No Boletín Oficial del Estado número 298, do 10 de decembro de 2016, publicouse o Real decreto 637/2016, do 9 de decembro, polo que se prorrogou durante un ano o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, aprobado polo Real decreto 233/2013, do 5 de abril (en diante, Plan estatal 2013-2016).
O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, determina os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e danse directrices para o desenvolvemento do citado Plan estatal 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. De conformidade co previsto no seu artigo 13, mediante a Orde do 22 de decembro de 2015, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, establecéronse as bases reguladoras das subvencións do Programa de rexeneración e renovación urbanas no ámbito da área de rehabilitación integral (en diante, ARI) dos Camiños de Santiago. Esta orde foi modificada pola Orde do 29 de maio de 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia, número 112, do 14 de xuño. A modificación consistiu na supresión da limitación temporal para a participación neste programa e na implantación de axudas autonómicas para financiar as actuacións de rehabilitación, que son compatibles coas axudas contidas no Plan estatal 2013-2016. Ademais, incorporouse á regulación o catálogo de actuacións protexibles.
O 26 de outubro de 2017 asinouse o acordo específico para o financiamento da ARI dos Camiños de Santiago no seo da Comisión Bilateral de Vivenda da prórroga do Plan estatal 2013-2016.
A ARI dos Camiños de Santiago é a única área desta natureza xestionada directamente pola Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Esta resolución establece a convocatoria das subvencións do Programa de rexeneración e renovación urbana da ARI dos Camiños de Santiago para a anualidade de 2018. Para participar nesta convocatoria de axudas, cuxa concesión realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, é necesario dispor da cualificación definitiva da actuación.
A convocatoria suxéitase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 38/2003, do 18 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Para este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018, habilítanse créditos para o financiamento das actuacións derivadas desta convocatoria.
De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Primeiro. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións do Programa de rexeneración e renovación urbanas da ARI dos Camiños de Santiago para a anualidade 2018. Código de procedemento VI408H.
2. Estas subvencións están destinadas a financiar actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas situadas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago que conten coa correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).
Segundo. Bases reguladoras
As subvencións deste Programa de rexeneración e renovación urbanas da ARI dos Camiños de Santiago rexeranse polas bases reguladoras aprobadas pola Orde do 22 de decembro de 2015, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publicadas no Diario Oficial de Galicia, número 246, do 28 de decembro, modificada pola Orde do 29 de maio de 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia, número 112, do 14 de xuño.
Terceiro. Crédito orzamentario
1. As subvencións contidas na prórroga do Plan estatal 2013-2016 faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018, por importe de 2.122.434,45 euros. Estas achegas estarán supeditadas ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, no marco da prórroga do Plan estatal 2013-2016, regulada polo Real decreto 637/2016, do 9 de decembro.
2. As subvencións autonómicas faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018, por importe de 750.000 euros.
3. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.
4. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Cuarto. Persoas ou entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as comunidades de persoas propietarias, as agrupacións de comunidades de persoas propietarias e as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean en posesión da correspondente cualificación definitiva.
2. Para que as persoas físicas poidan ser beneficiarias, deberán posuír a nacionalidade española ou a de algún dos estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo, de Suíza ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. As persoas estranxeiras non comunitarias deberán ter residencia legal en España.
3. No caso de que a persoa beneficiaria sexa unha comunidade de persoas propietarias ou agrupación de comunidades de persoas propietarias, os requisitos sinalados nos puntos anteriores deberán cumprirse por todos os seus membros.
4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa solicitante.
Quinto. Contía das subvencións
1. As axudas contidas na prórroga do Plan estatal 2013-2016 terán un importe máximo de 11.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación, sen que en ningún caso poida exceder o 35 % do custo subvencionable da actuación reflectido na cualificación definitiva.
2. As axudas autonómicas terán un importe máximo de 4.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación, sen que en ningún caso poida exceder do 10 % do custo subvencionable da actuación reflectido na cualificación definitiva.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes de subvención
O prazo para a presentación de solicitudes de subvención comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2018 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario contido nesta convocatoria, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Sétimo. Solicitudes de subvención
1. As solicitudes de subvención realizaranse mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, que está dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberán dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada o edificio ou a vivenda.
2. As comunidades de persoas propietarias, as agrupacións de comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presenten a súa solicitude presencialmente, requiriráselles para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:
a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou concedida para a mesma finalidade.
c) Declaración responsable de que non se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda, por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.
d) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
f) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.
6. Para a tramitación das solicitudes de subvención terase en conta a documentación xa presentada polas persoas ou entidades solicitantes nas súas solicitudes de cualificación provisional e definitiva.
Oitavo. Documentación complementaria
Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:
a) De ser o caso, acreditación da representación da persoa que actúe no nome da persoa propietaria única do edificio.
b) Certificado da persoa que exerza as funcións de secretaría da comunidade de persoas propietarias ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias, en que se recolla tanto o acordo de solicitar a subvención do Programa de rexeneración e renovación urbanas da ARI dos Camiños de Santiago, como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente á comunidade de persoas propietarias ou á agrupación de comunidades de persoas propietarias, conforme o modelo que se xunta a esta resolución como anexo II.
c) Anexo III, no caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, en que se relacionen as persoas propietarias das vivendas e locais do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación. Neste anexo cubriranse, de ser o caso, as declaracións de non estar incursos en ningunha das circunstancias do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Noveno. Forma de presentación da documentación complementaria
1. As comunidades de persoas propietarias, as agrupacións de comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que presenten a documentación complementaria presencialmente, requiriráselles para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. No caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
4. As persoas e as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.
5. No caso de que os documentos que teñan que presentar superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, se seguirán para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: (https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano).
Décimo. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identificación de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante.
b) DNI ou NIE das persoas propietarias das vivendas e locais, no caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva.
c) Certificados acreditativos da persoa ou entidade solicitante de non ter débedas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Certificados acreditativos das persoas propietarias das vivendas e locais de non ter débedas coa AEAT, coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas ou ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
3. No caso de que as persoas ou as entidades interesadas se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto na solicitude e no anexo III e achegar os documentos oportunos.
Décimo primeiro. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento de subvención
1. A competencia para instruír os procedementos e para a formulación da proposta de concesión da subvención correspóndelle ás áreas provinciais do IGVS onde se atope o edificio ou a vivenda obxecto da actuación de rehabilitación.
2. A resolución de concesión será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Décimo segundo. Requirimentos de emenda
De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderán facerse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.
Décimo terceiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Décimo cuarto. Resolución e recursos
1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous (2) meses, contado desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se notifique a resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada por silencio administrativo.
2. A resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá ser recorrida en alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.
Décimo quinto. Causas de denegación
1. Serán causas de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou no resto da normativa que resulte de aplicación.
2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será o da maior antigüidade da data de resolución da cualificación definitiva. No caso de igualdade da data de resolución da cualificación definitiva, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude completa no correspondente rexistro da Área Provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude, aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos na resolución de convocatoria.
Décimo sexto. Xustificación e pagamento das subvencións
1. A resolución da cualificación definitiva da actuación de rehabilitación terá a consideración de memoria de actuación e memoria económica, para os efectos do previsto no artigo 48 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Para os efectos da xustificación do gasto subvencionable, estarase ao previsto no artigo 42 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, admitíndose a posibilidade establecida no seu punto terceiro de xustificar os pagamentos mediante recibo do provedor para gastos por importes inferiores a 1.000 euros.
3. O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa ou entidade beneficiaria sinalada para o efecto no anexo II desta resolución.
Décimo sétimo. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias
1. Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas e das entidades beneficiarias:
a) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
b) Subministrar ao IGVS, previo requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.
2. As persoas e as entidades beneficiarias deberán destinar o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades de persoas propietarias e agrupacións de comunidades de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que, tanto o importe desta como o custo das obras deba repercutirse nas persoas propietarias de vivendas e locais, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.
3. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade de persoas propietarias ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias incorra nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se atribuirá á devandita persoa propietaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se rateará entre os restantes membros da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias.
Décimo oitavo. Notificacións
1. As comunidades de persoas propietarias, as agrupacións de comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes están obrigadas a recibir as notificacións das resolucións e demais actos administrativos por medios electrónicos. Para estes efectos, no anexo II deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, unha opción diferente.
2. No caso das persoas físicas, as notificacións das resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante, deberán manifestar expresamente, no anexo I, a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Sen prexuízo do anterior, poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou se deixen de practicar por medios electrónicos. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.
3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Este sistema remitirá ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Décimo noveno. Transparencia e bo goberno
1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas e das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas e entidades beneficiarias e a referida publicidade.
2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Vixésimo. Datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas e as entidades interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento e de informar ás persoas e ás entidades interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707, Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: rehabilitacion.igvs@xunta.gal.
Vixésimo primeiro. Eficacia
Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2017
Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda