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito de actuación comprende unha zona de 31.022 m2, situada arredor do núcleo de Santo Antonio de Monte Redondo, que se cualifica como solo de núcleo rural común, regulándose urbanisticamente, posibilitando o seu futuro desenvolvemento.

II.2. O 19.3.2016 entrou en vigor a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG). En virtude do establecido no punto 2 da disposición transitoria segunda da LSG, o documento corrixido da delimitación de solo de núcleo rural común de Santo Antonio adaptou as súas determinacións á Lei 2/2016, continuando a súa tramitación a teor da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

II.3. No documento corrixido excluíronse da delimitación do núcleo rural parcelas vacantes situadas ao oeste da igrexa e ao sur e ao norte do núcleo; e corrixiuse o título do plano nº 2 plano parcelario.

De conformidade co artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural, correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural común de Santo Antonio de Monte Redondo, do concello de Padrenda.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de planeamento urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de planeamento urbanístico.

4. Notifíquese ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2017

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file