Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2018 Páx. 4687

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2017 conxunta, da Dirección Xeral de Recursos Humanos e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, pola que se convoca o Plan de formación continua para o persoal deste servizo.

Os coñecementos e capacidades dos profesionais das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde determinan, en gran medida, a calidade dos servizos sanitarios dispensados aos usuarios.

Neste sentido, a formación continua amósase como unha das ferramentas máis adecuadas para mellorar e adecuar, pola vía da capacitación dos profesionais, os servizos sanitarios ás demandas dos usuarios.

Para tal fin, xa en anos anteriores foron aprobados e executados, no marco dos acordos de formación continua, os plans de formación continua do persoal de institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Os citados plans tiveron un alto grao de participación e aceptación por parte dos profesionais receptores e abrangueron a totalidade das profesións que se desenvolven no organismo.

Xa que logo, cómpre continuar con este plan na liña de actuación seguida, no intento de completar os aspectos formativos máis relevantes xa impartidos en anos anteriores e iniciar o tratamento en materias novas de notoria e notable relevancia no marco da asistencia sanitaria.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, ten como un dos seus fins xerais e obxectivos básicos a xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia. Por outra banda, á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde correspóndelle a negociación do contido do plan coas organizacións sindicais, así como a negociación e aprobación dos criterios de selección dos participantes nas distintas actividades formativas.

Este plan foi impulsado no seu deseño e elaboración pola Dirección Xeral de Recursos Humanos e a Área de Xestión do Coñecemento e o Talento da Axencia do Coñecemento en Saúde a través do Consello de Formación Continua, composto por representantes do Servizo Galego de Saúde, da ACIS e das organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSI-F, asinantes do acordo de formación continua.

Así, tras unha primeira proposta de actividades formativas elaborada pola Área de Xestión do Coñecemento e Talento de ACIS, escoitadas as comisións de formación de cada centro, presentouse no seo do Consello de Formación Continua do Servizo Galego de Saúde.

Por todo iso e coa finalidade de darlle á formación a continuidade adecuada que a faga realmente efectiva, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, logo do informe favorable das centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSI-F, xunto coa ACIS, resolve facer pública a convocatoria para participar nas actividades formativas que conforman o Plan de formación continua do persoal do Servizo Galego de Saúde para o ano 2018, elaborado no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Plan Afedap), que deberá resolverse consonte as bases que, a seguir, se indican.

A execución das actividades formativas recollidas neste plan queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible.

Bases

Primeira. Requisitos de participación

Poderán participar nas accións formativas do Plan Afedap todas/os as/os profesionais que presten ou prestasen servizos nas institucións do Servizo Galego de Saúde, as/os profesionais que estean formándose como especialistas en Ciencias da Saúde (persoal residente en formación), as/os aspirantes a vinculacións temporais no ámbito das institucións do Sistema público de saúde de Galicia, ao abeiro do Pacto de selección temporal vixente en cada momento, así como o persoal pertencente ás fundacións públicas sanitarias ou empresas públicas adscritas á Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde, integrado no réxime estatutario.

As persoas interesadas en participar nas actividades formativas deberán cumprir os requisitos exixidos para cada curso.

Non poderán participar nas actividades formativas as persoas solicitantes incluídas na listaxe de persoal seleccionado que, ao iniciar o curso, se encontren de baixa laboral por incapacidade temporal. Esta incidencia comunicaralla, por escrito, a persoa afectada á ACIS, para os efectos de cubrir a vacante e evitar a penalización que comportaría a súa falta de comunicación, prevista na cláusula sexta.

O persoal que estea desfrutando dun permiso por parto, adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple, adopción internacional ou excedencia para o coidado de fillos e familiares poderá participar nas actividades formativas, consonte establecen os artigos 121, 122 e 176.7 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e a disposición adicional décimo novena, punto trece, da Lei orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Segunda. Solicitudes

As persoas que desexen participar nas actividades formativas convocadas nesta resolución deberán cubrir o formulario de preinscrición telemática na páxina web da ACIS (http://acis.sergas.es).

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningunha outra actividade formativa nos doce meses seguintes. A ACIS reserva para si o dereito a solicitar a información necesaria para verificar tales datos.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan consignados correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo das persoas solicitantes.

Aínda así, durante o prazo de inscrición, no caso de erro ao cubrir a solicitude, poderá anularse esta, utilizando o procedemento establecido na base sexta desta convocatoria e realizar, de ser o caso, unha nova petición (sen superar o máximo das seis inscricións anuais permitidas).

Ante eventuais incidencias, as/os aspirantes deberán imprimir unha copia do formulario de preinscrición enviado telematicamente ou conservar o que recibisen no seu correo electrónico, para o cal deberán prestar especial atención na consignación de datos, comprobando que o enderezo de correo electrónico estea correctamente indicado.

As/os profesionais incluídos no artigo 93 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade e na disposición adicional décimo novena da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, ademais das persoas discapacitadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que desexen que se lles teña en conta, para os efectos do disposto na base cuarta, deberán remitir, no prazo establecido para o envío da solicitude de preinscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada acreditativa da súa situación ao seguinte enderezo:

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), avenida Fernando de Casas Novoa, Edificio CNL, nº 37, portal A-1ª planta, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

A consignación dos datos da solicitude e o seu envío telemático non implicará a admisión inmediata á actividade formativa seleccionada, que se producirá nos termos indicados na cláusula quinta.

Só se poderá solicitar a participación nun máximo de seis actividades formativas por ano.

Terceira. Prazos de inscrición

A partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata un mes antes do inicio de cada actividade formativa.

Cuarta. Criterios de selección de alumnos

Os criterios de selección para participar nas accións formativas convocadas ao abeiro do Plan de formación continua para o persoal do Servizo Galego de Saúde serán os que a seguir se detallan, tendo en conta que, en todo caso, se reservará en cada actividade formativa unha cota do 5 % para ser cuberta por persoas discapacitadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que poidan acreditalo e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria para cada actividade:

1. Resultar, a persoa solicitante, destinataria da concreta actividade formativa, de conformidade co establecido no anexo para cada curso.

2. Unha vez aplicado o criterio anterior, de existir máis solicitudes que prazas, terán prioridade as/os aspirantes que realicen tarefas máis directamente relacionadas co contido básico e obxectivos do curso. Con esta finalidade, na solicitude deberán detallarse as tarefas que sexan máis representativas do posto de traballo e que garden relación específica cos contidos da actividade; non se valorarán as función que non fosen indicadas.

3. Menor número de cursos realizados nos dous anos anteriores.

4. Terán prioridade os profesionais con vínculo fixo sobre os temporais.

5. Terán prioridade os empregados públicos que acrediten maior tempo de servizos prestados no ámbito de institucións sanitarias públicas da Unión Europea. Este dato facilitaráselle directamente á ACIS das bases de datos de persoal. A persoa solicitante deberá achegar unicamente, nos prazos establecidos para o envío das solicitudes de preinscrición, certificación orixinal ou copia compulsada dos servizos prestados fóra do Sistema público de saúde de Galicia, que deberá ser remitida á Dirección da Axencia.

6. En cada un dos tres puntos anteriores terán preferencia na selección as/os aspirantes que nos últimos dous anos estean utilizando ou utilizasen unha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para coidado de familiares, de acordo co previsto no artigo 93 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro.

Así mesmo, terán preferencia para participaren nas actividades formativas as/os aspirantes que, durante o ano anterior á data de publicación desta convocatoria, se incorporasen ao servizo activo procedentes do permiso de maternidade ou paternidade, ou reingresasen desde a situación de excedencia por razóns de garda legal e atención a persoas maiores dependentes ou persoas con discapacidade, de acordo co previsto no artigo 60.1 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Ademais, e de conformidade co disposto no artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, que accederán á quenda reservada só se non houber suficientes solicitudes de participación de mulleres.

7. Por último, no caso de empate, resolverase por sorteo.

8. No caso de quedaren prazas vacantes, tamén poderán participar nas accións formativas do Plan Afedap as/os profesionais que estean formándose como especialistas en Ciencias da Saúde (persoal residente en formación).

Os créditos concedidos polo Sistema acreditador da formación continuada das profesións sanitarias na Comunidade Autónoma de Galicia non son aplicables ás/aos profesionais que estean formándose como especialistas en Ciencias da Saúde (persoal residente en formación).

9. ACIS poderalles ofrecer ás/aos admitidas/os nunha actividade formativa anulada a súa incorporación voluntaria noutra edición desa mesma actividade, sempre que nesta última haxa vacantes. Neste suposto, o chamamento ás/aos admitidas/os será pola orde de admisión da actividade anulada.

Quinta. Publicación das listaxes de admitidos/as

Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na páxina web da ACIS a listaxe provisional de admitidas/os e excluídas/os na acción formativa concreta, así como as causas da súa exclusión.

Ademais, enviarase un SMS a xeito de recordatorio ás/aos admitidas/os en cada acción formativa, sempre que se dispoña na base de datos da ACIS dun número de teléfono móbil. Estas mensaxes son simplemente informativas e non eximen as/os aspirantes de consultar a páxina web da ACIS.

As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da listaxe provisional, para poder emendar, de ser o caso, o defecto ou defectos que motivasen a exclusión e formular as reclamacións que coiden pertinentes.

Unha vez rematado o prazo e resoltas pola ACIS as reclamacións presentadas, logo de informe da comisión paritaria respectiva, de ser o caso, publicarase na páxina web da ACIS, cunha antelación mínima de cinco días naturais ao inicio do curso, a listaxe definitiva de admitidas/os e excluídas/os.

En ningún caso se admitirá a asistencia de persoas na condición de oíntes.

Sexta. Anulación de reserva

Se a/o aspirante seleccionada/o para realizar unha actividade formativa decide non asistir a ela, deberá comunicar a súa renuncia a través da páxina web da ACIS cunha antelación mínima de catro días naturais á data fixada para o inicio da citada actividade.

De non facelo así, e agás motivo xustificado, baseado en causa de forza maior ou acontecemento imprevisible, non será admitida/o en ningunha outra actividade formativa no transcurso dos doce meses seguintes.

Sétima. Certificación de asistencia

Os profesionais que superen as actividades en que sexan admitidos terán á súa disposición a certificación, que poderán visualizar no seu expedient-e (Fides), que estará validada de xeito automático. Emitiranse e remitiranse certificacións en papel nos casos en que sexa solicitado polo/a interesado/a, vía correo electrónico (certificacions.acis@sergas.es) e xustificando o motivo desta solicitude.

Para considerar que a acción formativa se superou, ten que constatarse a asistencia ás horas lectivas, cunha ausencia máxima do 10 % da súa duración, para o cal, durante o desenvolvemento da actividade, as persoas participantes deberán asinar nos controis de entrada e saída que se establezan. Ademais, no suposto de que os cursos exixan a realización dalgunha proba ou traballo, expediráselles o certificado unicamente ás/aos alumnas/os que a superen.

No caso de actividades formativas que teñan unha parte de teleformación, deberanse completar os contidos, probas ou tarefas que se inclúan segundo se indica na guía que recibirá a/o alumna/o antes do inicio do curso.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos
do Servizo Galego de Saúde

A Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde
P.S. (Acordo do 30.6.2017)
Luis Ángel León Mateos
Director da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria