Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2017 Páx. 59152

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2017 pola que se modifica a Resolución do 1 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se efectúa a convocatoria para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas.

Mediante Orde do 30 de novembro de 2017 (DOG núm. 229, do 1 de decembro) estableceuse o procedemento para a selección e nomeamento de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional.

Esta orde, no seu artigo 3.1.c), dispón respecto da titulación requirida para a inclusión nas bolsas que os solicitantes terán que «estar en posesión ou estar en condicións de obter a titulación académica exixida para o acceso á correspondente subescala de acordo co previsto no artigo 22 do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional».

Mediante Resolución do 1 de decembro de 2017 (DOG núm. 237, do 15 de decembro) esta Dirección Xeral de Administración Local procedeu a efectuar a convocatoria para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas.

Esta resolución, no seu artigo 2.2.b), recolle as titulacións requiridas para a incorporación ás bolsas de interinos da subescala de intervención-tesouraría, de conformidade co artigo22 do Real decreto 114/1987, do 18 de setembro, e establece concretamente «licenciado en Dereito, licenciado en Administración e Dirección de Empresas, licenciado en Economía, licenciado en Ciencias Actuariais e Financeiras ou o título de grao correspondente».

Estimado o recurso de reposición interposto contra a dita Resolución do 1 de decembro no sentido de que se inclúan as titulacións de licenciado en Ciencias Políticas e da Administración e licenciado en Socioloxía para o acceso ás bolsas de interinos correspondentes á subescala de intervención-tesouraría,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a letra b) do punto 2 do artigo 2 da Resolución do 1 de decembro de 2017 (DOG núm. 237, do 15 de decembro) da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se efectúa a convocatoria para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas, que queda redactado da seguinte forma:

b) Para a subescala de intervención-tesouraría:

Licenciado en Dereito, licenciado en Ciencias Políticas e Administración, licenciado en Socioloxía, licenciado en Administración e Dirección de Empresas, licenciado en Economía, licenciado en Ciencias Actuariais e Financeiras ou o título de grao correspondente.

Segundo. Ampliar o prazo de presentación de solicitudes para o acceso á subescala de intervención-tesouraría un mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución para aqueles solicitantes que acrediten a titulación de licenciado en Ciencias Políticas e Administración ou licenciado en Socioloxía.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2017

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local