Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2017 Páx. 58005

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 11 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2018.

A gandaría baseada nas nosas razas autóctonas foi tradicionalmente fonte dunha incalculable riqueza desde diversos puntos de vista, tanto económicos, coma sociais e ambientais. Hoxe en día debemos destacar tamén a importancia da conservación destas razas polo recurso xenético que supoñen e o seu papel fundamental na conservación de ecosistemas e pastos. Trátase tamén dunha ferramenta útil para a fixación da poboación no medio rural, incrementando a calidade, a competitividade e o valor engadido dos produtos.

Por este motivo se establecen axudas dirixidas ás asociacións de criadores das razas gandeiras autóctonas galegas, recoñecidas oficialmente pola comunidade autónoma, e que desenvolven actuacións destinadas ao fomento destas razas.

As actividades subvencionables por esta orde enmárcanse no disposto no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, e no establecido no Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento das razas autóctonas españolas, modificado polo Real decreto 181/2015, do 13 de marzo, e o réxime foi comunicado polo Estado á Comisión Europea, e rexistrado co número de axuda SA.40300 (2014 XA), ao abeiro do artigo 27, «Axudas ao sector gandeiro e axudas por gando morto», do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da orde

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería do Medio Rural destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia, para o fomento das razas autóctonas galegas.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural, co código de procedemento administrativo MR536A.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita axuda para o ano 2018.

Artigo 2. Obxecto da axuda

As presentes axudas, tramitadas en réxime de concorrencia competitiva, teñen como finalidade:

1. O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.

2. A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.

3. A mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.

4. A optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma, que cumpran os requisitos seguintes:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Estar oficialmente recoñecidas para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas autóctonas españolas, pola comunidade autónoma galega.

c) No caso de que existan varias asociacións recoñecidas para unha mesma raza, xa sexa na mesma comunidade autónoma ou en distintas comunidades autónomas, deberán estar integradas nunha única asociación de segundo grao, segundo establece o artigo 13.1 do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras para poder acceder a estas axudas, debendo ser a dita asociación de segundo grao a solicitante das axudas.

d) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e, se é o caso, o recollido nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Cumprir coas obrigas previstas no artigo 11 do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro.

f) Ter a condición de peme de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, definición que se inclúe no anexo II desta orde.

g) Non ter a consideración de empresa en crise, segundo se define nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, de acordo coas Directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01, da Comisión, do 31 de xullo de 2014).

h) Non estar suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

Así mesmo, os requisitos previstos nas letras d), f), g) e h), tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.

Artigo 4. Actuacións obxecto de subvención

1. As axudas unicamente poderán ser concedidas ás actividades emprendidas ou realizadas con posterioridade á presentación da solicitude, que deberá axustarse ao prazo establecido nesta convocatoria.

2. As actividades subvencionables, que poderán realizar as entidades beneficiarias, desde a presentación da solicitude serán:

a) Creación ou mantemento de libros xenealóxicos. Os conceptos subvencionables serán os gastos derivados da dita actividade, incluídos os do local ou oficinas, ordenadores e material informático e o seu mantemento ou actualización, adquisición de material de oficina non inventariable e contratación e gastos de persoal técnico e administrativo.

b) As que deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza, no cal se recollerán as actividades destinadas á conservación in situ desta, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando. As axudas irán dirixidas a sufragar os gastos relativos á implantación e desenvolvemento dos programas de mellora oficialmente aprobados e os controis de rendementos para a realización das avaliacións xenéticas dos animais e os programas de difusión da mellora.

3. O imposto sobre o valor engadido (IVE) non será subvencionable, salvo cando non sexa recuperable para o beneficiario.

Artigo 5. Contía e compatibilidade das axudas

1. As subvencións previstas nesta orde serán compatibles con calquera outra que, para a mesma finalidade e obxecto, puidesen establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sempre que non se superen os límites a que se refire o punto 3.

2. Non obstante, a contía total da subvención, que se destinará a financiar os custos que ocasione a realización das actuacións previstas no artigo 4, con fondos dos orzamentos xerais do Estado, non poderá superar un máximo de 60.000 euros por raza e anualidade.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, destinadas ao mesmo fin, o custo da actividade subvencionada nin os límites establecidos en cada caso nas letras a) e b) do punto 1 do artigo 27 do Regulamento (UE) nº 702/2014, da Comisión, do 25 de xuño, sen prexuízo de límites máis estritos previstos para cada ano na respectiva convocatoria. Estas axudas non se acumularán con ningunha axuda de minimis correspondente aos mesmos custos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade ou importe da axuda superior ao citado límite.

Artigo 6. Solicitudes e prazos de presentación

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen que se producira a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

4. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, de ser o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

5. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvención están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aqueles das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.

b) Acreditación da condición de peme segundo o establecido no anexo II desta orde.

c) Copia dos estatutos da entidade solicitante.

d) Acreditación da representatividade do solicitante.

e) Memoria pormenorizada do programa de actuación que se pretende desenvolver, obxectivos, prazo de execución e un plan cronolóxico dos traballos que se van realizar.

f) Avaliación económica dos investimentos que se van realizar.

g) Acreditación de que dispoñen dos medios técnicos e de persoal axeitados para a realización das actividades subvencionadas e descrición deles.

h) Acreditación do acordo da xunta directiva de aprobación da realización das actuacións obxecto de subvención.

i) Acreditación ou certificación da acta de reunión da xunta directiva, pola que se acorda a exixencia, a todos os socios ou integrantes, do cumprimento das normas mínimas en materia sanitaria, identificación, alimentación, medio natural, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria, nacional e autonómica.

De acordo co artigo 4, punto 2 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 (DOG do 16 de xaneiro), pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, os solicitantes non terán a obriga de presentar os documentos das letras a), c) e d) que xa fosen presentados; poderá acollerse ao establecido na letra d) do artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Para facer efectivo este dereito deberán especificar a data en que presentaron os documentos e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica, por parte da persoa solicitante ou representante, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 10. Criterios de adxudicación

1. Na concesión de axudas previstas nesta orde, atenderase aos seguintes criterios:

a) Solicitudes das asociacións de segundo grao que agrupen a asociacións de criadores de animais de razas puras en perigo de extinción: 3 puntos.

b) Solicitudes de asociacións que xestionan razas autóctonas en perigo de extinción: 2 puntos.

c) Capacidade da organización ou asociación de criadores para desenvolver as actuacións que se financien, especialmente as actividades relacionadas co programa de mellora, coa maior eficacia, eficiencia e economía de medios persoais e materiais, tendo en conta os censos e explotacións: 1 punto.

2. Non obstante, se as dispoñibilidades orzamentarias fosen insuficientes para atender o importe total das solicitudes, poderase efectuar un rateo do importe a conceder entre elas.

Artigo 11. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Gandaría. A resolución do expediente correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da conselleira do Medio Rural, por proposta do subdirector xeral de Gandaría.

2. A baremación das solicitudes, segundo os criterios do artigo 10, será efectuada por un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado por tres funcionarios da Subdirección Xeral de Gandaría con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, e que estará presidido polo xefe do Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal. Á vista deste informe o subdirector xeral de Gandaría elevará proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

3. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar o procedemento será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. A falta de notificación no dito prazo poderase entender desestimatoria da petición de axuda.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica Notifica.gal dispoñible a través da sede da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como o de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

7. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite e continuarase o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

8. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

9. A notificación da resolución de concesión de axuda realizarase conforme o disposto nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

10. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 12. Recursos administrativos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación; ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver o establecido no artigo anterior non lle é notificada a resolución aos interesados, poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo e caberá interpor o recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 13. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas

Xunto coa xustificación, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 14. Control da execución dos programas

O control da execución dos programas levarao a cabo a Subdirección Xeral de Gandaría, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, a fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como do lóxico seguimento e control das axudas concedidas. En todo caso, os custos subvencionables serán avalados por probas documentais claras, específicas e actualizadas. Tamén facilitará toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15. Pagamento das axudas

1. O pagamento da subvención realizarase coa xustificación previa por parte do beneficiario da realización da actividade, proxecto, obxecto ou adopción do comportamento para o que se concedeu, nos termos establecidos nesta orde e das xustificacións de gasto e pagamento correspondentes.

2. Poderá solicitarse antes do 30 de xuño de 2018 un anticipo como máximo do 50 % do total da subvención autorizada e que estará suxeito ás dispoñibilidades orzamentarias vixentes. Para poder ser autorizado o dito anticipo, as entidades beneficiarias non poderán ter abertos expedientes de reintegro de axudas de anos anteriores.

3. O pagamento do anticipo realizarase coa xustificación previa, por parte do beneficiario, de ter constituído as garantías que deberán cubrir o 110 % do importe das cantidades anticipadas, nas modalidades e coas características e requisitos establecidos no título IV, capítulo II, sección segunda do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Quedan exonerados da constitución de garantía, en virtude do artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios das subvencións concedidas das cales os pagamentos non superen os 18.000 euros. No caso de pagamentos anticipados o importe anterior enténdese referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

Artigo 16. Modificación das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17. Reintegro da axuda e obriga de facilitar información

1. O interesado ten a obriga do reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento nos casos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Se como consecuencia dos controis se detectasen incumprimentos na execución do programa de actuacións aprobado en aspectos relevantes para a súa efectividade, aplicaranse deducións sobre as axudas aprobadas ponderando a gravidade e frecuencia dos incumprimentos.

As deducións parciais aplicables serán as seguintes:

– Do 5 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 10 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 15 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 20 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 25 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 30 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 50 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 40 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

En caso de detectar un mesmo tipo de incumprimento na execución do programa de actuacións en máis dun 40 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados perderase o dereito á axuda.

3. Así mesmo, o interesado ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 18. Infraccións e sancións

No tocante a infraccións e sancións, será de aplicación o título IV, infraccións e sancións administrativas en materia de subvención, da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Artigo 19. Xustificacións

1. A data límite para a presentación das xustificacións técnicas e económicas da realización do programa será o 15 de novembro. De acordo co disposto nos artigos 14.2 e 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as xustificacións deberanse presentar a través de medios electrónicos.

Cando se trate de xustificacións de gastos en nóminas de persoal contratado polas entidades solicitantes para desenvolver as actuacións subvencionables, poderanse presentar ata o 15 de decembro, dirixidas á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e terán que acreditar o ingreso na AEAT dos importes retidos aos traballadores/as.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá ao beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falla de presentación da xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Por regra xeral, os gastos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas acompañadas dos documentos que verifiquen o seu pagamento efectivo. Nos casos nos que isto non sexa posible, os gastos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente. Para efectuar o pagamento da axuda concedida os beneficiarios deberán presentar:

a) Os xustificantes de investimento total.

b) A transferencia bancaria dos pagamentos.

c) Unha relación informatizada dos pagamentos.

d) Unha memoria explicativa sobre a realización das actividades auxiliadas que probe a prestación efectiva dos servizos.

Para cada concepto, presentarase unha táboa comparativa entre os gastos realizados, debidamente xustificados, e os presentados no orzamento inicial. A relación informatizada das facturas debe constar dos seguintes campos: concepto, provedor, número de factura, data de emisión e data de pagamento, base impoñible, importe correspondente ao IVE e importe total con IVE.

4. As acreditacións de gasto e de pagamento realizaranse consonte o artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

De acordo co punto 4 do artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa axuda, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

5. De acordo co artigo 29, alínea 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6. De acordo co previsto no artigo 27 da Lei de 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios poderán subcontratar totalmente a realización das actividades subvencionadas.

No caso de subcontratación, cumpriranse ademais os restantes requisitos establecidos no citado artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e en particular o relativo ás prohibicións establecidas no número 7.

Artigo 20. Financiamento

1. As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden dos orzamentos xerais do Estado e financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria para o ano 2018:

Aplicación 13.03.713C.781.1 dotada para esta finalidade cun importe de douscentos mil euros (200.000 euros).

Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos estatais ou autonómicos achegados para o efecto, na mesma ou noutras aplicacións orzamentarias, de acordo con artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 20, do 29 de xaneiro de 2009).

2. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2018, no momento da resolución.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal.

Disposición adicional primeira

As actividades subvencionables por esta orde enmárcanse no disposto no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, e ao establecido no Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento das razas autóctonas españolas, modificado polo Real decreto 181/2015, do 13 de marzo.

Disposición adicional segunda

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo polo que se aproba o Regulamento da citada lei e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional terceira

Para facilitar o manexo das bases reguladoras aos posibles beneficiarios, os seguintes artigos desta orde redactáronse seguindo o establecido no Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro, modificado polo Real decreto 181/2015, do 13 de marzo: artigo 3 (beneficiarios), artigo 4 (actuacións obxecto da subvención), artigo 5 (contía e compatibilidade das axudas) e artigo 10 (criterios de adxudicación) nos puntos 1.a), 1.b), 1.c) e 2.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar cantas instrucións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file

ANEXO II

Contido anexo I do Regulamento nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014

Definición de microempresas, pequenas e medianas empresas

Artigo 1. Empresa

Considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Artigo 2. Efectivos e límites financeiros que definen as categorías de empresas

1. A categoría de microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) está constituída polas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Na categoría das pemes, defínese unha pequena empresa como unha empresa que ocupa a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

3. Na categoría das pemes, defínese a unha microempresa como unha empresa que ocupa a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Artigo 3. Tipos de empresas considerados para o cálculo dos efectivos e os importes financeiros

1. É unha «empresa autónoma» a cal non pode cualificarse nin como empresa asociada a efectos do número 2 nin como empresa vinculada a efectos do número 3.

2 Son «empresas asociadas» todas as empresas ás cales non se pode cualificar como empresas vinculadas a teor do punto 3 e entre as cales existe a relación seguinte: unha empresa (empresa participante) posúe, por si soa ou conxuntamente cunha ou máis empresas vinculadas, a teor do punto 3, o 25 % ou máis do capital ou dos dereitos de voto doutra empresa (empresa participada).

Unha empresa pode, con todo, recibir a cualificación de autónoma, sen empresas asociadas, aínda que se alcance ou se supere o límite máximo do 25 %, cando estean presentes as categorías de investidores seguintes, e a condición de que entre estes, individual ou conxuntamente, e a empresa en cuestión non existan os vínculos descritos no punto 3:

a) Sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco, persoas físicas ou grupos de persoas físicas que realicen unha actividade regular de investimento en capital risco (investidores providenciais ou business angels) e invistan fondos propios en empresas sen cotización bolsista, a condición de que o investimento dos devanditos business angels na mesma empresa sexa inferior a 1.250.000 euros.

b) Universidades ou centros de investigación sen fins lucrativos.

c) Investidores institucionais, incluídos os fondos de desenvolvemento rexional.

d) Autoridades locais autónomas cun orzamento anual de menos de 10 millóns de euros e unha poboación inferior a 5.000 habitantes.

3. Son «empresas vinculadas» as empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios doutra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control doutra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Hai presunción de que non existe influencia dominante, cando os investidores enunciados no punto 2, segundo parágrafo, non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas ou de asociados.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro a través doutra ou outras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2, consideraranse tamén vinculadas.

Consideraranse tamén empresas vinculadas as que manteñan algunha das devanditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos.

Considerarase «mercado contiguo» o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

4. Fóra dos casos citados no punto 2, parágrafo segundo, unha empresa non pode ser considerada como peme se o 25 % ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto están controlados, directa ou indirectamente, por un ou máis organismos públicos ou colectividades públicas, conxunta ou individualmente.

5. As empresas poden efectuar unha declaración relativa á súa cualificación como empresa autónoma, asociada ou vinculada, así como aos datos relativos aos límites máximos enunciados no artigo 2. Pode efectuarse esta declaración aínda que o capital estea distribuído de tal forma que non se poida determinar con precisión quen o posúe, se a empresa declara con presunción lexítima e fiable que o 25 % ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou non o posúe conxuntamente con empresas vinculadas entre elas. Tales declaracións non eximirán dos controis e verificacións previstos polas normativas nacionais ou da Unión.

Artigo 4. Datos que hai que tomar en conta para calcular os efectivos, os importes financeiros e o período de referencia

1. Os datos seleccionados para o cálculo do persoal e os importes financeiros son os correspondentes ao último exercicio contable pechado, e calcúlanse sobre unha base anual. Téñense en conta a partir da data en que se fechan as contas. O total de volume de negocios calcularase sen o imposto sobre o valor engadido (IVE) nin tributos indirectos.

2. Cando unha empresa, na data de peche das contas, constate que se superaron nun sentido ou noutro, e sobre unha base anual, os límites máximos de efectivos ou os límites máximos financeiros enunciados no artigo 2, esta circunstancia só lle fará adquirir ou perder a calidade de mediana ou pequena empresa, ou de microempresa, se esta superación se produce en dous exercicios consecutivos.

3. En empresas de nova creación que non pecharon aínda as súas contas, utilizaranse datos baseados en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

Artigo 5. Efectivos

Os efectivos corresponden ao número de unidades de traballo anual (UTA), é dicir, ao número de persoas que traballan na empresa en cuestión ou por conta da devandita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, cóntanse como fraccións de UTA. O persoal estará composto por:

a) Asalariados.

b) Persoas que traballan para a empresa, que teñan con ela un vínculo de subordinación e estean asimiladas a asalariados con arranxo ao dereito nacional.

c) Propietarios que dirixen a súa empresa.

d) Socios que exerzan unha actividade regular na empresa e gocen de vantaxes financeiras por parte da empresa.

Os aprendices ou alumnos de formación profesional con contrato de aprendizaxe ou formación profesional non se contabilizarán dentro dos efectivos. Non se contabiliza a duración dos permisos de maternidade ou dos permisos parentais.

Artigo 6. Determinación dos datos da empresa

1. No caso de empresas autónomas, os datos, incluídos os efectivos, determinaranse unicamente sobre a base das contas da devandita empresa.

2. Os datos, incluídos os efectivos, dunha empresa con empresas asociadas ou vinculadas, determinaranse sobre a base das contas e demais datos da empresa, ou ben, se existen, sobre a base das contas consolidadas da empresa, ou das contas consolidadas nas cales a empresa estea incluída por consolidación.

Aos datos recollidos no parágrafo primeiro débenselles agregar os datos das posibles empresas asociadas coa empresa en cuestión, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a esta. A agregación será proporcional á porcentaxe de participación no capital ou nos dereitos de voto (á máis elevada destas dúas porcentaxes). En caso de participacións cruzadas, aplicarase a porcentaxe máis elevada.

Aos datos recollidos nos parágrafos primeiro e segundo engadirase o 100 % dos datos das empresas que poidan estar directa ou indirectamente vinculadas á empresa en cuestión e que non fosen incluídas nas contas por consolidación.

3. Para aplicar o punto 2, os datos das empresas asociadas coa empresa en cuestión deben proceder das contas, consolidadas se existen, e dos demais datos, aos cales se deberá engadir o 100 % dos datos das empresas vinculadas a estas empresas asociadas, salvo se os seus datos contables xa se incluíron por consolidación.

Para aplicar o devandito punto 2, os datos das empresas vinculadas á empresa en cuestión deben de proceder das súas contas e dos demais datos consolidados, se existen. A estes deberáselles agregar proporcionalmente os datos das empresas que poidan estar asociadas a estas empresas vinculadas, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a estas, salvo se se incluíron xa nas contas consolidadas nunha proporción polo menos equivalente á porcentaxe definida no punto 2, parágrafo segundo.

4. Cando nas contas consolidadas non consten os efectivos dunha empresa dada, calcularanse incorporando de maneira proporcional os datos relativos ás empresas coas cales a empresa estea asociada, e engadindo os relativos ás empresas coas que estea vinculada.