Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 28 de decembro de 2017 Páx. 58935

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXIV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, X Manuel María de literatura dramática infantil e XIII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2018.

Segundo establece o artigo 1.2 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, a Agadic é unha axencia pública autonómica das reguladas na disposición adicional quinta do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, facultada para exercer potestades administrativas no ámbito das súas funcións.

A Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables.

Segundo establece o artigo 5 da Lei 4/2008, a Agadic exercerá, entre outras, as seguintes funcións: estimular a creación, avivar o talento e a capacitación e incitar ao recoñecemento social e económico de artistas e autores e autoras, en canto subministradores de recursos inmateriais no proceso de produción.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbanse as bases e a convocatoria pública para a concesión dos premios literarios da Agadic para o exercicio 2018, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e réxime xurídico

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria para o ano 2018, baixo o réxime de concorrencia competitiva, da XXIV edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da X edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e da XIII edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades para rapaces e para adultos, segundo o público a que vaian dirixidos os textos (código do procedemento CT214A).

A concesión dos premios rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Segunda. Dotación e imputación orzamentaria

Existirá un único galardoado por premio (e modalidade, no caso do premio Barriga Verde), coa seguinte dotación económica:

– Álvaro Cunqueiro: 6.000 €.

– Manuel María: 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para rapaces): 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2018 con cargo á aplicación orzamentaria da Agadic-10.A1.432B.480.0 e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2017 poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso do gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución se entenderán condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

Coa finalidade de difusión cultural que lle compete á Axencia, a Agadic poderá editar os textos premiados nas súas coleccións e reservará para si os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a resolución desta convocatoria.

Terceira. Requisitos de participación

– Poderán optar aos premios as persoas físicas maiores de idade que presenten textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias.

– Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios.

– Non se poderán presentar textos de teatro de monicreques aos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María.

– Os gañadores da edición inmediatamente anterior non se poderán presentar ao mesmo premio (modalidade, no caso do Barriga Verde) en que resultaron galardoados.

– Non se poderá presentar o persoal da Agadic.

– Non poderán acceder a estes premios os participantes que se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Durante o proceso de resolución desta convocatoria, os participantes teñen a obriga de comunicarlle á Agadic a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do proceso.

Cuarta. Forma e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo comezará ao día seguinte da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 10 de maio de 2018.

De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso de que a solicitude e a documentación non reúnan os requisitos exixidos nestas bases, requirirase a persoa solicitante que a complete no prazo de 10 días coa advertencia de que, transcorridos eses días sen que se achegue a documentación, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa.

Quinta. Presentación do texto

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) o texto literario que presenten.

2. O texto presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar o texto presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A presentación presencial poderá facerse en formato papel ou en soporte dixital. Os textos presentados en papel deberán entregarse en tamaño A-4, paxinados, sen grampar nin encadernar. Os textos presentados en formato dixital deberán entregarse en formato pdf.

3. Na portada do texto indicarase exclusivamente o título e/ou lema e o premio a que optan (no caso do Barriga Verde debe especificarse, ademais, a modalidade: rapaces ou adultos). Nos textos, en calquera dos formatos presentados, non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato. O incumprimento deste aspecto provocará a exclusión do proceso.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos, logo de presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétima. Instrución e tramitación das solicitudes

A dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos e departamentos xestores, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar o ditame de concesión dos premios.

En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de tramitación das solicitudes e orixinais presentados, a instrución e o requirimento ás persoas solicitantes da emenda ou achega da documentación necesaria que resulte de obrigado cumprimento para o procedemento de concesión; todo isto consonte o procedemento recollido no artigo 20.5 da Lei 9/2007.

Para a adxudicación dos premios serán tidos en consideración os criterios e as puntuacións que se recollen na base novena desta resolución.

Oitava. Xurado

Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da Agadic nomeado pola dirección da Axencia.

Os membros do xurado serán designados pola dirección da Agadic, que nomeará, tamén, de entre eles, o seu presidente. O presidente dirimirá co seu voto de calidade os empates en caso de producirse. A composición do xurado farase pública no momento da comunicación do ditame.

O xurado actuará en pleno e será necesaria a asistencia, como mínimo, de dous terzos dos seus membros. As súas deliberacións serán secretas e da decisión redactarase a acta correspondente, que será asinada polo presidente e o secretario.

Os membros do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.

Os premios poderán ser declarados desertos se así o considera o xurado.

Os textos recibidos serán entregados aos membros do xurado, que garantirá en todo momento a confidencialidade e o anonimato dos autores.

Novena. Criterios de valoración, exame e proposta de resolución: ditame do xurado

O xurado, tendo en conta os criterios de valoración que se especifican a seguir, relacionará os textos presentados por orde de prelación na acta correspondente e proporá os textos premiados.

O xurado, á hora de avaliar os textos presentados, terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Calidade literaria: 30 puntos.

b) Calidade dramática: 30 puntos.

c) Viabilidade escénica: 20 puntos.

d) Adecuación á especificidade de cada premio: 10 puntos.

e) Coidado da lingua: 10 puntos.

A dirección da Agadic, á vista da acta, elaborará a proposta de resolución e elevaraa á Presidencia do Consello Reitor da Axencia, e indicará o título dos textos premiados, o seu autor e o importe económico do premio correspondente. A proposta de resolución deberá motivar a valoración dos criterios.

Décima. Resolución, comunicación, aceptación e recursos

1. O órgano competente para a resolución dos premios establecidos nesta convocatoria é a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, que resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución.

2. A resolución producirase antes do 15 de novembro de 2018 e darase a coñecer a través dos medios de comunicación ou ben en acto público, sen prexuízo da súa publicación na páxina web da Agadic.

O transcurso desa data sen que se notifique a resolución de concesión expresa, lexitima as persoas interesadas para entender desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

Os galardoados deberán aceptar de forma expresa a concesión do premio no prazo de dez (10) días hábiles contado a partir do día seguinte ao da comunicación. Transcorrido este prazo sen comunicar a aceptación ou sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

3. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

Décimo primeira. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou se deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segunda. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo cal a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo terceira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Subvencións», cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.gal

Décimo cuarta. Pagamento dos premios

Os premios outorgados por estas bases serán aboados dentro do exercicio económico 2018, unha vez que quede debidamente acreditada a identidade do autor. Así mesmo, e ao resultar que o requisito de achega da documentación necesaria para a xustificación e cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación.

Décimo quinta. Retirada de orixinais non premiados

Os textos non premiados presentados presencialmente poderán ser retirados das oficinas da Agadic, logo de presentación da solicitude de retirada asinada polo autor e identificación no momento da súa recollida, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto. Os recibidos telematicamente serán eliminados do expediente electrónico.

Décimo sexta. Información e control

As persoas beneficiarias dos premios quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas segundo a súa normativa propia.

Ademais, deberáselle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementarias que considere precisas para a concesión ou o aboamento do importe dos premios.

Décimo sétima. Supostos de reintegro

Procederá o reintegro total do premio concedido e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu aboamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos de incumprimento por parte dos beneficiarios dos premios das condicións establecidas para a súa concesión ou, de ser o caso, nos supostos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei de subvencións de Galicia, aprobada pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file