Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 26 de decembro de 2017 Páx. 58167

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se establece o formato da solicitude de excepcionalidade para refuxios ou espazos libres regulada no Decreto 107/2017, do 26 de outubro, relativo aos ascensores instalados na Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición adicional primeira do Decreto 107/2017, de 26 de outubro, relativo aos ascensores instalados na Comunidade Autónoma de Galicia, establece que a dirección xeral competente en materia de industria publicará no Diario Oficial de Galicia o formato da solicitude de excepcionalidade para refuxios ou espazos libres, regulada no artigo 6 do dito decreto.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

1. Establecer o formato da solicitude de excepcionalidade para refuxios ou espazos libres, regulada no artigo 6 do Decreto 107/2017, de 26 de outubro, relativo aos ascensores instalados na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o modelo que figura no anexo desta resolución, e regular a tramitación deste procedemento, que ten asignado o código IN605B.

2. O procedemento IN605B é un procedemento administrativo de prazo aberto. O prazo para resolver e notificar a resolución que proceda será de cinco meses. Transcorrido ese prazo sen que recaese resolución expresa poderá entenderse estimada a solicitude.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as persoas sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Caso dun edificio novo: estudo arquitectónico que demostre que non existe a posibilidade de dispoñer dos refuxios ou espazos libres, en que conste que se trata dun edificio novo e planos de situación do ascensor dentro do edificio.

– Caso dun edificio existente: estudo arquitectónico que conclúa que non se pode materialmente practicar os refuxios ou espazos libres, ou que teñen que empregarse medios desproporcionados para iso, no cal figure a antigüidade da edificación, planos de situación do ascensor dentro do edificio, comparativa entre a solución que se prevexa desproporcionada e a proposta de excepción e, se é o caso, relación de impedimentos legais.

6. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da persoa xurídica solicitante.

7. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación de solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

10. Os modelos normalizados aplicables na tramitación deste procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente.Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

IN605BG.pdf
IN605BG.pdf