Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 28 de decembro de 2017 Páx. 58954

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 3 de outubro de 2017, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas do Igape á dixitalización Industria 4.0 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, facultando o director xeral a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas do Igape á dixitalización Industria 4.0 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e convocalos para o ano 2018 en réxime de concorrencia competitiva (procedemento IG300C).

O financiamento dos obradoiros farase con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia e están suxeitos ao réxime de minimis.

As axudas ás pemes do título II das bases reguladoras anexas á presente convocatoria fináncianse no marco do programa operativo Feder Galicia 1420, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados; incluíndo os sectores agrícola pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial (….).

Actuación 3.4.1.3: apoio a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e consolidación das pemes.

Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.

Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.

Segundo. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2018. Na súa virtude a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Os prazos de presentación de solicitudes serán os seguintes:

Convocatoria

Inicio do prazo de presentación de solicitudes

Fin do prazo de presentación de solicitudes

Liña IG239.1
(obradoiros)

O día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia

28.2.2018

Liña IG239.2
(obradoiros)

2.4.2018

15.5.2018

Liña IG240.1
(axudas)

O día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia

15.3.2018

Liña IG240.2
(axudas)

1.6.2018

5.9.2018

Cuarto. Créditos:

Os créditos dispoñibles para concesións aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Convocatoria

Partida orzamentaria

Ano 2018

Ano 2019

Total

Liña IG239.1 Obradoiros

09.A1.741.A.7810

300.000,00 €

300.000,00 €

Liña IG239.2 Obradoiros

09.A1.741.A.7810

300.000,00 €

300.000,00 €

Liña IG240.1 Axudas

09.A1.741.A.7706

300.000,00 €

1.300.000,00 €

1.600.000,00 €

Liña IG240.2

Axudas

09.A1.741.A.7706

100.000,00 €

2.700.000,00 €

2.800.000,00 €

1.000.000,00 €

4.000.000,00 €

5.000.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, previa declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses desde a data de apertura de cada prazo de solicitude, transcorrido o cal se poderá entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos obradoiros (IG239.1 e IG239.2) non poderá superar o 30 de novembro de 2018.

O prazo de execución dos proxectos da primeira convocatoria de axudas (IG240.1) non poderá superar o 30 de xuño de 2019.

O prazo de execución dos proxectos da segunda convocatoria (IG240.2) non poderá superar o 30 de outubro de 2019.

Os beneficiarios deberán presentar unha solicitude de cobramento da subvención. O prazo para presentala rematará o último día hábil do mes natural seguinte ao da data de finalización do prazo de execución establecida na resolución de concesión.

Sexto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras dos obradoiros e das axudas do Igape á dixitalización Industria 4.0 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

A Axenda de Competitividade Industrial, Galicia: Industria 4.0 (en adiante, a Axenda) aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas a desenvolver pola Administración galega entre os anos 2015 e 2020.

Entre esas medidas está a posta en marcha dunha liña de axudas específica para mellorar os procesos produtivos industriais, dentro do plan de impulso á innovación e no enfoque estratéxico de pemes innovadoras.

Así mesmo, a RIS3 ten como obxectivo, dentro do Reto 2 «Aumentar a intensidade tecnolóxica dos sectores prioritarios da economía galega, a través da hibridación e as TEFs», procurar sendas de iniciación para a transformación da industria tradicional cara a modelos tecnolóxicos avanzados, implementando medidas que fomenten un cambio de orientación xeral nas empresas existentes para favorecer modelos de negocio diferenciais baseados na innovación e na tecnoloxía.

Unha das características da Fábrica Intelixente é a interacción e interconexión dos seus procesos. Non entanto, eses procesos non teñen por que ser exclusivamente os que se desenvolven dentro dunha unidade de produción, senón que tamén os procesos dos provedores, clientes e operadores loxísticos que forman parte de toda a cadea de valor dun produto ou servizo poden estar conectados, conseguindo deste xeito aforros de custos e tempos na xestión das ordes de produción, minimización ou eliminación de erros, estandarización da linguaxe de comunicación e outras vantaxes de índole menor que redundan igualmente na mellora da competitividade das empresas.

Con estas axudas preténdese impulsar o desenvolvemento de proxectos de conectividade de procesos de empresas vinculadas por unha cadea de valor. Estes proxectos terán por obxecto á implantación de solucións colaborativas de conexión e comunicación entre procesos de distintas empresas, e poderán comprender tamén as accións de deseño, desenvolvemento e adaptación das devanditas solucións.

Os obradoiros incentivan a creación de espazos de colaboración entre empresas (mínimo 6) para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación intersectorial e deben funcionar como xeradores de proxectos que, máis tarde, poden presentarse ás axudas. Deste xeito, as axudas van dirixidas a proxectos saídos do obradoiro, levando á realidade as solucións comúns ideadas neses espazos de encontro, pero tamén poden ser proxectos xurdidos espontaneamente entre as empresas.

Coas axudas á dixitalización preténdese apoiar a posta en marcha de sistemas cuxa finalidade sexa o soporte de procesos sectoriais multiempresa, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor, Business Process Management en xeral, etc. ou proxectos individuais cara a dixitalización ou conectividade da peme.

Poderán ser proxectos de carácter colaborativo presentados por agrupacións de empresas para a interconectividade entre elas ou proxectos individuais dunha peme para a súa interconexión dixital con outras da súa cadea de valor.

O financiamento das axudas ás pemes do título II conta con recursos económicos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e da Comunidade Autónoma de Galicia, e establécense ao abeiro do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado. Así mesmo, están suxeitas ás disposicións do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, e ás da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

O financiamento dos obradoiros farase con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma e están suxeitos ao réxime de minimis.

TÍTULO I

Obradoiros

Artigo 1. Obxecto

Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais susceptibles de optaren ás axudas establecidas nestas bases ou noutras convocatorias, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial (procedemento IG300C).

Estes espazos de encontro terán necesariamente carácter presencial, aínda que poderá continuarse o contacto entre os membros do grupo e organizarse outros eventos en contornos virtuais.

Deberá ter lugar, cando menos, unha reunión mensual presencial das empresas. Esta reunión terá que documentarse en vídeo ou por escrito acompañada de fotografías.

En cada espazo de encontro deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas.

Considerarase que a reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de 2/3 das empresas participantes en cada espazo de encontro. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa ou clústers empresariais.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras (DOUE C 249, do 31 de xullo de 2014) e que para as pemes aparece no punto 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 3. Conceptos de gasto subvencionables

1. Poderanse subvencionar os seguintes gastos nos que incorran os organismos intermedios para a organización dos obradoiros:

a) Colaboracións externas directamente relacionadas coa execución do proxecto, para a dirección e dinamización dos grupos de empresas. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas do organismo nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

b) Gastos de persoal do organismo intermedio:

1º. Ata un 10 % do orzamento total do proxecto en concepto de gastos de coordinación e selección de participantes se a dirección e dinamización do obradoiro se contrata a un colaborador externo.

2º. Ata o 100 % do orzamento total do proxecto se a dirección e dinamización dos grupos de empresas a realiza o organismo intermedio con persoal propio. Neste caso, terá que dispor dunha experiencia mínima de 3 proxectos de dirección e dinamización de grupos desenvolvidos con persoal propio nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda. Esta experiencia deberá declararse no formulario electrónico de solicitude de axuda e describirse en detalle na memoria requirida no artigo 9.2.c), indicando, cando menos, temática dos proxectos, número de integrantes dos grupos, metodoloxía de dinamización utilizada, obxectivos e resultados acadados.

2. O período de execución dos gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

3. Cando o importe das colaboracións externas subvencionadas supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal. En ningún caso o custo das colaboracións externas subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

4. Os provedores non poderán estar vinculados cos órganos directivos ou xestores do organismo intermedio. En ningún caso poderá subcontratarse polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

Esta vinculación debe entenderse nos termos recollidos non artigo 3.3 do anexo I ao Regulamento (UE) 651/2014:

Son «empresas vinculadas» as empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios doutra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control doutra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista doutra ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presumirase que non existe influencia dominante cando os investidores enumerados no punto 2, parágrafo segundo, non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro a través doutra ou outras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2, consideraranse tamén vinculadas.

Así mesmo, consideraranse empresas vinculadas as que manteñan algunha das devanditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos.

Considerarase «mercado contiguo» o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

Artigo 4. Intensidade da axuda

1. A subvención será do 100 % dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 € por proxecto e concédese ao abeiro do réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro).

Polo tanto, debe garantirse que, de recibir o organismo intermedio outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Para tal efecto, solicitarase do organismo intermedio unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

2. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas neste artigo.

TÍTULO II

Axudas ás pemes

Artigo 5. Obxecto

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos cuxa finalidade sexa o soporte de procesos sectoriais multiempresa, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor e outros que impliquen necesariamente a interconexión dixital de procesos entre unha peme galega e outras empresas ou entre dúas ou máis pemes galegas (procedemento IG300C).

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos, nos que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.

b) Proxectos individuais nos que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

2º. Implementación de sistemas especificamente no ámbito da produción e loxística encamiñados á dixitalización de procesos, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados mediante sensórica.

3º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomos.

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b).

Artigo 6. Conceptos de gastos subvencionables

1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto:

a) Investimentos materiais novos e/ou inmateriais adquiridos en propiedade. Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina agás elementos informáticos.

b) Colaboracións externas de carácter tecnolóxico ou organizativo: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

c) Nos proxectos da modalidade a) do artigo 5, se se opta por contar cun organismo intermedio, este poderá facturar ás pemes participantes en concepto de gastos de coordinación do proxecto. Ese importe considerarase gasto subvencionable de colaboracións externas e dividirase entre todas as pemes participantes.

2. As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

3. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. Para tal efecto o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario de solicitude de axuda a que se refire o artigo 9 destas bases.

O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

4. Os investimentos e gastos previstos por cada peme participante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución individual correspondente a cada peme os investimentos e gastos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.

5. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

6. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

7. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

8. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

Os provedores non poderán estar vinculados (segundo a definición do artigo 3.4) co beneficiario da axuda nin cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá subcontratarse polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

Artigo 7. Intensidade da axuda

1. A subvención será do 30 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 20 % para as medianas.

A subvención será do 50 % dos gastos de colaboracións externas subvencionables para ambas categorías de empresa, pequenas e medianas. Os gastos do organismo intermedio previstos no artigo 6.1.d), de existiren, terán a consideración de colaboracións externas.

2. Estes límites de axuda establécense segundo o disposto nos artigos 14 e 18 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño).

3. As axudas fináncianse no marco do programa operativo Feder Galicia 1420, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular: obxectivo temático 03; prioridade de investimento 03.04; obxectivo específico 03.04.01; campo de intervención CE001 e liña de actuación 07.

4. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas neste artigo. Un proxecto poderá recibir axuda de un ou varios fondos europeos ou de un ou varios programas e doutros instrumentos da Unión a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

Artigo 8. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes) segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.

Establécense as seguintes excepcións, segundo os artigos 1.3 e 13 do Regulamento (UE) 651/2014: empresas pertencentes ao sector da pesca e a acuicultura, ao sector da produción agrícola primaria, ao sector do aceiro, ao sector do carbón, ao sector da construción naval, ao sector das fibras sintéticas, ao sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.b).

3. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007). A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en diante, o líder), único interlocutor coa Administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá considerar, como mínimo, o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF, e nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do representante desta ante a Administración para os efectos de interlocutor con esta.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta descrito no cuestionario de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Autorización ao Igape para recadar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude: a existencia ou non de débedas coa Axencia Tributaria do Estado, a Seguridade Social e a Comunidade Autónoma de Galicia; a consulta dos datos asociados ao NIF da empresa e ao DNI do representante legal, que se cubrirá no anexo IV das bases reguladoras.

g) Sinatura de todos os integrantes.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

4. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. As pemes poderán presentar proxectos individuais e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

b) As empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).

c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

TÍTULO III

Disposicións comúns

Artigo 9. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Dentro do prazo establecido, os organismos intermedios (axudas do artigo 1), as agrupacións de pemes (axudas do artigo 5.a) ou as pemes (axudas do artigo 5.b) solicitantes deberán cubrir un formulario descritivo do proxecto e dos gastos subvencionables a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

As agrupacións de pemes deberán terse constituído previamente á presentación da solicitude. A peme designada líder da agrupación será quen deberá cubrir o formulario descritivo do proxecto e dos gastos subvencionables das pemes participantes a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, e quen presente a solicitude no nome da agrupación.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

As solicitudes presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de dez (10) días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os autónomos (persoas físicas), en canto pemes, poden ser beneficiarios destas axudas. Dada a súa finalidade de fomentar a interconexión de sistemas de procesos multiempresa, para participar nun proxecto destas características as empresas deben partir dun nivel de desenvolvemento dixital no que se refire a recursos físicos e persoais que supón necesariamente que os autónomos que participen dispoñen de medios electrónicos adecuados, polo que a única vía de presentación da solicitude de axuda é a electrónica.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter, en todo momento, un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido nos artigos 3.3 e 6.5 destas bases reguladoras.

c) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 12.4 destas bases.

d) Declaración responsable do representante legal de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda, que se cubrirá no formulario de solicitude.

e) Declaración responsable do representante legal de que o proxecto para o que se solicita a axuda non estaba comezado antes da presentación da solicitude e de que non estaba contratado nin realizado ningún dos gastos e investimentos que forman parte do proxecto, que se cubrirá no formulario de solicitude.

f) Declaración responsable do representante legal de que a empresa ten implantado un plan de igualdade, que se cubrirá no formulario de solicitude.

g) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

De conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 9.2. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

3. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Igape a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador, cuxos membros serán designados pola Dirección Xeral do Igape de entre o persoal técnico da Área de Competitividade. Este órgano estará composto por un mínimo de tres membros e contará cun presidente e un secretario/a con voz e voto. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo.

4. Unha vez ultimado o expediente, os proxectos avaliaranse segundo os criterios establecidos a continuación:

a) Avaliación de obradoiros:

1º. Dimensión do proxecto. En función do número de empresas participantes: 2 puntos por empresa ata un máximo de 20 puntos.

2º. Calidade técnica do proxecto: ata 25 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros:

i. Madurez da proposta en canto á definición da temática e obxectivos do espazo de encontro. Ata 10 puntos.

ii. Intensidade da participación das empresas que se vai promover. Ata 5 puntos.

iii. Utilización de metodoloxías probadas de dinamización de grupos e xeración de ideas. Ata 5 puntos.

iv. Diversidade en canto á posición na cadea de valor sectorial das empresas participantes. Ata 3 puntos.

v. Propostas concretas de colaboración co Igape na difusión dos resultados dos proxectos. Ata 2 puntos.

3º. Sector ou ámbito de actividade no que se desenvolva o proxecto: 15 puntos, que se outorgarán a proxectos onde a maioría das empresas que participen pertenzan a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:

i. Estratéxicos: agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

ii. Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

4º. Experiencia do organismo intermedio na xestión de proxectos colaborativos nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda: 3 puntos por cada proxecto de dinamización de grupos finalizado con resultados cuantificables e 1 punto por cada proxecto finalizado noutra temática ata un máximo de 20 puntos.

5º. Efecto tractor no sector. Interese e atractivo para a súa implementación por outras empresas: ata 20 puntos.

En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio 2º dos descritos na letra a) deste mesmo artigo 8. Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación no criterio 4º e 5º sucesivamente.

Os proxectos deberán acadar 60 puntos na baremación para ser aprobados.

b) Avaliación de proxectos de empresas:

Para a avaliación dos proxectos das pemes, sexan colectivos ou individuais, o Igape poderá utilizar o sistema de defensa pública do proxecto. Tanto a memoria que acompañe á solicitude requirida no artigo 9.2.c) como a defensa pública deben responder de forma clara e explícita a cada un dos criterios de avaliación de proxectos de empresas da letra b).

No caso de defensa pública do proxecto os aspirantes serán convocados cunha antelación mínima de dez (10) días hábiles. Na convocatoria indicarase a data, lugar e hora da intervención, publicándose un anuncio da mesma na páxina web do Igape. Posteriormente procederase a efectuar o chamamento para que un representante da agrupación ou da empresa solicitante realice a exposición e defensa do proxecto. Os membros do comité de valoración poderán efectuar preguntas para unha mellor comprensión do proxecto. Se unha empresa ou agrupación non se presenta á exposición pública, a súa solicitude será avaliada con 0 puntos no apartado de calidade técnica do proxecto. De ser imposible a asistencia, a empresa ou agrupación deberá notificalo antes da data establecida, co fin de que se lle asigne unha nova data.

Finalizada, no seu caso, esta fase de exposición e defensa, o comité de valoración procederá a puntuar cada proxecto de acordo cos seguintes criterios:

1º. Dimensión do proxecto. 20 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i. Para os proxectos colectivos do artigo 5.a) Número de pemes participantes: 4 puntos por peme ata un máximo de 20 puntos.

ii. Para os proxectos individuais do artigo 5.b): 4 puntos.

2º. Calidade técnica do proxecto: ata 50 puntos, que se avaliarán con ata 10 puntos por cada un dos seguintes parámetros:

i. Tipo de procesos a interconectar. Primarase a interacción de procesos operativos sobre os estratéxicos e estes sobre os de soporte.

ii. Implantación de sistemas xa desenvolvidos e probados na realidade empresarial.

iii. Intensidade no nivel de interacción dos procesos entre empresas.

iv. Melloras competitivas esperadas. Estimación cualitativa e cuantitativa.

v. Grao de elaboración e concreción da proposta, en canto á súa claridade expositiva e a concreción de obxectivos.

3º. Diversidade, en canto á posición na cadea de valor sectorial dos participantes, da interacción dixital proposta: 5 puntos por cada posición diferente na cadea de valor de cada empresa que se interconecta ata un máximo de 20 puntos.

4º. Sector ou ámbito de actividade no que se desenvolva o proxecto: 5 puntos, que se outorgarán a proxectos onde a maioría das empresas que participen pertenzan a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:

i. Estratéxicos: agroalimentación, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

ii. Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

5º. Participación de centros e institucións tecnolóxicas como colaboradores externos: 5 puntos, un punto por cada 1 % da previsión de gasto en colaboracións externas do proxecto.

En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio 2º dos descritos na letra b) deste mesmo artigo 8. Se aínda así seguise existindo empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, decidirase a favor do proxecto no que a maioría das empresas participantes teñan implantado un plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se cubrirá no formulario de solicitude.

Os proxectos deberán acadar 60 puntos na baremación para seren aprobados.

5. A Área de Competitividade ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa ao director xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, a súa aceptación a ser incluído na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA). Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

No caso das agrupacións de pemes do artigo 8.3, ditarase unha resolución individual para cada peme participante onde constarán as mencións do punto anterior referidas ao seu proxecto concreto segundo se definiu no propio documento da agrupación e no seu formulario específico.

6. A resolución será notificada de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 45 da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

As resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, admitíndose, modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución do proxecto máis aló das datas límites establecidas na resolución de convocatoria nin as que reduzan a menos de 6 as empresas participantes nun obradoiro nin a menos de 2 o número de pemes participantes nunha agrupación.

2. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 9 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, durante polo menos un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga.

d) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas nos artigos 4 e 7 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario ou as que resulten da normativa aplicable ás axudas concorrentes.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional segundo o establecido no anexo III a estas bases.

g) No caso de proxectos seleccionados por aplicación do criterio de desempate relativo á implantación dun plan de igualdade, deberá manterse implantado o dito plan durante o período de execución do proxecto e de mantemento dos investimentos previsto no artigo 6.7.

h) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

k) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. Cada beneficiario (organismo intermedio para o caso dos obradoiros do artigo 1 ou pemes para as axudas do artigo 5) deberá presentar a súa solicitude de cobramento da subvención nos prazos establecidos na resolución de convocatoria. No caso das agrupacións, cada peme integrante terá que presentar a súa solicitude de cobramento individual para o seu proxecto concreto.

Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

2. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 9.1 das bases reguladoras.

4. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 16.6. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo beneficiario, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Exceptúase do anterior, os documentos que, de conformidade co artigo 16.6, deban ser orixinais (orixinal en formato electrónico ou copia auténtica). No caso de que o documento orixinal estivese en formato papel, o beneficiario deberá obter unha copia auténtica, segundo os requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 39/2015, con carácter previo á súa presentación electrónica.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase ao beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de dez (10) días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu Regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Orixinal das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) Copia da documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

i. Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e estarán debidamente selados pola entidade financeira, e asinados polo beneficiario. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira ou dispoñer dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade financeira.

ii. Certificación bancaria conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

iii. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo nos que conste o cambio empregado.

c) Memoria técnica de execución do proxecto. No caso dos proxectos das modalidades a) e b).1 do artigo 5 destas bases, a memoria ten que xustificar a existencia da conectividade. No caso de agrupacións de empresas, esta memoria achegaraa a empresa líder.

d) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido nos artigos 3.3 e 6.5 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

e) A copia –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 15.f) destas bases.

7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 15.e): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, para ser beneficiario da axuda. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese de que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20% de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

11. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 14 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

12. No caso de proxectos colectivos, cada peme xustificará os seus gastos de acordo co disposto neste artigo, pero o pagamento da axuda queda condicionada á xustificación da realización do proxecto de interconexión entre as empresas integrantes, o que se fará mediante unha memoria técnica que deberá achegar a empresa líder da agrupación.

13. Adicionalmente, o Igape poderá facer unha comprobación in situ do funcionamento da conectividade da peme ou da interconexión no caso de agrupacións previamente ao pagamento da axuda.

Artigo 17. Aboamento das axudas

1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

3. As pemes beneficiarias de axudas do título II destas bases poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente dentro do prazo de 3 meses seguintes á notificación da resolución de concesión. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Neste suposto exímese aos beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido nos artigos 63.3 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

b) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, excepto o permitido no artigo 16.11.

c) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 15.f) destas bases.

d) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

e) En proxectos colectivos, que o líder da agrupación non achegue a memoria técnica á que se refire o artigo 16.12 destas bases. Esta causa de reintegro afectará o proxecto no seu conxunto e a todas as pemes beneficiarias.

f) En proxectos colectivos, que non cheguen a participar o 20 % das empresas iniciais da agrupación e o mínimo de dúas. Enténdese por participación unha xustificación de execución que non dea lugar a un incumprimento total. Esta causa de reintegro afectará o proxecto no seu conxunto e a todas as pemes beneficiarias.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 40 % da base subvencionable aprobada, considerarase un incumprimento total.

No caso das axudas ás pemes, se a execución amosa unha desviación sobre o proxecto inicial de maneira tal que o desvirtuase e non existise interconectividade entre empresas, o incumprimento considerarase total. Para avaliar este suposto haberá que estar ao contido descrito na memoria técnica de execución do artigo 16.6.c) e ao resultado da comprobación in situ polo Igape prevista no artigo 16.13.

5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos nos que se aplique o artigo 6.7 destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a continuación:

a) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto ou o plan de igualdade, de acordo co establecido no artigo 15.f) e g) destas bases, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

b) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período no que se incumprise este requisito.

6. Cada peme participante no proxecto é a responsable da execución e xustificación da subvención individual concedida. O incumprimento total ou parcial da parte dunha peme non afectará nin será causa de incumprimento para as restantes pemes participantes, excepto nos supostos previstos nas letras e) e f) do punto 3 anterior.

Artigo 19. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello.

Artigo 21. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contado desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no punto 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 23. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación sexa autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable desde ficheiro é o Igape, quen no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Artigo 24. Remisión normativa

1. Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto en:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

f) Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro).

g) Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

h) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

i) Na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

k) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2. En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

Obradoiros e axudas do Igape á dixitalización Industria 4.0

– Responsabilidade do beneficiario.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación á publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

O formato que se vai utilizar é o seguinte:

PROXECTO COFINANCIADO POR IGAPE, XUNTA DE GALICIA E FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL DO PROGRAMA OPERATIVO 2014-2020

missing image file

2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento:

a) Breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia. Para cumprir con este requisito, pode incluírse, integrado no espazo web da empresa, a seguinte imaxe:

http://www.igape.es/images/PublicidadComunitaria/FEDER-IG240-Dixitalizacion.png

b) Colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no que se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

O formato que se vai utilizar é o seguinte:

missing image file

c) No caso de que o proxecto inclúa formación a traballadores, o material didáctico que se lles entregue deberá incluír a mención ao apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia, no mesmo formato que se indicou na epígrafe 1.c) deste anexo.

3. Só para proxectos que consistan na compra dun obxecto físico e superen os 500.000 € de contribución pública total: nun prazo de tres meses a partir da conclusión da operación deben colocar, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente cuxas características serán fixadas na resolución de concesión.

– Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014:

1. O emblema da Unión deberá figurar en cor nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación, a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao Fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao Fondo correspondente se presenten nun sitio web serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser: arial, auto, calibri, garamond, trebuchet, tahoma, verdana ou ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul reflex, negro ou branco, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura e largura, que o maior dos demais logotipos.

– Utilización do logotipo da Unión Europea.

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo deste.

missing image file

Ben que en toda comunicación relativa a fondos europeos se deberá incorporar ademais unha referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente, empregarase o lema «Unha maneira de facer Europa».

missing image file