Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2017 Páx. 58032

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases de subvencións a salas de artes escénicas e se convocan para o ano 2018.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008. En consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

«c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.

f) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura dos cidadáns e das cidadás».

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbase a convocatoria pública de subvencións a salas de artes escénicas de carácter privado, para o exercicio 2018, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto, finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o fomento da estabilidade e consolidación das salas de artes escénicas de titularidade privada que desenvolvan programacións artísticas de carácter profesional, e a súa convocatoria para o ano 2018 (código do procedemento CT402D).

2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou de calquera organismo dependente.

3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo da actividade subvencionada.

4. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

d) Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

E supletoriamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Segunda. Beneficiarias da subvención

Poderán solicitar as subvencións as persoas físicas ou xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade igual ou inferior a 250 localidades que presenten un proxecto de programación artística para o ano 2018. Exclúense salas cuxa titularidade pertenza a asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro. O solicitante deberá probar a dispoñibilidade da sala mediante copia da escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito, e deberá estar en posesión da licenza de apertura da sala para a cal solicita a axuda na actividade correspondente.

Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

Terceira. Importes e límites das subvencións

1. O importe máximo para o financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria é de 70.000 euros, da partida orzamentaria 2018.10.A1.432.B.470.0.

Concederase unha dotación unitaria máxima de 30.000 euros por entidade beneficiaria, co límite do 50 % do orzamento do proxecto presentado.

2. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2017 poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso do gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución se entenderán condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

Cuarta. Inicio do procedemento: solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as persoas representantes delas. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas físicas interesadas, non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Estas bases, así como as solicitudes e os anexos que se xuntan, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Quinta. Prazo

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase, ademais, que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Sexta. Documentación requirida aos solicitantes

1. Ademais da solicitude (anexo I), os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

– Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

2. As persoas solicitantes deberán enviar a seguinte documentación complementaria:

– Copia da escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito que acrediten a dispoñibilidade da sala por parte do solicitante.

– Licenza de apertura do espazo.

– Contratos laborais do persoal vinculado ao proxecto.

– Ficha do proxecto de programación (anexo II).

– Plan de comunicación e xestión de públicos coa explicación detallada do plan de accións de comunicación e márketing correspondente.

– Plan económico financeiro (anexo III).

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– NIF da persoa xurídica solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Novena. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Subvencións» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707, Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.gal.

Décima. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento de concorrencia competitiva, dividida en dúas fases, no que as comisións de avaliación ordenarán os expedientes por puntuación, segundo os criterios de avaliación establecidos na presente convocatoria. A asignación das contías farase en proporción á puntuación recibida e ao orzamento solicitado, sen exceder os límites establecidos.

2. A dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

a) Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

b) Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

c) Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

3. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Décimo primeira. Resolución e notificación

1. Unha vez cumprido o disposto nas cláusulas anteriores, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 [DOG nº 164, do 29 de agosto]), deberá ditar resolución expresa, no prazo de quince (15) días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco (5) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

3. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo segunda. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se realicen ou deixen de realizar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou sexa expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico realizarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicaranlle á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Ademais, a entidade beneficiaria poderá enviar, no prazo de dez (10) días desde a notificación da subvención concedida, un plan económico adaptado á subvención concedida, para o suposto de que esta sexa inferior á contía solicitada, e pola diferenza entre ambas as cantidades.

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Décimo terceira. Comisión e criterios de valoración

1. A comisión de avaliación será nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic e estará constituída por:

a) Tres persoas do cadro de persoal da Agadic, unha das cales asumirá a presidencia.

b) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal, e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

2. A comisión de valoración avaliará as solicitudes consonte os criterios de valoración establecidos nestas bases, emitirá un informe relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, indicará a puntuación asignada a cada un deles e fará unha proposta dos que se consideran subvencionables.

3. Unha vez entregado o informe preceptivo por parte da comisión de valoración, a dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución e indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas. A contía proposta para cada proxecto calcularase proporcionalmente aos puntos recibidos, á solicitude e ao orzamento do proxecto.

4. Os criterios xerais de valoración serán os seguintes:

1) Antigüidade da empresa como xestora da sala para a cal solicita axuda: 6 puntos.

– De 2 a 5 anos: 1 punto.

– De 6 a 10 anos: 3 puntos.

– Máis de 10 anos: 6 puntos.

2) Capacidade da sala: 6 puntos.

– De 30 a 60 espectadores: 1 punto.

– De 61 a 100 espectadores: 3 puntos.

– Máis de 100 espectadores: 6 puntos.

3) Pertenza da sala á Rede galega de salas: 4 puntos.

4) Interese artístico, calidade e relevancia do proxecto de programación: 20 puntos.

5) Número de funcións que se van realizar (excluídas as da Rede galega de salas): 10 puntos.

– Entre 20 e 30 funcións: 1 punto.

– Entre 31 e 50 funcións: 4 puntos.

– Entre 51 e 80 funcións: 8 puntos.

– Máis de 80 funcións: 10 puntos.

6) Número de días con actividade aberta ao público (recóllese todo tipo de actividade: funcións tanto da RGS coma non, actividades complementarias de calquera tipo, presentacións, etc.): 10 puntos.

– De 30 a 50 días: 1 punto.

– Entre 51 e 70 días: 4 puntos.

– Entre 71 e 100 días: 6 puntos.

– Máis de 100 días: 10 puntos.

7) Programación de compañías galegas: 10 puntos.

– Entre o 20 % e 40 % do total das compañías programadas: 1 punto.

– Do 41 % ao 60 % do total das compañías programadas: 5 puntos.

– Máis do 60 % do total das compañías programadas: 10 puntos.

8) Actividades complementarias: 6 puntos.

Recóllense os proxectos que conteñan actividades dos seguintes programas: fomento de novos creadores, programas formativos, programas de colaboración con centros de ensino.

– 2 actividades: 1 punto.

– Entre 3 e 5 actividades: 3 puntos.

– Máis de 5 actividades: 6 puntos.

9) Plan de comunicación e xestión de públicos: 8 puntos.

A comisión valorará a orientación da sala á xeración de novos públicos polo que se deberá reflectir detalladamente o plan de actuación das accións de comunicación e márketing correspondentes.

10) Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento do proxecto: 7 puntos.

– Ata o 25 %: 7 puntos.

– Máis do 25 % ata o 40 %: 3 puntos.

– Máis do 40 % ata o 70 %: 1 punto.

11) Adecuación do orzamento ao proxecto: 5 puntos.

A comisión valorará a maior aproximación do custo real ás actuacións que se van realizar.

12) Recursos humanos implicados no proxecto: 8 puntos.

A comisión valorará o cadro de persoal implicado no proxecto con contrato laboral no momento de presentarse a solicitude.

– Ata 2 persoas traballadoras: 1 punto.

– De 3 a 5 persoas traballadoras: 4 puntos.

– Máis de 5 persoas traballadoras: 8 puntos.

Décimo cuarta. Pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic –consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia– poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

– Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

– Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do pagamento á conta, e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo quinta. Xustificación e liquidación da subvención outorgada

1. O prazo de xustificación da presente subvención remata o 10 de novembro de 2018.

2. Gastos subvencionables:

Só se admitirán como gastos subvencionables os efectivamente pagados con anterioridade ao remate da xustificación, que indubidablemente sexan custos vinculados ao funcionamento da sala e ao desenvolvemento do proxecto de programación presentado con data comprendida entre 1 de novembro de 2017 ata o 31 de outubro de 2018, e que se inclúan entre os seguintes:

– Gastos do persoal contratado (salarios e cotizacións sociais) vinculado ao proxecto e das persoas socias traballadoras, cun límite global do 40 % do gasto total do proxecto, e con límite por persoa traballadora de 2.000 euros brutos mensuais.

– Gastos xerais do funcionamento da sala: alugamentos, subministracións, gastos correntes e de servizos, seguros, gastos de xestoría, cun límite do 40 % do gasto total do proxecto.

– Gastos vinculados á programación (remuneración por espectáculos, gastos por servizos asociados á programación, dereitos de autor, gastos de difusión e publicidade).

Non serán subvencionables os gastos relativos:

– Ao imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

– A calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da subvención.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

3. Os beneficiarios deberán entregar a seguinte documentación xustificativa:

– Memoria xeral da actividade realizada, segundo o orzamento presentado coa solicitude.

– Balance de ingresos e gastos (anexo IV).

– Relación completa dos gastos realizados, polo importe total do orzamento presentado dos gastos de explotación (anexo V).

– Xustificantes, orixinais ou copias compulsadas dos gastos realizados e imputados á subvención.

– Certificación bancaria acreditativa da realización dos pagamentos correspondentes a todos os gastos imputados á subvención concedida. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

– Unha copia en formato CD, DVD ou outro sistema analóxico ou dixital, dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) empregados para a difusión e promoción da actividade subvencionada; esta documentación poderase achegar igualmente por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos da comprobación da realización da actividade.

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo VI).

4. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

Décimo sexta. Obrigas específicas asumidas polos beneficiarios

A entidade subvencionada asume a obriga de cumprir a presente convocatoria e, en concreto, as obrigas seguintes:

1. Facer constar os logotipos da Agadic e da Xunta de Galicia, segundo a súa normativa básica de identidade corporativa, en todos os elementos de difusión relacionados coa actividade subvencionada, inseríndoos nun lugar preferente ou, cando menos, en igualdade de condicións que a entidade subvencionada.

2. Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

Décimo sétima. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. O beneficiario ten a obriga de solicitar da Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos exixidos na base cuarta da presente resolución para poder optar ás subvencións.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, motivadamente, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Décimo oitava. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na restante normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en particular, polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file