Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2018 Páx. 5200

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Resolución do 27 de decembro de 2017 pola que se convocan para o ano 2018 as subvencións para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago do Programa de rexeneración e renovación urbanas da prórroga do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

BDNS (Identif.): 381582.

De conformidade co previsto nos artigo 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as comunidades de persoas propietarias, as agrupacións de comunidades de persoas propietarias e as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean en posesión da correspondente cualificación definitiva.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións do Programa de rexeneración e renovación urbana da área de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago para a anualidade de 2018, código de procedemento VI408H.

2. Estas subvencións están destinadas a financiar actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas situadas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago que conten coa correspondente resolución de cualificación definitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste Programa de rexeneración e renovación urbanas da ARI dos Camiños de Santiago rexeranse polas bases reguladoras aprobadas pola Orde do 22 de decembro de 2015, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publicada no Diario Oficial de Galicia, número 246, do 28 de decembro, modificada pola Orde do 29 de maio de 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia, número 112, do 14 de xuño.

Cuarto. Importe

1. As subvencións contidas na prórroga do Plan estatal 2013-2016 faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018, por importe de 2.122.434,45 euros.

2. As subvencións autonómicas faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018, por importe de 750.000 euros.

3. As axudas contidas na prórroga do Plan estatal 2013-2016 terán un importe máximo de 11.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación sen que, en ningún caso, poidan exceder do 35 % do custo subvencionable da actuación reflectido na cualificación definitiva.

4. As axudas autonómicas terán un importe máximo de 4.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación sen que, en ningún caso, poida exceder de 10 % do custo subvencionable da actuación reflectido na cualificación definitiva.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes de subvención comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2018 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario contido nesta convocatoria, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2017

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda