Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 18 de xaneiro de 2018 Páx. 3897

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de decembro de 2017 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinancidas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

A estrutura e dimensión da maioría das explotacións galegas, o elevado custo de adquisición e utilización da maquinaria e equipamentos, e os altos custos de amortización que xera a utilización de maquinaria individualmente fan necesario o impulso de modelos de utilización de maquinaria e equipamentos de forma colectiva orientados a abordar conxuntamente os traballos no eido agrícola e gandeiro.

Estes modelos melloran a eficiencia dos procesos produtivos nas explotacións agrarias, así como as condicións de traballo, desde a dobre vertente, cuantitativa e cualitativa, e contribúen, así, á creación de unidades produtivas máis eficientes e sustentables, económico-social e ambientalmente, o que redunda nunha mellora da calidade de vida da poboación dedicada ás actividades agrarias e, por conseguinte, tamén a unha maior fixación da poboación no medio rural.

Vistos o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro do 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, que establece axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, e o Regulamento (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro do 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias.

E coa finalidade de mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a reestruturación e modernización destas, de acordo co Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144 do 18 de novembro de 2015.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da medida 4 Investimentos en activos físico, submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (procedemento MR351A), así como convocalas para o ano 2018.

2. Esta axuda ten como finalidade:

a) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.

b) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.

c) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

Artigo 2. Definicións

Ademais das definicións establecidas na normativa comunitaria e estatal de aplicación, para os efectos desta orde enténdese por:

a) Agricultor profesional: a persoa física que, sendo titular dunha explotación agraria, polo menos o 50 % da súa renda total a obteña de actividades agrarias ou doutras actividades complementarias, sempre e cando a parte da renda procedente directamente da actividade agraria da súa explotación non sexa inferior ao 25 % da súa renda total e o volume de emprego dedicado a actividades agrarias ou complementarias sexa igual ou superior á metade dunha unidade de traballo agrario.

Para estes efectos, consideraranse actividades complementarias a participación e presenza da persoa titular, como consecuencia de elección pública, en institucións de carácter representativo, así como en órganos de representación de carácter sindical, cooperativo ou profesional, sempre que estes estean vinculados ao sector agrario. Tamén se considerarán actividades complementarias as de transformación dos produtos da explotación agraria e a venda directa dos produtos transformados da súa explotación, sempre e cando non sexa a primeira transformación especificada no número 1 do artigo 2 de la Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, así como as relacionadas coa conservación do espazo natural e protección do ambiente, o turismo rural ou agroturismo, ao igual que as cinexéticas e artesanais realizadas na súa explotación.

b) Maquinaria agrícola: son todas aquelas máquinas, motrices ou operadoras, que se utilizan para usos agrícolas. A esta categoría pertencen os tractores, as máquinas automotrices e todos os aparellos que utilizan a enerxía subministrada por un motor para desenvolver traballos agrícolas.

Entre as máis estendidas cabe citar as destinadas á preparación e traballo do terreo (arados, cultivadoras, compactador, etc.), sementadoras, de fertilización, de aplicación de tratamentos fitosanitarios, de roza e limpeza, de tratamento do forraxe, de transporte, de colleita (segadoras, recolledoras, encarreiradoras, etc.), de preparación e distribución de alimentos para o gando (carros mesturadores, remolques, etc), as dedicadas á hortofruticultura e viñedo.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias da axuda regulada nesta orde:

a) As cooperativas agrarias que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola, en diante CUMA, as sociedades agrarias de transformación, en diante SAT, que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro (DOG nº 251, do 30 de decembro), de cooperativas de Galicia.

b) O resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestaren servizos aos seus socios.

c) As cooperativas de explotación comunitaria da terra de 5 ou menos anos de antigüidade e as SAT procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións nos 10 anos posteriores á súa constitución.

Artigo 4. Requisitos para todas as entidades beneficiarias da axuda

1. Deberán ter un número mínimo de catro socios.

2. Deberán xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudo de viabilidade.

3. Utilizarán a maquinaria subvencionada para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións.

4. No caso das CUMA e SAT, cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común e as cooperativas agrarias recollidas no artigo 3.a) e b), están obrigadas a levar ao día un libro de rexistro da súa maquinaria, así como un programa de control e xestión específico para ela, que lles permita establecer e analizar os seus custos.

5. Deberán inscribir a maquinaria obxecto de axuda no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) e matriculala cando a tipoloxía da máquina o requira.

6. Non ter a consideración de empresa en crise. No caso de empresas intermedias, a consideración de empresa en crise efectuarase de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01), considerándose que unha empresa intermedia está en crise se concorre polo menos unha das circunstancias a que se fai referencia no punto 20, letras a), b), c) e d) das ditas directrices. Mentres que no caso das pequenas ou medianas empresas, aquelas que entren dentro da categoría de empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18) do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

7. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

8. Deberán cumprir as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate. Este requisito comprobarase mediante os documentos que acrediten a homologación da máquina segundo as normas comunitarias na materia da maquinaria de que se trate, os cales se presentarán coa solicitude de pagamento.

9. Deberán dispor dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.

10. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, encontrarse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

Artigo 5. Requisitos específicos para as CUMA e SAT que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario

1. Nas entidades de nova constitución a maioría dos seus socios teñen que ser agricultores profesionais.

2. Os socios deberán permanecer na entidade un mínimo de 5 anos desde a data de pagamento da axuda.

3. Todas as explotacións estarán situadas dentro dun raio de acción de 20 km. Así mesmo, no caso de colleitadoras de forraxes terán que xustificar documentalmente unha carga de traballo nas explotacións dos socios de polo menos 500 horas anuais.

4. As entidades deberán establecer no seu regulamento de réxime interno (RRI) as medidas de carácter económico en que se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e tendo en conta os criterios establecidos no estudo técnico-económico de viabilidade, así como as medidas de carácter funcional.

5. Os socios da entidade están obrigados a utilizar nas súas explotacións os bens obxecto da axuda, por un período mínimo de 5 anos desde o pagamento da axuda, nos termos establecidos e asinados no RRI.

Artigo 6. Requisitos específicos para as cooperativas agrarias

1. As cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria ou que presten servizo de maquinaria agrícola aos seus socios procurarán que os servizos ofertados cheguen á maior parte dos socios e, salvo razóns de extraordinaria inviabilidade económica ou material, a todos os socios que así o demanden, con prioridade aos agricultores profesionais.

2. Deberán establecer as medidas de carácter económico nas cales se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e das normas internas de funcionamento, que terán que ser necesariamente coñecidas polo conxunto dos socios e suficientes para garantir a continuidade do servizo de maquinaria e favorecer a súa viabilidade económica e funcional.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Investimentos subvencionables

1. Os investimentos subvencionables son os seguintes:

a) Maquinaria agrícola.

b) Estudos técnico-económicos de viabilidade.

2. Non se subvencionarán:

a) A mera reposición ou adquisición de maquinaria de segunda man ou usada.

b) Non se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos.

c) Os investimentos en maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais, nin máquinas de pequena significación para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.

d) A maquinaria e os investimentos de carácter forestal.

3. Para dar cumprimento ao requisito de moderación de custos propostos, que se establece no artigo 48.2.e) do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, fixaranse custos de referencia ditados en virtude da disposición derradeira primeira, independentemente da exixencia de presentar un mínimo de tres ofertas de distintos provedores.

En aplicación da moderación de custos, fíxase en 1.000 € o custo máximo elixible para os estudos técnicos-económicos de viabilidade, tendo en conta que non poderá superar o 12 % do custo subvencionable do investimento.

4. Establécese un investimento elixible mínimo de 20.000 € para poder ser subvencionable. O volume total do investimento elixible máximo subvencionable para cada beneficiario será de 250.000 €. No caso de cooperativa procedente de fusión, en que o número total de socios da entidade fusionada sexa superior a 1.000, o límite máximo de investimento será de 600.000 €

Artigo 10. Comezo da subvencionabilidade

Serán subvencionables os gastos efectuados con posterioridade á presentación da solicitude da axuda en tempo e forma tras a correspondente convocatoria pública, tendo en conta que a simple presentación da solicitude en modo ningún garante a súa aprobación.

Artigo 11. Tramitación e resolución das axudas

1. O Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario, da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural, instruirá os expedientes, e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez que o Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario verifique o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, o órgano colexiado, despois de baremar as solicitudes de acordo co artigo 27, criterios de selección de operacións, formulará a proposta de resolución. Este órgano estará presidido polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

3. A persoa titular desta consellería ou en quen delegue, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de dous meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. A notificación da concesión da axuda informaralles aos beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e da medida e da prioridade do PDR da que se trate.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de obxectivos ou conceptos, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa.

3. Unha vez aprobado o expediente, calquera cambio sobre os investimentos que se aprobaron deberá ser solicitado cunha anterioridade de polo menos 2 meses antes de que remate o prazo de execución. A autorización destes cambios será anterior á súa execución. Isto supón que os xustificantes do gasto e do pagamento destes novos investimentos autorizados deberán ter data posterior á dita autorización.

Estes cambios sobre os investimentos deberán ser autorizados pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da conselleira do Medio Rural, agás aqueles que non supoñan cambios nas características técnicas, que serán autorizados polo xefe do Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario.

O prazo para resolver estes cambios será de 1 mes. Se transcorrido o prazo para ditar a correspondente autorización esta non se producise, o beneficiario entenderá denegada a súa petición de cambio de investimento.

4. Nos casos en que a persoa beneficiaria non execute na súa totalidade os investimentos para os cales ten concedida a axuda ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e aprobado, deberá indicar na solicitude de pagamento os investimentos polos cales a solicita, e recalcularase a axuda segundo corresponda á redución do investimento.

5. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

6. A Consellería poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 14. Recursos administrativos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, se a resolución fose expresa.

Artigo 15. Incompatibilidade das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda.

2. As persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.

3. Así mesmo, coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 16. Reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009 que a desenvolve, tendo en conta as excepcións contidas.

2. Procederá o reintegro nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos contemplados na normativa reguladora da subvención.

3. Durabilidade dos investimentos: deberase reembolsar a axuda se, nos cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, se produce calquera das seguintes circunstancias:

a) Cesamento ou relocalización da actividade produtiva fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cambio da propiedade do elemento que proporcione a un terceiro unha vantaxe indebida.

c) Cambio substancial que afecte a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de xeito que se menoscaben os obxectivos orixinais.

4. No caso dun pagamento indebido, atendendo ao disposto no artigo 7 do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, de ser o caso, os xuros, que se calcularán en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non se poderá fixar en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

5. Tampouco se producirá o reintegro cando, durante o período de compromiso contraído como condición para a concesión dunha axuda, a persoa beneficiaria sexa absorbida ou fusionada por persoa xurídica que cumpra os requisitos exixidos, e esta asuma os compromisos e obrigas, durante a parte restante do dito período. De non asumirse o compromiso, a persoa beneficiaria estará obrigada a reembolsar as axudas percibidas.

6. En materia de reintegro da axuda tamén será de aplicación a normativa comunitaria establecida no Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade e a modificación realizada a el polo Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

Artigo 17. Controis, reducións, exclusións e sancións

1. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias será a responsable de efectuar os controis en aplicación da normativa comunitaria establecida no Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade e a modificación realizada a este polo Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

2. Os incumprimentos poderán derivar nos seguintes tipos de penalizacións:

a) Redución: diferenza entre o importe da solicitude de pagamento e o importe determinado ou admisible tras os controis.

b) Sanción: penalización que se aplica ao importe determinado ou admisible tras os controis.

c) Exclusión da axuda e, en determinados casos, do dereito a participar na mesma medida ou liña de axudas.

Os pagamentos calcúlanse sobre a base do que se considera elixible durante os controis administrativos. Cada unidade xestora determinará:

a) O importe que se pode conceder ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión. Para tal efecto tomarase en consideración a suma dos importes de gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada. No caso de que o importe da solicitude de pagamento sexa superior ao aprobado axustarase ao límite concedido.

b) O importe que se pode conceder ao beneficiario logo de controlar a elixibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada, mediante control administrativo ou sobre o terreo.

A cantidade que se lle deberá pagar ao beneficiario será a definida no importe b. Cando o importe a supera o importe b en máis dun 10 %, a cantidade que se deberá pagar é igual ao importe b menos a diferenza entre os dous importes. Non obstante nunca irá máis alá do importe solicitado.

3. Non se aplicará ningunha redución, sanción ou exclusión nos seguintes supostos:

a) Cando o incumprimento obedeza a causas de forza maior.

b) Cando o incumprimento obedeza a erros obvios.

c) Cando o incumprimento obedeza a un erro da autoridade competente ou de outra autoridade, e se á persoa afectada por sanción administrativa non lle fose posible detectar o erro.

d) Cando o interesado poida demostrar de forma satisfactoria para autoridade competente que non é responsable do incumprimento das súas obrigas ou se a autoridade competente adquire doutro modo a convicción de que o interesado non é responsable.

e) Cando o incumprimento sexa de carácter menor, segundo defina a Comisión.

f) Outros casos en que a imposición dunha sanción non sexa axeitada, segundo defina a Comisión.

4. Antes do pagamento das axudas, as persoas beneficiarias deberán acreditar de novo a xustificación de estaren ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non teñen ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da comunidade autónoma.

5. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios destas axudas seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei xeral de subvencións e nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

A presentación da solicitude de concesión da subvención por parte do interesado comportará a autorización á Autoridade de Xestión para consultar a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades.

Artigo 19. Publicidade das axudas cofinanciadas polo Feader

Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellaría do Medio Rural farase constar que estas axudas están cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader. Serán informados tamén os beneficiarios da medida e da prioridade do programa de desenvolvemento rural en que están incluídas estas axudas.

Conforme o establecido no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, pola que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a súa posterior modificación mediante o Regulamento de execución (UE) nº 669/2016 da Comisión, do 28 de abril de 2016, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo III do referido regulamento. Así:

• En todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

– O emblema da Unión.

– Unha referencia á axuda do Feader.

• Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, da seguinte forma:

– Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando se poida establecer un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

– No caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 euros, colocando polo menos un panel (dun tamaño mínimo A3) ou unha placa con información sobre o proxecto, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión, nun lugar ben visible para o público, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión, así como a bandeira europea e o lema Feader: «Europa inviste no rural», nun lugar ben visible para o público.

– No caso de que o interesado se beneficie dunha axuda pública total superior a 500.000 €, deberá colocar, nun lugar visible para o público, un cartel temporal de tamaño significativo relativo ás operacións financiadas. Posteriormente, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo no prazo de tres meses a partir da conclusión da operación financiada.

Os carteis, paneis, placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e os elementos (bandeira europea e lema Feader) ocuparán como mínimo o 25 % do cartel, placa ou páxina web.

Artigo 20. Transparencia, bo goberno e publicidade

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. Ademais, a presentación da solicitude tamén leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Sen prexuízo do disposto no artigo 11, as resolucións de concesión ou denegación da axuda serán obxecto de publicación de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e esta publicación producirá os efectos da notificación.

4. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlles á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Xustificantes do gasto dos investimentos

1. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

2. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) A data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións, consignándose todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no dito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

k) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

l) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

3. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Xustificante bancario do pagamento por parte beneficiario (transferencia bancaria, ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, xunto coa documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e xuntarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberase identificar claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

g) Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

CAPÍTULO II
Convocatoria

Artigo 22. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2018, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde.

Artigo 23. Prazo de solicitude da axuda

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 24. Documentación que deberán presentar todas as entidades solicitantes da axuda

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se fose o caso).

b) Anexo II (certificación da acta da reunión do consello reitor da entidade asociativa na cal se acorda solicitar a subvención).

c) No caso de novas entidades que presenten por primeira vez solicitudes de axuda, copia da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral. Así mesmo, nas entidades que xa presentasen solicitude de axuda noutras convocatorias deberán presentar os estatutos se fosen modificados.

d) Copia do balance e conta de resultados da empresa do último exercicio e do último TC2 dispoñible.

e) Memoria xustificativa asinada polo presidente/a ou representante legal da entidade, que inclúa como mínimo, e na mesma orde, os seguintes puntos:

i) Situación actual: actividades que se desenvolven, marco xeográfico, datos básicos da estrutura das explotacións dos socios beneficiados, características da maquinaria e equipamentos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e efectivos gandeiros, etc.

ii) Relación nominal dos socios e, de ser o caso, dos agricultores aos cales se lles vai prestar o servizo, incluíndo DNI, sexo, enderezo e condición de socio ou non socio (en formato dixital).

f) Estudo técnico-económico de viabilidade, en concordancia coa memoria, elaborado por técnico ou equipo técnico competente e formalmente independente da entidade solicitante que, polo menos na súa vertente técnica, deberá ser asinado por un titulado universitario na rama agraria, o cal se acreditará documentalmente. O estudo deberá xustificar a mellora do rendemento global das explotacións agrícolas beneficiarias do investimento ou servizo obxecto de axuda, e incluirá, por esta orde, os seguintes datos:

iii) Investimentos que se realizarán, xustificando a súa necesidade.

iv) Descrición técnica.

v) Carga de traballo prevista.

vi) Rendementos previstos.

vii) Orzamento desagregado.

viii) Custos horarios.

ix) Financiamento previsto.

x) Análise económica da súa viabilidade, que inclúa, como mínimo, indicadores económicos básicos e análise comparativa cos custos de mercado (valor engadido bruto, valor engadido neto, TIR) da entidade asociativa. Así mesmo, débese incluír para cada socio a marxe neta da súa explotación, tendo en conta o custo da utilización da maquinaria en réxime asociativo, e unha comparativa entre o custo da operación que se pretende realizar coa utilización da maquinaria en réxime asociativo e o sistema empregado ata o momento.

g) En todos os casos se deberá presentar, como mínimo, tres orzamentos, nos cales se detallen claramente os conceptos dos bens polos cales se solicita axuda (fabricante, características técnicas; no caso de maquinaria que inclúa «extras», detallaranse e valoraranse por separado), salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Así mesmo, os controis administrativos sobre as solicitudes de axuda incluirán a comprobación da moderación de custos de acordo co indicado no artigo 48 do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

h) Certificado emitido polo secretario da entidade asociativa, co visto e prace do presidente, no cal figure o valor contable do parque de maquinaria no momento da solicitude de axuda.

i) Certificado emitido polo secretario da entidade asociativa, co visto e prace do presidente, no cal figure a facturación media aos socios do parque de maquinaria nos tres anos anteriores ao ano de solicitude da axuda.

j) Copia do acordo asembleario en que se aprobe o regulamento de réxime interno (RRI).

k) As entidades asociativas agrarias que xa solicitasen axudas para o mesmo fin en exercicios anteriores deberán presentar:

i) Copia do libro de rexistro da maquinaria, así como do programa de control e xestión dela, en soporte dixital, correspondente ao ano anterior á solicitude, que inclúa xustificación da imputación de custos fixos.

ii) Relación informatizada de usuarios dos servizos de maquinaria da entidade, especificando a súa condición de socios ou non socios e o importe facturado a cada un deles.

l) As entidades asociativas agrarias que formen parte ou participen en proxectos de integración deberán acreditar a constitución efectiva da nova entidade asociativa e o proceso levado a cabo. No caso de intercooperación presentarán convenio ou acordo que recolla os requisitos establecidos nesta orde e no cal se establece o marco de cooperación na utilización de maquinaria de carácter agropecuario, para poderen solicitar e beneficiarse das axudas que se establecen nesta orde.

m) Para ter os puntos por proxecto innovador establecidos no artigo 27.2.e), presentarase certificación dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación ou dunha axencia de innovación.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 25. Documentación que deberán presentar as CUMA ou SAT que teñen como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común

1. No caso das CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a adquisición e a utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario e que sexan de nova creación, xustificación acreditativa de que máis do 50 % dos socios que utilizan os servizos obxecto de axuda son agricultores profesionais, mediante algún dos seguintes documentos:

a) Certificado de que a súa explotación está cualificada como prioritaria.

b) No caso de non dispor da cualificación como prioritaria, copia da última declaración do IRPF e da cotización á Seguridade Social no réxime especial agrario ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, en función da súa actividade agraria ou doutras acreditadas coa presentación do informe de vida laboral.

2. Nas CUMA e SAT os socios deberán presentar un documento de compromiso, asinado polo interesado, de utilización dos bens obxecto da axuda por un período mínimo de cinco anos desde a data de pagamento da axuda, segundo o anexo III. Así mesmo, neste documento declararán que non dispoñen de maquinaria das mesmas características que aquelas para as cales solicita a subvención e de que coñecen o contido do Regulamento de réxime interno.

Artigo 26. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante legal.

– NIF da entidade representante.

– Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

– Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia.

– Imposto da renda das persoas físicas (IRPF).

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os ditos documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 27. Criterios de selección de operacións

1. Ordenaranse as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de prioridade indicados neste artigo e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

2. Establécense os seguintes criterios de prioridade:

a) Atendendo á tipoloxía da entidade solicitante:

i) Cooperativa agraria con sección/servizo de maquinaria: 4 puntos.

ii) CUMA: 4 puntos.

iii) SAT que teña por obxecto social prioritario a utilización de maquinaria agrícola en común, SAT procedente de fusión ou cooperativas de explotación comunitaria da terra: 3 puntos.

b) Atendendo ao valor contable do parque de maquinaria no momento da solicitude de axuda:

i) Parque de maquinaria con valor contable igual ou superior a dous millóns de euros: 1 punto.

ii) Parque de maquinaria con valor contable igual ou superior a un millón de euros e inferior a dous millóns: 2 puntos.

iii) Parque de maquinaria con valor contable superior a medio millón de euros e inferior a un millón: 3 puntos.

iv) Parque de maquinaria con valor contable inferior a medio millón de euros: 4 puntos.

c) Atendendo á facturación media aos socios do parque de maquinaria nos tres anos anteriores ao ano de solicitude da axuda:

i) Facturación media do parque de maquinaria igual ou superior a un millón de euros: 4 puntos.

ii) Facturación media do parque de maquinaria igual ou superior a medio millón de euros e inferior a un millón: 3 puntos.

iii) Facturación media do parque de maquinaria igual ou superior a cen mil euros e inferior a medio millón: 2 puntos.

iv) Facturación media do parque de maquinaria inferior a cen mil euros: 1 punto.

d) Atendendo á porcentaxe de mulleres que integren o consello reitor da entidade solicitante:

i) > 50 %: 2 puntos.

ii) Do 30 % ao 50 %: 1 punto.

e) Investimentos en proxectos innovadores: 1 punto.

f) Investimentos en proxectos de cooperación: 1 punto.

g) Investimentos en novas tecnoloxías eficaces para reducir as emisións de CO2 e amoníaco que supoñan máis do 20 % do investimento total elixible: 2 puntos.

3. En caso de igualdade na aplicación do baremo terán prioridade as entidades solicitantes con investimentos en proxectos innovadores, seguido polos investimentos en proxectos de cooperación. Se aínda persistise o empate, priorizarase segundo a orde indicada nos criterios de selección.

4. As solicitudes cunha puntuación inferior a 5 puntos non serán subvencionables por non alcanzar os criterios de priorización mínimos.

Artigo 28. Contía económica das axudas

O importe da axuda será do 35 % dos custos elixibles, que se poderá incrementar ata un máximo do 50 % en función da aplicación dos seguintes criterios:

1. 5 % no caso de investimentos en zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas recollidas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013.

2. Investimentos colectivos, cando o beneficiario procede dunha fusión, o importe incrementarase nun 10 %.

Artigo 29. Prazo de xustificación e ampliación

1. O prazo de xustificación destas axudas remata o 1 de outubro de 2018, inclusive.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado a solicitude de pagamento, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador, segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido, que non exceda a metade deste, se as circunstancias o aconsellan e non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberase solicitar cunha anterioridade de polo menos 1 mes antes de que acabe o prazo de execución.

Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso.

Artigo 30. Xustificación e pagamento da axuda

1. Só serán subvencionables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto e pagamento con posterioridade á data de presentación da solicitude.

2. Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos, e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicalo, presentando tamén a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados, en que se incluirán os correspondentes ao gasto e pagamento destes. Esta comunicación terá a consideración de solicitude de pagamento, para os efectos do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión.

3. Ás solicitudes de pagamento da axuda deberán xuntarse os seguintes documentos:

a) Facturas e xustificantes de pagamento.

b) Certificado de inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola.

c) Ficha técnica da maquina.

d) Permiso de circulación, de ser o caso.

4. Respecto das condicións de admisibilidade da adquisición de bens mediante fórmulas de financiamento e pagamento que difiren a adquisición da plena propiedade do ben, terase en conta o seguinte:

a) Os bens deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de financiamento que condicionen a adquisición da propiedade do ben a un momento posterior (contratos de financiamento de bens con reserva de dominio, leasing, etc.), só se consideran subvencionables sempre que os bens pasen a ser da propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de xustificación da axuda. En concreto, a adquisición de maquinaria e equipamento a través de operacións de arrendamento financeiro só será subvencionable se o contrato inclúe o compromiso de compra en que se prevexa que o beneficiario chegue a ser propietario da maquinaria ou equipamento de que se trate dentro do prazo límite de xustificación da axuda. O importe máximo subvencionable non superará o valor de mercado do activo arrendado.

b) En ningún caso serán subvencionables outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento dos xuros, gastos xerais ou gastos de seguros.

c) Non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo (lease-back).

5. Unha vez presentada a solicitude de pagamento dos investimentos, o persoal designado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias realizará os correspondentes controis administrativos previos ao pagamento das axudas. Non se proporán para pagamento as certificacións inferiores a 20.000 euros de investimento elixible.

6. Os investimentos realizados, no caso de variación sobre os aprobados, deben garantir suficientemente que se cumpre o obxectivo perseguido no momento da solicitude. De non ser así, poderase iniciar o procedemento de revogación da aprobación da solicitude.

Artigo 31. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde, cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader, efectuarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia:

13.03.712B 772.0 (CP 2016 00369), cun importe para o ano 2018, de tres millóns euros (3.000.000 €).

2. A dita aplicación orzamentaria poderase incrementar, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

3. Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2018, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse:

– Pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería do Medio Rural, Secretaría Xeral Técnica, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal.

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos». Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda a través de correo electrónico dirixido a fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Disposición transitoria. Cláusula suspensiva

As axudas reguladas na presente orde están condicionadas á aprobación pola Comisión Europea da modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. Como consecuencia:

a) As resolucións de concesión de subvención que se adopten quedarán suxeitas á condición suspensiva mentres se produza a referida aprobación.

b) Os beneficiarios da axuda estarán obrigados ao cumprimento do previsto no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aínda cando os termos finais en que sexa aprobada a modificación recollan obrigas, condicións ou requisitos non previstos nestas bases reguladoras.

c) Nos supostos de diverxencias cos termos finais do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, logo de audiencia do interesado, resolverá a modificación das concesións de subvención afectadas, as cales poderán ser deixadas total ou parcialmente sen efecto, ou introducirse nas mesmas novas condicións.

d) No caso de que unha axuda resolta ao abeiro destas bases reguladoras sexa deixada sen efecto como consecuencia dos termos en que finalmente sexa aprobada a modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, tal circunstancia non xera dereito ningún sobre o seu beneficiario.

e) As resolucións de concesión de subvención que, de ser o caso, se adopten en aplicación da presente disposición deberán informar os seus beneficiarios dos termos da suspensión.

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para que dite os actos necesarios para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file