Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 19 de decembro de 2017 Páx. 57472

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 4 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 375050.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións referidas nas modalidades A e B todas as persoas físicas residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da Unión Europea ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen o proxecto para o que solicitan a subvención de xeito profesional.

2. Poderán optar ás subvencións referidas na modalidade C os directores residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da Unión Europea ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras con antigüidade ininterrompida de, polo menos, un ano inmediatamente anterior a esta convocatoria, establecidas cando menos durante un ano previo inmediatamente anterior a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da Unión Europea ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

Segundo. Finalidade

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para fomentar a creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais ou a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2018.

Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:

Modalidade A: subvencións á escrita individual de guión en galego. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias para longametraxes cinematográficas. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros.

Modalidade B: subvencións para a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 30 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros.

Modalidade C: subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos e que conten cun realizador que non dirixise ou codirixise máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica. As subvencións terán unha contía de 30.000 euros.

Cada proxecto deberá estar inscrito nunha soa modalidade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 4 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 145.000 euros, correspondente ás seguintes aplicacións dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais: 55.000 euros da aplicación orzamentaria 2018 10.A1.432B.480.0 e 90.000 euros da aplicación orzamentaria 2018 10.A1.432B.770.0, distribuídos en dúas anualidades: 21.000 euros da anualidade 2018 e 69.000 euros da anualidade 2019.

O crédito distribuirase do seguinte xeito entre as distintas modalidades: 5 proxectos da modalidade A (25.000 euros), 5 proxectos para da modalidade B (30.000 euros) e 3 proxectos da modalidade C (90.000 euros).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais