Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 15 de decembro de 2017 Páx. 56797

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Social)

EDICTO (RSU 2601/2017-PM).

Procedemento de orixe: seguridade social 620/2016

Sobre: accidente

Recorrente: Instituto Nacional da Seguridad Social

Avogado: letrado da Seguridade Social

Recorridos: Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Fremap, Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais número 61, Arturo Valiño López, Micar Estrada de Construcciones, S.L.

Avogados: Daniel Adan Borras Díaz de Rabago, César Antonio Vázquez Camiña

Manuel Domínguez López

Presidente

María Antonia Rey Eibe

Isabel Olmos Parés

A Coruña, 15 de novembro de 2017.

Tras ver e deliberar as presentes actuacións, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sala do Social, de acordo co prevido no artigo 117.1 da Constitución española,

En nome do rei e pola autoridade que lle confire o pobo español, ditou a seguinte

Sentenza.

No recurso de suplicación 2601/2017, formalizado polo Instituto Nacional da Seguridade Social contra a sentenza ditada polo Xulgado do Social número 1 de Vigo no procedemento de seguridade social 620/2016, seguido por instancia de Fremap, Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais número 61 fronte ao Instituto Nacional da Seguridade Social, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Arturo Valiño López, Micar Estrada de Construcciones, S.L., sendo maxistrada relatora Isabel Olmos Pares,

Das actuacións dedúcense os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Fremap, Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais número 61, presentou demanda contra o Instituto Nacional da Seguridade Social, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, que correspondeu por quenda para o seu coñecemento e axuizamento ao sinalado xulgado do social, o cal ditou a sentenza de data catorce de febreiro de dous mil dezasete.

Segundo. Que na citada sentenza se declaran como feitos probados os seguintes:

1º. O traballador Arturo Valiño López, nacido o día 20 de xaneiro de 1967 e afiliado á Seguridade Social co número 56/629180/12, prestou servizos para a empresa Micar Estrada de Construcciones, S.L., asegurada con Fremap, desde o día 4 de febreiro de 2014.

2º. O día 12 de maio de 2015 o citado traballador tivo un accidente laboral por cuxas secuelas o Instituto Nacional da Seguridade Social resolveu o 21 de marzo de 2016 declaralo en situación de incapacidade permanente total para a súa profesión habitual derivada de accidente laboral con dereito a pensión vitalicia mensual do 55 % dunha base reguladora mensual de 1.366,61 euros, e declarou a responsabilidade de Fremap ao 100 %. A invalidez foi proposta pola mutua, que pedía na proposta a responsabilidade empresarial.

3º. Tras notificar a anterior resolución á mutua o día 30 de marzo, presentou o 12 de maio reclamación previa en que solicitaba a responsabilidade directa da empresa, reclamación que lle foi desestimada mediante a resolución de data 1 de agosto por ser presentala transcorridos máis de 30 días desde a notificación da resolución inicial.

4º. Na data do accidente que motiva esta litis a empresa debía á Seguridade Social as cotas dos 24 meses precedentes.

Terceiro. Que a parte dispositiva da indicada resolución é do teor literal seguinte:

Decisión.

Que estimando a demanda interposta pola mutua Fremap fronte ao Instituto Nacional da Seguridade Social, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a empresa Micar Estrada Construcciones, S.L. e o traballador Arturo Valido López, debo declarar e declaro a responsabilidade directa da dita empresa respecto da pensión de incapacidade permanente total para a súa profesión habitual derivada de accidente laboral recoñecida ao referido traballador, sen prexuízo da responsabilidade subsidiaria do Instituto Nacional da Seguridade Social para o caso de insolvencia da dita empresa, en cuxo sentido condeno a empresa e o Instituto Nacional da Seguridade Social.

Cuarto. Contra a dita sentenza interpuxo recurso de suplicación a parte demandada, e foi impugnado de contrario. Tras elevar os autos a este tribunal, dispúxose o paso destes ao relator.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A sentenza de instancia estimou a demanda interposta pola mutua Fremap contra a empresa Micar Estrada Construcciones, S.L. e declarou a responsabilidade directa da empresa no aboamento do capital custo ingresado pola mutua pola pensión de IPT derivada de accidente de traballo recoñecida ao demandante, así como de cuxo pagamento responden subsidiariamente, para o caso de insolvencia da empresa, o INSS e a TXSS. Contra o dito pronunciamento recorreu a letrada da Administración da Seguridade Social en nome e representación do INSS e da TXSS sobre a base de dous motivos de recurso con amparo no artigo 193.c) da LRXS.

Segundo. O INSS alega a infracción do artigo 71 da LRXS no seu primeiro motivo de recurso. O artigo 71.2 da LRXS dispón que a reclamación previa se deberá interpor ante o órgano competente que ditase resolución sobre a solicitude inicial do interesado, no prazo de trinta días desde a notificación desta, se é expresa, ou desde a data en que, conforme a normativa reguladora do procedemento de que se trate, deba entenderse producido o silencio administrativo.

A STS do 16 de decembro de 2015 (RCUD número 441/2015) sinala con respecto a esta controvertida cuestión, remitíndose á sentenza máis recente desa sala do 15 de outubro 2015 (RCUD 3852/2014), que «Como se estableceu nas SSTS/IV 15 de xuño de 2015 (RCUD 2766/2014, Pleno) e 15 de xuño de 2015 (RCUD 2648/2014, Pleno), cuxa doutrina, seguida, entre outras, pola SSTS/IV 14 de setembro de 2015 (RCUD 3775/2014), 15 de setembro de 2015 (RCUD 3477/2014), 15 de setembro de 2015 (RCUD 86/2015), asumimos e compartimos». Debemos partir da base de que, conforme a moi pacífica –ata a data– doutrina da sala, o defectuoso esgotamento da vía administrativa previa en materia de prestacións de Seguridade Social, por inobservancia do prazo de trinta días que establece o artigo 71.2., 71.2 LRJS (antes, o artigo 71.2 LPL), non afecta o dereito material controvertido e non supón ningunha prescrición, senón que unicamente comporta a caducidade na instancia e a correlativa perda do trámite, polo que tal defecto non resulta obstáculo para o novo exercicio da acción, sempre que non estivese xa afectada polo instituto das referidas prescrición ou caducidade. Así o vén entendendo unanimemente a doutrina xurisprudencial desde a STS do 7 de outubro de 1974..., ditada en interese de lei, e na cal se entendeu que a indicada caducidade limita os seus efectos a pechar un procedemento individualmente considerado e non afecta as accións para reivindicar os dereitos de seguridade social obxecto do expediente «caducado», que se poden promover de novo en calquera momento sempre que a acción non decaese polo transcurso do tempo, posto que resulta inadmisible que o incumprimento dun prazo preprocesual poida comportar a perda de acción para facer valer un dereito substantivo cuxa prescrición se determina por anos (así, entre outras moitas anteriores, 19.10.1996 –RCUD 3893/1995–; 21.5.1997 –RCUD 3614/1996–; 3.3.1999 –RCUD 1130/1998–; 25.9.2003 –RCUD 1445/2002–; e 15.10.2003 –RCUD 2919/2002–).

E esta doutrina –como con acerto destaca o Ministerio Fiscal no seu ben argumentado informe– positivizouse no artigo 71.4 da vixente LRXS, a cuxo teor «... poderá reiterarse a reclamación previa de ter caducado a anterior, mentres non prescribise o dereito...».

... Agora ben, no que xa non coincidimos co citado organismo público é na súa afirmación de que a claridade do precepto referido e o principio de legalidade impiden «acoller, por irrazoable, a desigualitaria interpretación ofrecida pola sentenza referencial», posto que nin o precepto nin a xurisprudencia tradicionais en ningún momento limitan «a posibilidade de reiniciar a reclamación previa aos beneficiarios das prestacións nin impide utilizar esta ás entidades colaboradoras». E a nosa discrepancia susténtase nas seguintes consideracións:

a) En primeiro lugar, non se debe perder de vista que a previsión do referido artigo 71.4 da LRXS significa unha excepción ao réxime común administrativo, no cal, en prol do principio de seguridade xurídica, do interese xeral en xogo e da «executividade» propia do acto administrativo (arts. 56 e 57 da LRJAP/PAC), se dispón a inatacabilidade do acto que gaña firmeza por ter sido consentido (ao non se recorrer contra el en tempo e forma) ou por ser reprodución doutro consentido (art. 28 da LXCA). E se se exceptúa de tal consecuencia a «materia de prestacións de seguridade social», hoxe no artigo 71 da LRXS e antano na nosa máis temperá xurisprudencia (desde a citada resolución en interese de lei), moi posiblemente iso sexa atribuíble ao presumible desvalemento xurídico dos beneficiarios e á consideración de que certos mecanismos protectores -fronte ao seu descoñecemento legal- non soamente non están privados de xustificación, senón que mesmo responden máis axeitadamente ao principio de irrenunciabilidade dos dereitos a que en ocasións alude o Tribunal Constitucional (así, SSTC 120/1984, do 10 de decembro; 14/1985, do 1 de febreiro; e 97/1987, do 10 de xuño) e que en todo caso foi consagrado pola nosa máis antiga doutrina (vid., por exemplo, as SSTS 7.5.1953 Ar. 1217; 14.2.1961 Ar. 1596; 4.4.1961 Ar. 1419...).

b) Doutra parte, unha coidada lectura do referido artigo 71 da LRXS indúcenos a pensar que a excepción vai exclusivamente referida ao «recoñecemento» das prestacións, que era precisamente ao que se limitaba a xurisprudencia que o precepto positivizou, e que esta –a excepción– ten por destinatario implícito o «beneficiario», non as entidades colaboradoras, as que incluso se recollen –punto 3– como suxeitos pasivos da reclamación previa. Así, as expresións utilizadas pola norma («materia de prestacións»; «alta médica»; «solicitude inicial do interesado»; «recoñecemento inicial»; «modificación dun acto ou dereito»; e –sobre todo– «mentres non prescribise o dereito»), resultan de todo alleas á reclamación efectuada pola mutua patronal fronte ao INSS, case tres anos despois de ditada a resolución, pretendendo que se deixe sen efecto non os termos da «prestación», senón a imputación da súa responsabilidade, e que co seu consentimento adquirira firmeza, pero que se pretende impugnar agora tras novo criterio xurisprudencial na materia.

c) Finalmente, tampouco cabe argumentar a literalidade de DA sexta da LRXAP/PAC («A impugnación dos actos da seguridade social e desemprego nos termos previstos no artigo 2º... da Lei de procedemento laboral... rexeranse polo disposto na dita lei»), para estender un comprensible privilexio procesual dos beneficiarios a quen non goza de tal calidade. Dun lado, porque a referida DA nada engade á cuestión, posto que non comporta interpretación ningunha do artigo 71 da LRXS, que é do que aquí se trata; e doutra parte, case parece ocioso recordar –fronte ao argumento do fiscal, sobre a «desigualitaria interpretación»– que en materia de igualdade son criterios básicos: 1) non toda desigualdade de trato na lei supón unha infracción do artigo 14 da Constitución, senón que a dita infracción a produce só aquela desigualdade que introduce unha diferenza entre situacións que se poden considerar iguais e que carece dunha xustificación obxectiva e razoable; 2) o principio de igualdade exixe que a iguais supostos de feito se apliquen iguais consecuencias xurídicas; 3) o principio de igualdade non prohibe ao lexislador calquera desigualdade de trato, senón só aquelas desigualdades que resulten artificiosas, ou inxustificadas por non viren fundadas en criterios obxectivos e suficientemente razoables de acordo con criterios ou xuízos de valor xeralmente aceptados; e 4) por último, para que a diferenciación resulte constitucionalmente lícita non abonda con que o sexa o fin que con ela se persegue, senón que é indispensable ademais que as consecuencias xurídicas que resultan de tal distinción sexan adecuadas e proporcionadas ao devandito fin, evitando resultados especialmente gravosos ou desmedidos (entre as máis recentes, SSSTC 63/2011, do 16 de maio, FX 3; 117/2011, do 4 de xullo, FX 4; 79/2011, do 6 de xuño, FX 3; –Pleno– 41/2013, do 14 de febreiro, FX 6; –Pleno– 61/2013)».

É por iso que a sentenza obxecto de recurso infrinxe o citado artigo 71, ao non ter declarado a caducidade da reclamación da mutua, pois desde o 30 de marzo de 2016 ao 12 de maio de 2016 transcorren máis de trinta días conforme o cómputo que establece o artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, isto é, «os prazos expresados en días contaranse a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación ou publicación do acto de que se trate, ou desde o seguinte a aquel en que se produza a estimación ou a desestimación por silencio administrativo», e «Sempre que por lei ou no dereito da Unión Europea non se exprese outro cómputo, cando os prazos se sinalen por días, enténdese que estes son hábiles, excluíndose do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos», de modo que sen necesidade de resolver o seguinte motivo do recurso relativo ao fondo da cuestión procede revogar a sentenza de instancia.

En consecuencia,

Decidimos.

Que debemos estimar e estimamos o recurso interposto pola letrada da Administración da Seguridade Social, en nome e representación do INSS e da TXSS contra a sentenza de data 14 de febreiro de 2017 ditada polo Xulgado do Social número 1 de Vigo en proceso promovido pola demandante mutua Fremap contra a empresa Micar Estrada Construcciones, S.L. e outros e, en consecuencia, debemos revogar e revogamos a sentenza impugnada, desestimando a demanda de autos e absolvendo todos os demandados das pretensións na súa contra deducidas.

Notifíqueselles esta resolución ás partes e á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Modo de impugnación: fáiselles saber ás partes que contra esta sentenza cabe interpor recurso de casación para unificación de doutrina, que se deberá preparar mediante escrito presentado ante esta sala dentro do improrrogable prazo de dez días hábiles inmediatos seguintes á data de notificación da sentenza. Se o recorrente non tivese a condición de traballador ou beneficiario do réxime público da Seguridade Social deberá efectuar:

– O depósito de 600 € na conta de 16 díxitos desta sala, aberta no Banco de Santander (Banesto) co número 1552 0000 35, seguida de catro díxitos correspondentes ao número do recurso e dous díxitos do ano deste.

– Así mesmo, se hai cantidade de condena deberaa consignar na mesma conta, pero co código 80 en vez do 35 ou ben presentar aval bancario solidario en forma.

– Se o ingreso se fai mediante transferencia bancaria desde unha conta aberta en calquera entidade bancaria distinta, haberá que emitila á conta de vinte díxitos 0049 3569 92 0005001274 e facer constar no campo «Observacións ou concepto da transferencia» os 16 díxitos que corresponden ao procedemento (1552 0000 80 ou 35 **** ++).

Unha vez firme, expídase certificación para constancia na peza que se arquivará neste tribunal, e incorpórese o orixinal ao correspondente libro de sentenzas, logo de devolución dos autos ao xulgado do social de procedencia.

Así, por esta a nosa sentenza, o pronunciamos, mandamos e asinamos.

Publicación. A maxistrada relatora que a subscribe leu e publicou a anterior sentenza no día da súa data na Sala de Audiencia deste tribunal. Dou fe.