Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2017 Páx. 59403

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2018.

BDNS (Identif.): 377036.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións que, baixo calquera fórmula xurídica, reúnan produtores (entendidos como tales os titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación) que participen nun réxime de calidade susceptible de apoio pola submedida 3.10, para accións de promoción no mercado interior relacionadas con produtos cubertos por algún deses réximes.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2018 das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Consellería do Medio Rural para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2018.

Cuarto. Importe

Trátase de subvencións a fondo perdido que poden chegar ata o 70 % do gasto realizado. O orzamento total da convocatoria é de dous millóns de euros (2.000.000 €) para a anualidade 2018 e un millón cincocentos mil euros (1.500.000 €) para a anualidade 2019.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2017

Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural