Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 28 de decembro de 2017 Páx. 58933

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

EXTRACTO da Resolución do 12 de decembro de 2017 pola que se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local participativo), da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2018 e 2019, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

BDNS (Identif.): 376488.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bsnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

a) As persoas físicas ou xurídicas de carácter privado.

b) As entidades públicas de carácter local ou comarcal: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.

c) As comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

Segundo. Obxecto

Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, en relación coa medida 19 (Leader) do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR) e con cargo ás anualidades 2018 e 2019, as subvencións que se corresponden coa submedida 19.2 do PDR (apoio para a realización de operacións conforme as estratexias de desenvolvemento local participativas dos grupos de desenvolvemento rural).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do director xeral da Agader, do 29 de decembro de 2016, pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección da Agader do 29 de decembro de 2016, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Cuarto. Contía

A contía global da convocatoria é de 7.630.000,00 € para a anualidade 2018 e 9.908.970,00 € para a anualidade 2019. Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Feader e o seu importe está distribuído entre os grupos de desenvolvemento rural seleccionados no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto durante todo o período de execución da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020, coa data límite que determine cada grupo de desenvolvemento rural en función da dispoñibilidade de fondos.

Concorrerán a unha primeira convocatoria as solicitudes presentadas ata o 31 de marzo de 2018. Unha vez tidas en conta as solicitudes presentadas ata o 31 de marzo de 2018 e unicamente no caso de existir crédito orzamentario dispoñible, poderá realizarse unha segunda convocatoria, tendo en conta as solicitudes presentadas ata o 31 de maio de 2018.

Sexto. Outros datos

Serán subvencionables proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo e que careza de finalidade lucrativa.

A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, tanto para os proxectos de natureza produtiva como para os proxectos de natureza non produtiva.

As persoas beneficiarias poderán solicitar un anticipo de ata un importe máximo do 50 % da subvención concedida.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2017

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural