Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Martes, 2 de xaneiro de 2018 Páx. 161

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 24 de novembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, para o alumnado do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos no curso 2017/18.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

A dita lei, na súa exposición de motivos, cualifica a mobilidade como un dos piares en que se asenta o concepto de Espazo Europeo de Educación Superior que leva consigo unha maior riqueza e a apertura a unha formación de máis calidade. Por iso, fomentar a mobilidade dos/as estudantes permite acadar unha dimensión internacional dos estudos e un enriquecemento dos itinerarios curriculares. Así mesmo, serve como factor de estímulo para a competitividade do sistema universitario e permite ao alumnado participar en sistemas académicos diferentes, integrándose nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará a súa cualificación e os seus coñecementos profesionais e lingüísticos.

Polo Regulamento (UE) nº 1288/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, creouse o programa Erasmus+ de educación, formación, xuventude e deporte da Unión para o período 2014-2020.

Neste novo marco, e co obxecto de seguir impulsando a mobilidade do alumnado do Sistema universitario de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, considera conveniente convocar esta orde de axudas que complementan o financiamento das axudas do programa Erasmus+ xestionadas polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e nas disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos durante o curso 2017/18 (código de procedemento ED417A).

Artigo 2. Orzamento

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, ao existir crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2018. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2018, cunha contía global de 1.500.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2017/18 en calquera das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia para realizar estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao.

b) Participar no programa de mobilidade universitaria con fins de estudos con autorización da universidade de orixe e ser beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.

c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

2. Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Artigo 4. Duración e contía das axudas

1. O programa de mobilidade para o cal se solicita a bolsa será realizado durante o curso académico 2017/18.

2. As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de tres meses.

3. As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:

a) De 195 euros/mes para un país de destino do grupo 1.

b) De 165 euros/mes para un país de destino do grupo 2.

c) De 125 euros/mes para un país de destino do grupo 3.

A listaxe de países por cada un dos tres grupos é a seguinte e pódese consultar na guía do programa Erasmus+ na ligazón da Comisión Europea:

http://ec.europa.eu/programmes/erasmus-plus/documents/erasmus-plus-programme-guide_es.pdf

Grupo 1

Países do programa con custos de vida superiores

Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega

Grupo 2

Países do programa con custos de vida medios

Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia, Turquía

Grupo 3

Países do programa con custos de vida inferiores

Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia, Antiga República Iugoslava de Macedonia

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED417A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, ao teren as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizaren as solicitudes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes serán subscritas electronicamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

• Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

• Estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

• Estar ao día no pagamento á Consellería de Facenda.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Obrigas das universidades

1. As oficinas de relacións internacionais das universidades do Sistema universitario de Galicia remitirán á Secretaría Xeral de Universidades unha certificación na cal conste:

• Unha listaxe completa dos/as estudantes que participan en Erasmus Estudos que sexan beneficiarios/as da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.

• Nome e apelidos do/a estudante, número do DNI ou NIE.

• País de destino, duración da estadía por meses e fin da mobilidade.

• Titulación en que está matriculado/a o/a alumno/a no curso 2017/18.

• Nota media do seu expediente académico con data do 30 de setembro de 2017, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro) e na Resolución do 13 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dispón a publicidade do acordo da Comisión de seguimento do protocolo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos.

2. Para os efectos desta orde, a duración das estadías que figuren nas respectivas certificacións non poderán ser ampliadas. As reducións das estadías deberán ser comunicadas á Secretaría Xeral de Universidades.

3. Así mesmo, unha vez finalizado o período de estadía, as oficinas de relacións internacionais das universidades do Sistema universitario de Galicia remitirán unha certificación do órgano competente onde conste unha relación de todos/as os/as alumnos/as que realizaron o programa de intercambio e a súa duración.

Artigo 10. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a listaxe definitiva das persoas beneficiarias das axudas e a contía destas e a listaxe das solicitudes denegadas.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.gal tanto as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas como as listaxes definitivas.

Artigo 11. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e unha vez examinadas estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.gal/ na epígrafe de Ensinanza/Universidade.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días e, durante ese prazo, poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada e achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades.

Secretario/a: o/a xefe/a do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/ha dos/as compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 13. Criterios de avaliación

1. Todas as persoas solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado recibirán a axuda económica establecida no artigo 4.3 desta orde.

2. Unha vez distribuída pola comisión avaliadora a contía uniforme determinada no artigo 4.3 en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+; o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre as persoas solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico, asignarae unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.

En caso de empate na nota media do expediente académico persoal, establecida a dous decimais, procederase ao desempate tendo en conta a nota media a catro decimais por orde de prelación de maior a menor. De persistir o empate, terase en conta o maior número de créditos cursados.

Artigo 14. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución.

Artigo 15. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe das persoas beneficiaras das axudas e a súa contía.

b) Listaxe de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses e comezará a contar desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.gal pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Pagamento

O aboamento das axudas farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Acreditar, mediante certificación, que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

d) Realizar as actividades previstas nos programas de mobilidade e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento.

Artigo 18. Compatibilidade, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxu@edu.xunta.es

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file