Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2018 Páx. 5140

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 134/2017, do 7 de decembro, polo que se modifica o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, establécese o actual sistema de recoñecemento da gratuidade da xustiza para aquelas persoas que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, sistema que ancora as súas bases no artigo 119 da Constitución española.

A Comunidade Autónoma galega, no exercicio das súas competencias, realizou o desenvolvemento normativo da citada lei, que se atopa recolleito, na actualidade, no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

A existencia de cambios normativos producidos nos últimos anos con incidencia na materia regulada polo dito regulamento, así como certas disfuncións detectadas na aplicación deste, determinan a necesidade de proceder á súa modificación.

No que atinxe, en primeiro lugar, aos cambios normativos, nos últimos anos téñense producido varias modificacións da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de entre as cales cabe destacar a levada a cabo a través da Lei 42/2015, do 5 de outubro, de reforma da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil, que dedica a súa disposición derradeira terceira á modificación da Lei 1/1996.

En segundo lugar, a Lei orgánica 13/2015, do 5 de outubro, de modificación da Lei de axuizamento criminal para o fortalecemento das garantías procesuais e a regulación das medidas de investigación tecnolóxica, eliminou o termo «imputado» e substituíuno por «investigado» e «encausado», dependendo da fase procesual, modificación esta que procede reflectir, consecuentemente, no Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

E, por último, o dito regulamento de asistencia xurídica gratuíta fai numerosas remisións á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que foi derrogada pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, polo que procede substituír tales remisións por remisións á Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou á Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, segundo os casos.

En materia de regulación do dereito á asistencia xurídica gratuíta, é competencia do Estado o desenvolvemento normativo dos preceptos recolleitos no capítulo I; nos artigos 9, 10.1, 12 e 16 a 21 do capítulo II; nos artigos 25 e 26 do capítulo III; nos artigos 27 a 29 e 31 a 36 do capítulo IV; no capítulo VI; no capítulo VII; nas disposicións adicionais terceira, cuarta e quinta; na disposición derrogatoria; e mais na disposición derradeira primeira bis, da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta. Os restantes preceptos recollidos no citado texto legal poderán ser desenvolvidos polas comunidades autónomas que asumisen o exercicio efectivo das competencias en materia de provisión de medios para a Administración de xustiza.

Mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, sobre traspaso de funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza –funcións asumidas a través do Decreto 394/1994, do 29 de decembro–, o Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, sobre traspaso de funcións e servizos en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza –funcións asumidas a través do Decreto 438/1996, do 20 de decembro–, e o Real decreto 233/1998, do 16 de febreiro, sobre traspaso das competencias equivalentes relativas ás fiscalías de Galicia e aos institutos de medicina legal –funcións asumidas a través do Decreto 82/1998, do 5 de marzo–, foi transferida á Comunidade Autónoma de Galicia a materia de provisión de medios para a Administración de xustiza.

Con base nas potestades normativas da Comunidade Autónoma de Galicia a que fan referencia os parágrafos anteriores, e co obxectivo de modernizar a xestión realizada pola Administración a través do preceptivo emprego e aplicación das novas técnicas e medios electrónicos e telemáticos, tal e como se recolle na disposición adicional sétima da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, que insta as administracións públicas ao impulso do emprego dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos nos trámites ligados ao recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta, imponse a necesidade da modificación e adaptación do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta para a inclusión dos medios electrónicos no que atinxe á presentación das solicitudes, notificación das resolucións e procedemento de aplicación da compensación económica, co sentido de ofrecer unha mellor regulación que, sen modificar o espírito da súa antecesora, permita solucionar as disfuncións detectadas, dotando este servizo dunha maior operatividade administrativa e procedemental que redunde en beneficio da calidade do servizo prestado á cidadanía, sen mingua ningunha dos seus dereitos, e posibilite asemade unha mellor optimización da xestión dos recursos económicos destinados a este fin.

Do mesmo xeito, e con base nas competencias de desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia referidas anteriormente, modifícase o artigo 45, relativo aos gastos de funcionamento e infraestrutura dos colexios profesionais e dos consellos xerais, establecendo as compensacións a partir dun sistema de módulos por expediente tramitado e, entrementres non se fixen eses módulos, aplicando o 8 por cento ao custo económico xerado en cada período de liquidación polas actuacións dos colexiados.

Todos os cambios introducidos no Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia a través do presente decreto dítanse de acordo cos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia recolleitos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A adecuación do regulamento ás novas normas legais, así como a introdución dos medios electrónicos na xestión e nos pagamentos, fundaméntase nos principios de necesidade e eficacia. O principio de proporcionalidade vén preservado polo feito de que unicamente se modifican os artigos afectados polos cambios legais, así como os imprescindibles para unha tramitación electrónica máis áxil e eficaz e unha mellor optimización na xestión dos recursos económicos empregados. Por último, os cambios introducidos no regulamento son coherentes co ordenamento xurídico nacional e da Unión Europea, e xeran un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza que facilite o seu coñecemento e comprensión.

No procedemento de elaboración desta modificación regulamentaria deuse participación, a través dos trámites de audiencia e informe, aos sectores afectados e aos órganos con competencias na materia, tales como o Consello da Avogacía Galega, o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais, os colexios de avogados e procuradores de Galicia e mais o Consello Xeral do Poder Xudicial.

En virtude do exposto, por proposta da persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do sete de decembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único

O Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 2 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado da forma seguinte:

«1. As comisións de asistencia xurídica gratuíta son órganos colexiados mixtos en que participan, xunto con representantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, representantes dos colexios profesionais de avogados e procuradores, para o exercicio das competencias e funcións previstas na Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, e neste regulamento».

Dous. A letra c) do número 1 do artigo 4 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactada da forma seguinte:

«c) Revogar as súas resolucións firmes denegatorias do dereito, de conformidade co previsto no artigo 109 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

Tres. O artigo 5 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado da forma seguinte:

«Artigo 5. Composición e designación de membros das comisións

1. As comisións de asistencia xurídica gratuíta estarán integradas, cada unha delas, polos seguintes membros:

a) O/A decano/a do colexio de avogados do ámbito territorial correspondente, ou o/a avogado/a que designe. No caso de que haxa máis dun colexio de avogados no devandito ámbito, o/a decano/a, ou o/a avogado/a, que se designe de común acordo entre os decanos e decanas dos colexios respectivos; na súa falla, o/a avogado/a que designe o Consello da Avogacía Galega.

b) O/A decano/a do colexio de procuradores dos tribunais do ámbito territorial correspondente, ou o/a procurador/a que designe. No caso de que haxa máis dun colexio de procuradores dos tribunais no devandito ámbito, o/a decano/a, ou o/a procurador/a, que se designe de común acordo entre os decanos e decanas dos colexios respectivos; na súa falla, o/a procurador/a que designe o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais.

c) Dous funcionarios ou funcionarias da Xunta de Galicia: un deberá pertencer á consellería competente en materia de xustiza, a corpos ou escalas do grupo A e ter o grao en Dereito ou equivalente, e designarao a dirección xeral competente en materia de xustiza; o outro será un/unha letrado/a da Xunta de Galicia será designado pola Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

2. A presidencia da comisión será exercida polo/a letrado/a da Xunta de Galicia designado/a pola Asesoría Xurídica Xeral como membro da comisión.

As funcións da secretaría da comisión corresponderán á funcionaria ou ao funcionario que designe a consellería competente en materia de xustiza.

3. Co fin de garantir a continuidade dos traballos e o bo funcionamento das comisións, nomearase unha persoa suplente por cada un dos membros titulares, que será designada do mesmo xeito ca estes. Os membros titulares e suplentes serán os únicos habilitados para participar nas comisións e poden actuar indistintamente.

4. Os cambios que se produzan nos nomeamentos de membros titulares ou suplentes deberán comunicarse, en caso de ser posible, polo menos cun mes de antelación ao momento en que se vaian producir, á consellería competente en materia de xustiza, que os porá en coñecemento de quen presida a comisión respectiva».

Catro. Os números 1 e 2 do artigo 6 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia quedan redactados da forma seguinte:

«1. As comisións de asistencia xurídica gratuíta axustaranse no seu funcionamento ás normas establecidas na Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, neste regulamento e mais na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como ás normas en materia de órganos colexiados contidas nos preceptos básicos da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. O réxime de convocatorias e sesións será o previsto no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, pero, como réxime propio de convocatorias, as comisións de asistencia xurídica gratuíta poderán establecer un calendario de reunións e as correspondentes ordes do día, que será notificado aos membros que non asistisen á reunión con antelación suficiente á primeira das reunións previstas. Neste suposto, coa fixación do calendario de reunións e das correspondentes ordes do día de que teñan coñecemento todos os membros da comisión, entenderanse efectuadas as convocatorias, sen que sexa necesaria a realización de tales actuacións de xeito particular en relación con cada reunión en concreto».

Cinco. Quedan sen contido os seguintes números do artigo 9 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia: 3.f), 3.h), 3.k), 4.c) e 4.f).

Seis. O número 1 do artigo 12 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado da forma seguinte:

«1. O Consello Asesor de Asistencia Xurídica Gratuíta de Galicia estará integrado polos membros seguintes:

a) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de xustiza da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que o presidirá.

b) O/A secretario/a de goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou o/a letrado/a da Administración de xustiza en quen delegue.

c) Dous representantes, que designará o Consello da Avogacía Galega.

d) Dous representantes, que designará o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais.

e) A persoa titular da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia ou letrado ou letrada da Xunta de Galicia en quen delegue.

f) Un funcionario ou unha funcionaria do grupo A pertencente á consellería competente en materia de xustiza, que será designado/a pola dirección xeral correspondente en función da materia e actuará como secretario/a do consello».

Sete. O número 1 do artigo 13 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado da forma seguinte:

«1. O consello reunirase sempre que a presidencia o convoque e, como mínimo, unha vez ao ano. O seu funcionamento axustarase ás normas sobre órganos colexiados contidas nos preceptos básicos da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia».

Oito. Os números 2 e 3 do artigo 14 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia quedan redactados da forma seguinte:

«2. A falta de iniciación do procedemento para o recoñecemento do dereito non será obstáculo para a prestación inmediata da asistencia xurídica por parte de avogados/as e procuradores/as de oficio ás persoas investigadas ou encausadas por delito, ás persoas estranxeiras, ás mulleres vítimas de violencia de xénero e ás persoas vítimas de trata de seres humanos, así como aos menores de idade e persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental que sexan vítimas de situacións de abuso ou malos tratos, nos supostos previstos no artigo 29.

3. O requirimento xudicial ou administrativo de designación provisional de avogado/a ou procurador/a realizado, conforme o artigo 21 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, para asegurar a defensa ou representación das partes nun proceso ou procedemento non constitúe iniciación do procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta.

Nestes supostos, particularmente cando se trate de requirimentos no ámbito do procedemento para o axuizamento rápido de delitos, tanto no que respecta ás vítimas coma aos/ás investigados/as ou encausados/as, ou de requirimentos de designación para a defensa e representación das partes en xuízos rápidos civís, os colexios de avogados e procuradores procederán con urxencia á designación de avogado/a e procurador/a de oficio».

Nove. Os números 1, 3 e 4 do artigo 15 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia quedan redactados da forma seguinte:

«1. A solicitude inicial realizarase mediante o modelo normalizado de escrito que se aprobe por medio dunha orde da consellería competente en materia de xustiza, que se cubrirá na súa integridade e será asinado pola persoa peticionaria. Será precisa tamén a sinatura na solicitude do cónxuxe ou parella de feito, de ser o caso, para prestar o consentimento en relación coa consulta de datos por parte da comisión de asistencia xurídica gratuíta, á que se refire o artigo 17 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro. Na redacción do modelo normalizado, a consellería terá en conta o previsto na disposición adicional primeira do decreto polo que se aproba este regulamento. Os impresos de solicitude poderanse obter na Guía de procedementos e servizos, na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal/portada, e tamén se facilitarán nas oficinas xudiciais, nos servizos de orientación xurídica dos colexios de avogados e mais na propia sede das comisións de asistencia xurídica gratuíta.

3. A solicitude inicial irá acompañada da documentación acreditativa dos datos nela recollidos, agás o disposto na disposición adicional primeira do decreto polo que se aproba este regulamento. Tamén quedan exceptuados os documentos que fosen elaborados por calquera Administración, sempre que a persoa solicitante expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos os ditos documentos. Presumirase que a consulta ou obtención é autorizada polas persoas interesadas salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa ou que a lei especial aplicable requira consentimento expreso, de acordo co establecido nos artigos 28.2 e 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Consonte o artigo 12.2 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta instarase ante o colexio de avogados do lugar en que se atope o xulgado ou tribunal que teña que coñecer do proceso principal para o que aquel se solicita, ou ante o xulgado do seu domicilio, podendo presentarse a solicitude por calquera medio.

Así, a solicitude poderá presentarse presencialmente nas dependencias habilitadas polo colexio de avogados correspondente ao lugar en que se atope o órgano xudicial que coñeza ou teña que coñecer do proceso principal para o que se solicita a asistencia xurídica gratuíta, ou ante o xulgado correspondente ao domicilio da persoa solicitante. Tamén poderá presentarse por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou por medio dalgún dos rexistros ou lugares previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Conforme o precepto citado da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, o órgano xudicial do domicilio da persoa solicitante dará traslado das peticións ao colexio de avogados territorialmente competente.

Nos restantes casos en que, por mor do medio elixido para a presentación da solicitude, esta non sexa recibida directamente polo colexio de avogados territorialmente competente, darase traslado da solicitude ao dito colexio e terase por instado ante el o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta.

O anterior enténdese sen prexuízo do disposto nos artigos 16 e 21 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro».

Dez. Os números 1 e 2 do artigo 16 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia quedan redactados da forma seguinte:

«1. Os colexios de avogados darán preferencia e tramitarán con urxencia as solicitudes de asistencia xurídica gratuíta no ámbito do procedemento para o axuizamento rápido de delitos, respecto tanto das vítimas como das persoas investigadas ou encausadas. O mesmo tratamento darán ás solicitudes das partes en xuízos rápidos civís.

2. Presentada a solicitude ante o colexio de avogados, este, se se iniciou xa o proceso ou o procedemento administrativo, notificará de xeito inmediato, polo medio máis idóneo, a súa recepción ao xulgado ou tribunal que estea a coñecer do proceso, ou ao órgano administrativo, para os efectos do disposto no artigo 16, parágrafo segundo, da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta».

Once. Os números 4 e 5 do artigo 18 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia quedan redactados da forma seguinte:

«4. O prazo máximo para a resolución expresa do procedemento e a súa notificación é de trinta días hábiles desde a recepción do expediente.

Consonte o previsto no artigo 22.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o transcurso deste prazo poderase suspender:

a) Cando se requira á persoa interesada para que achegue documentación, polo tempo que medie entre a notificación do requirimento e o seu efectivo cumprimento pola persoa destinataria, ou, na súa falla, polo transcurso do prazo concedido.

b) Cando se soliciten informes preceptivos a un órgano da mesma ou distinta Administración, polo tempo que medie entre a petición, que deberá comunicarse aos interesados, e a recepción do informe, que igualmente deberá ser comunicada a estes. Este prazo de suspensión non poderá exceder en ningún suposto os tres meses. En caso de non se recibir o informe no prazo indicado, proseguirá o procedemento.

5. As comisións de asistencia xurídica gratuíta darán preferencia absoluta e tramitarán con urxencia as solicitudes de asistencia xurídica gratuíta, tanto das vítimas coma das persoas investigadas ou encausadas, no ámbito do procedemento para o axuizamento rápido de delitos, así como as incoadas por partes demandadas en xuízos rápidos civís».

Doce. O número 4 do artigo 19 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado da forma seguinte:

«4. A resolución da comisión de asistencia xurídica gratuíta notificarase no prazo común de tres días á persoa solicitante, ao avogado e, de ser o caso, ao procurador designado provisionalmente e ás demais persoas interesadas comparecidas no expediente. Así mesmo, a resolución será comunicada ao colexio de avogados e, de ser o caso, ao colexio de procuradores, así como ao órgano administrativo ou xulgado ou tribunal que estea a coñecer do proceso, ou, se este aínda non se iniciase, ao xuíz decano da localidade.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos, e en todo caso cando teñan lugar entre administracións públicas, órganos xudiciais, profesionais da xustiza, colexios profesionais e a comisión, ou cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou outro sistema equivalente. Este sistema remitirá un aviso ao dispositivo electrónico e/ou enderezo de correo electrónico das persoas relacionadas no parágrafo primeiro que estas comunicasen, informándoas da posta á disposición dunha notificación na sede electrónica. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada ao transcorreren dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non resulta posible por problemas técnicos, a notificación realizarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común».

Trece. O parágrafo 2 do artigo 20 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado da forma seguinte:

«2. Unha vez que transcorra o prazo establecido no artigo 18.4 deste regulamento sen que a comisión de asistencia xurídica gratuíta resolvese expresamente a solicitude, quedarán ratificadas as decisións previamente adoptadas polos colexios de avogados e de procuradores, cos efectos que en cada caso correspondan.

Se os colexios tampouco adoptasen decisión ningunha conforme o previsto no artigo 17, o silencio da comisión será positivo. Neste caso, a pedimento da persoa interesada, o órgano administrativo ou, se é o caso, o xuíz ou tribunal que coñeza do proceso, ou, se a solicitude se realizou antes da iniciación daquel, o xuíz decano competente, declarará o dereito na súa integridade e requirirá dos colexios profesionais a designación de avogado e, se for preceptivo, de procurador».

Catorce. O número 2 do artigo 21 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado da forma seguinte:

«2. Co obxecto de posibilitar eventuais impugnacións contra a estimación ou desestimación presunta da solicitude, será aplicable o establecido no artigo 21.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

Quince. O número 1 do artigo 22 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado da forma seguinte:

«1. Na orde xurisdicional penal, cando a persoa investigada ou encausada se encontre presumiblemente dentro do ámbito subxectivo de aplicación do artigo 2 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, non será necesaria a documentación a que se refire o artigo 15.3 do regulamento, sen prexuízo da obriga da persoa interesada de asinar a solicitude correspondente, en que expresamente debe constar a autorización á Administración para consultar os datos económicos e fiscais da persoa solicitante. O avogado ou avogada designados provisionalmente, tras requirimento xudicial, poderán presentar a dita solicitude para o inicio do correspondente procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta, e deben facer constar expresamente esta circunstancia no modelo que, para tal efecto, presenten».

Dezaseis. O número 1 do artigo 25 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado como segue:

«1. Cando se dean as circunstancias previstas no primeiro parágrafo do artigo 19 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, a comisión procederá, consonte o sinalado naquel precepto, á revogación do dereito á asistencia xurídica gratuíta, para o cal terá potestades de revisión de oficio. A revogación será acordada pola comisión, precedendo audiencia da persoa interesada e mediante resolución motivada, de conformidade co previsto para a revisión de oficio na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

Dezasete. O número 1 do artigo 26 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado como segue:

«1. As comisións de asistencia xurídica gratuíta son competentes para revogar as resolucións denegatorias do recoñecemento do dereito, conforme o previsto no artigo 109.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

Dezaoito. O número 3 do artigo 28 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado como segue:

«3. Os servizos de orientación xurídica garantirán unha información e atención xurídica especializada en materia de violencia de xénero e trata de seres humanos, así como de menores de idade e persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental que sexan vítimas de situacións de abuso ou malos tratos. As persoas profesionais que presten estes servizos terán que realizar cursos de formación específica en materia de violencia contra as mulleres, ou naqueles outros casos en que unha norma así o exixa, como requisito para a súa adscrición a eses servizos».

Dezanove. O número 2 do artigo 29 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado como segue:

«2. Para a prestación do servizo de asistencia letrada ás mulleres vítimas de delitos de violencia de xénero e mais ás persoas vítimas de trata de seres humanos, así como aos menores de idade e persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental que sexan vítimas de situacións de abuso ou malos tratos, constituirase outra quenda de garda permanente durante as 24 horas do día, atendida por letrados/as especializados/as. Non poderán coincidir no tempo os letrados de garda nesta quenda cos da prevista no número anterior».

Vinte. O número 2 do artigo 30 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado como segue:

«2. Os requisitos complementarios de formación que sexan legalmente exixibles a que alude o número anterior garantirán que a asistencia xurídica e defensa en xuízo de mulleres vítimas de violencia de xénero e de vítimas de trata de seres humanos, así como de menores de idade e persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental que sexan vítimas de situacións de abuso ou malos tratos, a leven a cabo avogados/as especializados/as. Así mesmo, será aplicable a necesidade de formación especializada para a asistencia xurídica en asuntos de estranxeiría e asilo dos/as profesionais inscritos/as nas quendas xestionadas polos colexios de avogados a que se refire o artigo 29.3 deste regulamento».

Vinte e un. Os números 1 e 3 do artigo 37 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia quedan redactados como segue:

«1. Os danos producidos polo funcionamento dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta serán resarcidos consonte as regras e principios xerais de responsabilidade patrimonial contidos na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3. A tramitación das reclamacións de indemnización axustarase ao previsto, en materia de responsabilidade patrimonial, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e mais na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no que sexa aplicable, e en todo caso coas seguintes precisións:

a) O procedemento de reclamación de indemnización iniciarase mediante solicitude da persoa interesada, que se dirixirá ao colexio profesional correspondente e se presentará ante este.

b) A resolución final do procedemento en que se acorde ou desestime a indemnización reclamada será adoptada pola xunta de goberno do colexio respectivo, logo do ditame do Consello Consultivo nos termos recollidos na norma reguladora do devandito órgano consultivo.

c) Contra a resolución da xunta de goberno poderá interporse, de ser o caso, recurso de alzada ante o Consello da Avogacía Galega ou o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais, cuxa resolución porá fin á vía administrativa».

Vinte e dous. O título do artigo 39 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado como segue:

«Artigo 39. Compensación por baremo».

Vinte e tres. O artigo 44 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado como segue:

«Artigo 44. Procedemento de aplicación da compensación económica

1. Dentro do mes natural seguinte ao da finalización de cada trimestre, os colexios de avogados e os colexios de procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia remitirán á dirección xeral competente en materia de xustiza unha certificación, que deberá ir acompañada dun ficheiro electrónico, que conteña os datos relativos ás actuacións realizadas polos/as profesionais durante ese período nas cales exista recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta, así como os datos relativos ás actuacións realizadas en períodos anteriores cuxo recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta tivese lugar durante ese último trimestre, respectando as seguintes condicións:

a) O ficheiro informático que conteña a relación desagregada das asistencias letradas ou as quendas de garda realizadas e mais os asuntos de xustiza gratuíta asumidos por cada profesional cuxos beneficiarios teñan recoñecido o dereito pola correspondente comisión de asistencia xurídica gratuíta indicará os datos seguintes: período, colexio, colexiado, data da actuación, número de expediente do servizo de orientación xurídica (SOX), número de expediente dado pola comisión de asistencia xurídica gratuíta (AXG), número de atestado ou telefonema, tipo de delito, centro de detención, procedemento do baremo, datos do/a solicitante, importe e mais data da resolución do recoñecemento do dereito á xustiza gratuíta, para o caso das asistencias letradas; e período, colexio, colexiado, data da actuación, número de expediente do servizo de orientación xurídica (SOX), número de expediente dado pola comisión de asistencia xurídica gratuíta (AXG), órgano xudicial, procedemento xudicial, procedemento do baremo, datos do/a solicitante, importe e mais data da resolución do recoñecemento do dereito á xustiza gratuíta, para os asuntos de xustiza gratuíta asumidos por cada profesional.

b) O ficheiro que recolla as compensacións e reintegros realizados nese período indicará os datos seguintes: período, colexio, colexiado, número de expediente SOX, número de expediente AXG, procedemento do baremo, importe compensado ou reintegrado, trimestre en que se liquidou a compensación e motivo da compensación ou reintegro.

c) A relación separada das renuncias dos/as profesionais á percepción de honorarios e dereitos.

d) A relación das renuncias das persoas interesadas ás designacións efectuadas.

As certificacións deberán ser expedidas polo secretario ou secretaria co visto e prace do decano ou decana de cada colexio, de conformidade co previsto nas disposicións que se adopten en desenvolvemento deste regulamento.

2. O envío dos ficheiros que acompañan a certificación deberá realizarse a través de medios telemáticos que permitan aos sistemas informáticos dos colexios profesionais de avogados e procuradores comunicarse coa oficina virtual de asistencia xurídica gratuíta para a súa remisión.

3. Os datos contidos na certificación e nos ficheiros informáticos contrastaranse cos datos que consten nas correspondentes comisións de xustiza gratuíta e, en caso de se detectaren discrepancias, concederase un prazo máximo de cinco días hábiles ao colexio profesional respectivo a fin de que, se é o caso, proceda á rectificación dos datos e expida unha nova certificación.

4. En función das ditas certificacións, a consellería competente en materia de xustiza efectuará, a seguir, os libramentos trimestrais que correspondan.

5. Os colexios profesionais, en canto entidades colaboradoras para a distribución das compensacións económicas, están suxeitos ás regras e obrigas establecidas no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

En particular, os colexios profesionais deberán comprobar o cumprimento dos requisitos determinantes do pagamento das compensacións económicas, así como a realización da actuación obxecto destes pagamentos.

Para estes efectos, os profesionais deberán presentar no seu respectivo colexio a documentación acreditativa da actuación profesional realizada, cando exista recoñecemento expreso do dereito por parte da correspondente comisión de xustiza gratuíta, dentro dos tres meses seguintes á súa actuación, de conformidade co previsto no artigo 41.3».

Vinte e catro. O artigo 45 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado como segue:

«Artigo 45. Gastos de funcionamento e infraestrutura

1. A consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deban percibir os consellos xerais e colexios profesionais de avogados e procuradores polo funcionamento operativo dos servizos de asistencia xurídica gratuíta e mais das unidades encargadas do asesoramento e orientación previos ao proceso aos cidadáns e da cualificación provisional das pretensións solicitadas.

2. O devandito sistema axustarase ás seguintes regras:

a) As devanditas cantidades determinaranse para cada colexio cun sistema de módulos compensatorios por expediente tramitado.

b) Entrementres non se determine o sistema de módulos compensatorios, os colexios percibirán a contía que resulte de aplicar o 8 por cento ao custo económico xerado en cada período de liquidación polas actuacións profesionais mencionadas no artigo anterior.

3. O Consello da Avogacía Galega e o Consello Galego dos Procuradores de Galicia distribuirán estes fondos entre os colexios de avogados e de procuradores de acordo coa actividade desenvolvida por cada un. Os colexios e os consellos, en canto entidades colaboradoras para a xestión das cantidades libradas, estarán sometidos ás obrigacións establecidas para os devanditos suxeitos pola lexislación orzamentaria».

Vinte e cinco. O artigo 46 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia queda redactado como segue:

«Artigo 46. Contas separadas

1. Os colexios de avogados e o correspondente consello xeral deberán ingresar, en conta separada, baixo o título «Colexio de Avogados de...» ou «Consello da Avogacía Galega», «Achega da Xunta de Galicia para compensar economicamente os avogados en quenda de oficio e asistencia letrada ao detido» e «Gastos de organización, administración e xestión dos servizos de asistencia letrada ao detido e defensa gratuíta», as cantidades libradas para atender as finalidades referidas neste regulamento.

Idéntica obriga corresponderá aos colexios de procuradores, e serán neste caso os títulos das contas os de «Colexio de Procuradores de...» ou «Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais», «Achega da Xunta de Galicia para compensar economicamente os procuradores en quenda de oficio» e «Gastos de funcionamento e infraestrutura colexial».

2. Os xuros devindicados, se é o caso, polas referidas contas aplicaranse aos gastos de funcionamento dos servizos».

Vinte e seis. Modifícase o título do capítulo VII do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, que pasa a ser «Memoria-informe anual», e quedan sen contido os artigos 47 e 48.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto e, en particular, as seguintes ordes:

– Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 2 de agosto de 2012, pola que se desenvolve a regulación das certificacións e xustificacións trimestrais establecidas no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

– Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 27 de outubro de 2015, pola que se designan as persoas que asumirán a presidencia das comisións de asistencia xurídica gratuíta.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza