Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2017 Páx. 58066

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 4 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases de subvencións a salas de artes escénicas e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 375575.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán solicitar as subvencións as persoas físicas ou xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade igual ou inferior a 250 localidades que presenten un proxecto de programación artística para o ano 2018. Exclúense as salas cuxa titularidade pertenza a asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro. O solicitante deberá probar a dispoñibilidade da sala mediante copia da escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito, e deberá estar en posesión da licenza de apertura da sala para a cal solicita a axuda na actividade correspondente.

Segundo. Finalidade

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para fomentar a estabilidade e a consolidación das salas de artes escénicas de titularidade privada que desenvolvan programacións artísticas de carácter profesional.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 4 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases de subvencións a salas de artes escénicas e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

O importe máximo para o financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria é de 70.000 euros, da partida orzamentaria 2018.10.A1.432.B.470.0.

Concederase unha dotación unitaria máxima de 30.000 euros por entidade beneficiaria, co límite do 50 % do orzamento do proxecto presentado.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais