Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2018 Páx. 5494

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (SI427A).

O Estatuto de autonomía, no seu artigo 4, determina que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos cales se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento destas competencias aprobáronse dúas leis galegas en materia de igualdade, a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, hoxe recollidas no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. No seu artigo 1 recóllese como un dos principios de actuación o fomento da comprensión da maternidade como unha función social e establece que a protección da maternidade é unha necesidade social que os poderes públicos galegos asumen e recoñecen politicamente, e xa que a maternidade é un ben insubstituíble, todas as cargas e coidados que supón, a gravidez, o parto, a crianza, a socialización dos fillos e fillas, deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, co fin de non constituíren discriminación gravosa para as mulleres.

Así mesmo, no artigo 40 do actual texto refundido establécese que a Xunta de Galicia adoptará, dentro das súas competencias, as medidas conducentes a favorecer, en condicións de igualdade entre mulleres e homes, a inserción social das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, especialmente cando estean a cargo de familias monoparentais, todo iso no ámbito do compromiso básico da Comunidade Autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, definindo os mecanismos para fomentar o protagonismo das mulleres como parte activa do desenvolvemento da nosa sociedade.

A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe tamén un obxectivo básico e prioritario das políticas autonómicas, que ten o seu reflexo nas ditas normas, na planificación estratéxica, así como na sucesiva elaboración de plans no eido da igualdade nos cales, entre outras, recollen obxectivos e actuacións específicas para dar resposta ás necesidades das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, impulsar a participación destas mulleres e tomar en consideración as súas necesidades específicas, co fin de avanzar na construción dunha sociedade máis próspera, plural e cohesiva, na cal a igualdade entre mulleres e homes sexa cada vez máis unha realidade efectiva en todos os espazos da vida pública e privada de Galicia.

Neste senso, no VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, dentro das áreas estratéxicas para a igualdade prevese a participación das entidades de iniciativa social no seu desenvolvemento, en particular, no obxectivo específico 5.2 «potenciar os recursos de atención e apoio para garantir unha asistencia integral ás mulleres embarazadas ao longo de todo o ciclo da maternidade adaptada ás súas características», recolle como medida concreta a consolidación da Rede de apoio á muller embarazada. Acorde con iso, nesta actuación prevese unha liña de axuda especifica para programas de recursos dirixidos a mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade. Así mesmo, no obxectivo 5.4 «promover a especialización e diversificación dos recursos públicos para facilitar unha resposta de calidade ás necesidades das mulleres, en especial ás que se atopan en situación de maior dificultade», recolle como medida singular a promoción de programas e recursos especializados a través das entidades de iniciativa social dirixidos ás mulleres en situación de dificultade para atender as necesidades específicas derivadas da súa situación, ao que tamén responde un dos programas previstos nesta convocatoria.

A Secretaría Xeral da Igualdade, segundo dispón o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ten atribuídas, entre outras funcións, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero, incorporar o principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade, así como promover programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Polo anterior e con base nas ditas competencias, a Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario colaborar e cooperar no desenvolvemento de actuacións das entidades de iniciativa social que polos seus fins ou actividades contribúan á consecución dos obxectivos previstos e, en cumprimento do establecido na Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e se regula unha rede de apoio á muller embarazada, considera tamén necesario desenvolver programas específicos de apoio á protección da organización familiar, prestando especial atención ás mulleres novas embarazadas, en situación de risco de exclusión derivada da súa situación socioeconómica, formativa ou cultural, co fin de que estas poidan adquirir os medios e os recursos que lles permitan participar en pé de igualdade na sociedade e conciliar o dereito á maternidade coa educación e a familia, e facer fronte así a unha dobre discriminación: unha, a que radica no feito de ser muller e, outra, o embarazo, que reduce aínda máis as posibilidades de se integrar no mercado de traballo.

A loita contra a pobreza e a exclusión social foi unha constante nas políticas europeas, que se ve reforzada na Estratexia europea 2020 como un elemento clave, que recoñece unha gran diversidade de factores que xeran pobreza e exclusión social, que afecta principalmente as mulleres, define sectores con maiores taxas de risco como inmigrantes, minorías étnicas, persoas con discapacidade ou con enfermidades crónicas graves. Como novidade salientable inclúe un obxectivo cuantitativo neste ámbito e destaca a participación en igualdade de oportunidades no crecemento do emprego e da inclusión social. Neste senso, na nova programación dos fondos estruturais recóllese esta prioridade; concretamente, no FSE defínense catro obxectivos temáticos, un deles «promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación», dentro desta última inclúese a «promoción da igualdade».

Esta convocatoria está cofinanciada polo FSE nunha porcentaxe do 80 % no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, no obxectivo temático 9 «promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación», prioridade de investimento 9.3 «a loita contra toda forma de discriminación e o fomento da igualdade de oportunidades», obxectivo específico 9.3.1 «aumentar a integración sociolaboral das persoas pertencentes a colectivos máis vulnerables, a través de actuacións que fomenten a igualdade de xénero e a conciliación da vida persoal e laboral, evitando, pola súa vez, a discriminación múltiple».

Neste senso, é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello; no Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo, e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Consello.

Segundo o establecido no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, as subvencións e a asistencia reembolsable que se beneficien dunha axuda pública non superior a 50.000 euros adoptarán a forma de baremos estándar de custos unitarios, de importes a tanto global ou de financiamento a tipo fixo. Por este motivo, incorpórase o establecemento de métodos de custo simplificado.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro) e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Esta convocatoria tramítase como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do disposto no artigo 1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 201, do 29 de outubro), ao existir crédito adecuado e suficiente para este fin no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 19 de outubro de 2017.

Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e autorizada por acordo do Consello da Xunta de Galicia a concesión de anticipos de ata o 80 % da subvención concedida, sen constitución de garantías, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria no ano 2018 das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro rexistradas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), para o desenvolvemento de programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, segundo o establecido na disposición adicional única desta resolución.

Estes programas teñen como finalidade fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral, polo que deberán incluír unha atención personalizada e especializada de cara á integración social e laboral das participantes, e responder a un dos seguintes tipos:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos nos cales concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional única desta resolución.

2. Cada entidade só poderá solicitar subvención para o desenvolvemento dun dos programas previstos no punto 1 deste artigo.

Así mesmo, non serán subvencionables ao abeiro desta resolución os programas de atención integral dirixidos en exclusiva a persoas en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, por contaren cunha convocatoria de axudas específica.

3. A denominación e o código de procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: SI427A-Subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade.

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total dun millón cincocentos oitenta mil setecentos euros con vinte e oito céntimos (1.580.700,28 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313B.481.2, código de proxecto 2015 00142.

2. Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 %, no marco do programa operativo do FSE Galicia 2014-2020, no obxectivo temático 9 «promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación», prioridade de investimento 9.3 «a loita contra toda forma de discriminación e o fomento da igualdade de oportunidades», obxectivo específico 9.3.1 «aumentar a integración sociolaboral das persoas pertencentes a colectivos máis vulnerables, a través de actuacións que fomenten a igualdade de xénero e a conciliación da vida persoal e laboral evitando, pola súa vez, a discriminación múltiple».

O método de xustificación empregado será o de custos simplificados consonte o disposto no artigo 67.1.b), 67.5.d) e 68.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e no artigo 14.2 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013.

3. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

4. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade con outras axudas e ingresos xerados

1. As subvencións obxecto desta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública para a mesma actuación ou actividade.

2. Se a actuación subvencionada xera ingresos como consecuencia de achegas das participantes, taxas de inscrición, matrículas, ou equivalentes, o seu importe será deducido do gasto subvencionable, calculado segundo o custo unitario por hora efectivamente traballada segundo o establecido no artigo 5.5 desta resolución, no momento da concesión da axuda, en atención aos declarados na solicitude de subvención. Para o caso de que os ingresos obtidos non se fixesen constar na solicitude ou fosen superiores aos declarados nela, a dedución farase ou reaxustarase no momento do pagamento final.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos, condicións e obrigas previstos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular os seguintes:

a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).

b) Ter domicilio social ou delegación en Galicia.

c) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

2. Todos os requisitos e condicións exixidas deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Accións subvencionables

1. Serán subvencionables, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta resolución, as actuacións relacionadas no punto 3 deste artigo, no marco dalgún dos seguintes programas:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes en situación de especial vulnerabilidade, con fillas ou fillos menores de tres anos.

O programa, para que poida ser obxecto de subvención, debe incluír unha atención integral e especializada a mulleres xestantes e lactantes en situación de especial vulnerabilidade a través de accións dirixidas a promover o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral e a súa autonomía económica e afectiva, co fin de evitar que unha situación desexable se poida converter nun factor de exclusión.

Neste senso, debe conter algunha das actuacións previstas no punto 3 deste artigo, entre elas, de información sobre recursos integrais específicos para elas e as súas fillas e fillos; de acompañamento social e de apoio psicolóxico para a superación de cargas emocionais provocadas pola dita situación; de adquisición de competencias e habilidades persoais e sociais, e para a mellora da empregabilidade, así como servizos ou medidas de apoio na busca ou para o mantemento do emprego.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos en que concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional única desta resolución.

O programa debe incluír unha atención personalizada recollida en proxectos de integración individuais en que se plasmen intervencións específicas a través dunha ou varias das actuacións previstas no número 3 deste artigo. O programa debe ter en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades como elemento básico da atención especializada que deben recibir as mulleres en situación de vulnerabilidade pertencentes ao colectivo ou colectivos a que se dirixe, co obxecto de mellorar as súas expectativas persoais, sociais e laborais de cara á súa integración en termos de igualdade.

2. Os programas, para poderen ser obxecto de subvención, deben estar dirixidos en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, ben se dirixan a mulleres pertencentes a un colectivo específico para a súa atención especializada e personalizada, ben a mulleres pertencentes a varios colectivos, preferentemente con características similares respecto das súas necesidades sociais de intervención, así como responder no seu contido e metodoloxía a un enfoque de atención integral e de xénero, de forma que dea resposta ás singularidades e dificultades que atopan as mulleres pertencentes ao colectivo que atende.

3. As actuacións desenvolvidas no correspondente programa deberán encadrarse nalgún dos seguintes tipos:

a) Servizos de orientación e información sobre recursos singularizados, de atención, orientación e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que lles faciliten ás persoas usuarias o seu proceso de integración social.

b) Servizo de atención psicolóxica.

c) Servizo de asesoramento xurídico.

d) Servizo de mediación intercultural e/ou familiar.

e) Actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade.

f) Servizos ou medidas de apoio e orientación laboral para a mellora da empregabilidade e de acompañamento na busca de emprego, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización laboral e profesional.

Para os ditos efectos, a atención personalizada a través destes servizos comprenderá tanto as actuacións presenciais coa persoa participante, de forma individual ou grupal, coma aqueloutras actuacións que sexan necesarias, que non requiran a presenza da persoa, para dar resposta ás exixencias e singularidades do seu plan personalizado de integración, co obxectivo de incidir na mellora da súa situación persoal, social e laboral, e que consistan no acompañamento, seguimento e derivación activa a outros servizos no marco da coordinación, colaboración e cooperación con administracións públicas, profesionais ou con outras institucións, públicas ou privadas, dos diferentes ámbitos, tales como servizos sociais comunitarios e centros de información á muller (CIM), sanidade, vivenda, educación, formación e emprego.

Non serán obxecto de subvención as actividades de mero lecer, recreo, lúdicas ou culturais.

4. O período de referencia para o desenvolvemento do programa e para imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de outubro de 2017 e ata o 30 de setembro de 2018, ambos os dous incluídos.

5. Serán gastos subvencionables os derivados da realización do programa obxecto de subvención, referidos a custos directos de persoal, outros custos directos e custos indirectos relacionados e segundo os termos establecidos no artigo 6 desta resolución.

Para a determinación do gasto subvencionable e do importe da subvención establécese o sistema de custo simplificado segundo custo unitario por hora efectivamente traballada por cada un/unha dos/das profesionais que leven a cabo actuacións de atención ás persoas usuarias. Segundo a actividade profesional que se vai desenvolver, o custo unitario por hora efectivamente traballada será de:

– 20,89 euros/hora: traballadoras/es sociais, psicólogas/os, asesoras/es xurídicos, educadoras/es, terapeutas, orientadoras/es ou técnicas/os en integración social e/ou laboral, mediadoras/es, intérpretes, similares ou equivalentes, que requiran de titulación universitaria ou en FP complementada con experiencia profesional e/ou formación especializada.

– 16,23 euros/hora: monitoras/es, coidadoras/es, similares ou equivalentes que non requiran da anterior titulación.

No custo unitario por hora efectivamente traballada, ademais dos gastos directos de persoal, está incluído o 20 % para o financiamento doutros gastos directos e indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado.

O correspondente custo unitario por hora efectivamente traballada aplicarase ata un máximo de 1.720 horas por profesional, correspondente a unha dedicación dunha ou dun profesional a xornada completa durante un período de doce meses, de acordo co previsto no artigo 68.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 40 mulleres atendidas das cales o 60 % (24) deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no punto 3 deste artigo. O número de persoas atendidas incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

No caso de programas de recursos integrais de atención personalizada e especializada dos previstos no artigo 5.1.b) desenvolvidos en centros ou pisos de acollida para mulleres que precisan dunha especial protección por concorreren nelas diversos factores de especial vulnerabilidade que agravan a situación de exclusión social e laboral, e para as cales resulta imprescindible un recurso de acollemento, exixirase para unha dedicación dun ou dunha profesional a xornada completa (1.720 horas) a atención de 15 mulleres que deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no punto 3 deste artigo. O número de persoas atendidas incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

6. En todo caso, a contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 40.000 euros.

Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 13 desta resolución:

– Entre 95 e 100 puntos: 100 % do gasto subvencionable.

– Entre 85 e inferior a 95 puntos: 90 % do gasto subvencionable.

– Entre 75 e inferior a 85 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

– Entre 65 e inferior a 75 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

– Entre 55 e inferior a 65 puntos: 60 % do gasto subvencionable.

– Entre 45 e inferior a 55 puntos: 50 % do gasto subvencionable.

– Entre 35 e inferior a 45 puntos: 40 % do gasto subvencionable.

– Entre 25 e inferior a 35 puntos: 30 % do gasto subvencionable.

– Inferior a 25 puntos: 20 % do gasto subvencionable.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.

Así mesmo, no caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de espera, este repartirase entre elas a partes iguais de forma que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

Artigo 6. Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións previstas no artigo 5 desta resolución no marco dun programa de recursos integrais, correspondentes ás seguintes categorías e conceptos:

1. Gastos directos: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, polo tanto, se refiran de forma inequívoca e constatable a ela.

a) Gastos directos de persoal: serán subvencionables as retribucións salariais dos/das profesionais que pertenzan ao persoal propio da entidade, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria, correspondentes á execución do programa para a atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación coma no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.

No caso de contratación mercantil ou externa, os honorarios ou retribucións salariais correspondentes á execución do programa dos/das profesionais contratados/as co dito fin, logo de asignación de funcións vinculadas ás actuacións, segundo o previsto no artigo 5.3 desta resolución. Deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación.

Só serán imputables as horas efectivamente traballadas dedicadas á atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade no desenvolvemento do programa, realizadas por profesionais adscritos/as a el, tales como traballadoras/es sociais, psicólogas/os, asesoras/es xurídicos, educadoras/es, terapeutas, orientadoras/es ou técnicas/os en integración social e/ou laboral, mediadoras/es, intérpretes, monitoras/es e coidadoras/es.

b) Outros gastos directos: serán subvencionables os seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas directamente da actuación subvencionada; as axudas de custo e gastos de locomoción do persoal dedicado á execución do programa necesarios para a atención ás participantes e vinculados ao seu desenvolvemento.

2. Gastos indirectos: gastos correntes que non se corresponden en exclusiva á operación subvencionada por ter carácter estrutural e que resulten necesarios para o seu desenvolvemento: gastos indirectos de persoal (coordinación e tarefas auxiliares); gastos en bens consumibles e en material funxible; gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade).

3. En todo caso, as actuacións que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello; no Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Consello, e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020, en particular, na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020 (BOE núm. 307, do 21 de decembro).

4. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido, non susceptible de repercusión ou compensación.

Así mesmo, non terán a consideración de subvencionables aqueles outros gastos que non respondan ás categorías e conceptos expresamente recollidos neste artigo.

5. Non será subvencionable a subcontratación da execución total das medidas, actividades, actuacións ou servizos obxecto das axudas previstas nesta convocatoria, sen prexuízo de que algunha das categorías de gastos sexan subcontratados, tales como servizos, compra de material, contratación mercantil de persoal ou subministracións. Para os efectos desta resolución, entenderase que non hai subcontratación total na súa execución sempre que a entidade beneficiaria reserve para si a organización, a xestión e o seguimento da medida, actuación, actividades ou servizos para os cales se solicita a subvención, circunstancia que deberá acreditarse cando o servizo se contrate cunha única empresa.

Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Documentación

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación da/do secretaria/o da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención e sobre a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

b) Anexo III: memoria descritiva do programa para o cal se solicita a axuda, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante. Na memoria deberá constar a identificación do programa e da persoa ou persoas responsables da súa coordinación e seguimento; o colectivo ou colectivos de mulleres en situación de vulnerabilidade a que vai dirixido; de ser o caso, procedemento de selección; período de realización; localización territorial; tipo de establecemento; xustificación e descrición do programa; obxectivos e necesidades sociais que se pretenden cubrir; relacións de colaboración, coordinación e cooperación con administracións e institucións, públicas e privadas; descrición e relación das actuacións que inclúe o programa; posto e perfil dos/das profesionais que van participar directamente na execución do programa; gasto subvencionable segundo o custo unitario por hora efectivamente traballada; medios materiais; sistema de avaliación e de seguimento das usuarias; obxectivos e resultados esperados, en particular, os directamente vinculados á mellora das expectativas persoais e na busca de emprego ou da situación laboral das mulleres participantes.

Na memoria, tamén se teñen que recoller as actuacións realizadas pola entidade solicitante nos cinco últimos anos, que se correspondan coa tipoloxía do programa para o cal se solicita a axuda. Ademais, deberá achegarse acreditación documental suficiente da realización e desenvolvemento das actuacións declaradas na memoria.

c) Anexo IV: certificación emitida pola persoa responsable da entidade, que tamén deberá estar asinada polo/a profesional que desenvolva ou vaia desenvolver servizos, actuacións ou actividades no programa, na cal figure o tipo de vinculación coa entidade, o período e o número de horas de traballo efectivo, así como a asignación e descrición das funcións e tarefas encomendadas durante o período subvencionable.

Achegarase unha certificación por cada un/unha dos/das profesionais que desenvolvan ou vaian desenvolver o programa e deberán numerarse co mesmo ordinal co que figure na epígrafe da memoria referente á relación e perfil dos/das profesionais que van participar directamente na execución do programa.

d) Documentación acreditativa da representación que exerce a persoa que asina a solicitude para actuar en nome da entidade cando se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

e) Cando se trate dunha entidade de segundo nivel (federación, confederación...), certificación orixinal da/do secretaria/o, conformada pola persoa que asine a solicitude, acreditativa das asociacións e federacións integradas, especificando respecto de cada unha delas a denominación, o NIF e o número de socias e socios.

f) Certificación emitida pola Administración pública competente que acredite a colaboración da entidade coa dita Administración para o desenvolvemento de programas de atención ao/os colectivo/s de mulleres a que se dirixe o programa para o cal se solicita axuda ao abeiro desta convocatoria.

g) Certificación emitida por calquera Administración pública, entidade ou institución, pública ou privada, que acredite a coordinación e cooperación da entidade con outros servizos nos diferentes ámbitos, segundo o previsto no artigo 5.3 desta resolución, para a atención a colectivo/s de mulleres a que vai dirixido o programa.

h) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición do programa mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III e cuxa extensión non poderá exceder os 6 folios.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tramitarase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto para o envío ao Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Así mesmo, tamén se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación aclaratoria e complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 12. Instrución do procedemento e comisión de valoración

1. A instrución do procedemento previsto nesta resolución correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión de valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

– Presidencia: o/a subdirector/a xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en que delegue.

– Secretario/a: exercerá a secretaría da comisión un/unha dos/das vogais da comisión.

– Vogalías: o/a xefe/a do Servizo de Fomento, o/a xefe/a de Servizo de Planificación e Programación, o/a xefe/a do Servizo de Promoción e Cooperación Institucional, o/a xefe/a do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas, e o/a xefe/a do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a comisión de valoración, será substituída pola persoa funcionaria designada pola persoa que exerza a presidencia da comisión.

3. A comisión de valoración poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios e pautas de baremación establecidos no artigo 13 e no artigo 5.6 desta convocatoria, a comisión de valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, e proporá a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de espera por orde de puntuación para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou algún incremento do crédito inicialmente dispoñible. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución con anterioridade á fin do prazo de xustificación das axudas.

5. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, para o caso de que concorran solicitudes similares e confluentes de entidades integradas noutras de segundo nivel, unicamente poderá obter subvención unha delas, para o que a comisión de valoración proporá a adxudicación da que obteña maior puntuación e a denegación das outras.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. A comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

A) Pola especialización respecto do colectivo de mulleres a que vai dirixido o programa e pola experiencia da entidade na realización de programas que respondan á tipoloxía do programa para o cal se solicita a subvención, e pola súa colaboración con calquera Administración pública, ata 20 puntos, segundo o seguinte:

1) Especialización respecto do colectivo, ata 6 puntos: a) programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que pertenzan a un único colectivo específico: 6 puntos; b) programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que pertenzan a varios colectivos con características similares: 4 puntos.

2) Experiencia da entidade na realización de programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade da mesma tipoloxía do programa para o cal se solicita a subvención, reflectida na memoria e acreditada documentalmente, ata 10 puntos: 2 puntos por ano de experiencia sempre que o programa se desenvolvese en cada anualidade durante un período ininterrompido de máis de tres meses.

3) Colaboración con calquera Administración pública no desenvolvemento de programas dirixidos ao/os colectivo/s de mulleres a que se dirixe o programa para o cal se solicita subvención: 4 puntos.

B) Temporalización do funcionamento do programa dentro do período subvencionable, ata 15 puntos, segundo o seguinte:

1) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante os 12 meses: 15 puntos.

2) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 9 e ata 12 meses: 13 puntos.

3) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 6 e ata 9 meses: 10 puntos.

4) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 4 e ata 6 meses: 7 puntos.

5) Programa de duración igual ou inferior a catro meses: ata 4 puntos, 1 punto por cada mes completo de realización ininterrompida.

C) Polo lugar de desenvolvemento do proxecto ou pola súa localización, ata 15 puntos, segundo o seguinte:

1) Programa desenvolvido en establecementos pechados (centros ou pisos de acollida, penitenciarías, hospitais, centros de recuperación): 15 puntos.

2) Programa desenvolvido en concellos cualificados como zonas pouco poboadas (ZPP), segundo os estudos ou datos publicados polo IGE, ata 15 puntos, segundo o seguinte: a) ZPP de baixa densidade, 15 puntos; b) ZPP intermedia, 8 puntos; c) ZPP alta, 4 puntos.

D) Polo interese, calidade, necesidade, carácter innovador do programa, e polo seu contido e carácter integral, ata 32 puntos, segundo o seguinte:

1) Descrición precisa do programa, da súa xustificación e coherencia coas necesidades sociais que se pretenden cubrir: 3 puntos.

2. Adecuación do tempo de dedicación e do perfil dos e das profesionais adscritos/as en relación co contido do programa: 3 puntos.

3. Carácter innovador do proxecto en relación cos programas do mesmo tipo presentados ao abeiro da convocatoria, segundo a distinción recollida no artigo 5.1 desta resolución: 6 puntos.

4. Polo carácter integral do programa presentado, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 5.3 desta convocatoria, ata 20 puntos, segundo o seguinte: a) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en cada unha das seis epígrafes recollidas no artigo 5.3, 20 puntos; b) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en cinco das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 15 puntos; c) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en catro das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 10 puntos; d) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en tres das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 5 puntos.

E) Pola coordinación e cooperación acreditada con outros servizos no desenvolvemento de programas de recursos integrais dirixidos a mulleres en situación de especial de vulnerabilidade, ata 18 puntos, segundo o seguinte: a) cos servizos sociais comunitarios, 6 puntos; b) cos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados segundo o Decreto 130/2016, do 15 de setembro, 6 puntos; c) con entidades ou institucións, públicas ou privadas, dos diferentes ámbitos segundo o previsto no artigo 5.3 desta resolución: 6 puntos.

2. No caso de empate na puntuación, para o caso de que algunha delas poida quedar en lista de espera, para o desempate, en primeiro lugar terá preferencia a solicitude que obteña maior puntuación na alínea D), do número 1 anterior e, se persiste, pola obtida na alínea A). De seguir o empate, pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. De conformidade co previsto no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e segundo o establecido na disposición adicional segunda do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta do órgano instrutor e despois da fiscalización pola intervención delegada, a resolución destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O prazo para resolver e notificar ás entidades interesadas será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Dado que a subvención está cofinanciada polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, na resolución de concesión informarase a persoa ou entidade beneficiaria do cofinanciamento comunitario, con expresión do obxectivo temático, prioridade de investimento e obxectivo específico e a porcentaxe de cofinanciamento. Así mesmo, informarase de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarias, no suposto de seren entidades xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica.

Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días (10) a súa aceptación, e comprometerse a executar o programa ou actuación subvencionados no prazo e nas condicións establecidas na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos, distintas ás previstas no punto 3 deste artigo e no artigo 11.1 desta resolución, realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e segundo o seguinte:

a) As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

b) As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación por medios electrónicos entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que acceda ao seu contido.

c) Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 17. Prazo e xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización do programa de recursos integrais subvencionado con data límite do 11 de outubro de 2018.

2. As actuacións correspondentes aos referidos programas xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 67 e 68 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, segundo o módulo ou custo unitario por hora efectivamente traballada, calculado sobre o correspondente custo directo de persoal máis un 20 % en concepto de gastos directos e indirectos derivados do programa, segundo o establecido no artigo 5.5 desta resolución.

3. Dentro do prazo sinalado no número 1.1 deste artigo, deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Anexo V: solicitude de pagamento da axuda debidamente cuberta e asinada pola persoa que exerce a representación da entidade, na cal se deberá facer constar de modo expreso o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, así como o importe total do gasto subvencionable segundo o correspondente custo unitario polas horas efectivamente traballadas dedicadas ao programa polas/os profesionais adscritas/os a el.

b) Anexo VI: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións e, de ser o caso, dos ingresos percibidos por achegas das mulleres participantes.

c) Anexo VII: declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de que non se autorice a súa consulta.

d) Anexo VIII: certificación das horas efectivamente traballadas dedicadas ao programa durante o período subvencionable por cada un/unha dos/das profesionais adscritos/as, con indicación do correspondente custo subvencionable segundo hora efectivamente traballada.

e) Anexo IX: memoria xustificativa do programa subvencionado, con descrición detallada das actuacións desenvolvidas, dos resultados obtidos, e con indicación do número de persoas participantes segundo os indicadores de produtividade e de resultado recollidos no modelo, así como a publicidade e divulgación que se realizou. A memoria deberá estar asinada pola persoa representante da entidade.

A memoria virá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, material didáctico, fotografías e outros documentos onde deberán figurar os logos da Unión Europea (FSE) e a imaxe corporativa da Secretaría Xeral da Igualdade, para os efectos de acreditar a realización da actividade e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 19 desta resolución.

f) Follas mensuais das horas efectivamente traballadas dedicadas á atención de mulleres en situación de especial vulnerabilidade no programa subvencionado, do persoal dedicado ao programa, con indicación das tarefas realizadas, asinadas pola/o profesional e pola persoa responsable da entidade, respecto de todas as persoas adscritas ao programa obxecto de subvención. Debe utilizarse obrigatoriamente o modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

g) Relación numerada das mulleres en situación de especial vulnerabilidade atendidas no período subvencionable, asinada pola persoa responsable do programa. Está relación terá que presentarse no modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

h) Folla individualizada de seguimento de cada unha das mulleres participantes, onde conste a intervención ou intervencións presenciais realizadas coa data de atención, o perfil da usuaria e os resultados obtidos, cos datos que figuran no modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Na folla individualizada de seguimento reflectiranse os indicadores de produtividade e os indicadores de resultado inmediato de cada unha das mulleres en situación de especial vulnerabilidade que participaron no programa subvencionado.

A folla individualizada de seguimento debe estar asinada pola usuaria e pola persoa responsable do programa, e numerada co mesmo ordinal con que figure na relación indicada na alínea g) anterior.

Para os efectos desta convocatoria, non serán computables as persoas que non se identifiquen nin aquelas das cales non consten os datos dos indicadores de produtividade e de resultado inmediato na aplicación Participa 1420 e das cales non teñan debidamente cubertas as fichas individualizadas de seguimento.

i) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para un mellor detalle na xustificación da realización do programa, mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo IX e cuxa extensión non poderá exceder os 6 folios.

4. Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa prevista nas alíneas f), g) e h) do punto 3 anterior, esta deberá presentarse obrigatoriamente nos modelos publicados na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade ou, de ser o caso, nos previstos na aplicación Participa 1420.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non o facer, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 18. Pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 80 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución de concesión.

O 20 % restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

3. Procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e nos casos previstos no artigo 21 desta resolución e nos demais supostos previstos na normativa de aplicación relacionada no artigo 23 desta convocatoria.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización do programa, actuacións e actividades que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

2. Manter unha pista de auditoría suficiente, dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, e manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida e conservar toda a documentación relativa á subvención durante, polo menos, un período de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación ante a Comisión Europea. O comezo deste prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondo Europeos.

3. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

En todo caso, nos espazos de atención ás usuarias e nas comunicacións contarán co emblema da Unión Europea coa referencia ao Fondo Social Europeo; e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

Na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade está dispoñible a información, os emblemas da Unión Europea e do órgano concedente, así como un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión.

4. Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral da Igualdade) e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, así como dos obxectivos dos fondos. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás usuarias ou participantes.

5. Adecuar a metodoloxía de recollida e proceso de datos de seguimento e de acreditación da realización da actividade de persoas beneficiarias ás fórmulas requiridas a través da aplicación Participa 1420, realizando as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Neste senso, na súa cobertura deberá respectarse o principio de integridade dos datos.

Os datos dos indicadores de produtividade relativos ás entidades e ás persoas participantes referiranse ao momento inmediatamente anterior á súa participación no programa dentro do período subvencionable, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse á situación dentro das catro semanas seguintes á finalización da súa participación nese período. Así mesmo, a Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice esta actividade, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, facilitaráselles ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa 1420.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos do perfil cos indicadores de produtividade e de resultado das persoas participantes na aplicación Participa 1420. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán custodiar a ficha individualizada de seguimento cos indicadores de produtividade, máis a dos de resultado inmediato de cada unha das persoas participantes, asinada pola participante e pola persoa responsable da entidade, segundo o modelo dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

6. Cumprir coa normativa de protección de datos de carácter persoal, en concreto, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. Os datos de carácter persoal das persoas usuarias ou participantes nas actuacións subvencionadas incorporaranse ao ficheiro de datos de carácter persoal da Secretaría Xeral da Igualdade a que se refire o artigo 23 desta resolución. En todo caso, deberá constar necesariamente a autorización expresa da persoa interesada para o tratamento e incorporación dos seus datos de carácter persoal. A entidade beneficiaria da axuda será a responsable de recadar e custodiar a dita documentación.

7. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

8. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

9. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas con Fondo Social Europeo, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, que incluirán as oportunas visitas sobre o terreo.

Artigo 20. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención serán responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 21. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

4. De ser o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado dedicado á atención de mulleres en situación de especial vulnerabilidade tidas en conta para a asignación da subvención, segundo o establecido no artigo 5.5 desta resolución. Tamén procederá a minoración proporcional cando o número de persoas atendidas ou o numero mínimo de usuarias con seis intervencións sexan inferiores ás que correspondan segundo as horas efectivamente xustificadas.

5. Procederá a minoración do 2 % sobre a contía total da axuda concedida nos seguintes supostos: cando a temporalización do programa sexa inferior ao tramo tido en conta na valoración da solicitude, segundo o previsto no artigo 13.1.B), ou cando o número de actuacións desenvolvidas sexa inferior ao tido en conta na valoración da solicitude segundo o previsto no artigo 13.1.D.4.

6. Así mesmo, procederá a minoración dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas no artigo 19, números 2, 3 e 4.

7. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e aqueloutras que determine a súa condición de subvencionada polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello; no Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Consello; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020, en particular, a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020 (BOE núm. 307, do 21 de decembro).

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 24. Información ás entidades interesadas

Sobre o procedemento administrativo correspondente a esta convocatoria poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de Igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://xunta.gal/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://igualdade.xunta.gal; do teléfono 981 54 53 69, no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.gal, ou presencialmente.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral da Igualdade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico ao seguinte enderezo: igualdade@xunta.gal

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal

Disposición adicional única. Mulleres en situación de especial vulnerabilidade

1. Para os efectos desta convocatoria, terán a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade aquelas nas cales concorra algunha das seguintes circunstancias:

– Vítimas de violencia de xénero ou de violencia doméstica.

– Vítimas de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.

– Inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas.

– Pertencentes a unha minoría étnica.

– Dependentes do consumo de substancias tóxicas ou en procesos de rehabilitación.

– Perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares.

– Reclusas ou ex-reclusas.

– Procedentes de institucións de protección ou reeducación de menores.

– Transexuais ou con conflitos de identidade de sexo.

– Persoas con discapacidade ou enfermidade mental.

– Con responsabilidades familiares non compartidas.

– Procedentes de núcleos familiares con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.

– Embarazadas ou lactantes sen apoio familiar ou sen recursos.

– Sen fogar ou que habitan nunha infravivenda, ou afectadas por un proceso de desafiuzamento.

– Maiores ou viúvas.

– Sen titulación ou con baixa cualificación.

– Desempregadas menores de 30 anos ou maiores de 45 anos.

– Inactivas ou desempregadas de longa duración.

– Con residencia en concellos rurais de zonas pouco poboadas de baixa densidade (ZPP), segundo os estudos ou datos publicados polo IGE, e que poden consultarse na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

– Calquera outra situación non prevista expresamente que implique factores de risco ou vulnerabilidade no ámbito familiar, social ou laboral, sempre que sexa ponderada e aceptada polos servizos sociais do concello en que se desenvolva o programa.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2017

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file