Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 28 de decembro de 2017 Páx. 59003

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 21 de decembro de 2017, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e facultar o director xeral para a convocatoria para o exercicio 2018, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape a proxectos de formación Industria 4.0 e convocar para o exercicio 2018 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva (procedemento IG300B).

Estas axudas están cofinanciadas ao 80 % co Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

Prioridade de investimento 8.5: fomentar a adaptación dos traballadores e traballadoras, das empresas e do empresariado ao cambio.

Obxectivo específico 8.5.1: adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado laboral, así como mellorar a súa situación contractual para garantir o seu mantemento no emprego e permitir a súa progresión profesional.

Categoría de intervención 106: adaptación ao cambio de traballadores, empresas e emprendedores.

Segundo. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, para o cal existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2018. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses e comezará o 2 de xaneiro de 2018.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria

Orzamento 2018

Orzamento 2019

09.A1.741A.4805

400.000,00 €

300.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes; transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de xuño de 2019.

O prazo para presentar a solicitude de cobramento rematará o 30 de novembro de 2018 para os gastos executados antes do 31 de outubro de 2018, e o 31 de xullo de 2019 para o resto de gastos.

O prazo para solicitar os anticipos a que se refire o artigo 15 destas bases reguladoras rematará o 31 de outubro de 2018 para a anualidade de 2018 e o 31 de marzo de 2019 para a anualidade de 2019. Os importes anticipados deberán xustificarse no mesmo exercicio en que foron concedidos.

Sexto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO
Bases reguladoras das axudas do Igape a proxectos de formación Industria 4.0 para o ano 2018, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco
do programa operativo FSE Galicia 2014-2020

A capacitación do capital humano das empresas é un aspecto esencial para mellorar a súa competitividade e permitir a adaptación ao cambio e a innovación. Para este efecto, o Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, sinala a formación do capital humano como un dos eixes (xunto coa innovación, internacionalización, sustentabilidade e competitividade empresarial) sobre os cales debe pivotar calquera política industrial. A Axenda de Competitividade Industrial, Galicia: Industria 4.0 (en diante, a Axenda), aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas para que desenvolva a Administración galega entre os anos 2015 e 2020. Entre eses plans de impulso, un prevé especificamente o desenvolvemento de persoas e organizacións, con medidas de formación para persoal técnico e directivo das empresas galegas, cuxo desenvolvemento é competencia do Igape.

Nese contexto, o Igape desenvolveu o Plan Capacita, cuxa finalidade é ordenar os esforzos de promoción no ámbito da formación e a difusión e promoción de tendencias e mellores prácticas nos órganos de administración, cadros directivos e mandos intermedios das empresas galegas, así como dos emprendedores como futuros empresarios.

Así mesmo, a tendencia cara á Industria 4.0 require a formación de traballadores en contidos e capacidades relacionados con este concepto para cubrir deste modo a falta de profesionais que a nova industria precisa. A nova industria intelixente debe ser capaz, co seu equipo humano, de observar o contorno para anticiparse aos cambios e de evolucionar cara á fábrica intelixente e ao manexo dos conceptos de loxística 4.0, sensorización, interconexión completa, robótica flexible e colaborativa, vehículo autónomo, fabricación aditiva, materiais avanzados, complementada coa análise exhaustiva (big data), cloud computing e enerxía eficiente; nun itinerario que obriga a avanzar no concepto tradicional de organización industrial cara a procesos, optimización, metodoloxía lean e á formación continua en todos eses novos conceptos.

Por outra parte, á hora de deseñar unha base de axudas que apoie a capacitación, cómpre facer un esforzo específico a prol da colaboración e cooperación interempresarial, incentivando proxectos e iniciativas promovidas e coordinadas por organismos intermedios de carácter empresarial que poidan implicar en proxectos de interese común conxuntos de empresas galegas, xerando así o valor engadido das sinerxías, aforros e reciprocidades dos proxectos compartidos.

Deste xeito, esta base diríxese á mellora da competitividade empresarial mediante a formación do seu capital humano a través de proxectos propostos por organismos intermedios e dirixidos a colectivos de empresas galegas. As axudas concedidas cumpren os criterios de elixibilidade do Fondo Social Europeo no obxectivo específico 8.5.1 Adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado laboral, así como mellorar a súa situación contractual para garantir o seu mantemento en emprego e permitir a súa progresión profesional.

Estas axudas concédense ao abeiro do artigo 31 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado. Para os efectos dos límites máximos de axuda establecidos no número 4 dese artigo, as entidades solicitantes das axudas deberán declarar a súa condición de pequena ou mediana empresa segundo os termos recollidos no anexo I do devandito regulamento.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio e exclusións

1. Co obxectivo de incentivar a formación do capital humano, favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para mellorar a capacitación do equipo humano nas empresas (procedemento IG300B):

a) Proxectos de capacitación nestas tecnoloxías, metodoloxías ou técnicas relacionadas coa Industria 4.0:

Robotización e robotización colaborativa.

Fabricación aditiva.

Sensórica e actuadores mecatrónicos.

Sistemas ciber-físicos.

Automatización total ou estendida.

Intercomunicación máquina-máquina.

Conectividade total ou estendida.

Vehículos autónomos (optimización de fluxos e redución de custos).

Personalización de produtos.

Internet das cousas, internet dos equipos e máquinas.

Big Data, cloud computing e ciberseguridade.

Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministracións coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos.

Modelado e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.

b) Proxectos de capacitación en xestión e organización empresarial, dirixidos preferentemente á capacitación de mandos intermedios, nestas temáticas: organización industrial, xestión avanzada de compras, liderado de proxectos, protocolos de cooperación interempresarial, utilización de ferramentas de business intelligence e de vixilancia tecnolóxica, co-creación de produtos e novos modelos de negocio. Para os efectos desta axuda, entenderase por mando intermedio o empregado que teña ao seu cargo persoal e competencias para a organización do traballo baixo as instrucións da dirección da empresa.

2. Os proxectos de capacitación deberán incluír formación presencial in company nunha porcentaxe non inferior ao 20 % do total das horas. Enténdese como formación presencial in company a que ten como finalidade facer prácticas reais e se imparte na planta produtiva dunha empresa ou nas instalacións dun centro ou institución tecnolóxica de Galicia.

3. Non se concederán axudas para formación que as empresas teñan que impartir obrigatoriamente para cumprir normas nacionais en materia de formación.

4. En todos os proxectos debe participar un mínimo de 5 traballadores en activo de empresas con centro de traballo ou domicilio social en Galicia. Os proxectos formativos terán unha duración presencial mínima de 30 horas, que deberá levarse a cabo en Galicia. Poderanse realizar varias edicións dos proxectos formativos con distintos asistentes. No caso de proxectos co mínimo de 5 traballadores asistentes, ese número debe manterse durante toda a duración do proxecto de capacitación. A execución do proxecto con menos de 5 traballadores en activo en empresas galegas será causa de incumprimento total. Considerarase que o alumno finalizou a formación cando asistise, polo menos, ao 75 % do total de horas (presenciais e in company) da acción formativa.

5. Para os efectos do disposto no punto anterior, consideraranse traballadores en activo as persoas vinculadas profesionalmente cunha empresa galega dalgunha destas formas:

a) Relación laboral (contrato de traballo por conta allea, común ou especial).

b) Autónomos dependentes (contratos trade).

c) Socios ou administradores da empresa (cotizantes á Seguridade Social nalgún réxime).

d) Titulares da empresa ou actividade (empresarios autónomos).

Os proxectos obxecto de axuda deberán dar unha adecuada difusión á actividade formativa e permitir a calquera traballador en activo de empresas galegas a asistencia a ela. O solicitante deberá indicar no cuestionario de solicitude os criterios que utilizará para seleccionar os asistentes no caso de que a demanda supere o número de prazas dispoñible. Esta selección deberá realizarse mediante criterios obxectivos, en que a relación entre o posto de traballo e a temática do curso, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e o acceso preferente a discapacitados pese ao menos un 70 % neles, e un mínimo dun 20 % individualmente.

6. Os alumnos participantes deben obter unha capacitación ou cualificación ao rematar a acción formativa.

Para estes efectos, enténdese por capacitación ou cualificación a superación dunha proba formal en que se avalíe o coñecemento do alumno e se determine que acadou un resultado de aprendizaxe segundo uns determinados estándares.

Este resultado debe reflectirse no certificado de aproveitamento ou diploma que se entregue a cada participante, no cal como mínimo constarán tamén a denominación da acción formativa, os contidos formativos, a duración en horas e período de impartición, e que debe cumprir cos requirimentos de publicidade do FSE.

7. Cada solicitude de axuda debe ser relativa a un único proxecto formativo, e poderá comprender unha ou varias edicións sempre que sexa para distintos participantes (na mesma ou distintas localizacións). Cada organismo intermedio poderá presentar varias solicitudes (unha por cada proxecto distinto para o cal solicite axuda). O número de proxectos aprobados nunha convocatoria a unha entidade será, como máximo, de cinco.

8. As accións formativas deberán realizarse dentro do prazo de execución establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión.

9. Todas as accións formativas deberán ter comezado no ano en que se resolva a convocatoria, e rematar antes do prazo de execución de proxectos establecido nesta.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas recollidas nesta base ampáranse no artigo 31, Axudas á formación, do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

4. As subvencións previstas nestas bases estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo temático 8 (Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral), prioridade de investimento 8.5 (Fomentar a adaptación dos traballadores e traballadoras, das empresas e do empresariado ao cambio) e obxectivo específico 8.5.1 (Adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado laboral, así como mellorar a súa situación contractual para garantir o seu mantemento no emprego e permitir a súa progresión profesional), categoría de intervención 106 (Adaptación ao cambio de traballadores, empresas e emprendedores) e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na Regulamentación da UE, en particular as establecidas no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro (DOUE L 347, do 20 de decembro).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 5.2 destas mesmas bases reguladoras. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou de varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

2. A solicitude e a obtención doutras axudas ou subvencións deberán comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñezan e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tales, para efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, colexios profesionais, consellos reguladores de denominacións de orixe, ou clusters empresariais que teñan as características recollidas no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras (DOUE C 249, do 31 de xullo de 2014) e que para as empresas aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Custos subvencionables e contía das axudas

1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto, de acordo co establecido na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020:

a) Retribucións dos formadores.

b) Gastos de medios didácticos e/ou adquisición de materiais didácticos, así como os gastos en bens consumibles utilizados na realización das accións formativas.

c) Gastos de alugamento das aulas, talleres e demais superficies utilizadas no desenvolvemento da formación.

d) Seguro de accidentes dos participantes.

e) Publicidade para a organización e difusión das accións formativas.

Os gastos das letras b), c), d) e e) terán que ser contratados externamente para seren considerados gastos subvencionables.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo dá adquisición do ben ou á prestación do servizo, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Os gastos de retribución dos formadores poderán ser contratados externamente ou poderán ser gastos de persoal propio da entidade beneficiaria se conta con recursos humanos suficientes e cualificados para impartir a formación. Neste caso, consideraranse custos de persoal subvencionable o salario bruto e a Seguridade Social a cargo do empregador das persoas que impartan a formación e exclusivamente polas horas dedicadas á impartición.

As entidades beneficiarias poderán contratar todos os gastos subvencionables cun único colaborador externo.

Os colaboradores externos non poderán estar vinculados co beneficiario da axuda nin cos seus órganos directivos ou xestores.

As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal ou os servizos xurídicos periódicos.

Os gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á esta presentación; de seres así, o proxecto sería non subvencionable.

O período de execución dos gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

O custo subvencionable total de cada proxecto formativo limitarase a:

Un máximo de 50.000 euros por proxecto formativo.

Un máximo de 26 euros/hora por alumno que acade certificado de aproveitamento.

2. A subvención será, con carácter xeral, do 50 % do custo subvencionable da acción formativa e poderá incrementarse en 10 puntos adicionais no caso de que a entidade beneficiaria cumpra coas condicións de mediana empresa e en 20 puntos adicionais no caso de que cumpra coas de pequena empresa. Para estes efectos, as entidades solicitantes deberán declarar, no formulario electrónico de solicitude de axuda, a súa condición de pequena ou mediana empresa segundo a definición contida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Non se concederán axudas cando o seu importe resulte ser inferior a 3.000 euros.

Artigo 6. Criterios de avaliación e selección de proxectos

1. O sistema de avaliación será o de defensa pública do proxecto perante o órgano avaliador previsto no artigo 9 destas bases. Tanto a memoria que se achegue coa solicitude requirida no artigo 7.2.e) como a defensa pública deben responder de forma clara e explícita a cada un dos criterios de avaliación.

Para a defensa pública do proxecto os aspirantes serán convocados cunha antelación mínima de 10 días. Na convocatoria indicaranse a data, o lugar e a hora da intervención, e publicarase un anuncio na páxina web do Igape. Con carácter previo á defensa pública dos proxectos, a Área de Competitividade do Igape comprobará o cumprimento dos requisitos por parte dos aspirantes. Posteriormente, efectuarase o chamamento para que un representante do organismo solicitante realice a exposición e defensa do proxecto. O órgano avaliador poderá efectuar preguntas para unha mellor comprensión do proxecto.

2. Finalizada esta fase de exposición e defensa, o órgano avaliador puntuará cada proxecto de acordo cos seguintes criterios:

a) Tipo de proxecto de capacitación presentado, segundo artigo 1 (ata 20 puntos):

1º. Proxectos tipo a: 20 puntos.

2º. Proxectos tipo b: 10 puntos.

b) Nº total de traballadores participantes no proxecto de capacitación (ata 25 puntos):

1º. Entre 6 e 9: 10 puntos.

2º. Entre 10 e 15: 20 puntos.

3º. Máis de 15: 25 puntos.

c) Proxectos que inclúan a formación in company superior ao mínimo exixido do 20 %: 1 punto por cada 15 % adicional ata 5 puntos.

d) Profundidade e utilidade da formación proposta, tendo en conta o tipo de empresas participantes, a súa actividade económica e as funcións do alumno na empresa: ata 20 puntos.

e) Experiencia previa dos formadores (ata 25 puntos):

1º. Experiencia media acreditada dos formadores na temática da acción formativa superior a 1.000 horas ou 5 anos de traballo profesional inmediatamente anteriores á data da solicitude de axuda: 25 puntos.

2º. Experiencia media acreditada dos formadores na temática da acción formativa inferior ou igual a 1.000 horas ou 5 anos de traballo profesional inmediatamente anteriores á data da solicitude de axuda: 5 puntos por cada 200 horas ou fracción ou por cada ano de experiencia ou fracción.

3º. Sen experiencia: 0 puntos.

f) Inclusión da actividade formativa nun plan estratéxico previo do solicitante: 5 puntos.

3. Os criterios a), b), c) e d) avaliaranse en función do indicado no formulario electrónico de solicitude.

O criterio e) avaliarase segundo o indicado no formulario electrónico de solicitude con relación de proxectos similares desenvolvidos previamente, indicando temática, participantes, duración e datas de celebración ou currículo vitae do formador onde conste a empresa onde traballou e descrición das súas funcións en relación coa temática da acción formativa.

O criterio f) avaliarase, de ser o caso, a partir do plan estratéxico elaborado no exercicio da convocatoria destas axudas ou nos 3 anos anteriores, sempre que estea vixente (deberase xuntar en formato electrónico xunto co formulario de solicitude).

4. Os proxectos deberán acadar un mínimo de 60 puntos para seren subvencionables.

Artigo 7. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet
http://www.tramita.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (ben porque ten un formato erróneo ou ben porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e cos seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico eno que desexan recibir o xustificante.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación con que se actúa.

b) Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.

c) Ademais disto e, se é o caso, para os efectos sinalados no artigo 6.2 destas bases, achegarase o Plan estratéxico.

d) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido nos artigos 5.1 destas bases reguladoras.

e) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6 destas bases e á proba de avaliación que establece o artigo 1.6, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude.

f) Declaración responsable do representante legal de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se concede a axuda, que se cubre no cadro de declaracións do anexo I.

g) Declaración responsable do representante legal de que a empresa ten implantado un plan de igualdade, que se cubrirá no formulario de solicitude.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

De conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 7.2. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o cal poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

3. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Competitividade do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e, por delegación do Consello de Dirección do Igape, corresponderá ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución da solicitude que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador, cuxos membros serán designados pola Dirección Xeral do Igape de entre o persoal técnico da Área de Competitividade. Este órgano estará composto por un mínimo de tres membros e contará cun presidente e un/unha secretario/a con voz e voto. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polo órgano avaliador en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada, que elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo.

3. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios a, b, c, d e f do artigo 6, por esa orde. En caso de persistir o empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, decidirase a favor do proxecto cuxo solicitante teña implantado un plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se cubrirá no formulario de solicitude.

4. A Área de Competitividade ditará proposta de resolución con base neste procedemento e elevaraa ao director xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que correspondan ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA) e faráselle constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

6. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As resolucións e os actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

7. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria da axuda; transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións. Dentro dos límites xerais establecidos nestas bases admitiranse modificacións relativas á redución do número de accións formativas, de edicións ou de alumnos, ou substitución dos docentes, sempre respectando os mínimos requiridos polas bases e que estes cambios non desvirtúen o proxecto. Non se aceptarán modificacións que soliciten o cambio da data de inicio da acción formativa para o ano seguinte ao da convocatoria.

Se os cambios solicitados afectan os criterios de avaliación, avaliarase de novo, o que poderá dar lugar á revogación da axuda concedida se a nova puntuación resulta inferior á mínima establecida para obter axuda na resolución de concesión inicial.

2. A solicitude de modificación deberá presentarse coa anterioridade mínima dun mes ao vencemento do prazo de execución do proxecto.

O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 7 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión, notificando as actividades formativas que se vaian realizar previamente á súa celebración cunha antelación mínima dunha semana. Esta notificación levarase a cabo no enderezo electrónico igape-competitividade@igape.es e deberá especificar todas as datas, horas e lugares de impartición da acción formativa, tanto as sesións de formación presencial coma a formación in company, e as súas modificacións. O incumprimento desta obriga dará lugar á perda do dereito á subvención nos termos establecidos no artigo 16 destas bases reguladoras.

2. Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo.

4. Comunicar ao Igape a solicitude e a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Manter unha pista de auditoría suficiente e dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na documentación contable de forma separada; polo tanto, é preciso manter de forma separada na contabilidade os gastos subvencionados e o ingreso da axuda percibida e conservar toda a documentación relativa á subvención durante, polo menos, un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O comezo deste prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

6. Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, pola Xunta de Galicia e polo FSE, segundo o establecido no anexo III destas bases, en particular as establecidas no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro (DOUE L 347, do 20 de decembro).

7. Facilitar a información que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade de entidades e participantes e os de resultado inmediato enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo. Esta información deberá facilitarse a través da aplicación Participa 1420, á cal se accede no enderezo electrónico http://participa1420.conselleriadefacenda.es. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e ás catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de 6 meses desde a finalización do proxecto coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo.

8. Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

9. Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

11. Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación da subvención

1. Prazo para presentar a solicitude de cobramento: será o establecido na resolución de convocatoria.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet
http://tramita.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL), que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou aquelas en que este sexa erróneo (ben porque ten un formato erróneo ou ben porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non ser corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo beneficiario, para o cal poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Exceptúanse do anterior os documentos que, de conformidade co artigo 14.6, deban ser orixinais (orixinal en formato electrónico ou copia auténtica). No caso de que o documento orixinal estea en formato papel, o beneficiario deberá obter unha copia auténtica, segundo os requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 39/2015, con carácter previo á súa presentación electrónica.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Orixinal das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) Documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pago, e estarán debidamente selados pola entidade financeira e asinados polo beneficiario. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira ou dispoñer dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade financeira.

ii) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

iii) Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) No caso de existiren gastos de persoal, nóminas e TC2 do persoal dedicado e xustificantes bancarios do seu pagamento e arquivo informático en formato folla de cálculo onde conste a porcentaxe de dedicación mensual do persoal ás actuacións subvencionables e o custo imputado. Os ingresos á conta do IRPF ou cotas da Seguridade Social liquidables con posterioridade á data de execución consideraranse xustificados coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada deberá presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario e, en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

d) Memoria técnica, que se deberá cubrir no formulario de liquidación, en que deberán incluír toda a información sobre o proceso de selección de alumnos a que se refire o artigo 1.4 e a descrición da proba de avaliación establecida no artigo 1.6.

e) Listaxe de alumnos, en que se detalle o seu DNI, nome, empresa con que está vinculado, tipo de empresa e tipo de vinculación (dentro das permitidas polo artigo 1.4 destas bases reguladoras) indicando se superaron o curso e, de ser o caso, a nota obtida.

f) Declaración do número de horas impartidas por cada formador (parte de horas asinado).

g) Declaración de non vinculación dos colaboradores externos cos órganos directivos ou xestores do organismo beneficiario da axuda.

h) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido nos artigos 3.3 e 6.5 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

i) Xustificación da participación na actividade formativa (partes de asistencia segundo o anexo IV), en que se identificará para cada sesión se é formación xeral ou in company, a parte do programa impartido, as horas e lugar nas que se impartiu, o formador que a imparte e a súa empresa de ser o caso (NIF e denominación) e a súa sinatura. Así mesmo, para cada participante identificarase a empresa a que pertence (NIF e denominación) e o seu DNI, nome e sinatura. De cada unha das sesións deberá achegarse fotografía ou vídeo onde quede constancia da publicidade do cofinanciamento do FSE, que deberán xuntarse ao cuestionario de solicitude de cobramento en formato dixital.

j) Diplomas co contido especificado no artigo 1.6 emitidos para os alumnos que superasen a acción formativa, que deberán incorporar os correspondentes logos do FSE.

Para os efectos de determinar a subvención, unha vez executada a formación considerarase que un alumno finalizou a formación cando asistise, polo menos, ao 75 % da duración da acción formativa. Se se producisen abandonos de traballadores durante o primeiro cuarto de duración da acción formativa, poderanse incorporar outros traballadores á formación en lugar daqueles. Non se admitirán faltas de asistencia por ningunha causa superiores ao 25 % da acción formativa.

k) Información dos indicadores de produtividade relativos ás entidades e participantes, que tratan de medir a situación do participante antes da súa participación na formación e de resultados a curto prazo que reflicten a situación do participante desde que finalizou a formación e ata as 4 semanas seguintes, en formato dixital, que se cubrirá a través da aplicación de Fondo Social Europeo: https://participa1420.conselleriadefacenda.es/Participa1420

l) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas, que se cubrirá no formulario electrónico de liquidación.

m) Plan de igualdade, no caso de proxectos seleccionados por aplicación deste criterio de desempate.

7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda, ou entre estas e a verificación e control sobre o terreo da actividade formativa que realice o Igape, poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou a perda do dereito ao cobramento da axuda e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

9. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a súa concesión que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 12 destas bases, logo de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aboamento das axudas

1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os beneficiarios da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención no prazo que se estableza na resolución de convocatoria destas axudas. O anticipo non se concederá ata que se superase unha primeira visita de comprobación e control da acción formativa. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Neste suposto exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido nos artigos 63.3 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

Deberá xustificarse documentalmente a realización da actividade formativa correspondente ao importe do anticipo nos prazos que se establezan na resolución de concesión, agás que a entidade beneficiaria presente a xustificación da execución total. A documentación requirida será a mesma que se establece no artigo 14.6 destas bases para a xustificación total do proxecto.

3. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación, ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de perda do dereito ao cobramento da axuda.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao número de alumnos ou de horas de formación que non se realizaron nin xustificaron. Se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

b) Outras condicións alleas á contía ou conceptos da bases subvencionable:

1º. Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 13 destas bases, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

2º. Non comunicar ao Igape a solicitude doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

3º. Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas, suporá o reintegro do exceso percibido sobre o máximo establecido no artigo 31 do Regulamento (UE) nº 651/2014 máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

4º. Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención suporá a perda dun 5 % da subvención.

5º. Non documentar graficamente as sesións de formación (fotografía ou vídeo) suporá a perda dun 2 % da subvención concedida por cada sesión non documentada.

6º. A participación media dun número de alumnos inferior ao tido en conta para a concesión da axuda no conxunto das follas de control asinadas dará lugar a recalcular a puntuación concedida por participante (artigo 6.b). Procederá a perda dun 5 % de subvención por cada 20 % de redución na media de alumnos participantes sobre as tidas en conta para a concesión ata o límite mínimo de alumnos participantes establecido no artigo 1. Os alumnos que non finalicen a formación non computarán para estes efectos. De acordo co establecido no artigo 1.4 destas bases, se as faltas de asistencia por calquera causa son superiores ao 25 %, considerarase que non se finalizou a formación.

7º. Non cumprir os indicadores de produtividade e de resultado na aplicación informática do FSE Participa 1420 a que se refire o artigo 14.6.k) suporá a perda dun 5 % da subvención.

4. Incumprimento total, coa perda do dereito ao cobramento da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Xustificar custos por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada na resolución de concesión.

b) Non acadar o número mínimo de alumnos participantes establecido no artigo 1 destas bases reguladoras.

c) Non comunicar as datas de realización da actividade formativa nos termos establecidos no artigo 13 destas bases reguladoras.

d) No caso de que en dúas comprobacións presenciais aleatorias se detecte un número de asistentes inferior ao 50 % do número de participantes tido en conta para a concesión da axuda ou que a listaxe de asistentes os días da inspección non coincida cos que figuren na documentación da solicitude de cobramento.

e) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

f) Cando non se xustifique ante o Igape o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

g) Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

h) Cando non dispoñan dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

i) Cando o beneficiario non acredite que se atopa ao día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material da documentación xustificativa será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. O comezo deste prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es, e no Diario Oficial de Galicia, expresando a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións; non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na BDNS non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Beneficiarios-Terceiros, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape quen, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poida ser necesario achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, o seguimento, o control, a coordinación e o estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a
dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño), no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), no Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) e no resto da normativa que resulte de aplicación, en particular, a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III
Requisitos de comunicación do financiamento público

Bases reguladoras das axudas do Igape a proxectos de formación Industria 4.0

Responsabilidade do beneficiario:

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do FSE ao proxecto, incluír a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e marca turística de Galicia e mostrar:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo que dá apoio ao proxecto.

2. Durante a realización do proxecto:

a) Breve descrición do proxecto no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia. Para cumprir con este requisito pode incluírse, integrada no espazo web do beneficiario, a seguinte imaxe:

http://www.igape.es/images/PublicidadComunitaria/FSE-IG229-Formacion.png

b) Colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

missing image file

c) No caso de que o proxecto inclúa o material didáctico que se lles entregue aos traballadores alumnos, deberá incluír a mención ao apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia, no mesmo formato que se indicou na epígrafe 1 deste anexo.

3. O beneficiario asegurarase de que as partes que interveñen no proxecto foron informadas do dito financiamento. Calquera documento relacionado coa execución do proxecto que se destine ao público ou aos participantes, incluídos os certificados de asistencia ou doutro tipo, conterán unha declaración en que se informe de que o proxecto recibiu o apoio da Xunta de Galicia, do Igape e do Fondo Social Europeo.

Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo:

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo:

1. O emblema da Unión deberá figurar en cor nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación, a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao Fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao Fondo correspondente se presenten nun sitio web serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser: arial, auto, calibri, garamond, trebuchet, tahoma, verdana ou ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul reflex, negra ou branca, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura e largura, que o maior dos demais logotipos.

Utilización do logotipo da Unión Europea:

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo del.

missing image file

En toda comunicación relativa a fondos europeos deberase incorporar, ademais, unha referencia ao Fondo Social Europeo. Adicionalmente, empregarase o lema «O FSE inviste no teu futuro».

missing image file
missing image file