Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 19 de xaneiro de 2018 Páx. 4175

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 13 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Xunta de Galicia encargado da proposta e execución das directrices xerais da política cultural de Galicia ao cal lle corresponde a dirección e coordinación das grandes liñas de actuación e as medidas para o desenvolvemento da cultura galega, no senso máis amplo, mediante a cooperación e a suma de vontades coas institucións coas cales comparte obxectivos, entes locais, organismos públicos e entidades privadas, como forma de cristalizar as iniciativas no eido da protección, investigación e difusión cultural.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, e a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, atribúen á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de patrimonio cultural de Galicia e, como parte del, correspóndenlle as actuacións para a protección, conservación, acrecentamento e difusión do patrimonio documental e arquivos.

Os arquivos custodian documentos como testemuño e garantía de dereitos e deberes das institucións e dos cidadáns e como fonte de información para a xestión administrativa e a investigación. A súa función é conservar e servir os documentos polos medios e técnicas que lle son propias.

Os arquivos galegos forman parte dunha estrutura organizativa, o Sistema de arquivos de Galicia, composta por órganos, arquivos e servizos, que busca a consecución dos fins propios dos arquivos a través da colaboración en prol da súa rendibilidade social e económica.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como órgano coordinador e directivo do Sistema de arquivos de Galicia, é quen establece as directrices técnicas que garantan a organización e funcionamento dos arquivos que integran o sistema e lles presta asistencia, poñendo á súa disposición os recursos técnicos e os créditos que anualmente se establezan nos seus orzamentos.

En consecuencia, para que os arquivos realicen axeitadamente as súas funcións e os cidadáns teñan acceso á información contida nos documentos, é preciso que estean dotados da infraestrutura e equipamento adecuados, que os seus fondos documentais estean organizados, en bo estado físico e mesmo reproducidos noutros soportes.

Esta orde ten como finalidade establecer as pautas de distribución de recursos destinados á descrición de fondos documentais de arquivos seguindo os criterios de obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia e eficiencia, de acordo cos principios recollidos na Lei de subvencións de Galicia e a normativa xeral vixente.

Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito adecuado e suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2018.

Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras e convocar axudas destinadas á mellora dos arquivos de Galicia, co fin de garantir unha custodia responsable e o acceso dos cidadáns aos documentos (código de procedemento CT130A).

A finalidade da axuda é a realización de actividades que teñan por obxecto a descrición de fondos documentais dos arquivos galegos segundo a metodoloxía arquivística.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión destas subvencións realizarase consonte os seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán optar a estas axudas as universidades, os entes locais e as entidades privadas sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia, entendido como tal o establecido no artigo 109 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 4. Requisitos para participar

1. Os proxectos presentados deberán seguir as recomendacións e normas técnicas de arquivos dispoñibles no Portal de arquivos de Galicia.

2. Os solicitantes deberán dispoñer dunha aplicación informática de xestión documental que siga as normas técnicas de arquivos para a execución do proxecto.

3. O responsable técnico do proxecto será licenciado universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, e deberá acreditar formación e experiencia profesional en materia de arquivos e patrimonio documental.

4. No caso dos entes locais, segundo o artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, será requisito para a concesión de subvencións que cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

Artigo 5. Financiamento e contía das axudas

1. As axudas convocadas para este ano terán unha contía total de cento dous mil setecentos corenta euros (102.740 euros), que se imputarán aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 nas seguintes aplicacións orzamentarias e contías:

10.20.432A.744.4: 6.000 euros.

10.20.432A.760.0: 71.740 euros.

10.20.432A.781.0: 25.000 euros.

A tramitación desta orde faise por tramitación anticipada de gasto e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para 2018.

2. A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. O día 19 de outubro de 2017, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018; neste proxecto existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

3. O proxecto será cofinanciado entre o solicitante e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000 euros por proxecto, que en ningún caso poderá exceder o 80 % do investimento total aprobado.

4. Este importe de 6.000 euros ascenderá a 8.000 euros cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

5. O importe do crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. No suposto de que nunha aplicación orzamentaria quede crédito dispoñible, poderá incrementar o crédito doutra aplicación dentro das previstas nesta orde. Priorizarase o incremento da aplicación con maior número de solicitudes recibidas nesta convocatoria.

7. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que percibe o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.

Artigo 6. Solicitudes e prazo

1. Só se admitirá unha solicitude por beneficiario, que se presentará conforme o modelo oficial que figura como Anexo I da convocatoria. A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e das entidades dela dependentes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal./chave365)

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

1. Proxecto arquivístico que conteña:

a) Memoria explicativa do desenvolvemento do proxecto.

b) Programa de actuación, con indicación expresa de:

– Aplicación informática de xestión documental de arquivos.

– Documentación que se describirá segundo as normas de descrición arquivística.

– Nivel de descrición.

– Datas extremas dos documentos que se describirán.

– Volume da documentación, expresado en metros lineais e/ou número de caixas normalizadas.

2. Orzamento desagregado do proxecto (IVE incluído).

3. Porcentaxe de financiamento do proxecto que asume a institución sobre o importe da axuda solicitada.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) Certificado de domicilio fiscal.

c) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Estar ao corrente nos pagamentos coa Seguridade Social.

e) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Criterios de valoración aplicables a todos os arquivos.

As propostas presentadas valoraranse ata un máximo de 8 puntos a través da análise da memoria e do proxecto presentado, e outorgaranse en función dos seguintes criterios prioritarios:

a) Nivel de autofinanciamento: ata 2 puntos. Recibirá 2 puntos a subvención que teña maior porcentaxe de autofinanciamento e o resto repartirase de forma proporcional.

b) Primeiras subvencións: 1 punto.

c) Antigüidade e interese dos fondos que se describirán: ata 3 puntos.

Ata o século XIX: 3 puntos.

De 1900 ata 1985: 2 puntos.

De 1985 ata 2013: 1 punto.

d) Viabilidade do proxecto segundo a análise que se desprende dos orzamentos presentados na solicitude e en función do prazo de execución: ata 2 puntos.

Posibilidade real de execución: 1 punto.

Adecuación do orzamento aos prezos de mercado: 1 punto.

2. Criterios de valoración aplicables a entidades locais.

As propostas presentadas polas entidades locais valoraranse ata un máximo de 7 puntos e outorgaranse en función dos seguintes criterios:

a) Nº de habitantes do concello: ata 4 puntos.

Concellos con menos de 2.000 habitantes: 4 puntos.

Concellos entre 2.000 e 5.000 habitantes: 3 puntos.

Concellos entre 5.000 e 10.000 habitantes: 2 puntos.

Concellos entre 10.000 e 50.000 habitantes: 1 punto.

b) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula (agás a de fusión municipal) ata 1 punto, tendo en conta os seguintes aspectos:

Pola mera presentación da solicitude conxunta entre concellos nos termos e cos requisitos que se determinen nas bases ou nas convocatorias: ata 0,25 puntos.

Tendo en conta o número de concellos asociados e participantes no proxecto: ata 0,75 puntos: 0,25 puntos por cada concello.

c) Criterios aplicables ás solicitudes presentadas por entidades locais fusionadas: outorgaranse 2 puntos pola mera presentación da solicitude nos termos sinalados nesta orde.

Non se admitirán aquelas solicitudes conxuntas nas cales non se acredite a realización conxunta das actuacións e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberase acreditar que contan cun local estable destinado a arquivo e que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou baixo a fórmula de consorcio e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Artigo 10. Instrución do procedemento e selección de solicitudes

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A instrución do procedemento de concesión das subvencións correspóndelle á Secretaría Xeral de Cultura, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida, poderáselles reclamar aos solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, para o cal se lles outorgará un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles desde a notificación do requirimento, e indicaráselles que, se non o fai así, se considerará que desisten da súa solicitude, de acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión técnica de avaliación que se axustará aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, do réxime xurídico do sector público. Esta comisión estará composta polo/a titular da Subdirección Xeral de Arquivos, que a presidirá, e actuarán como vogais dous técnicos de arquivos. Exercerá a secretaría o/a titular do Servizo do Sistema de Arquivos. En caso de ausencia dalgún dos membros, correspóndelle ao/á titular da Secretaría Xeral de Cultura nomear un suplente. A comisión formulará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

Artigo 11. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor formulará proposta de resolución motivada das solicitudes por orde decrecente de puntuacións, logo de examinar os expedientes e o informe de avaliación emitido pola comisión de avaliación, distribuíndo o importe total do crédito dispoñible entre as axudas solicitadas segundo a puntuación obtida. Esta proposta provisional farase pública no Portal de arquivos de Galicia
http://arquivosdegalicia.xunta.gal/portal/arquivos-de-galicia/index.html. Nela expresarase a puntuación proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. As entidades solicitantes disporán de diez (10) días hábiles, que contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a Secretaría Xeral de Cultura no lugar e na forma indicados no artigo 6 desta orde.

2. Cando o importe da subvención da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar o beneficiario a reformular a súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable.

3. No caso de empate, para desempatar terase en conta, en primeiro lugar, o criterio de autofinanciamento e, en segundo lugar, a data de presentación da solicitude.

4. No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 12. Resolución

A/o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolverá o procedemento de concesión das axudas no prazo de quince días desde a elevación da proposta de resolución por parte da Secretaría Xeral de Cultura.

A resolución de concesión ou denegación da axuda terá que ser motivada, notificaráselles aos interesados dentro do prazo de dez días a partir da data en que o acto fose ditado, e deberá conter o texto íntegro da resolución, con indicación de se pon fin ou non á vía administrativa, a expresión dos recursos que procedan, se for o caso, en vía administrativa e xudicial, o órgano ante o cal se deban presentar e o prazo para interpolos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer, se for o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 13. Notificación e recursos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

6. A resolución de concesión ou denegación da axuda pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto ou, directamente, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados de igual modo, segundo o artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Aceptación da axuda

Logo da notificación da resolución definitiva do órgano competente, os adxudicatarios propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria; se a renuncia non se comunica expresamente no citado prazo, o beneficiario queda comprometido a realizar o dito investimento, salvo causas de forza maior aceptadas pola comisión de valoración e, de non facelo, incorrerá nas responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Prazo, xustificación e pagamento das axudas

1. O prazo para que os beneficiarios das axudas acrediten e xustifiquen os proxectos subvencionados será ata o 30 de setembro de 2018; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. O cumprimento efectivo dos fins para os cales foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación da seguinte documentación:

a) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade, do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co disposto no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Relación de gastos ordenada segundo o concepto a que se atribúe, con identificación do acredor, importe, data de emisión e data de pagamento. Indicaranse as desviacións producidas en relación co orzamento aprobado.

c) Fotocopia compulsada das facturas e xustificantes bancarios do seu aboamento.

d) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e da súa procedencia.

e) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións, deba ter solicitado o beneficiario.

f) Memoria explicativa do proxecto realizado en relación coa axuda concedida.

g) Copia da aplicación informática de xestión documental que reflicta o cadro de clasificación, o inventario dos fondos documentais e os rexistros descritivos realizados.

3. As entidades locais beneficiarias, de acordo co establecido nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, deberán presentar a conta xustificativa da subvención, que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. A conta xustificativa estará integrada pola seguinte documentación:

a) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

b) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación de gastos.

c) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e da súa procedencia.

d) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A presentación da documentación xustificativa despois do prazo sinalado ou a xustificación insuficiente comportarán a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

5. Serán obxecto de subvención nesta convocatoria os proxectos realizados desde o 1 de xaneiro de 2018 ata a data límite de xustificación da orde.

6. A Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

7. Non poderá realizarse o pagamento das axudas mentres o beneficiario non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución da procedencia de reintegro, ao abeiro do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados na data límite de xustificación establecida no punto 1 do artigo 17.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

As persoas beneficiarias desta axuda quedarán suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, estarán obrigadas a:

1. Destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal fosen concedidos. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución das axudas.

2. Facer constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

3. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Os beneficiarios deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 18. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 19. Réxime xurídico

A tramitación de solicitudes e a concesión destas axudas axustaranse ao disposto na presente orde; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e demais normativa de aplicación.

A presentación electrónica de solicitudes suxeitarase ao disposto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que regula a obriga das persoas xurídicas de relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

Disposición adicional. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a servizodearquivos.cultura@xunta.gal

Disposición derradeira primeira

Autorízase o secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file