Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 23 de xaneiro de 2018 Páx. 5034

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 2 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades privadas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa convocatoria para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 381774.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades ou empresas que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT) o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

As anteditas entidades beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Segundo. Obxecto

A mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación a entidades e empresas para a mellora das infraestruturas de establecementos de aloxamento turístico.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:

– Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

– Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística.

– Actuacións destinadas á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.

– Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético.

– Actuacións relativas á renovación e modernización das instalacións, así como embelecemento do contorno.

– Renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades privadas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa convocatoria para o ano 2018.

Cuarto. Importe

Contía de 500.000 € da aplicación orzamentaria 04 A2 761 A 770.0, proxecto 2015 00005, financiada con fondos propios da Comunidade Autónoma.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

O prazo para xustificar a subvención será o 31 de outubro de 2018.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2018

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia