Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 28 de decembro de 2017 Páx. 59000

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 21 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (IG240-Axudas á dixitalización Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020).

BDNS (Identif.): 376860.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.

As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.b). das bases.

Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.a) das bases, os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia.

Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. As pemes poderán presentar proxectos individuais e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

Segundo. Obxecto

As axudas ás pemes van destinadas á posta en marcha de proxectos cuxa finalidade sexa o soporte de procesos sectoriais multiempresa, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor e outros que impliquen necesariamente a interconexión dixital de procesos entre unha peme galega e outras empresas ou entre dúas ou máis pemes galegas. Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos, nos que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.

b) Proxectos individuais nos que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

2º. Implementación de sistemas especificamente no ámbito da produción e loxística encamiñados á dixitalización de procesos, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados mediante sensórica.

3º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomos.

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 21 de decembro de 2017 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741.A.7706 e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Liña IG240.1 Axudas: 300.000 € con cargo ao exercicio 2018 e 1.300.000 € con cargo ao exercicio 2019.

Liña IG240.2 Axudas: 100.000 € con cargo ao exercicio 2018 e 2.700.000 € con cargo ao exercicio 2019.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación de solicitudes serán os seguintes:

Liña IG240.1 Axudas: desde o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 15.3.2018.

Liña IG240.2 Axudas: desde o 1.6.2018 ata o 5.9.2018.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica