Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 19 de decembro de 2017 Páx. 57530

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 0,4 bar para subministración á Fonsagrada (Lugo), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2017/9-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionaria: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 1.12.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Fonsagrada, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2014/27-0); que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 11.1.2017 e no Boletín Oficial da provincia do 28.12.2016.

Neste proxecto de autorización administrativa prevese a subministración de gas natural desde un módulo de regasificación de GNL (gas natural licuado), cun depósito de almacenamento de 60 m3, que se situará na parcela de referencia catastral 27018A17900166.

O 28.4.2017 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou ante esta dirección xeral, para os efectos da súa aprobación, o proxecto de execución titulado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 0,4 bar para subministración á Fonsagrada (Lugo).

Neste proxecto de execución prevese a instalación da planta de GNL nunha parcela diferente á prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa.

Obxecto da petición:

O proxecto de execución denominado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 0,4 bar para subministración á Fonsagrada (Lugo), que se tramitará baixo o nº de expediente IN627A 2017/9-0, someterase non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución senón tamén ao procedemento de autorización administrativa.

Descrición das instalacións:

A rede de distribución ten o seu inicio na válvula de saída da planta de GNL, que se instalará na parcela de referencia catastral 27018A1981002090000PQ e situada ao norte do núcleo urbano (polígono 181, parcela 209, lugar de Barreiras, A Fonsagrada), desde onde discorrerá enterrada pola zona de calzada ou beirarrúa ata o camiño do Xestoso. Desde este punto, a rede discorre cara ao sur, ata a rúa Burón, continuando por esta rúa ata o cruzamento coa rúa Rois da Peña, onde a rede se divide en varios ramais distribuíndose polas distintas rúas do núcleo urbano. A súa lonxitude será de 3.439 m, realizarase en tubaxe de polietileno PE-100 e SDR 17,6/SDR 17 en diversos diámetros (160, 110, 90 3 63 mm) e dimensionarase para unha presión relativa de cálculo de 0,4 bar.

A planta de GNL estará composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización; e módulos auxiliares. Terá unha capacidade de almacenamento de GNL de 10 m3 (1 depósito horizontal), unha capacidade de regasificación de 183 m3(n)/h e unha presión de subministración de gas natural de 0,4 bar.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal da Fonsagrada, na provincia de Lugo.

Orzamento: douscentos oitenta e catro mil trescentos oitenta e cinco euros con cincuenta e dous céntimos (284.385,52 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación desta resolución, e examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4ª andar, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas