Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 18 de xaneiro de 2018 Páx. 3933

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 27 de decembro de 2017 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinancidas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 380911.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as cooperativas agrarias, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra ou as sociedades agrarias de transformación.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas en réxime de concorrencia competitiva para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, dentro da medida 4 Investimentos en activos físicos, submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (procedemento MR351A), así como convocalas para o ano 2018.

Para iso, serán subvencionables os seguintes investimentos:

a) Maquinaria agrícola.

b) Estudos técnico-económicos de viabilidade.

Non se subvencionarán:

a) A mera reposición ou adquisición de maquinaria de segunda man ou usada.

b) Non se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos que sexan recuperables.

c) Os investimentos en maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais nin as máquinas de pequena significación para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.

d) A maquinaria e os equipamentos de carácter forestal.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de decembro de 2017 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinancidas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de 3.000.000 de euros.

O importe da axuda que se concederá a cada beneficiario será do 35 % dos custos elixibles, que se poderán incrementar ata un máximo do 50 % en función da aplicación dos seguintes criterios: 5 % no caso de investimentos en zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas, e 10 % por investimentos colectivos cando o beneficiario proceda dunha fusión de cooperativas.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes é dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2017

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias