Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 20 de decembro de 2017 Páx. 57586

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de novembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se convoca para o ano 2018.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e, no artigo 32, que lle corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asume as competencias que a facultan para a dirección e coordinación das atribucións da consellería en materia de promoción do libro e da lectura, así como nas materias de bibliotecas e arquivos. Así mesmo, compételle a xestión administrativa e a organización de axudas e instrumentos de colaboración coas corporacións locais en materia de bibliotecas.

En execución das competencias citadas ditouse a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia, que establece, no seu artigo 20.3, a obriga da Xunta de Galicia de contribuír ao fomento do libro galego con medidas que potencien a produción editorial e a súa disposición.

Neste sentido, a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no seu artigo 16.3, establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, escolares e de centros universitarios, os produtos editoriais galegos segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con responsabilidades profesionais destes centros de lectura pública.

Na mesma liña, á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, correspóndelle establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

Nesta orde regúlanse dúas liñas de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal; unha para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico e a outra para a mellora das coleccións bibliográficas.

As subvencións para a adquisición de novidades editoriais ten como finalidade que as bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas teñan ao dispor dos seus usuarios e usuarias as ditas novidades en galego no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais en función da demanda das súas bibliotecas e/ou axencias de lectura que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Unha vez adxudicada a subvención en libros por un valor económico que se establece segundo os parámetros da poboación a que atende cada servizo bibliotecario público municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica na cal incorporarán as súas novidades editoriais todas as empresas editoras que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado desde a editorial a cada entidade beneficiaria.

A segunda liña de axudas dirixidas á mellora das coleccións bibliográficas, das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas ten como finalidade actualizar as coleccións, de xeito que lles permita aos técnicos bibliotecarios municipais contar cunha maior marxe para planificar as adquisicións de novidades e melloras para as coleccións das bibliotecas e, así, incrementar a oferta e o servizo ás persoas usuarias, atendendo, de forma especial ás campañas de verán e Nadal, nas cales se incrementa a demanda deste servizo de xeito exponencial.

As bases reguladoras da concesión das subvencións previstas nesta orde establecen un procedemento de concesión que ten a consideración de concorrencia non competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e o obxecto dos programas, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que será realizada pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, conforme o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo como único criterio para a repartición dos fondos a poboación a que debe atender o servizo bibliotecario.

Por todo o exposto, e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións comúns aos dous programas

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Procedemento CT235A.

2. Nesta orde regúlanse os seguintes dous programas de subvencións:

Programa A .Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas.

3. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2018.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

b) Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

f) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

g) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E, suplementariamente:

h) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

i) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

j) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

k) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

Artigo 4. Procedemento de concesión das subvencións

O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase mediante o rateo do orzamento existente entre as entidades solicitantes que cumpran as condicións establecidas, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Tramitación anticipada de gasto

Este expediente tramitarase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2018. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Artigo 6. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderá ser beneficiaria destas axudas a agrupación de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. A dita agrupación deberá estar debidamente acreditada, e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos na presente orde.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que estean nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Requisitos de participación

1. As bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais receptoras dos fondos bibliográficos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvención reguladas nesta orde.

b) Ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais.

c) Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2016 e remitida á Secretaría Xeral de Cultura.

d) Ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.

e) Ademais dos anteriores requisitos, as entidades locais que soliciten o programa B «Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas» deberán ter realizado no período comprendido entre o 1 de maio de 2017 e o 31 de decembro de 2017 un investimento na adquisición de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal, con cargo aos orzamentos do concello. Este investimento deberá ser igual ou superior ao 20 % da cantidade máxima que se pode conceder segundo o establecido no artigo 37 desta orde.

2. Queda excluída deste investimento a adquisición de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal realizada cos fondos procedentes doutras axudas ou subvención públicas.

Artigo 8. Concorrencia das axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 9. Solicitudes e prazo

1. As entidades locais que desexen acollerse ás subvencións reguladas nesta orde deberán presentar a solicitude coa indicación do programa ou programas en que desexan participar, segundo o modelo anexo I, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

2. A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

4. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

5. Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación, que só se presentará unha soa vez, aínda que se soliciten os dous programas de subvencións:

a) Certificado expedido polo/a secretario/a ou interventor/a da entidade local da media semanal de horas de apertura ao público da biblioteca ou bibliotecas e/ou axencia ou axencias de lectura.

b) Copia do certificado da remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral do exercicio 2016.

c) Ademais da anterior documentación, as entidades locais que soliciten o programa B, «Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas», presentarán un certificado expedido polo/a secretario/a ou interventor/a do gasto realizado con fondos propios da entidade local, na adquisición de fondos bibliográficos comprendido entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2017.

Artigo 11. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, a Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

Certificacións da AEAT, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, referido ás entidades locais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán indicalo nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Procedemento de instrución

1. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

2. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselles unha cantidade final para o cumprimento da finalidade do programa en que participe. Esta cantidade será a resultante da repartición da cantidade total, prevista para cada programa, entre a totalidade das solicitudes correctamente recibidas para cada programa, segundo o criterio establecido no artigo 4. No suposto de que, unha vez adxudicada a dita cantidade total entre todas as solicitudes correctamente presentadas para cada programa exista un remanente, este repartirase entre as solicitudes admitidas por programa coa mesma proporción prevista no dito artigo.

3. Realizada a repartición, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución ao secretario xeral de Cultura, quen resolverá por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 15. Resolución

A persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de entidades locais beneficiarias e as cantidades concedidas por cada programa subvencionable e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, farase pública no portal da Rede de bibliotecas públicas de Galicia (http://rbgalicia.xunta.gal) e na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura (https://www.cultura.gal). Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Artigo 16. Notificación e desestimación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As entidades locais están obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos e deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo ao vencer o prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.

Artigo 17. Aceptación das axudas

Unha vez que o órgano competente notifique a resolución definitiva, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular a proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible entre as solicitudes admitidas coa mesma proporción prevista no artigo 14 da presente orde.

Artigo 18. Documentación xustificativa da subvención común para os dous programas

1. A xustificación das subvencións desta orde realizarase mediante a presentación da documentación xustificativa correspondente a cada programa. Así, para xustificar as axudas previstas no programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego e en formato físico, presentarase a documentación específica indicada no artigo 32 desta orde, e para xustificar as axudas previstas no programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas, presentarase a documentación específica indicada no artigo 39 da dita orde. Esta documentación dirixirase á Secretaría Xeral de Cultura-Subdirección Xeral de Bibliotecas, con data límite a de finalización do período de xustificación, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de peche de exercicio.

2. A documentación requirida na fase xustificativa deberase presentarse electronicamente, accedendo ao expediente do presente procedemento na Carpeta do cidadán da entidade local que presentou a solicitude de inicio, https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadán, mediante o formulario normalizado habilitado para o efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 19. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Pagamento

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase como efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito á subvención total ou parcial, segundo proceda, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto nos artigos 9 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da finalidade da subvención.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

1. As entidades locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades locais beneficiarias das subvencións quedarán obrigadas a destinar os fondos bibliográficos recibidos para a súa incorporación á súa colección bibliográfica e a súa posta á disposición das persoas usuarias das súas bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá comprobar, cando o considere conveniente, a correcta execución das axudas.

3. Tamén quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades locais beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público, e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 22. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a entidade local beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

Artigo 23. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa o interesado poderá interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpor, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, a entidade local, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades locais beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. As entidades solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicas, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios, creado polo artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde.

4. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.gal.

CAPÍTULO II
Disposicións específicas para cada programa

Sección 1ª. Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais
en galego en formato físico

Artigo 26. Obxecto e finalidade da subvención

1. O obxecto é a concesión dunha subvención anual ás entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Os fondos bibliográficos deberán ser editados no período comprendido entre o 30 de setembro de 2017 e o 28 de setembro de 2018.

2. A súa finalidade é de interese público: o fomento e edición de libros publicados en galego, así como a promoción da lectura e a mellora das coleccións e dos servizos bibliotecarios, por ser a rede de bibliotecas públicas a destinataria dos exemplares.

Artigo 27. Imputación orzamentaria

1. Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.760.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, por un importe de 200.000 euros.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Fondos bibliográficos obxecto de subvención

1. Os fondos bibliográficos obxecto de subvención deberán estar incorporados á plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal e ser seleccionados e recibidos por cada entidade local beneficiaria. A incorporación realizaranas as entidades editoras de acordo co sinalado no artigo 29 desta orde.

2. Con cargo á subvención o número máximo de exemplares de cada título que poderá solicitar cada entidade local ás editoriais, para cada unha das súas bibliotecas e/ou axencias de lectura municipal, será de 3.

Artigo 29. Procedemento de incorporación das novidades editoriais

1. Para poder inscribirse na plataforma electrónica as empresas editoras, sexan persoas físicas ou xurídicas, deberán ter a condición de editoras. No imposto de actividades económicas (IAE) debe figurar a epígrafe «Edición de libros» ou outra en que quede claro o seu carácter fundamentalmente de editorial.

2. As empresas editoras incorporarán á plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal as súas novidades editoriais para ser seleccionadas polas entidades locais, sempre que as ditas empresas cumpran os requisitos exixidos na resolución de convocatoria para poder participar na presente orde. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3. Tanto a nova inscrición na plataforma electrónica, para as empresas editoras que nunca estiveron inscritas, como a reactivación da inscrición, para as empresas editoras xa inscritas, comporta a autorización á Secretaría Xeral de Cultura, unidade tramitadora da plataforma electrónica, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, e tamén comporta a autorización para consultar o seu imposto de actividades económicas (IAE). Non obstante, a empresa editora ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e debe presentar entón as certificacións segundo o indicado na resolución a que se fai referencia no número 2 deste artigo.

4. Unha vez asignada a cantidade correspondente a cada entidade local, relativa ao importe máximo do valor dos libros de que se van dotar as bibliotecas municipais, cada entidade, a través dun só representante para as súas bibliotecas e/ou axencias de lectura, xa designado na solicitude (anexo I), seleccionará e solicitará os títulos e o número de exemplares de cada título entre os incorporados á plataforma electrónica de adquisición de novidades editoriais https://novidadeseditoriais.xunta.gal polas editoras, ata o límite do valor económico en libros que teña adxudicado na resolución definitiva desta convocatoria.

5. No prazo comprendido desde a notificación da resolución da subvención ata o 1 de outubro de 2018 e a través da plataforma realizaranse os pedidos a cada unha das editoriais titulares de cada libro seleccionado pola entidade local. Serán as editoriais as que se encargarán do envío dos libros a cada solicitante, segundo fan constar no campo da plataforma «enderezo de envío».

Artigo 30. Axudas

A contía do importe dos fondos bibliográficos a que poderá acceder cada entidade beneficiaria determinarase en función do número de habitantes de cada concello, segundo as cifras oficiais de poboación correspondentes ao ano 2016 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:

– Menos de 2.000 habitantes: recibirán libros por un importe máximo de 500 €.

– De 2.001 a 5.000: recibirán libros por un importe máximo de 1.000 €.

– De 5.001 a10.000: recibirán libros por un importe máximo de 1.500 €.

– De 10.001 a 20.000: recibirán libros por un importe máximo de 2.000 €.

– De 20.001 a 30.000: recibirán libros por un importe máximo de 2.500 €.

– De 30.001 a 50.000: recibirán libros por un importe máximo de 3.000 €.

– Máis de 50.001: recibirán libros por un importe máximo de 3.500 €.

No caso de que concurra unha agrupación de concellos, computaranse como número de habitantes o sumatorio dos habitantes integrantes dos concellos agrupados.

O cálculo do bono co importe máximo en libros que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible para a adquisición dos fondos, sobre o total de subvención, prevista para este programa, que se vai conceder segundo a táboa anterior (sumatorio do número de entidades locais por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A dita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.

Non obstante, poderanse superar as cantidades máximas a que se refire este artigo se unha vez repartido o crédito inicial existisen remanentes. Neste caso, o órgano instrutor poderá distribuír proporcionalmente a cantidade dispoñible entre as solicitudes correctamente recibidas que non alcanzasen o importe máximo da axuda. Se nesa repartición todos os solicitantes acadasen esa contía máxima a que se refire o parágrafo primeiro deste artigo, a cantidade restante ratearase entre todos os beneficiarios.

Artigo 31. Prazo de xustificación

O prazo para presentar a documentación xustificativa abrangue desde o día da publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de outubro de 2018 (inclusive).

Artigo 32. Xustificación

1. Considerarase gasto realizado o importe dos libros recibidos e pagados entre a data de publicación da resolución de concesión da subvención e o 31 de outubro de 2018 (inclusive).

2. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, dirixida á Secretaría Xeral de Cultura-Subdirección Xeral de Bibliotecas, con data límite do 31 de outubro de 2018, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de peche de exercicio:

a) Declaración de axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto ou concepto de cada un dos programas desta orde de subvencións. Esta declaración poderase presentar unha soa vez, aínda que se soliciten os dous programas de axudas. Poderase empregar o modelo previsto no anexo II.

b) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Poderase empregar o modelo previsto no anexo III.

c) Certificado da persoa responsable da Secretaría ou Intervención da entidade local de que os fondos bibliográficos recibidos a través desta orde pasan a formar parte da colección da biblioteca.

3. No caso de presentar conta xustificativa, deben incluír, baixo responsabilidade do declarante:

– Nome da editorial, número de factura, importe da factura, relación de libros adquiridos, número de exemplares, data de recepción dos libros e data de pagamento á editorial (ata o 31 de outubro de 2018, inclusive).

4. En caso de non presentar conta xustificativa, deben enviar a seguinte documentación:

– Copia das facturas, nas cales se relacionan os libros adquiridos. De non figurar este dato na factura enviarase o albará xunto coa factura correspondente.

– Xustificante bancario conforme a entidade local fixo o pagamento ás empresas editoras ata o 31 de outubro de 2018 (inclusive).

Sección 2ª. Programa B. Subvencións para a mellora
das coleccións bibliográficas

Artigo 33. Obxecto e finalidade da subvención

A finalidade é posibilitar a mellora dos fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia, co obxecto de colaborar na súa actualización e mantemento e, deste xeito, dar cumprida resposta á demanda das persoas usuarias.

Artigo 34. Imputación orzamentaria

1. Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, por un importe de 350.000 euros.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 35. Fondos bibliográficos obxecto de subvención e exclusións

1. Será obxecto desta axuda a compra de monografías (tanto libro infantil como libro dirixido ás persoas adultas), material sonoro (CD e vinilo), videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico (mapas e planos). Estes materiais deberán estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.

2. O número máximo de exemplares que se poderán adquirir por título será de 3.

3. Un 25 % do importe concedido destinarase á adquisición de fondo bibliográfico editado en lingua galega.

4. Non serán obxecto desta axuda reproducións facsimilares, gravados, grandes obras de consulta (enciclopedias en varios volumes, repertorio de xenealoxía e heráldica, etc.), pinturas, publicacións periódicas (revistas, xornais, boletíns…) ou calquera outro material non mencionado no punto 1.

Artigo 36. Adquisición dos fondos

Co obxecto de apoiar o crecemento competitivo e equilibrado de todo o territorio galego, os provedores dos materiais obxecto destas axudas deberán ser, preferentemente, empresas de comercio retallista da contorna municipal.

Artigo 37 Axudas

A contía indicativa inicial da subvención determinarase en función do número de habitantes de cada concello, segundo as cifras oficiais de poboación o 1 de xaneiro de 2016 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:

– Menos de 2.000: recibirán un máximo de 800 €.

– De 2.001/5.000: recibirán un máximo de 1.500 €.

– De 5.001/10.000: recibirán un máximo de 2.000 €.

– De 10.001/20.000: recibirán un máximo de 2.500 €.

– De 20.001 a 30.000: recibirán un máximo de 3.000 €.

– De 30.001 a 50.000: recibirán un máximo de 4.000 €.

– Máis de 50.001: recibirán un máximo de 5.000 €.

No caso de que concorran unha agrupación de concellos, computarase como número de habitantes o sumatorio dos habitantes integrantes dos concellos agrupados.

O cálculo da axuda que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible para este programa (350.000,00 €) sobre o total de subvención que se vai conceder segundo a táboa anterior (sumatorio do nº de entidades locais por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A dita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.

Artigo 38. Prazo de xustificación

O prazo para presentar a documentación xustificativa abrangue desde o día da publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia ata o 29 de setembro de 2018 (inclusive).

Artigo 39. Xustificación

1. Considerarase gasto realizado o importe dos libros recibidos e efectivamente pagados entre a data de publicación desta convocatoria e o 15 de setembro de 2018. Non se considera gasto realizado o importe dos libros pagados con fondos propios da entidade local que serviron de requisito para obter a condición de beneficiario da axuda.

2. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, dirixida á Secretaría xeral de Cultura, Subdirección xeral de Bibliotecas, con data límite do 29 de setembro de 2018, sempre que non se opoña ao que se establece na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de peche de exercicio.

3. Documentación xustificativa:

a) Declaración de axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto ou concepto de cada un dos programas desta orde de subvencións. Esta declaración poderase presentar unha soa vez, aínda que se soliciten os dous programas de axudas. Poderase empregar o modelo previsto no anexo II.

b) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Poderase empregar o modelo previsto no anexo III.

c) Certificado da persoa responsable da Secretaría ou Intervención da entidade local de que os fondos bibliográficos recibidos a través desta orde pasan a formar parte da colección da biblioteca e no cal conste a contía dos libros adquiridos en lingua galega. Poderá empregar o modelo previsto no anexo IV.

d) Documentos acreditativos do gasto realizado:

1. Se presenta conta xustificativa, expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

Nome do provedor, número de factura, relación de libros adquiridos e número de exemplares, importe da factura, data de emisión da factura e data de pagamento. De non constar algún destes datos comporta a obriga de acollerse ao punto 2.

2. Se non presentan conta xustificativa, deben achegar os seguintes documentos:

– Copia da factura, na cal se relacionan os libros adquiridos. De non figurar este dato na factura enviarán o albará xunto coa factura.

– Xustificantes bancarios do pagamento, en que conste identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa entidade beneficiaria da axuda e identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa que emitiu a factura. Non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

Nestes documentos deberán quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

3. As entidades locais que non xustifiquen a totalidade da subvención ou os que xustifiquen un importe inferior ao 50% do concedido serán penalizados cun desconto do 50 % do que lle correspondería na seguinte convocatoria.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file