O Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, regula unha estrutura organizativa que aposta por profundar nunha maior racionalidade e eficacia no desenvolvemento competencial e de xestión das funcións que ten atribuídas a consellería, así como por desenvolver os criterios de mellora continua e de colaboración dentro do sector público reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, na actividade desenvolvida por esta nos diferentes ámbitos materiais da súa competencia, para facer máis áxil e eficiente a xestión administrativa.
Nesta liña, levouse a cabo unha reordenación funcional no seo da Dirección Xeral de Mobilidade para, por un lado, adaptarse aos cambios introducidos pola Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, e a Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación neste ámbito material, e, doutro, acadar unha maior axilidade no desenvolvemento da actividade administrativa.
Non obstante, a implementación da primeira fase da planificación do sistema de transporte público de Galicia integrado coa prestación de transporte baixo a demanda que atinxe a 800 liñas, con 10.000 paradas e preto de 5.000 horarios, revelou a necesidade de optimizar a estrutura da Dirección Xeral de Mobilidade para reforzar a área de planificación co fin de avanzar na elaboración do Plan de transporte público de Galicia, previsto na Lei 10/2016, ata rematar, a finais do ano 2019, coa súa implementación.
Por estas razóns, e desde o punto de vista funcional, a novidade máis destacable que se introduce vén constituída pola nova organización que se efectúa na Dirección Xeral de Mobilidade onde se crean dous novos órganos, a Subdirección Xeral de Planificación Técnica do Transporte e o Servizo de Planificación, co obxectivo de reforzar a área de planificación, o que permitirá profundar e mellorar a calidade do estudo e análise das actuacións necesarias de cara á elaboración do Plan de transporte público de Galicia e para acadar a súa implementación a finais do ano 2019.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xaneiro de dous mil dezaoito,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda
O artigo 11 do Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, queda modificado como segue:
«Artigo 11. Funcións e estrutura
1. A Dirección Xeral de Mobilidade exercerá as funcións de impulso, xestión e coordinación das políticas atribuídas á Consellería nos ámbitos da planificación, financiamento e ordenación do transporte e, en particular, exercerá as seguintes:
a) A planificación, a coordinación e o seguimento da política xeral de transportes, e a execución dos servizos e das infraestruturas de transportes na Comunidade Autónoma.
b) A promoción da investigación sobre transporte, loxística e mobilidade, e o asesoramento ao departamento nestas materias.
c) O estudo e elaboración de proxectos normativos no ámbito das súas funcións.
d) A ordenación do transporte terrestre, por cable e marítimo no ámbito competencial da comunidade autónoma. No marco desta función, desenvolverá todas aquelas atribucións que lle estean conferidas polas disposicións vixentes na materia e, singularmente:
– O outorgamento das autorizacións habilitantes para o desenvolvemento da actividade de transporte, así como a emisión de informes preceptivos en relación cos indicados títulos habilitantes, consonte co establecido pola normativa sectorial.
– O outorgamento de autorizacións para a prestación de servizos de transporte público regular de viaxeiros/as.
– Acordar o establecemento ou creación de servizos regulares de transporte de persoas de uso xeral ou mixto, e aprobar os correspondentes proxectos de prestación.
– Acordar a aplicación do procedemento de adxudicación directa de contratos de xestión de servizos de transporte público regular de persoas por estrada, aprobar os correspondentes proxectos de explotación e adxudicar e formalizar estes contratos.
– A proposta de adxudicación da explotación dos servizos públicos regulares permanentes de persoas viaxeiras de uso xeral, a través do correspondente contrato de xestión, cando non resulte de aplicación o procedemento de adxudicación directa, e a resolución de expedientes referentes á súa modificación.
– O rexistro de empresas, vehículos, autorizacións, asociacións ou actividades relacionadas co transporte e a loxística.
e) A planificación e a execución das políticas de control e inspección dos diversos modos de transporte.
f) A tramitación e a resolución dos expedientes sancionadores en materia de transporte terrestre e marítimo, de conformidade coas normas de atribución de competencias vixentes. Así mesmo, e de acordo con esas mesmas normas, o estudo e a tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas en tal clase de expedientes, e a súa resolución, de ser o caso.
g) O estudo, análise e implantación de plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade sustentable, o control e a supervisión dos sistemas de información e xestión automatizados, a coordinación dos transportes urbanos cos interurbanos e o fomento de melloras nos elementos móbiles do transporte.
h) A planificación, coordinación e execución da oferta intermodal de transporte na Comunidade Autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros/as, e a proposta de adxudicación e explotación das terminais de transportes de viaxeiros/as.
i) A planificación, promoción, proxección, construción e xestión dos centros integrados de transporte e de plataformas para as actividades do transporte e a operatividade loxística de mercadorías.
j) A programación de investimentos, obras e instalacións de transportes por estrada, ferrocarril, aéreo e por cable e o réxime administrativo, dirección, inspección e control delas no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.
k) O desenvolvemento da xestión administrativa en materia de transporte e, singularmente:
– Resolución ou, se é o caso, informe e proposta dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.
– As funcións inherentes á xestión económica e o seguimento, control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividade de fomento no ámbito das súas competencias.
– A tramitación dos expedientes de expropiación forzosa no ámbito das súas competencias.
– Instrución, tramitación e proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial da Administración no ámbito das súas competencias.
l) A coordinación da actividade dos servizos territoriais de mobilidade.
2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, e para o adecuado exercicio das competencias enumeradas no artigo anterior, a Dirección Xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, ás cales corresponderán as funcións que a seguir se detallan:
2.1. Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.
2.1.1. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte exercerá as seguintes funcións:
a) A coordinación da xestión administrativa en relación cos servizos adscritos, así como cos servizos provinciais, en materia de ordenación do transporte.
b) O estudo e a proposta de resolución en materia de contratos de xestión de servizos públicos de transporte e autorizacións.
c) O apoio e asistencia á Dirección Xeral en materia de estudo, elaboración de proxectos e informes sobre textos legais ou sobre materias que a propia dirección xeral lle encomende, e asistencia na coordinación ou colaboración con outras administracións ou entidades en actuacións referentes ao transporte.
d) A coordinación da Xunta Arbitral do Transporte de Galicia.
e) A xestión das liñas de axudas en materia de transportes.
f) A coordinación da formación e a cualificación profesional no sector do transporte.
g) O apoio e asistencia en materias xurídicas, a proposta de resolución e seguimento das liñas de axudas, e a resolución ou, se é o caso, informe e proposta dos recursos interpostos no ámbito da ordenación dos transportes.
h) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.
2.1.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte contará cos seguintes servizos:
2.1.2.1. Servizo de Ordenación do Transporte Regular de Viaxeiros.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) Terá atribuído o estudo e a proposta de resolución en materia de servizos de transporte público regular de viaxeiros/as por estrada, así como o apoio e a coordinación da xestión administrativa dos servizos territoriais.
b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da subdirección xeral.
2.1.2.2. Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) Desenvolvemento e coordinación dos plans de actuación que, en materia de mobilidade, impulse a Dirección Xeral.
b) Implantación, coordinación, xestión e seguimento do Plan de transporte metropolitano de Galicia.
c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da subdirección xeral.
2.1.2.3. Servizo de Autorizacións, Informes e Xunta Arbitral.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A coordinación da xestión administrativa en materia de títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade de transporte e a elaboración de informes preceptivos e facultativos no ámbito da habilitación para o desempeño da actividade de transporte.
b) A xestión da Secretaría da Xunta Arbitral do Transporte de Galicia.
c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da subdirección xeral.
2.2. Subdirección Xeral de Inspección do Transporte.
2.2.1. A Subdirección Xeral de Inspección do Transporte exercerá as seguintes funcións:
a) En relación coa función de control do cumprimento da normativa reguladora dos transportes, corresponderalle a elaboración dos correspondentes plans e programas de actuación na dita área, así como a súa execución e o control e a avaliación do seu cumprimento.
b) A tramitación e a resolución dos expedientes sancionadores en materia de transporte terrestre e marítimo, de conformidade coas normas de atribución de competencias vixentes. Así mesmo, e de acordo con esas mesmas normas, o estudo e a tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas en tal clase de expedientes.
c) Nas ditas áreas inspectora e sancionadora corresponderalle a coordinación xeral da xestión administrativa que en tales ámbitos desenvolvan os servizos adscritos e os servizos territoriais.
d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da dirección xeral.
2.2.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Inspección do Transporte contará cos seguintes servizos:
2.2.2.1. Servizo de Inspección.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A coordinación xeral das funcións de programación, dirección e avaliación da actuación inspectora en materia de transportes desenvolvida no territorio da Comunidade Autónoma.
b) O asesoramento e a colaboración coas empresas de transporte, para os efectos de facilitarlles o cumprimento das obrigas formais e materiais que lles incumben.
c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da subdirección xeral.
2.2.2.2. Servizo de Informes e Recursos.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A incoación dos expedientes sancionadores iniciados como consecuencia da formulación das oportunas actas ou informes que subscriba o persoal inspector adscrito aos servizos centrais, así como a tramitación de tales expedientes e a dos instruídos nos servizos territoriais.
b) A tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas nos expedientes sancionadores.
c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da subdirección xeral.
2.3. Subdirección Xeral de Planificación Técnica do Transporte.
2.3.1. A Subdirección Xeral de Planificación Técnica do Transporte exercerá as seguintes funcións:
a) O estudo e a análise de plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade sustentable.
b) O estudo, a proposta e a programación das actuacións que, en materia de transportes, poidan corresponder ao ámbito de actuacións da dirección xeral.
c) A xestión e coordinación das accións que se leven a cabo en materia de aeródromos na Comunidade Autónoma.
d) O seguimento das actuacións que, respecto do transporte ferroviario, desenvolvan outras administracións públicas distintas da Comunidade Autónoma.
e) A planificación dos centros integrados de transporte e de plataformas para as actividades do transporte e a operatividade loxística de mercadorías.
f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da dirección xeral.
2.3.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Planificación Técnica contará co seguinte servizo:
2.3.2.1. Servizo de Planificación.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) Tarefas de planificación de novas actuacións destinadas ao uso dos/as viaxeiros/as do transporte público colectivo, así como dos elementos complementarios destas.
b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da subdirección xeral.
2.4. Subdirección Xeral de Infraestruturas do Transporte.
2.4.1. A Subdirección Xeral de Infraestruturas do Transporte exercerá as seguintes funcións:
a) A planificación, coordinación, redacción dos estudos e proxectos necesarios para o seu desenvolvemento e execución da oferta intermodal de transporte na Comunidade Autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros/as, así como a proposta da súa adxudicación e explotación.
b) A preparación e seguimento de protocolos, acordos e convenios sobre actuacións concertadas con outras administracións públicas en materia de infraestruturas de transporte.
c) O seguimento da execución dos convenios en materia de infraestruturas dos transporte con outras administracións publicas, incluída a súa execución orzamentaria.
d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da dirección xeral.
2.4.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Infraestruturas contará co seguinte servizo:
2.4.2.1. Servizo de Infraestruturas.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) Apoio técnico á Subdirección Xeral de Infraestruturas do Transporte sobre as infraestruturas de transporte de viaxeiros/as existentes na comunidade autónoma.
b) Tarefas destinadas á execución de novas actuacións destinadas ao uso dos/as viaxeiros/as do transporte público colectivo, así como dos elementos complementarios destas.
c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da subdirección xeral».
Disposición transitoria primeira
Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería Infraestruturas e Vivenda, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.
No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.
Disposición transitoria segunda
As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios, ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por orde da persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.
Disposición derrogatoria
Queda derrogado o capítulo III, do título II do Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, así como cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto ou o contradigan.
Disposición derradeira única
Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, once de xaneiro de dous mil dezaoito
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda