Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 26 de decembro de 2017 Páx. 58236

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario licenciado sanitario de atención primaria.

Coa finalidade de facer efectivo o dereito á mobilidade voluntaria do persoal estatutario fixo recoñecido no artigo 17 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, favorecer a conciliación da vida laboral e familiar e acadar un mellor desenvolvemento profesional, esta dirección xeral, en virtude das facultades conferidas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 47, do 7 de marzo) e o artigo 4 da Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 139, do 20 de xullo), logo de negociación das bases no seo da Mesa Sectorial de Sanidade, coa aprobación das organizacións sindicais CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., CSIF e SATSE

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a convocatoria de concurso de traslados para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario das categorías de licenciado sanitario de atención primaria, que se detallan no anexo.

Esta convocatoria manterá a súa vixencia no tempo, cunha oferta de prazas e adxudicación de destinos que terán unha periodicidade mínima anual e que serán publicadas, ambas as resolucións, no Diario Oficial de Galicia así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Segundo. A solicitude de participación no concurso deberá efectuarse a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos), dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e deberá presentarse por rexistro electrónico.

En particular, na categoría de médico/a da familia de atención primaria, o sistema de información Fides/expedient-e identificará no formulario de participación os destinos que levan asociado o exercicio de titoría de persoal residente en formación.

De conformidade coa base 2.1.4 da Resolución do 20 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se aproban as bases do procedemento (DOG núm. 227, do 29 de novembro) aqueles/as profesionais que resulten adxudicatarios/as dun destes destinos asumirán o compromiso da súa realización.

Terceiro. As persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

En cada ciclo anual de adxudicación incluiranse as solicitudes de participación e petición de destinos que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do ano en curso.

Con carácter excepcional, e exclusivamente para o primeiro ciclo de adxudicación, admitiranse as solicitudes de participación e petición de destinos que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 31 de xaneiro de 2018.

Cuarto. Serán de aplicación a este proceso as bases aprobadas por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 20 de novembro de 2017 (DOG núm. 227, do 29 de novembro), así como o baremo de méritos aprobado por Resolución do 23 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (DOG núm. 105, do 5 de xuño).

No suposto de que na data do 15 de xaneiro, data límite de inscrición de cada ciclo anual de adxudicación, se tivese publicado, logo de negociación coas organizacións sindicais, un novo baremo, a valoración de méritos dos/das profesionais participantes efectuarase consonte este último baremo.

Quinto. Para efectuar as consultas e resolver as dúbidas que xurdan en relación con este procedemento, habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: concurso.traslados@sergas.es

Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2017

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Farmacéutico/a de atención primaria.

Médico/a de familia.

Odontólogo/a de atención primaria.

Pediatra de atención primaria.