Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 23 de xaneiro de 2018 Páx. 5044

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago de Compostela

EDICTO de notificación de sentenza (337/2010).

DCT divorcio contencioso 1677/2017

Procedemento orixe: /

Sobre divorcio contencioso

Demandante: José Gesto Dubra

Procuradora: María Rita Goimil Martínez

Avogado: José Luis Martínez-Olivares Gómez

Demandada: Victoria Sedano Carazo

Eu, Cristina Cao Sánchez, letrada da Administración de xustiza, do Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago de Compostela,

Anuncio.

Que no presente procedemento de divorcio contencioso 337/2010 seguido por instancia de Maricela Franco Pérez contra Alfonso Navas Lozada foi ditada sentenza cuxo encabezamento e parte dispositiva son os seguintes:

«Sentenza nº 513/2017

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2017

Vistos polo min, Roberto Soto Sola, maxistrado xuíz titular do Xulgado de Primeira Instancia número 6 desta localidade e o seu partido xudicial, o presente xuízo de divorcio nº 337/2010, promovido polo procurador Sr. Fernández Villaverde en nome e representación de Maricela Franco Pérez, asistida da letrada Sra. Del Río Otero, contra Alfonso Navas Lozada, maior de idade, mencionado en autos e declarado finalmente en rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal en representación da filla tida en común no matrimonio Claudia Llulieth Navas Franco [...]

Decido.

Que, estimando substancialmente a demanda de divorcio interposta polo procurador Sr. Fernández Villaverde, en nome e representación de Maricela Franco Pérez, asistida da letrada Sra. Del Río Otero contra Alfonso Navas Lozada, maior de idade, mencionado en autos e declarado finalmente en rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal, en representación da filla tida en común no matrimonio, Claudia Llulieth Navas Franco, procede acordar as seguintes medidas definitivas [...]

Patria potestade, garda e custodia.

Atribúese a garda e custodia da filla do matrimonio en exclusiva á nai, coa cal convivirá habitualmente.

Atribúese á nai o exercicio ordinario, en exclusiva, das funcións inherentes á patria potestade sobre a menor Claudia Llulieth Navas Franco en cuestións sanitarias, educativas, xestións administrativas en xeral e a escolla do lugar de residencia.

Vivenda e enxoval familiar.

Non cabe realizar atribución desta e fíxase como domicilio da menor o domicilio da nai, actualmente sito na avda. dos Mallos, NT. IM. 92-94, 7-C; 15007 A Coruña, con adxudicación á nai do enxoval familiar.

Réxime de comunicación e estadía do cónxuxe non custodio.

Non se fixa réxime de visita algún, sen prexuízo da comunicación telefónica da menor co seu pai, sempre que este o requira e resulte acorde co horario escolar da menor.

Prohibición de saída do territorio nacional.

Acórdase a prohibición de saída do territorio nacional da menor con calquera persoa que non teña a garda e custodia e facúltase a nai para que poida autorizar a saída da menor de España a cargo de terceiras persoas expresamente designadas e autorizadas por ela ou, se for o caso, logo de autorización xudicial, comunicando a devandita medida aos organismos públicos correspondentes (Policía Nacional, Aeroportuaria, Garda Civil, etc).

Remítase oficio ás FCSE para tales efectos achegando copia desta sentenza unha vez que sexa firme.

Pensión alimenticia.

Fíxase, en concepto de pensión alimenticia a favor da filla menor de idade, Claudia Llulieth Navas Franco, que Alfonso Navas Lozada deberá ingresar, nos cinco primeiros días de cada mes, a cantidade de 100 euros na conta ES09 0182 2201 4002 0854 9852, de que é titular a Sra. Franco, pensión que se manterá despois de alcanzada a maioría de idade de Claudia, mentres que non sexa economicamente independente.

A pensión por alimentos actualizarase anualmente, o día 1 de xaneiro de cada ano, de conformidade coas variacións porcentuais que experimenten os índices de prezos de consumo que publique o Instituto Nacional de Estatística dos últimos 12 meses, ou organismo que o substitúa, sen que en ningún caso se poida reducir a súa contía, aínda que o índice de prezos de consumo resulte negativo, suposto este en que se manterá a mesma contía que a prevista para o ano anterior.

Gastos extraordinarios.

Serán sufragados por metade por ambos os proxenitores, considerando como tales as asistencias médicas que a menor poida precisar en sanidade privada por enfermidades, custo de actividades médico-cirúrxicas e gastos farmacéuticos, así como aqueles derivados da necesidade de apoio escolar externo (pasantías), matrícula para estudos futuros en centros ou universidades privadas, excursións ou actividades extraescolares que, aínda non sendo legalmente exixibles, complementen a preparación e formación educativa da menor, adquisición de aparellos tecnolóxicos tales como tablets, móbiles ou ordenadores e calquera de natureza semellante aos expostos que non fosen expresamente previstos para a determinación da contía da pensión alimenticia.

Firme a presente resolución, remítanse os preceptivos oficios e exhortos para realizar as obrigadas anotacións rexistrais.

Non procede efectuar especial pronunciamento sobre as custas do presente proceso.

Esta resolución non é firme e contra ela cabe interpor recurso de apelación nos prazos e termos previstos na vixente Lei de axuizamento civil para a súa resolución pola Audiencia Provincial da Coruña (arts. 458 ss e 776 da Lei de axuizamento civil), logo de consignación do depósito previsto na D.A. 15 da LOPX.

Así o pronuncio, mando e asino por esta miña sentenza, eu, Roberto Soto Sola, maxistrado titular do Xulgado de Primeira Instancia número 6 desta localidade e o seu partido xudicial.

Publicación. Foi lida e publicada a anterior resolución en audiencia pública polo xuíz que a ditou, no día da data; dou fe».

E encontrándose o devandito demandado, Alfonso Navas Lozada, en paradoiro descoñecido, expídese o presente co fin de que lle sirva de notificación en forma.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017

A letrada da Administración de xustiza