Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 21 de decembro de 2017 Páx. 57924

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, o denominado Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis, sito no lugar de Porto Quintela, parroquia de San Xoán de Baños, termo municipal de Bande.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 8.2 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, indícase que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

No ano 2013, o Servizo de Arqueoloxía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais emitiu unha memoria técnica dos traballos de prospección arqueolóxica e documentación para a delimitación dos ben de interese cultural dos xacementos arqueolóxicos de Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis (GA32006058 e GA32006057), documento que incluía unha valoración positiva da proposta de delimitación das áreas do xacemento, coa base dos traballos previos de prospección arqueolóxica para a delimitación do ben de interese cultural de xacementos romanos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A seguir, solicitouse o informe ao Consello de Cultura Galega, á Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e á Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, segundo se establece no artigo 18.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Todos eles informaron positivamente a proposta de incoación presentada. Aínda que o informe do Consello de Cultura Galega propuña un cambio na denominación na tipoloxía do campamento, non se considera conveniente posto que o termo campamento está amplamente asentado na bibliografía.

Segundo o contido dos informes, este xacemento ten un indubidable valor histórico e arqueolóxico e, dentro dos existentes en toda Península Ibérica, é o máis extensamente escavado, investigado, monumentalizado e posto en valor entre os do seu xénero, ademais de ser un dos únicos campamentos militares romanos permanentes coñecidos en Galicia, xunto co de Cidadela (Sobrado dos Monxes).

Está situado na ribeira dereita do río Limia, no fondo do val a unha beira do actual encoro das Conchas, e estreitamente vinculado coa Vía Romana XVIII do Itinerario Antonino, que comunicaba os conventos xurídicos de Bracara Augusta e Asturica Augusta, e como lugar de asentamento permanente dunha unidade militar para actuar, cara a finais do século I d.C., como base de operacións para a construción da referida vía de comunicación. Os datos resultantes das investigacións semellan indicar que tivo unha curta ocupación que non iría alén do primeiro terzo do século II d. C. Probablemente, a unidade militar que albergou foi unha cohorte (480 soldados) vinculada á Legio VII Gemina con sé na antiga León.

As escavacións das que foi obxecto deron como resultado a obtención de moita información sobre a estrutura arquetípica deste tipo de asentamentos militares.

Así pois, tendo en conta os valores tanto do campamento coma da mansio viaria, así como o potencial coñecemento que aínda atesoura, proponse a súa declaración singular como zona arqueolóxica, por estimala a figura máis acaída, para o seu réxime de protección, que deriva da categoría de xacemento arqueolóxico, establecido no artigo 10.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, que o define como: o lugar no que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) e, en virtude do que dispón o título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992) e o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 150, do 6 de agosto), como consecuencia dos informes técnicos mencionados e da documentación xustificativa completa,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica o Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis, sito no lugar de Porto Quintela, na parroquia de San Xoán de Baños, no termo municipal de Bande (Ourense), conforme o descrito no anexo I desta resolución e segundo a delimitación proposta nos anexos II e III, e proceder aos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar, de forma inmediata e provisional, o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os xacementos arqueolóxicos en particular, con eficacia desde o momento da notificación ás persoas interesadas. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses desde a data desta resolución, ou producirase a súa caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contarse desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita, e no servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Ourense (Avda da Habana, 79, 3º, 32071 Ourense).

Sexto. Notificar esta resolución aos interesados, aos concello de Bande e de Muíños e aos departamentos con competencias no ámbito afectado pola delimitación.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2017

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I
Descrición do ben

1. Denominación: Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis.

2. Localización: este xacemento atópase no lugar de Porto Quintela na parroquia de San Xoán de Baños no concello ourensán de Bande, na ribeira dereita do río Limia no borde do encoro das Conchas que o asolaga frecuentemente.

3. Descrición: o Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis atópase no lugar de Porto Quintela na parroquia de San Xoán de Baños no concello ourensán de Bande. Trátase dun conxunto arqueolóxico formado polo campamento e mansio vinculados co paso da Vía XVIII de Antonino ou Vía Nova que presenta un gran valor científico e patrimonial derivado da información obtida polas continuas campañas de escavación desenvolvidas ao longo de varias décadas. Este xacemento presenta unha estrutura arquetípica propia dun asentamento militar organizado a partir dun esquema ortogonal arredor de dous eixes viarios principais, perpendiculares entre si, o cardo (con orientación norte-sur) e o decumano (orientación leste-oeste). Os restos arqueolóxicos exhumados ata o de agora corresponden ao principia ou cuartel xeral, dous horrea para almacenaxe de alimentos, o valetudinarium ou hospital, tres barracóns para a tropa, vías e canles de drenaxe e unha parte significativa das estruturas delimitadoras e defensivas, treito de muralla con varias torres, as portas principal esquerda e a do lado oeste, e un pequeno sector do foxo exterior que rodeaba a muralla, co intervallum ou vía perimetral pegada ao interior dela.

Ao leste do campamento, cara ao curso do río Limia, localizáronse algunhas estruturas que semellan responder á posible canaba ou poboación civil asociada ao campamento militar. Tamén se coñecen restos arqueolóxicos extramuros do recinto campamental, entre este e a mansio.

Esta mansio viaria sería unha pousada de descanso para os viaxeiros que percorrían a mencionada vía, que ao ser escavada de forma parcial descubriu, polo de agora, unha estrutura composta por un grande patio empedrado e un forno doméstico, ademais de varias dependencias e outro patio cun pozo con peitoril e augas termais.

Todo este conxunto complétase con varias vías interiores e sistemas de drenaxes, ademais de estruturas defensivas como muralla, torres, portas, intervallun ou vías perimetrais e fosos.

En resumo, este xacemento arqueolóxico polo conxunto que representa e polo seu grao de coñecemento, resulta un exemplo paradigmático dos xacementos romanos de Galicia e o que mellores condicións ten para a difusión das súas características e valores culturais polo seu coñecemento e posta en valor.

4. Delimitación da contorna afectada: a área que ocupa esta zona arqueolóxica parte da definición dun ámbito polas súas características ambientais, adaptando os seus contornos ao parcelario catastral, tendo en conta a realidade xeográfica e arqueolóxica da zona previa á existencia do encoro das Conchas, sobre todo ao leste do campamento. Nesta zona, ao exterior da muralla defensiva, existen estruturas que indican que a canaba ou asentamento civil vinculado a el se situaría nesta zona, nas abas que descenden cara ao curso do río Limia. Daquela, desde un punto de vista histórico e arqueolóxico, semella lóxico situar o límite leste da zona arqueolóxica no antigo curso do río, cuxa posición está documentada na cartografía do Instituto Geográfico Nacional (primeira edición do plano e. 1:50.000 e máis límite oficial entre municipios).

Acadaríase deste xeito un contorno de protección acorde cunha declaración de conxunto e abranguendo unha ampla superficie potencial arredor dos xacementos arqueolóxicos, considerando as relacións coa área territorial na que se contextualiza, tanto con respecto á situación orixinal, na que os xacementos estarían localizados a unha mesma cota topográfica a media ladeira, ás beiras da vía romana; coma respecto á situación actual, situados na ribeira das augas do encoro e estando afectadas periodicamente polos asolagamentos.

En coherencia con outros procedementos de declaración, considerouse conveniente incluír no contorno de protección do xacemento o encoro das Conchas, que asolaga gran parte desta área arqueolóxica, que pode conter información de relevancia para o seu coñecemento e estudo.

5. Estado de conservación: a primeira intervención arqueolóxica foi dirixida por Florentino López Cuevillas na segunda década do século XX, exhumando parte da muralla campamental. Posteriormente, en 1975, baixo a dirección de Antonio Rodríguez Colmenero, foi escavada parte da muralla e da torre. Durante esta intervención, así como a realizada durante os anos vinte, non era coñecida a tipoloxía do xacemento, sendo interpretado como un asentamento rural (civil), fortificado durante a crise do século III e IV. Resultado das campañas realizadas ao longo desde os anos oitenta foi a escavación dunha cuarta parte dun campamento romano cunha estrutura que se podería considerar como típica desta clase de asentamentos.

Posteriormente, as continuas campañas de investigación realizadas entre os anos 1990 e 2016 reforzan o valor científico e patrimonial do xacemento que o converten nun importante recurso cultural e investigador sustentado na accesibilidade aos xacementos arqueolóxicos, na gran cantidade de estruturas arqueolóxicas consolidadas e reconstruídas, na existencia dunha sinalización e dun equipamento museístico e de recepción de visitantes contribúen á percepción e comprensión do sitio por parte do público incrementando o seu valor social.

6. Réxime de protección e salvagarda provisional: a incoación para declarar ben de interese cultural como zona arqueolóxica o Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis, no lugar de Porto Quintela, na parroquia de San Xoán de Baños no concello ourensán de Bande, determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 e 17.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE).

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 39 a 40 LPCG). Entre outras consideracións, o réxime implica:

– Suspensión de licenzas: a incoación do procedemento de declaración de interese cultural dun ben inmoble determinará a suspensión da tramitación das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como dos efectos das xa outorgadas, a excepción das de mantemento e conservación. A continuidade da suspensión dependerá da resolución ou da caducidade do expediente incoado. A suspensión levantarase coa resolución do procedemento.

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Será tamén necesaria a autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para a realización de calquera actividade arqueolóxica. Calquera actuación que comporte a remoción de terras no xacemento arqueolóxico ou no seu contorno tamén requirirá tamén a devandita previa autorización.

– Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Dereito de tanteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberalle ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

– Utilización: a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellaron a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7. Uso: as diferentes escavacións realizadas permitiron determinar que, temporalmente, o Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis foi construído cara a finais do século I d.C. cando a construción da Vía Romana XVIII do Itinerario Antonino e como lugar de asentamento permanente dunha unidade militar, que ben puidese ser unha cohorte vinculada coa Legio VII Gemina.

A súa estrutura relacionada coa función militar, campamento, viaria e vía romana presenta unha gran significación e singularidade dentro do rexistro arqueolóxico galego, no que unicamente está documentado outro campamento militar romano de carácter permanente o de Cidadela (Sobrado dos Monxes), polo que o seu valor científico reside no seu potencial como área de reserva arqueolóxica cunha ampla superficie sen explorar, tanto no interior do recinto campamental coma na contorna, polo que é un sitio arqueolóxico básico para a investigación do proceso de romanización no noroeste peninsular.

Anexo II
Delimitación literal e gráfica

A delimitación do Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis, tanto da área do xacemento coma do contorno de protección corresponden cos seguintes puntos do sistema xeodésico de referencia oficial nas coordenadas ETRS89 Fuso UTM 29:

Delimitación da zona arqueolóxica

Punto

X

Y

1

584.207

4.647.329

2

584.200

4.647.167

3

584.623

4.647.082

4

584.783

4.647.846

5

584.619

4.647.991

6

584.342

4.648.090

7

584.200

4.648.038

8

584.165

4.647.876

9

584.209

4.647.764

10

584.292

4.647.631

11

584.253

4.647.506

Delimitación do contorno de protección

Punto

X

Y

1

583.615

4.647.037

2

583.857

4.646.223

3

585.412

4.648.139

4

584.740

4.648.237

5

584.387

4.648.367

6

583.616

4.647.211

– Descrición da delimitación da zona arqueolóxica: situándonos no extremo sudoeste da delimitación da zona arqueolóxica comezamos o seu trazado no punto 1, que se sitúa na fronte do encoro das Conchas, no linde sur entre as parcelas catastrais 32007A06600076 e 32007A06600080.

1. 584.207-4.647.329. Desde aquí, bordea en dirección sur a parcela catastral 32007A06609009, que se corresponde cos terreos que están afectos ao encoro das Conchas, ata chegar á zona nordeste da parcela 27, onde se sitúa o punto 2.

2. 584.200-4.647.167. Desde aquí, diríxese cara ao leste-sueste en liña recta ata chegar ao límite oficial entre municipios do Instituto Geográfico Nacional (IGN), onde se sitúa o punto 3.

3. 584.623-4.647.082. Desde aquí, xira cara ao norte seguindo o antedito límite entre concellos do IGN, que se corresponde co antigo curso do río Limia, ata chegar ao linde entre as parcelas catastrais 32007A06609009 e 32007A03709016, onde se sitúa o punto 4.

4. 584.783-4.647.846. Desde aquí, xira cara ao noroeste en liña recta cara ao vértice norte do contacto entre os camiños catastrais 32007A06409001 e 32007A03709015 desde onde segue polo borde norte do primeiro deles ata chegar ao punto número 5.

5. 584.619-4.647.991. Desde aquí, atravésase o camiño 32007A06409001 cara ao vértice entre as parcelas catastrais 32007A06600319 e 325. Continúa polo borde setentrional da primeira delas e, ao seu remate, pola marxe das parcelas 303, 302, 301, 300, 299, 296 e 295 ata o vértice norte desta última onde está o punto 6.

6. 584.342-4.648.090. Desde aquí, atravesa a parcela 32007A06600294 cara ao vértice nordeste entre as parcelas 379 e 235; segue polo lindeiro norte desta última e, logo, polo lindeiro sur da 226 ata chegar ao vértice desta coas parcelas 184 e 185, onde se atopa o punto 7.

7. 584.200-4.648.038. Desde aquí, bordea polo leste as parcelas 32007A06600185 e 188 ata chegar ao camiño catastral 32007A06609004, punto a partir do cal se dirixe en liña recta ata o vértice norte da parcela 169, onde se atopa o punto 8.

8. 584.165-4.647.876. Desde aquí, xira cara ao sueste polo lindeiro leste da parcela 32007A06600169 e bordea polo oeste as parcelas 174 e 155 ata a esquina leste da parcela 158, onde se atopa o punto 9.

9. 584.209-4.647.764. Desde aquí, diríxese en liña recta en dirección SE cara ao vértice entre as parcelas 32007A06600150 e 153. Continúa pola extrema entre elas e, ao seu remate, polo lindeiro leste da 381 para, ao chegar á fin dela, dirixirse en liña recta cara á esquina noroeste da parcela 135, onde se atopa o punto 10.

10. 584.292-4.647.631. Desde aquí, bordea polo leste a parcela 32007A06600135 para, ao chegar á parcela 115, cruzar en liña recta ata o vértice norte entre as parcelas 105 e 106, desde onde continúa pola extrema entre ambas as dúas ata chegar ao camiño 32007A06609006 que se cruza en diagonal ata o vértice entre as parcelas 32007A06600096 e 97, onde se sitúa o punto 11.

11. 584.253-4.647.506. Desde aquí, bordea a parcela 32007A06600096 ata o vértice coas parcelas 95 e 94, desde onde se dirixe cara ao suroeste en liña recta ata o vértice noroeste da parcela 80, para logo xirar cara ao SE polo lindeiro oeste desta última e chegar ao seu vértice suroeste, para volver ao punto 1.

– Descrición do contorno de protección da zona arqueolóxica: a descrición da delimitación do contorno de protección comeza ao sudoeste da zona arqueolóxica, no borde do encoro das Conchas, no vértice sur entre as parcelas catastrais 32007A06700304 e 315, que é o punto 1.

1. 583.615-4.647.037. Desde aquí, atravesa o encoro das Conchas en dirección sur-sueste ata chegar ao punto 2, que se sitúa no vértice entre as parcelas catastrais 32052A02509008, 1229 e 1212.

2. 583.857-4.646.223. Desde aquí, xira primeiro cara ao leste e logo cara ao norte polo borde das parcelas catastrais do encoro das Conchas 32052A02509008, 32052A02009016 e 32052A01909009 ata chegar ao punto 3.

3. 585.412-4.648.139. Desde aquí, xira cara ao oeste atravesando o encoro das Conchas ata chegar ao vértice norte da parcela catastral 32007A06400026, no seu encontro co camiño 32007A06409002 e o encoro, que é o punto 4.

4. 584.740-4.648.237. Desde aquí, continúa en dirección oeste polo borde sur dos camiños catastrais 32007A06409002 e 9003 e, ao chegar ao camiño catastral 9001, xira cara ao noroeste pola beira deste ata chegar ao seu extremo occidental, onde atravesa parcialmente a parcela 9009 ata o borde da estrada N-540, onde se atopa o punto 5.

5. 584.387-4.648.367. Desde aquí, xira en dirección suroeste polo borde leste da estrada N-540, ata o punto 6.

6. 583.616-4.647.211. Desde aquí, atravesa a parcela catastral 32007A06709017 en dirección sur ata o borde oeste da parcela 32007A06700328 e continúa en dirección sur bordeando polo oeste as parcelas 328, 333 e 346.

ANEXO III
Plano coa delimitación e contorno de protección

ANEXO IV
Fotografías

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file