Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2018 Páx. 5427

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

DECRETO 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Con data do 14 de novembro de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia o Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, coa finalidade de adaptala ás necesidades que o momento aconsellaba acometer, tendo en conta os principios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e organización administrativa.

Esta nova dimensión organizativa reflectiuse no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, que, no seu artigo 5, estrutura a Consellería de Economía, Emprego e Industria nos seguintes órganos superiores e de dirección: a Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a Secretaría Xeral de Emprego e a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

O referido Decreto 177/2016 modificou o vixente Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de xeito que a Dirección Xeral de Comercio pasa a denominarse Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

O impulso social, económico, laboral e industrial configúranse como os eixes fundamentais no deseño, elaboración e execución da acción política da Consellería de Economía, Emprego e Industria co fin de contribuír decisivamente a unha nova etapa de crecemento e desenvolvemento económico da nosa comunidade autónoma. Procede, por tanto, elaborar un texto único que recolla este cambio normativo e estableza de modo claro a estrutura e funcións da consellería.

Así mesmo, aproveitase a elaboración do referido texto consolidado para introducir as novas competencias que asume esta consellería coa creación e posta en funcionamento da Axencia Galega da Industria Forestal, así como outras modificacións puntuais, centradas na área de emprego, na cal se reforzan os medios persoais e materiais. Así, pasan a depender directamente da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego a xefatura de Servizo de Verificación de Fondos e a xefatura de Servizo de Igualdade, actualmente na Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e na Secretaría Xeral Técnica, respectivamente.

Polo que se refire á organización dos servizos periféricos, de acordo co disposto no artigo 35 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, as xefaturas territoriais previstas neste decreto dependen orgánica e funcionalmente da consellería, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das súas competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial. Concretamente, a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén a súa organización en catro xefaturas territoriais na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Na presente disposición, a estrutura periférica adáptase aos cambios organizativos dos servizos centrais.

En definitiva, a nova estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria persegue facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa, tendo en conta os principios e os eixes aludidos que, neste ámbito, se traducen nunha maior racionalidade e eficacia no desenvolvemento competencial e de xestión das funcións que ten atribuídas.

De acordo co anterior e de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, a actual estrutura da Consellería de Economía, Emprego e Industria axústase aos principios de austeridade, eficacia, eficiencia e coordinación no deseño e funcionamento da Administración pública, co obxectivo de alcanzar unha mellor adaptación ás necesidades sociais e laborais derivadas do actual escenario económico.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, e logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día vinte e oito de decembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Ámbito competencial e organización xeral da consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución:

a) O exercicio das competencias e funcións nos ámbitos da promoción e dinamización da economía, investigación, desenvolvemento e innovación, industria, seguridade industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía, minas e recursos minerais, artesanía, comercio interior e exterior, consumo, así como a planificación, en colaboración coa consellería competente en materia de vivenda e solo, das infraestruturas dos servizos empresariais do solo industrial,

b) Propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, que engloba as competencias en materia de políticas activas de emprego, política laboral, relacións laborais e seguridade e saúde laboral, responsabilidade social empresarial, cooperativas e outras entidades de economía social, orientación e promoción laboral.

c) Impulsar a actividade económica asociada á industria forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e a utilización da biotecnoloxía como técnica na mellora dos produtos forestais.

Artigo 2. Estrutura da consellería

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Economía, Emprego e Industria estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. O/a conselleiro/a.

2. Secretaría Xeral Técnica.

3. Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

4. Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

5. Secretaría Xeral de Emprego.

5.1. Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

6. Xefaturas territoriais.

Artigo 3. Entidades instrumentais e demais órganos

1. Quedan adscritas a esta consellería as seguintes entidades:

a) O organismo autónomo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

b) O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

c) O ente de dereito público Instituto Galego de Promoción Económica.

d) A Axencia Galega de Innovación.

e) A axencia Instituto Enerxético de Galicia.

f) A Axencia Galega da Industria Forestal.

g) O ente público Consello Galego de Relacións Laborais.

2. Así mesmo, quedan adscritos a esta consellería os seguintes organismos:

a) O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

b) O Laboratorio de Consumo de Galicia, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

c) A Real Academia Galega de Ciencias, a través da Axencia Galega de Innovación.

d) O Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia e o Observatorio de Innovación de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación.

3. Por último, quedan adscritos a esta consellería, co carácter, misión e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

a) O Consello Galego de Economía e Competitividade, creado pola Lei 9/2013, do 19 de decembro.

b) A Comisión de Prezos de Galicia, regulada polo Decreto 106/1984, do 24 de maio.

c) O Consello Galego de Consumidores e Usuarios, creado polo Decreto 127/1998, do 23 de abril.

d) A Comisión Galega da Artesanía, creada pola Lei 1/1992, do 11 de marzo.

e) O Observatorio do Comercio de Galicia, creado pola Lei 13/2010, do 17 de decembro.

f) O Consello Galego de Cooperativas, creado pola Lei 5/1998, do 18 de decembro.

g) O Consello Galego do Traballo Autónomo, creado polo Decreto 19/2013, do 17 de xaneiro.

h) O Consello Autonómico de Emprego, os consellos provinciais de emprego e os comités territoriais de emprego, creados polo Decreto 192/2011, do 29 de setembro.

i) A Comisión Galega de Formación Profesional Continua, creada polo Decreto 7/2005, do 13 de xaneiro.

j) O Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, creado pola Lei 14/2007, do 30 de outubro.

k) O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, creado polo Decreto 147/2011, do 30 de xuño.

l) A Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos e se regula o seu funcionamento, creada polo Decreto 101/2015, do 18 de xuño.

m) A Comisión Consultiva Tripartita da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia, creada pola Orde do 21 de febreiro de 2008.

TÍTULO II
Órganos centrais

CAPÍTULO I
Persoa titular da Consellería

Artigo 4. O/a conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a superior autoridade deste departamento e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO II
Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 5. Atribucións

Baixo a superior dirección da persoa titular da consellería, consonte o artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións nel establecidas, así como aqueloutras que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da consellería e as restantes que lle atribúa o ordenamento xurídico, entre elas as seguintes:

a) O asesoramento e coordinación de todos os órganos, servizos e entidades instrumentais adscritos á consellería.

b) A emisión dos informes e a realización dos estudos técnicos e xurídicos correspondentes aos asuntos de que coñezan a consellería ou as entidades públicas instrumentais adscritas a ela.

c) A remisión dos asuntos que deban someterse ao Consello da Xunta de Galicia ou ás súas comisións delegadas.

d) O seguimento da tramitación e rexistro dos convenios, acordos, protocolos e declaracións subscritos no ámbito competencial da consellería.

e) A representación da Consellería nos órganos colexiados que exerzan funcións relacionadas coas súas competencias.

f) O seguimento e coordinación do funcionamento da oficina Doing Business en Galicia, plataforma de colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a redución das cargas administrativas ás empresas e autónomos.

g) O seguimento dos procedementos de defensa dos dereitos e intereses dos operadores económicos, consumidores e usuarios previstos na Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.

h) A substitución temporal, nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, das persoas titulares do órgano superior e dos órganos directivos da consellería a que se refire a disposición adicional primeira.

i) Calquera outra que lle atribúa a normativa en vigor.

Artigo 6. Estrutura

A Secretaría Xeral Técnica estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

1.1. Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interno.

1.2. Servizo de Recursos Humanos.

1.3. Servizo Técnico Xurídico I.

1.4. Servizo Técnico Xurídico II.

2. Subdirección Xeral de Coordinación Económica.

2.1. Servizo de Seguimento e Coordinación Orzamentaria.

2.2. Servizo de Xestión Económica.

2.3. Servizo de Contratación.

2.4. Servizo de Proxectos e Obras.

3. Asesoría Xurídica de Enerxía, Minas, Comercio e Consumo.

4. Asesoría Xurídica de Economía e Innovación.

5. Asesoría Xurídica de Emprego.

6. Intervención Delegada.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa

Artigo 7. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión das competencias da Secretaría Xeral Técnica.

2. De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos órganos de dirección da consellería.

b) O estudo, preparación e informe dos asuntos que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia.

c) A asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica para o estudo e preparación das reunións da Comisión de Secretarios/as Xerais.

d) A coordinación, para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial das disposicións e actos administrativos ditados polos distintos órganos da consellería.

e) A xestión dos asuntos relacionados cos recursos humanos da consellería, así como o seguimento e control do rexistro de persoal, sen prexuízo das atribucións que correspondan aos órganos da consellería competente en materia de función pública.

f) A coordinación e xestión dos servizos de carácter xeral, da organización do rexistro da consellería, do arquivo, do inventario dos bens, o mantemento e utilización de instalacións e vehículos adscritos á consellería e a tramitación dos actos administrativos referidos ao patrimonio, así como das publicacións e estatísticas.

g) A atención e coidado do réxime interno das dependencias da consellería, así como a administración e conservación dos bens mobles e inmobles que ten adscritos.

h) A supervisión e coordinación da tramitación e xestión dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a Consellería, así como a súa remisión ao órgano encargado de realizar os trámites necesarios para o seu rexistro, sen prexuízo das atribucións que correspondan nesta materia a outros órganos da Xunta de Galicia.

i) O exercicio das funcións que teña encomendadas a consellería con relación ás fundacións de interese galego sobre as cales exerza o protectorado e as funcións como sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

j) A tramitación dos requirimentos, queixas e peticións formulados á consellería polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións.

k) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, cos órganos e unidades administrativas da consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

l) O estudo, coordinación e proposta de resolución de reclamacións, recursos administrativos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería, cando non sexan competencia doutros órganos.

m) A coordinación de demandas e recursos contencioso-administrativos, cando non correspondan a outros órganos.

n) O estudo, a coordinación e a revisión da proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial cuxa resolución corresponda á persoa titular da consellería.

o) O estudo e coordinación da tramitación de expedientes sancionadores que lle resulten atribuídos, consonte a normativa aplicable.

p) A coordinación da elaboración de estudos, informes, instrucións, circulares e instrumentos similares que se requiran no exercicio das funcións anteriores.

q) A substitución temporal, nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, agás a asistencia ás reunións da Comisión de Secretarios Xerais.

r) O apoio a calquera unidade administrativa e órgano da consellería ou das entidades instrumentais a ela adscritas, segundo o mandato que para o efecto lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no ámbito das súas atribucións.

s) O asesoramento e emisión de informe sobre aquelas cuestións que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no ámbito das súas atribucións.

t) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no exercicio das súas atribucións, e da coordinación da actuación dos órganos directivos e das unidades administrativas da consellería.

3. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interno.

b) Servizo de Recursos Humanos.

c) Servizo Técnico Xurídico I.

d) Servizo Técnico Xurídico II.

Artigo 8. Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interno

O Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interno exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación do sistema de xestión de procedementos administrativos e outros de contido administrativo que lle atribúan as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

b) O aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento dos servizos centrais da consellería e a coordinación e supervisión neste ámbito dos servizos periféricos.

c) A coordinación dos asuntos de réxime interior da consellería.

d) A habilitación de gastos de persoal dos servizos centrais da consellería, sen prexuízo das atribucións doutros órganos da consellería e das entidades instrumentais.

e) A xestión e a tramitación da nómina de persoal adscrito aos servizos centrais da consellería.

f) O cumprimento das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos.

g) O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos en materia orzamentaria do capítulo I da consellería, así como a elaboración, se for o caso, das correspondentes propostas de modificación de crédito.

h) A tramitación dos requirimentos, queixas e peticións formulados polo Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións, se non son atribución doutro órgano da consellería.

i) A supervisión e coordinación da xestión do rexistro da consellería.

j) A xestión dos arquivos centrais da consellería e a supervisión e coordinación da xestión do arquivo de oficina e dos restantes arquivos da consellería e das entidades instrumentais a ela adscritas.

k) A coordinación e xestión das publicacións, o plan de publicacións, a información e difusión das publicacións da Consellería e as funcións relativas á representación dela na Comisión e no Consello de Publicacións da Xunta de Galicia.

l) A realización das tarefas de xestión e tramitación e, se for o caso, coordinación, necesarias para a remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia, ou en calquera outro diario oficial, das disposicións e actos administrativos ditados polos distintos órganos e entidades instrumentais da consellería.

ll) A coordinación e xestión das aplicacións informáticas da consellería, sen prexuízo das atribucións que nesta materia teñan outros órganos ou entidades instrumentais da Xunta de Galicia.

m) As funcións que lle sexan asignadas como órgano estatístico sectorial da consellería.

n) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

o) Aqueloutras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, dentro do seu ámbito de atribucións.

Artigo 9. Servizo de Recursos Humanos

O Servizo de Recursos Humanos exercerá as seguintes funcións, sen prexuízo das que teñan outros órganos e entidades instrumentais da consellería, así como das que poidan corresponder aos restantes órganos con competencia en materia de persoal da Xunta de Galicia:

a) A ordenación e o control da xestión de todo o persoal da consellería e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito aos servizos centrais.

b) A coordinación dos servizos periféricos da consellería e das súas entidades instrumentais en materia de persoal.

c) A tramitación dos expedientes administrativos relativos a persoal funcionario, laboral e eventual.

d) A programación das necesidades de persoal da consellería e das súas entidades instrumentais.

e) O estudo, tramitación e elaboración das propostas de resolución en materia de recursos humanos, a elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e recursos interpostos na vía xudicial, así como, se for o caso, a execución de sentenzas, en materia de persoal dos servizos centrais da Consellería e a coordinación e apoio nesta materia con respecto ao persoal dos servizos periféricos e entidades instrumentais adscritas á Consellería.

f) A formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo da Consellería, así como a coordinación das propostas que formulen neste ámbito as entidades instrumentais adscritas.

g) O mantemento e a actualización da base de datos de persoal funcionario e laboral dos servizos centrais da Consellería, a coordinación nesta materia da actuación dos servizos periféricos e das entidades instrumentais adscritas, así como a organización, a custodia e o arquivamento dos expedientes do persoal dos servizos centrais da consellería.

h) A tramitación e xestión dos permisos, vacacións e licenzas do persoal dos servizos centrais da Consellería, así como o apoio nesta materia aos servizos periféricos e entidades instrumentais adscritas, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos da Consellería e da Xunta de Galicia.

i) Controlar a asistencia e puntualidade do persoal dos servizos centrais, así como coordinar e supervisar o control que neste ámbito efectúen os servizos periféricos e as entidades instrumentais adscritas á Consellería.

j) O estudo, a coordinación e a proposta de resolución dos procedementos disciplinarios cuxa resolución corresponda á persoa titular da Consellería ou ao Consello da Xunta de Galicia, con respecto ao persoal dependente desta consellería e das súas entidades instrumentais.

k) Aqueloutras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, dentro do seu ámbito de atribucións.

Artigo 10. Servizo Técnico Xurídico I

O Servizo Técnico Xurídico I exercerá as seguintes funcións, nas áreas correspondentes a industria, enerxía e minas:

a) A elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada, de reposición, de revisión e das solicitudes de revisión de oficio.

b) A elaboración das resolucións sancionadoras de competencia do conselleiro e do Consello da Xunta cando non estea atribuída a outras unidades.

c) A elaboración dos actos de inicio e resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial.

d) A elaboración dos estudos xurídicos, resolucións, informes e demais asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

e) O apoio, asesoramento e asistencia na tramitación de procedementos administrativos e elaboración de propostas de resolución por parte dos diferentes órganos da Consellería, así como das entidades instrumentais a ela adscritas.

f) A elaboración de instrucións, protocolos de actuación, informes, estudos ou calquera outro instrumento de carácter técnico xurídico que se considere adecuado para a coordinación dos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

g) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos en que a Consellería sexa parte interesada.

h) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos xulgados e tribunais.

i) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións que elaboren os centros directivos da Consellería, así como a preparación das recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

j) O estudo e elaboración de informes sobre a normativa correspondente ao respectivo ámbito competencial.

k) O rexistro, arquivamento e custodia das disposicións normativas emanadas da Consellería ou dos seus centros directivos.

l) O estudo e apoio na tramitación das propostas de convenios e outros instrumentos bilaterais que elaboren os distintos órganos da Consellería.

m) A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos de competencia da Consellería que lle sexan atribuídos.

n) O apoio ao Servizo Técnico Xurídico II cando, en atención ás cargas de traballo, lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica e pola Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

o) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, no exercicio das competencias que lle sexan propias.

Artigo 11. Servizo Técnico Xurídico II

1. O Servizo Técnico Xurídico II exercerá as seguintes funcións, nas áreas correspondentes a emprego, comercio e consumo:

a) A elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada, de reposición, de revisión e das solicitudes de revisión de oficio.

b) A elaboración das resolucións sancionadoras de competencia do conselleiro e do Consello da Xunta cando non estea atribuída a outras unidades.

c) A elaboración dos actos de inicio e resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial.

d) A elaboración dos estudos xurídicos, resolucións, informes e demais asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

e) O apoio, asesoramento e asistencia na tramitación de procedementos administrativos e elaboración de propostas de resolución por parte dos diferentes órganos da consellería, así como das entidades instrumentais a ela adscritas.

f) A elaboración de instrucións, protocolos de actuación, informes, estudos ou calquera outro instrumento de carácter técnico-xurídico que se considere adecuado para a coordinación dos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

g) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos nos cales a Consellería sexa parte interesada.

h) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polos xulgados e tribunais.

i) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións que elaboren os centros directivos da consellería, así como a preparación das recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

j) O estudo e elaboración de informes sobre a normativa correspondente ao respectivo ámbito competencial.

k) O rexistro, arquivamento e custodia das disposicións normativas emanadas da Consellería ou dos seus centros directivos.

l) O estudo e o apoio na tramitación das propostas de convenios e outros instrumentos bilaterais que elaboren os distintos órganos da Consellería.

m) A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos de competencia da Consellería que lle sexan atribuídos.

n) O apoio ao Servizo Técnico Xurídico I cando, en atención ás cargas de traballo lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

o) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, no exercicio das competencias que lle sexan propias.

2. Corresponde ao Servizo Técnico Xurídico II o exercicio das funcións de xestión, tramitación e custodia propias da sección de fundacións de interese galego sobre as cales a Consellería exerza o protectorado, sen prexuízo da encomenda que, en atención ás cargas de traballo, se puider efectuar ao Servizo Técnico Xurídico I respecto das fundacións correspondentes ás súas áreas materiais.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Coordinación Económica

Artigo 12. Subdirección Xeral de Coordinación Económica

1. A Subdirección Xeral de Coordinación Económica exercerá as seguintes funcións, sen prexuízo das que teñan outros órganos e entidades instrumentais da Consellería, así como as que poidan corresponder aos restantes órganos da Xunta de Galicia con competencia na área económica e orzamentaria:

a) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos dos órganos da Consellería e entidades instrumentais adscritas, o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos e entidades implicados.

b) A execución da xestión orzamentaria efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamentos da Consellería.

c) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

d) A supervisión, coordinación e elaboración das instrucións necesarias para que os órganos e entidades da Consellería efectúen unha correcta execución do orzamento.

e) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

f) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

g) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos da Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

h) O control, coordinación e execución dos proxectos de obra da Consellería.

i) A conservación e mantemento das dependencias e edificios adscritos á Consellería.

j) O seguimento e coordinación do funcionamento da oficina Doing Business en Galicia, plataforma de colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a redución das cargas administrativas ás empresas e autónomos.

k) O seguimento dos procedementos de defensa dos dereitos e intereses dos operadores económicos, consumidores e usuarios previstos na Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.

l) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no ámbito das súas competencias.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Coordinación Económica disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Seguimento e Coordinación Orzamentaria.

b) Servizo de Xestión Económica.

c) Servizo de Contratación.

d) Servizo de Proxectos e Obras.

Artigo 13. Servizo de Seguimento e Coordinación Orzamentaria

O Servizo de Seguimento e Coordinación Orzamentaria exercerá as seguintes funcións:

a) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos e entidades instrumentais da Consellería.

b) A elaboración das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión orzamentaria, así como a análise e supervisión da súa execución, de acordo coa normativa vixente.

c) A elaboración e coordinación dos estudos estatísticos de toda a Consellería e do resto dos seus centros xestores que permitan elaborar sistemas de seguimento e avaliar as políticas públicas.

d) A xestión de taxas e de prezos públicos da consellería e entidades instrumentais, así como a coordinación neste campo con todos os órganos e entidades dependentes, xunto coa tramitación dos expedientes de devolución de ingresos indebidos de taxas.

e) A elaboración do escenario de ingresos propios dos organismos autónomos e axencias adscritos á Consellería así como o seguimento e análise da execución orzamentaria correspondente aos ditos ingresos.

f) A xestión dos obxectivos estratéxicos e operativos, indicadores e actuacións de todo o sector público da Consellería en aplicación do Plan estratéxico de Galicia e de todos os plans sectoriais da propia Consellería.

g) A coordinación, impulso e seguimento das axudas públicas xestionadas pola Consellería mediante ordes e convenios, así como a súa coherencia co Plan estratéxico de Galicia e de todos os plans sectoriais da propia Consellería.

h) O seguimento da execución dos proxectos do orzamento de gastos cofinanciados con Fondos Europeos ou con outros recursos catalogados como financiamento condicionado.

i) A realización de estudos e informes nas materias a que fan referencia as funcións anteriores.

j) A colaboración na xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia doutros servizos da Consellería cando concorran necesidades que así o xustifiquen.

k) Calquera outra función que lle poidan encomendar en materia orzamentaria as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Económica.

Artigo 14. Servizo de Xestión Económica

O Servizo de Xestión Económica exercerá as seguintes funcións:

a) A execución da xestión orzamentaria, efectuando e, se for o caso, impulsando, os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamento dos servizos centrais da Consellería, sen prexuízo das atribucións doutros órganos neste campo.

b) A habilitación dos gastos correntes dos servizos centrais da consellería e a coordinación e supervisión destas tarefas nos servizos periféricos da Consellería e as entidades instrumentais adscritas.

c) A planificación, habilitación e seguimento da provisión de créditos para gastos de mantemento dos distintos órganos, unidades administrativas e oficinas que se lle asignen, tanto de servizos centrais como periféricos, baixo a modalidade de pagamentos por xustificar.

d) A xestión orzamentaria dos recursos derivados de transferencias internas e de capital aos organismos autónomos e axencias adscritas á Secretaría Xeral Técnica e o seguimento dos adscritos a outros centros xestores.

e) A coordinación, tramitación, impulso e preparación do anteproxecto de orzamentos da conselleria e das súas entidades adscritas.

f) A tramitación das propostas de modificacións orzamentarias da consellería e das súas entidades instrumentais, así como a tramitación da variación dos límites orzamentarios.

g) Calquera outra función que lle poidan encomendar en materia de xestión económica as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Económica.

Artigo 15. Servizo de Contratación

O Servizo de Contratación exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Consellería, cando se trate de concesión de servizos, subministracións, servizos e contratación centralizada, ou calquera outra figura contractual, excepto aqueles cuxa xestión estea atribuída a outros servizos da Consellería.

b) O seguimento e control da execución dos contratos.

c) O impulso e coordinación das necesidades en materia de contratación dos distintos órganos e unidades administrativas da consellería, así como das entidades instrumentais a ela adscritas.

d) A coordinación e elaboración de instrucións e fixación de criterios en materia de contratación.

e) A tramitación e elaboración de convenios, no ámbito das súas atribucións.

f) Aqueloutras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Económica, dentro do seu ámbito de atribucións.

Artigo 16. Servizo de Proxectos e Obras

O Servizo de Proxectos e Obras exercerá as seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa da Consellería cando se trate de obras, equipamentos, servizos relacionados coas obras ou calquera outra figura contractual, que non estean expresamente atribuídos a outros órganos.

b) A programación da execución de calquera fondo finalista destinado a investimentos nos centros dependentes da Consellería e a súa xestión.

c) A xestión ante as entidades, órganos ou organismos públicos correspondentes das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes de obras que sexan da súa competencia.

d) A coordinación dos contratos administrativos que se tramiten nos servizos periféricos en materia de obras e servizos relacionados con elas, así como equipamentos.

e) A supervisión, coordinación técnica e inspección dos proxectos de obras da consellería e das súas entidades instrumentais, así como da correspondente execución material.

f) A realización dos traballos facultativos propios das obras de construción, reforma e reparación das instalacións adscritas á Consellería.

g) A elaboración dos informes técnicos que lle sexan requiridos polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Económica.

h) A tramitación e elaboración de convenios, no ámbito das súas atribucións.

i) Aqueloutras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Económica, dentro do seu ámbito de atribucións.

Sección 4ª. Asesorías Xurídicas

Artigo 17. Asesorías Xurídicas da Consellería de Economía, Emprego e Industria

1. A Asesoría Xurídica de Enerxía, Minas, Comercio e Consumo, a Asesoría Xurídica de Economía e Innovación e a Asesoría Xurídica de Emprego, con niveis de subdireccións xerais, adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica e dependen funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral.

2. As asesorías xurídicas rexeranse polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, e desenvolverán as funcións previstas na devandita lei en relación coas súas respectivas áreas funcionais. En particular, ocuparanse nas súas respectivas áreas funcionais, da asistencia xurídica ás entidades instrumentais dependentes da Consellería, segundo a Lei 4/2016, do 4 de abril; todo isto sen prexuízo da repartición funcional de traballo que poida realizar a Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

3. As asesorías xurídicas terán adscrito o persoal que se estableza na correspondente relación de postos de traballo.

Sección 5ª. Intervención Delegada

Artigo 18. Intervención Delegada

1. A Intervención Delegada, con nivel de subdirección xeral, adscríbese organicamente á Secretaría Xeral Técnica e depende funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

2. As súas funcións e estrutura serán as especificamente previstas no decreto polo que se estableza a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

CAPÍTULO III
Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 19. Atribucións

Á Dirección Xeral de Enerxía e Minas corresponderalle a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da Consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Artigo 20. Estrutura

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Enerxía.

1.1. Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

1.2. Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

2. Subdirección Xeral de Recursos Minerais.

2.1. Servizo de Xestión Mineira.

3. Subdirección Xeral de Administración Industrial.

3.1. Servizo de Administración Industrial.

3.2. Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial.

4. Servizo de Ordenación e Coordinación.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Enerxía

Artigo 21. Subdirección Xeral de Enerxía

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a Subdirección Xeral de Enerxía exercerá as funcións relacionadas coa planificación, ordenación, fomento e inspección no relativo á enerxía, ás instalacións de gas, eléctricas, térmicas, ás infraestruturas enerxéticas, ás enerxías renovables e á eficiencia enerxética. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional. En xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón do seu ámbito competencial e funcional pola dirección xeral.

2. De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A proposta da normativa relativa ao réxime enerxético.

b) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, ou calquera outro instrumento que se considere idóneo, cos órganos territoriais e unidades administrativas que dela dependan, no ámbito das súas competencias, así como a supervisión do seu cumprimento.

c) A dirección, supervisión, coordinación e control das funcións desenvolvidas polas unidades administrativas que dela dependen.

d) O establecemento e coordinación do marco funcional relativo á planificación e á ordenación enerxética, así como ao fomento e inspección no relativo ás infraestruturas enerxéticas, ás enerxías renovables e á eficiencia enerxética.

e) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos desta subdirección xeral, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.

f) A coordinación, impulso e seguimento das axudas públicas xestionadas polas unidades administrativas que dela dependen.

g) A coordinación e impulso da tramitación de autorizacións relativas ás actividades destinadas á subministración de enerxía eléctrica e de gas competencia da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

h) A elaboración, proposta, coordinación e control de programas dirixidos ao fomento da investigación no eido das enerxías renovables, o aforro e a eficiencia enerxética, así como das infraestruturas enerxéticas.

i) A proposta e supervisión de actuacións para a difusión e a promoción das enerxías renovables, o aforro e a eficiencia enerxética, así como o fomento da seguridade e calidade da subministración eléctrica e de gas.

j) A coordinación e cooperación das actuacións no eido da enerxía coa axencia Instituto Enerxético de Galicia.

k) A coordinación do seguimento de resultados da planificación estratéxica no eido da enerxía e avaliación dos indicadores das actuacións.

l) A supervisión e elaboración de informes solicitados por outros organismos á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, no ámbito das súas competencias.

3. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Enerxía disporá para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

b) Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

Artigo 22. Servizo de Infraestruturas Enerxéticas

O Servizo de Infraestruturas Enerxéticas exercerá as seguintes funcións:

a) A proposta da normativa relativa ao réxime enerxético, á produción, transporte, distribución e comercialización de electricidade e gas natural.

b) A emisión de instrucións para a ampliación, mellora e adaptación das redes e instalacións eléctricas e gasistas de transporte e distribución, e a supervisión do seu cumprimento.

c) A análise e informes sobre os plans de investimento das empresas distribuidoras de electricidade e gas.

d) A proposta da planificación dos sectores eléctrico e gasista e de hidrocarburos, en coordinación coa axencia Instituto Enerxético de Galicia.

e) O desenvolvemento da normativa no relativo ás instalacións de gas e eléctricas.

f) A planificación, coordinación e control das actuacións relativas á instalación, á ampliación e ao traslado das instalacións de gas e eléctricas.

g) A tramitación e proposta de autorización das instalacións de transporte e distribución de electricidade e de gas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, se for o caso, o rexistro de instalacións.

h) A tramitación e proposta de autorización aos/ás comercializadores/as de enerxía eléctrica e de gas natural cando o seu ámbito de actuación se circunscriba á Comunidade Autónoma de Galicia.

i) A planificación de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

j) A elaboración, proposta e execución de programas para a mellora das infraestruturas e da calidade da subministración de enerxía eléctrica e de gas.

k) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomentar a investigación en materia de infraestruturas enerxéticas.

l) A elaboración, promoción e xestión de diferentes actuacións de fomento da calidade y seguridade da subministración enerxética a diferentes sectores económicos, incluída a cidadanía.

m) A coordinación da inspección no ámbito das instalacións de distribución de electricidade e de gas, das condicións técnicas e, se for o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas; todas elas en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

n) A supervisión do cumprimento das obrigas dos xestores das redes de distribución eléctrica no seu respectivo territorio.

o) A supervisión do cumprimento das obrigas das empresas distribuidoras de gas no seu ámbito territorial.

p) A coordinación e supervisión dos seguimentos ambientais das infraestruturas eléctricas e de gas dos cales sexa competente para a súa autorización a Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

q) A coordinación da supervisión dos plans de mantemento das empresas de distribución de enerxía eléctrica.

r) A coordinación das actuacións necesarias para a mellora da seguridade no relativo ás instalacións eléctricas e de gas.

s) A coordinación da xestión dos rexistros de instalacións relativas ás instalacións eléctricas e de gas, dentro do seu ámbito de competencias.

t) A proposta dos plans de inspección no campo das instalacións de gas e eléctricas, en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

u) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 23. Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética

O Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética exercerá as seguintes funcións:

a) A proposta da normativa relativa ao réxime enerxético, concretamente no ámbito das enerxías renovables, e ao aforro e eficiencia enerxética.

b) O desenvolvemento da normativa no relativo ás instalacións de produción de enerxía a través de fontes renovables, así como ao ámbito do aforro e a eficiencia enerxética, e no relativo ás instalacións térmicas.

c) A planificación, a coordinación e o control das actuacións relativas á instalación, á ampliación e ao traslado das instalacións de produción de enerxía a partir de fontes de enerxía renovable, así como no relativo ás instalacións térmicas.

d) A tramitación e proposta de autorización das instalacións de xeración eléctrica de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, se for o caso, o rexistro de instalacións, nos cales se inclúe o Rexistro de instalacións de produción de enerxía eléctrica.

e) A cooperación e coordinación de actuacións coa axencia Instituto Enerxético de Galicia nos campos das enerxías renovables, do aforro e da eficiencia enerxética.

f) A planificación de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

g) A coordinación da xestión do Rexistro de Certificación Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia coa axencia Instituto Enerxético de Galicia.

h) A promoción e difusión das campañas informativas relativas ao fomento das enerxías renovables e o aforro e eficiencia enerxética.

i) A elaboración, proposta e execución de plans e proxectos nas áreas de aforro e eficiencia enerxética, así como na das enerxías renovables.

j) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomentar a investigación, o desenvolvemento e a innovación, así como da implantación destes resultados, en materia de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética.

k) A proposta de actuacións que contribúan a difundir o coñecemento das medidas de aforro e eficiencia enerxética.

l) A inspección, no ámbito das enerxías renovables, das condicións técnicas e, se for o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas; todas elas en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

m) A coordinación de inspección das instalacións de produción de enerxía a partir de fontes de enerxía renovable, así como das instalacións térmicas, en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

n) A coordinación das actuacións necesarias para a mellora da seguridade no campo das instalacións térmicas.

o) A coordinación e supervisión dos seguimentos ambientais das instalacións de produción eléctrica a partir de fontes de enerxía renovable, dos cales sexa competente a Dirección Xeral de Enerxía e Minas para a autorización do aproveitamento enerxético.

p) A coordinación da xestión dos rexistros de instalacións e actividades relativas ás instalacións térmicas, dentro do seu ámbito de competencias.

q) A proposta dos plans de inspección no campo das instalacións térmicas, en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

r) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Recursos Minerais

Artigo 24. Subdirección Xeral de Recursos Minerais

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais exercerá as funcións relativas á planificación, ordenación, fomento, desenvolvemento e control da minaría de Galicia. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional. En xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón do seu ámbito competencial e funcional pola Dirección Xeral.

2. De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A ordenación e planificación, en xeral, das actividades de exploración, investigación, aproveitamento e beneficio dos xacementos minerais e demais recursos xeolóxicos situados en Galicia, incluídas as correspondentes aos xacementos de hidrocarburos e de almacenamento xeolóxico de dióxido de carbono.

b) A proposta de desenvolvemento normativo relativo ao réxime mineiro, ás augas minerais e termais e á investigación de hidrocarburos, así como a programación e coordinación do exercicio das competencias administrativas en relación coas ditas materias.

c) A dirección e coordinación dos rexistros previstos na normativa mineira e de augas minerais e termais.

d) O impulso de plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados ao desenvolvemento, á innovación, ao incremento da competitividade e á internacionalización do sector mineiro de Galicia.

e) O impulso de plans e programas para mellorar o coñecemento dos recursos minerais, xacementos mineiros e recursos xeolóxicos de Galicia.

f) A planificación, programación e coordinación do exercicio das competencias administrativas relativas á execución da normativa no ámbito da seguridade mineira, así como o seu desenvolvemento lexislativo.

g) A planificación, programación e coordinación do exercicio das competencias administrativas en materia de prevención de riscos laborais en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira, nos traballos de manipulación e utilización de explosivos e nos establecementos vinculados ás actividades extractivas.

h) O control e rexistro das entidades de inspección e control regulamentario no ámbito mineiro.

i) O impulso de plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados á mellora da seguridade e salubridade do sector mineiro de Galicia.

j) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións ou calquera outro instrumento que se considere idóneo, dos órganos territoriais e unidades administrativas que dela dependan, no ámbito das súas competencias, así como a supervisión do seu cumprimento.

k) A coordinación, impulso e seguimento das axudas públicas xestionadas polas unidades administrativas que dela dependen.

l) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos desta subdirección xeral, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.

m) A coordinación das relacións da Dirección Xeral de Enerxía e Minas coa Cámara Oficial Mineira de Galicia.

3. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente esta subdirección xeral, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, e baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Xestión Mineira.

Artigo 25. Servizo de Xestión Mineira

O Servizo de Xestión Mineira exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión e execución das competencias administrativas sobre o dominio público mineiro, sobre as augas minerais e termais e sobre a investigación dos hidrocarburos.

b) A xestión e o exercicio das competencias administrativas sobre o rexistro mineiro de Galicia e sobre os demais rexistros previstos na normativa mineira e de augas minerais e termais.

c) A xestión dos plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados ao desenvolvemento, á innovación, ao incremento da competitividade e á internacionalización do sector mineiro de Galicia.

d) A execución das competencias administrativas en materia de seguridade e saúde no ámbito de aplicación da lexislación mineira.

e) A execución das competencias administrativas en materia de prevención de riscos laborais en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira, nos traballos de manipulación e utilización de explosivos e nos establecementos vinculados ás actividades extractivas.

f) A tramitación dos expedientes de autorización e rexistro das entidades de inspección e control regulamentarios no ámbito da seguridade mineira.

g) O exercicio das competencias administrativas para a comprobación do cumprimento da normativa mineira aplicable ás actividades extractivas e o seguimento e vixilancia ambiental destas.

h) A execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao ámbito de competencias da Subdirección Xeral de Recursos Minerais.

i) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Sección 4ª. Subdirección Xeral de Administración Industrial

Artigo 26. Subdirección Xeral de Administración Industrial

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a Subdirección Xeral de Administración Industrial exercerá, sen prexuízo do disposto no artigo 21, as funcións relativas á planificación, ordenación, fomento e inspección da seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional. En xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón do seu ámbito competencial e funcional pola Dirección Xeral.

2. De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A proposta de desenvolvemento normativo relativa á seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos.

b) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións ou calquera outro instrumento que se considere idóneo, dos órganos territoriais e unidades administrativas que dela dependan, no ámbito das súas competencias, así como a supervisión do seu cumprimento.

c) A dirección, supervisión, coordinación e control das funcións desenvolvidas polas unidades administrativas que dela dependen.

d) O establecemento e coordinación do marco funcional e de actuación relativo á planificación, á ordenación, ao fomento e á inspección en materia de seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos.

e) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos da Subdirección Xeral de Administración Industrial, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.

f) A coordinación, impulso e seguimento das axudas públicas xestionadas polas unidades administrativas que dela dependen.

g) A proposta, coordinación e supervisión de actuacións para o estudo, a difusión e a promoción da seguridade industrial.

h) A coordinación e dirección das actuacións do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

i) A coordinación das actuacións relativas aos rexistros de entidades, empresas, instalacións e actividades incluídos no seu ámbito de competencias.

j) A coordinación do seguimento de resultados da planificación estratéxica no eido da seguridade industrial e avaliación dos indicadores das actuacións.

3. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Administración Industrial disporá para o desenvolvemento das súas funcións das seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial.

Artigo 27. Servizo de Administración Industrial

O Servizo de Administración Industrial exercerá as seguintes funcións:

a) A dirección e o seguimento das actuacións relativas á inspección técnica de vehículos.

b) A dirección e o seguimento das actuacións relativas á acreditación dos laboratorios de vehículos históricos e á catalogación dos vehículos como históricos.

c) A coordinación das actuacións relativas aos rexistros de entidades de formación, carnés e habilitacións profesionais, en materia de seguridade industrial.

d) A autorización, dirección e seguimento das actuacións dos centros técnicos que realizan intervencións sobre tacógrafos.

e) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos no seu ámbito de competencias.

f) A elaboración de iniciativas normativas no seu ámbito de competencias.

g) A promoción do desenvolvemento e a execución de actuacións de modernización e dotación de servizos avanzados no solo empresarial.

h) A promoción e a execución de actuacións de modernización nas instalacións afectadas por regulamentos de seguridade industrial.

i) O exercicio das competencias administrativas en relación coas instalacións radioactivas de segunda e terceira categorías e raios X con fins de diagnóstico médico, así como a xestión dos rexistros das devanditas instalacións.

j) A asignación de contrasinais de homologación para prototipos de vehículos de transporte de mercadorías perecedoiras e perigosas.

k) A emisión de certificados para vehículos importados de transporte de mercadorías perecedoiras e perigosas.

l) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 28. Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial

1. O Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial exercerá as seguintes funcións:

a) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos no seu ámbito de competencias.

b) A elaboración de iniciativas normativas no seu ámbito de competencias.

c) A coordinación da xestión dos rexistros de empresas prestadoras de servizos no ámbito da seguridade industrial no seu ámbito de competencias.

d) A coordinación da xestión dos rexistros de instalacións e actividades especiais afectadas por regulamentos de seguridade industrial no seu ámbito de competencias.

e) A habilitación, coordinación e seguimento das actuacións dos organismos de control autorizados (OCA) e das entidades de certificación de conformidade municipal (ECCOM).

f) A coordinación da xestión do Rexistro Industrial de Galicia.

g) O exercicio das competencias administrativas en relación co Rexistro de Control Metrolóxico.

h) A coordinación e o control das actuacións relativas á verificación de contadores de consumo de enerxía e de auga no seu ámbito de competencias.

i) A elaboración, programación, seguimento e difusión de estudos e campañas informativas en materia de seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos.

j) A proposta de programas de formación especializados dirixidos aos/ás técnicos/as da propia Administración que desenvolvan funcións de inspección en materia de seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos.

k) A coordinación e programación da vixilancia do mercado no seu ámbito de competencias.

l) A elaboración e proposta dos plans de inspección en materia de seguridade industrial e de metroloxía.

m) A elaboración e proposta, en coordinación cos órganos competentes en consumo e de seguridade cidadá, dos plans de vixilancia e inspección de obxectos fabricados con metais preciosos.

n) A inspección e o control das actuacións dos organismos autorizados de verificación metrolóxica, organismos de control metrolóxico e organismos notificados designados no ámbito da Comunidade Autónoma.

o) A asignación dos códigos dos precintos que usarán os distintos axentes implicados no control metrolóxico.

p) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2. O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial, dependerá funcionalmente do Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial e exercerá competencias en materia de metroloxía e contrastación de metais preciosos, así como as que lle atribúa a Dirección Xeral de Enerxía e Minas. Este laboratorio constitúese como o soporte técnico do sector público autonómico en materia de metroloxía e levará a cabo as súas actuacións mediante algún dos procedementos de colaboración indicados na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Sección 5ª. Servizo de Ordenación e Coordinación

Artigo 29. Servizo de Ordenación e Coordinación

O Servizo de Ordenación e Coordinación, baixo a dependencia orgánica e funcional da persoa titular da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, exercerá as seguintes funcións:

a) O apoio á elaboración e tramitación de anteproxectos de normas xurídicas nos ámbitos competenciais da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e a articulación e coordinación da participación nos procesos de elaboración de normas xurídicas de competencia doutras consellerías, da Administración estatal ou da Unión Europea relativas a/ou que incidan nos ámbitos competenciais da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

b) A coordinación da aplicación uniforme das normas xurídicas en materia de enerxía e minas polos diferentes órganos da Consellería, mediante a promoción da adopción e/ou difusión de criterios interpretativos, directrices ou instrucións. E en particular, respecto da interpretación e aplicación da normativa técnica, a coordinación de grupos de traballo que debatan e fixen criterios técnicos.

c) O seguimento e coordinación da participación da Comunidade Autónoma nos procesos de elaboración da normativa técnica levados a cabo en órganos nacionais ou internacionais, entre outros medios, a través da coordinación dos interlocutores de referencia que participen nos distintos órganos e comités que interveñen na elaboración da citada normativa.

d) O apoio técnico-xurídico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas nos ámbitos materiais da súa competencia e a coordinación de criterios e propostas de mellora respecto a aspectos procedementais en relación cos diversos procedementos administrativos sectoriais.

e) A coordinación das relacións coa axencia Instituto Enerxético de Galicia, particularmente nos aspectos estratéxicos das políticas en materia de enerxía da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, así como a colaboración no deseño e desenvolvemento dos plans e programas na dita materia.

f) A coordinación, no ámbito da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, das relacións institucionais co Valedor do Pobo e co Defensor do Pobo, así como con outras institucións, sen prexuízo das competencias que correspondan á Secretaría Xeral Técnica ou a outros órganos.

g) A proposta e/ou coordinación de actividades e programas de formación especializados dirixidos especificamente aos/ás técnicos/as da Dirección Xeral de Enerxía e Minas ou, en xeral, ao persoal da dita dirección.

h) Calquera outra función que lle sexa encomendada por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

CAPÍTULO IV
Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 30. Atribucións

Á Dirección Xeral de Comercio e Consumo corresponderalle a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior e exterior, artesanía e consumo; a planificación e desenvolvemento das estruturas comerciais, feiras, mercados e lonxas, agás as pesqueiras en primeira venda; a tutela e coordinación das actividades das cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación; e máis a intervención en materia de prezos sobre os cales se deba pronunciar a Comisión de Prezos de Galicia.

Artigo 31. Estrutura

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Comercio.

1.1. Servizo de Ordenación.

1.2. Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Comercio

Artigo 32. Subdirección Xeral de Comercio

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a Subdirección Xeral de Comercio terá atribuídas as funcións de promoción, coordinación, proposta normativa, control e execución das competencias da Consellería en materia de comercio interior e exterior, en coordinación co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Así mesmo, corresponde a esta subdirección xeral a actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas, de calquera índole, en materia de artesanía e, en particular, da Comisión Galega de Artesanía.

2. Á marxe das funcións que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a Subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa das súas funcións, contará cos seguintes órganos de apoio, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Ordenación.

b) Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía.

Artigo 33. Servizo de Ordenación

O Servizo de Ordenación exercerá as seguintes funcións:

a) A proposta da normativa relativa ao comercio interior e ás cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación.

b) A comprobación e vixilancia do cumprimento da normativa vixente en materia de comercio.

c) A reforma, coordinación e mellora das estruturas e dos procesos de distribución comercial.

d) A formación e asistencia técnica aos suxeitos da actividade comercial.

e) O fomento de proxectos de cooperación económica entre empresas do sector, o impulso do asociacionismo comercial e a asistencia técnica comercial en colaboración con outras institucións e entidades.

f) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de grandes establecementos comerciais.

g) A coordinación, tutela, promoción e impulso da actividade das cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación da Comunidade Autónoma de Galicia e a elaboración das resolucións da Dirección Xeral de Comercio e Consumo no exercicio da tutela sobre as ditas corporacións, as cales esgotarán a vía administrativa.

h) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas de actuación encamiñados á execución da política autonómica en materia de intervención de prezos.

i) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de prezos que deban someterse á Comisión de Prezos de Galicia.

j) A proposta da normativa relativa á artesanía.

k) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudos e estatísticas en materia de artesanía.

l) A xestión do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

m) Calquera outra función que lle sexa encomendada por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Artigo 34. Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía

O Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía exercerá as seguintes funcións:

a) A promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.

b) A asistencia aos concellos en materia de establecementos e espazos comerciais.

c) A planificación, programación e execución de actuacións destinadas a un maior coñecemento dos produtos galegos no mercado interior. No mercado exterior exercerá esta función en coordinación co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

d) A planificación, programación e dirección das actuacións orientadas á promoción comercial de determinados sectores da economía galega que se consideren especialmente importantes para a Comunidade Autónoma.

e) O exercicio das facultades que corresponden á Xunta de Galicia como titular das marcas de garantía Galicia Calidade e Comercio Rural Galego, directamente ou a través da sociedade anónima Galicia Calidade, S.A.

f) A proposta da normativa en materia de actividades feirais.

g) A dirección, coordinación, execución e control dos programas de actuación en materia de actividades feirais.

h) A execución da normativa relativa ás feiras internacionais.

i) A coordinación e apoio técnico da participación institucional da Comunidade Autónoma en feiras, exposicións e certames.

j) A elaboración, execución e seguimento de estudos e programas de actuación dirixidos á ordenación, promoción e desenvolvemento do sector artesán.

k) O impulso para a mellora e modernización das estruturas e dos procesos de produción e distribución artesanal.

l) A actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, en materia de artesanía e, en particular, da Comisión Galega de Artesanía.

m) Calquera outra función que lle sexa encomendada por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

CAPÍTULO V
Secretaría Xeral de Emprego

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 35. Atribucións

Como órgano superior da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderán á Secretaría Xeral de Emprego, as seguintes funcións:

a) A participación na elaboración e deseño das estratexias de emprego e dos correspondentes plans anuais de política de emprego, así como a formulación de propostas de inclusión de medidas e programas concretos neles.

b) A dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de emprego, relacións laborais, seguridade e saúde laboral, responsabilidade social empresarial, cooperativas e outras entidades de economía social e, en concreto, o exercicio de funcións en materia de lexislación laboral e en prevención de riscos laborais, e todas aquelas que como autoridade laboral debe desenvolver en virtude das competencias que corresponden á Consellería.

c) O impulso e desenvolvemento das políticas de igualdade laboral e de medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas empresas.

d) As competencias funcionais sobre a Inspección de Traballo e Seguridade Social en materia laboral, as de prevención de riscos laborais asignadas á Comunidade Autónoma de Galicia, así como as de coordinación coa Administración xeral do Estado para a execución dos plans de actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

e) O coñecemento e resolución dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas nos procedementos tramitados para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector, polos órganos territoriais, de conformidade co Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector.

f) A dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma atribuídas á Consellería en materia de fomento do emprego, apoio ao autoemprego e á integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade e das que lle atribúan as normas de desenvolvemento en Galicia do Estatuto do traballo autónomo.

g) A dirección e xestión das funcións atribuídas á Consellería en materia de fomento da colaboración coas administracións e institucións públicas e con entidades sen ánimo de lucro.

h) A coordinación da xestión e supervisión do funcionamento dos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, así como a prestación da asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.

i) O exercicio das competencias atribuídas pola normativa reguladora dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de emprego, relacións laborais e de persoas traballadoras autónomas e de entidades de economía social.

j) A elaboración do anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

k) As derivadas da aplicación do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, no ámbito da Consellería.

Artigo 36. Estrutura

A Secretaría Xeral de Emprego estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Relacións Laborais.

1.1. Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral.

1.2. Servizo de Réxime Xurídico.

2. Subdirección Xeral de Emprego.

2.1. Servizo de Emprego por Conta Allea.

2.2. Servizo de Emprego Autónomo.

2.3. Servizo de Programas de Cooperación.

3. Subdirección Xeral de Economía Social.

3.1. Servizo de Promoción da Economía Social.

3.2. Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social.

4. Servizo de Verificación de Fondos.

5. Servizo de Igualdade.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Relacións Laborais

Artigo 37. Subdirección Xeral de Relacións Laborais

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, a Subdirección Xeral de Relacións Laborais, de xeito directo ou a través das unidades administrativas que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, responsabilidade social empresarial, igualdade laboral e de medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas empresas, así como a modulación das relacións laborais cos axentes económicos e sociais.

b) A promoción, coordinación e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de prevención de riscos laborais, así como o establecemento de vías de colaboración e cooperación técnica e institucional con organismos e institucións con competencias na materia, sen prexuízo das competencias que a lexislación vixente atribúe ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

c) A elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu programa de gasto, así como á súa xestión, seguimento e avaliación e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

d) A coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais, de asociacións empresariais e sindicais, de convenios colectivos (Regcon) e de empresas acreditadas para intervir no proceso de contratación no sector da construción (REA).

e) A coordinación coas xefaturas territoriais na tramitación dos expedientes e procedementos competencia da subdirección xeral.

f) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, no ámbito das súas competencias.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Relacións Laborais disporá para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral.

b) Servizo de Réxime Xurídico.

Artigo 38. Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral

O Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral exercerá as seguintes funcións:

a) A tramitación e instrución dos expedientes de procedementos de despedimento colectivo, suspensión de contratos de traballo e redución temporal de emprego e daqueloutros sobre relacións individuais ou colectivas atribuídas á Administración laboral.

b) A xestión e tramitación das axudas e subvencións en materia laboral e de responsabilidade social empresarial competencia da Subdirección.

c) A tramitación e instrución do depósito, rexistro e publicación de convenios e acordos colectivos de traballo, adhesión e instrución dos procedementos de extensión de convenios colectivos.

d) A tramitación e instrución do depósito de estatutos dos sindicatos e das asociacións empresariais e a expedición de certificación de documentación en depósito.

e) A coordinación e tramitación das funcións correspondentes aos procesos de eleccións sindicais.

f) A recepción, o seguimento e a coordinación das declaracións de folgas e peches patronais, así como a xestión e instrución dos procedementos e o desenvolvemento das funcións de mediación, arbitraxe e conciliación.

g) A tramitación das autorizacións administrativas e o rexistro das empresas de traballo temporal.

h) A preparación de ditames, normativa, estatísticas e demais informes na área de traballo e relacións laborais.

i) O desenvolvemento das actuacións en materia de responsabilidade social empresarial.

j) A xestión do Rexistro de Empresas Acreditadas no Sector da Construción (REA).

k) A tramitación das comunicacións de desprazamentos transnacionais de traballadores/as.

l) A promoción, coordinación e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de prevención de riscos laborais, así como o establecemento de vías de colaboración e cooperación técnica e institucional con organismos e institucións con competencias na materia, sen prexuízo das competencias que a lexislación vixente atribúe ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

m) O seguimento das autorizacións a entidades formativas para impartir formación en materia de prevención de riscos laborais, de acordo coa normativa vixente en cada momento.

n) A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións dos servizos de prevención alleos, así como as funcións correspondentes aos Servizos de Prevención Mancomunados e auditorías de prevención.

o) A tramitación, xestión e seguimento dos programas de fomento para a mellora das condicións de seguridade e saúde laboral.

p) A coordinación coa Inspección de Traballo e Seguridade Social para a elaboración e resolución dos expedientes administrativos en materia de prevención de riscos laborais.

q) A coordinación co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral nos procedementos administrativos en materia de prevención de riscos laborais.

r) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral de Emprego e a Subdirección Xeral de Relacións Laborais, no exercicio das competencias que lle sexan propias.

Artigo 39. Servizo de Réxime Xurídico

O Servizo de Réxime Xurídico exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación e instrución dos expedientes sancionadores na orde social, segundo o ámbito competencial establecido pola normativa reguladora da distribución de competencias entre órganos da Administración autonómica galega, para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos, por infracción da normativa cooperativa e por obstrución do labor inspector.

b) A tramitación dos recursos de alzada en materia de sancións por infraccións na orde social.

c) O seguimento das sancións impostas ata o seu pagamento efectivo.

d) A coordinación coa Inspección de Traballo e Seguridade Social para a elaboración e resolución dos expedientes sancionadores e a unificación de criterios.

e) A coordinación cos gabinetes xurídicos para a mellora do procedemento sancionador.

f) A coordinación coa xurisdición competente respecto dos procedementos sancionadores.

g) A coordinación coa Administración da Seguridade Social nos procedementos con recarga de prestacións.

h) O mantemento do Rexistro de Sancións.

i) A proposta de disposicións e a elaboración de informes en materia laboral.

j) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral de Emprego e a Subdirección Xeral de Relacións Laborais, no exercicio das competencias que lle sexan propias.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Emprego

Artigo 40. Subdirección Xeral de Emprego

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, a Subdirección Xeral de Emprego levará a cabo as seguintes funcións:

a) A programación, coordinación, execución e elaboración de estatísticas.

b) O seguimento, control e avaliación dos programas de fomento do emprego correspondentes aos incentivos á contratación por conta allea, ao apoio ao traballo autónomo e ás iniciativas empresariais xeradoras de emprego, así como ás accións correspondentes ao seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego.

c) As competencias da Secretaría Xeral de Emprego sobre o Rexistro Administrativo das Iniciativas Locais de Emprego (ILE), o Rexistro das Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), e o Rexistro das Asociacións Profesionais de Persoas Traballadoras Autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, no ámbito das súas competencias.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Emprego disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Emprego por Conta Allea.

b) Servizo de Emprego Autónomo.

c) Servizo de Programas de Cooperación.

Artigo 41. Servizo de Emprego por Conta Allea

O Servizo de Emprego por Conta Allea exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión dos programas de fomento da contratación por conta allea e de todas as actuacións da Secretaría Xeral de Emprego para a mellora do emprego estable.

b) A xestión do Rexistro Administrativo das Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica, así como da xestión dos programas de apoio ás IEBT.

c) Os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control e avaliación, así como a execución e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes, no seu ámbito competencial.

d) Aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 42. Servizo de Emprego Autónomo

O Servizo de Emprego Autónomo exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión dos programas e accións de apoio ás persoas emprendedoras e á iniciativa empresarial, e daqueloutros que se lle asignen dentro da súa área funcional.

b) Os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control e avaliación, así como a execución e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes, no seu ámbito competencial.

c) A xestión do Rexistro Administrativo das Iniciativas Locais de Emprego.

d) A xestión do Rexistro de Asociacións Profesionais de Persoas Traballadoras Autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Aqueloutras que as normas de desenvolvemento en Galicia da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, atribúan á Secretaría Xeral de Emprego.

f) Aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 43. Servizo de Programas de Cooperación

O Servizo de Programas de Cooperación exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión técnica e coordinación dos programas de promoción do emprego no ámbito local e con entidades sen ánimo de lucro.

b) A elaboración de estatísticas relativas aos programas e medidas da súa competencia e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

c) Aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Sección 4ª. Subdirección Xeral de Economía Social

Artigo 44. Subdirección Xeral de Economía Social

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, á Subdirección Xeral de Economía Social corresponderalle:

a) A promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de cooperativas e outras entidades de economía social, así como as relacións coas súas organizacións representativas, sen prexuízo das competencias doutras consellerías en materias relativas a entidades de economía social.

b) A elaboración do estudo do anteproxecto de orzamentos anual correspondente ao seu programa de gasto, a súa xestión, seguimento e avaliación, así como a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

c) O desenvolvemento das funcións de apoio e impulso do funcionamento do Consello Galego de Cooperativas, creado pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia e do Consello da Economía Social de Galicia, creado pola Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia.

d) A promoción da coordinación de accións conxuntas e da colaboración en rede de institucións, organizacións e entidades no marco da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, creada polo Decreto 225/2012, do 15 de novembro.

e) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, no ámbito das súas competencias.

2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Economía Social disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Promoción da Economía Social.

b) Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social.

Artigo 45. Servizo de Promoción da Economía Social

O Servizo de Promoción da Economía Social exercerá as seguintes funcións:

a) A información e asesoramento en materia de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, empresas de inserción laboral e outras entidades de economía social, elaboración de estatísticas e estudos.

b) A programación, coordinación, execución, seguimento, control e avaliación dos programas de promoción e divulgación da economía social, especialmente no marco da Rede Eusumo.

c) O desenvolvemento das accións de coordinación, apoio e impulso do funcionamento do Consello Galego de Cooperativas.

d) A xestión do Rexistro Central de Cooperativas e a coordinación dos rexistros provinciais.

e) A xestión do Rexistro administrativo de sociedades laborais.

f) A xestión do Rexistro administrativo de centros especiais de emprego.

g) A xestión do Rexistro administrativo de empresas de inserción laboral.

h) Aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 46. Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social

O Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social exercerá as seguintes funcións:

a) A programación, coordinación, execución, seguimento, control e avaliación dos programas de fomento do autoemprego colectivo nas entidades de economía social.

b) A programación, coordinación, execución, seguimento, control e avaliación dos programas de fomento da integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade en centros especiais de emprego e empresas de inserción.

c) Aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Sección 5ª. Servizo de Verificación de Fondos

Artigo 47. Servizo de Verificación de Fondos

Ao Servizo de Verificación de Fondos, órgano de apoio con nivel orgánico de servizo, baixo a dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A planificación, coordinación e verificación do cumprimento da normativa comunitaria, estatal e autonómica, con posterioridade á súa execución, dos programas de axudas e subvencións en materia de programas de emprego e de formación profesional para o emprego e, en xeral, para todas as medidas de políticas activas de emprego xestionados na Consellería de Economía, Emprego e Industria.

b) A elaboración anual dos plans de verificación e control posteriores ao pagamento das axudas concedidas e a coordinación das auditorías e as actuacións de verificación e control realizadas dentro destes plans anuais, en materia de políticas activas de emprego tanto en servizos centrais como nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, co fin de determinar os resultados das verificacións realizadas e os importes elixidos para a súa certificación ao Fondo Social Europeo, sen prexuízo das competencias de seguimento e control que, no procedemento de tramitación, concesión e pagamento dos incentivos, correspondan aos órganos concedentes.

c) A formación teórica e práctica do persoal encargado da realización destas funcións de verificación e control posteriores, así como para a realización das visitas in situ, tanto en servizos centrais como nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, co obxecto de dar cumprimento aos requirimentos establecidos na normativa estatal e comunitaria que resulte de aplicación.

d) O seguimento e a coordinación dos asuntos que se traten no Grupo Interconferencias Sectoriais de Preparación do Consello de Ministros da Unión Europea de Política Social, Sanidade e Consumidores, do cal forma parte a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como o estudo e a compilación da normativa comunitaria existente en materia de emprego e a busca daqueles proxectos existentes en materia de cooperación territorial europea nos cales a consellería puider participar.

e) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, no ámbito das súas competencias.

Sección 6ª. Servizo de Igualdade

Artigo 48. Servizo de Igualdade

O Servizo de Igualdade, con dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, é o órgano de apoio que integrará a dimensión de xénero no ámbito das competencias atribuídas á consellería e estará coordinada co órgano da Administración autonómica competente en materia de igualdade. Desenvolverá as funcións recollidas no artigo 39 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

CAPÍTULO VI
Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 49. Atribucións

Á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, baixo a dirección e dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, corresponderanlle a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de intermediación e orientación laboral, promoción da empregabilidade e formación profesional para o emprego e, nomeadamente, as seguintes funcións:

a) O deseño, planificación e execución das medidas dirixidas á prestación dos servizos previstos na Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego e na Estratexia Española de Activación para o Emprego; a confección e execución dos correspondentes plans anuais de política de emprego, así como a formulación de propostas de inclusión de medidas e programas concretos.

b) A dirección e xestión das funcións atribuídas á consellería en materia de formación para o emprego, cualificacións profesionais e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, así como a estatística, a análise e a prospectiva do mercado de traballo.

c) O exercicio das competencias para o reforzo da capacidade de actuación do Servizo Público de Emprego de Galicia, a súa modernización, infraestrutura, recursos humanos e materiais e soporte técnico.

d) A coordinación da participación das entidades colaboradoras, con e sen ánimo de lucro, na execución e desenvolvemento dos servizos de políticas activas de emprego, a través da colaboración público-privada.

e) A programación, o seguimento, o control e, se é o caso, a xestión dos programas mixtos de formación e emprego.

f) A coordinación da xestión e supervisión do funcionamento dos centros de formación, tanto propios como dependentes doutras entidades, así como a prestación da asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.

g) As funcións de execución relativas ao cumprimento das obrigas de empresarios/as e traballadores/as e, de ser o caso, o exercicio da potestade sancionadora nas materias relativas ao emprego e desemprego.

h) As funcións que correspondan á consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou da acreditación parcial acumulable correspondente.

i) A resolución dos procedementos de inscrición e acreditación ou, de ser o caso, de baixa no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido na súa normativa reguladora, así como a autorización dos centros previstos no Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseado neles, así como a certificación dos profesionais que os utilizan e polo que se establecen os requisitos técnicos para as instalacións que desenvolven actividades que emiten gases fluorados, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.

j) O exercicio das competencias atribuídas pola normativa reguladora dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia competencia da dirección xeral.

k) A elaboración do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

l) A expedición e rexistro das habilitacións profesionais, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.

m) O exercicio das competencias previstas no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, sen prexuízo das que corresponden a outras administracións competentes.

n) O desenvolvemento da normativa que contribúa á ordenación e regulación dun sistema de formación profesional que responda ás necesidades de formación e cualificación das persoas co fin de promover a aprendizaxe ao longo da vida.

o) A xestión e execución do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e vías non formais de formación.

Artigo 50. Estrutura

A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Orientación Laboral.

1.1. Servizo de Orientación Laboral.

1.2. Servizo de Intermediación.

1.3. Servizo de Programas Mixtos.

2. Subdirección Xeral de Promoción Laboral.

2.1. Servizo de Planificación da Promoción Laboral.

2.2. Servizo de Xestión Administrativa da Promoción Laboral.

3. Subdirección Xeral das Cualificacións.

3.1. Servizo de Acreditación das Cualificacións Profesionais.

3.2. Servizo de Observatorio do Emprego.

4. Centro de Novas Tecnoloxías.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Orientación Laboral

Artigo 51. Subdirección Xeral de Orientación Laboral

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoas titulares da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, a Subdirección Xeral de Orientación Laboral levará a cabo as seguintes funcións:

a) A programación, coordinación, execución, seguimento, propostas e avaliación, control e, se é o caso, a xestión dos programas mixtos de formación e emprego.

b) As funcións de intermediación no mercado de traballo e, en concreto, as relativas á inserción e rexistro das persoas demandantes de emprego e das ofertas de traballo, rexistro de contratos, autorización de axencias de colocación e Rede Eures (European Employment Services), e daqueloutros programas de cooperación competencia da Dirección Xeral.

c) A xestión dos programas de orientación laboral e os de apoio e asistencia na busca de emprego.

d) A coordinación das actuacións derivadas dos incumprimentos das obrigas derivadas do compromiso de actividade dos demandantes de emprego que sexan perceptores de prestacións e subsidios por desemprego.

e) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, no ámbito das súas competencias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Orientación Laboral.

b) Servizo de Intermediación.

c) Servizo de Programas Mixtos.

Artigo 52. Servizo de Orientación Laboral

O Servizo de Orientación Laboral exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión do programa de actividades de información, orientación e prospección do emprego ás persoas desempregadas para facilitarlles o acceso ao mercado laboral.

b) A coordinación e o soporte técnico da actividade das oficinas de emprego en materia de orientación laboral, impartindo as instrucións precisas para a mellora da calidade dos servizos e procurando unha atención adecuada ás persoas usuarias dos servizos públicos de emprego.

c) A coordinación do Plan nacional de garantía xuvenil e daqueloutros programas específicos de emprego relativos a colectivos de persoas desempregadas que, se for o caso, se puideren establecer.

d) A elaboración de estatísticas relativas aos programas e medidas da súa competencia e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

e) Aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 53. Servizo de Intermediación

O Servizo de Intermediación exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión técnica e coordinación do sistema de información propio da Comunidade Autónoma e a súa integración co Sistema nacional de emprego.

b) A coordinación e o soporte técnico da actividade das oficinas de emprego en materia de políticas activas de emprego, impartindo as instrucións precisas para a mellora da calidade dos servizos e procurando unha atención axeitada ás persoas usuarias dos servizos públicos de emprego.

c) A xestión e tramitación dos expedientes derivados da colaboración público-privada con axencias de colocación.

d) A instrución e tramitación dos expedientes sancionadores incoados como consecuencia dos incumprimentos das obrigas derivadas do compromiso de actividade dos demandantes de emprego que sexan perceptores de prestacións e subsidios por desemprego.

e) A xestión e coordinación dos programas de intermediación laboral, a coordinación da Rede EURES-Galicia e o seguimento da actividade desenvolvida polas entidades colaboradoras e as axencias de colocación.

f) A elaboración de estatísticas relativas aos programas e medidas da súa competencia e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

g) Aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 54. Servizo de Programas Mixtos

O Servizo de Programas Mixtos exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión técnica e a coordinación dos programas mixtos de formación e emprego, dos programas integrados de emprego e daqueloutras accións, medidas e tarefas competencia da subdirección xeral que se lle puidesen encomendar.

b) A elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

c) Aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Promoción Laboral

Artigo 55. Subdirección Xeral de Promoción Laboral

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoas titulares da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, a Subdirección Xeral de Promoción Laboral levará a cabo as seguintes funcións:

a) A planificación, programación, seguimento e avaliación das accións de promoción laboral e da formación para o emprego.

b) O mantemento do Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A xestión administrativa dos programas de formación dirixida ás persoas traballadoras desempregadas e ocupadas.

d) A asistencia á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral na dirección e coordinación dos órganos territoriais da consellería no que atinxe á materia de formación profesional para o emprego.

e) Cantas outras funcións que expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, no ámbito das súas competencias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Planificación da Promoción Laboral.

b) Servizo de Xestión Administrativa da Promoción Laboral.

Artigo 56. Servizo de Planificación da Promoción Laboral

O Servizo de Planificación da Promoción Laboral exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión técnica da planificación, programación, avaliación e seguimento das accións de formación para o emprego.

b) O exercicio das funcións que, en relación co Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondan á Dirección Xeral segundo a normativa reguladora de aplicación.

c) A programación das accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas e ocupadas, coordinando as súas actuacións de seguimento e avaliación e a coordinación da programación das accións formativas dos centros propios dependentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

d) A xestión da tramitación dos procedementos de contratación dos centros propios de formación dependentes da consellería.

e) A coordinación das distintas ferramentas de xestión da formación para o emprego.

f) A organización, inspección e xestión da rede de centros integrados de titularidade da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

g) A tramitación das autorizacións dos centros previstos no Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles, así como a certificación dos profesionais que os utilizan e polo que se establecen os requisitos técnicos para as instalacións que desenvolven actividades que emiten gases fluorados.

h) Aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 57. Servizo de Xestión Administrativa da Promoción Laboral

O Servizo de Xestión Administrativa da Promoción Laboral exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión administrativa dos programas de formación para o emprego, a execución orzamentaria, o seguimento contable e a xustificación, así como a elaboración das diferentes estatísticas de formación para o emprego.

b) A xestión dos procedementos de xustificación e liquidación das accións formativas e os pagamentos por xustificar dos centros propios dependentes da consellería.

c) A xestión dos procedementos de xustificación do Fondo Social Europeo e dos proxectos europeos de formación e a coordinación das accións de auditoría en materia de formación.

d) Aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Sección 4ª. Subdirección Xeral das Cualificacións

Artigo 58. Subdirección Xeral das Cualificacións

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoas titulares da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, a Subdirección Xeral das Cualificacións desenvolverá as seguintes funcións:

a) As funcións normativas e de xestión necesarias para garantir a implantación efectiva do Sistema nacional de cualificacións profesionais en Galicia, así como dos procesos de estudo das cualificacións, tanto para a súa determinación como para o seu seguimento, establecendo os sistemas de interrelación e cooperación cos organismos, órganos e axentes sociais implicados no mundo produtivo e formativo.

b) A coordinación cos distintos órganos e organismos competentes en materia de formación profesional, co fin de promover a integración efectiva dos subsistemas de formación profesional e entre estes e o mundo sociolaboral que lles serve de marco de referencia.

c) A xestión e rexistro do procedemento de avaliación e acreditación das competencias profesionais na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) O asesoramento e apoio que precise o Consello Galego de Formación Profesional nas materias e actividades relacionadas co Sistema Nacional de Cualificacións.

e) A xestión do procedemento de avaliación de competencias clave para o acceso aos cursos de certificados de profesionalidade niveis 2 e 3.

f) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, no ámbito das súas competencias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Acreditación das Cualificacións Profesionais.

b) Servizo de Observatorio do Emprego.

Artigo 59. Servizo de Acreditación das Cualificacións Profesionais

O Servizo de Acreditación das Cualificacións Profesionais exercerá as seguintes funcións:

a) A participación na confección do Catálogo nacional das cualificacións profesionais, así como na súa actualización permanente.

b) A elaboración de propostas para o Catálogo de cualificacións profesionais de acordo cos resultados dos estudos realizados no tecido empresarial galego.

c) A participación na determinación de criterios para definir os requisitos e as características que deben reunir as cualificacións profesionais para seren incorporadas ao Sistema nacional das cualificacións profesionais.

d) A participación na elaboración do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, así como na súa actualización permanente.

e) A coordinación, xestión e desenvolvemento do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais nas diferentes cualificacións profesionais que compoñen o Catálogo nacional das cualificacións profesionais.

f) A expedición e rexistro dos certificados de profesionalidade.

g) A expedición e rexistro das unidades de competencia das cualificacións profesionais do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

h) A expedición e rexistro de certificacións persoais para a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles de acordo coa distribución de competencias recollidas no Decreto 100/2011, do 19 de maio.

i) Aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

Artigo 60. Servizo de Observatorio do Emprego

Para lograr un maior coñecemento do mercado de traballo e para atinxir unha maior adecuación á oferta e á demanda do tecido produtivo e unha maior adecuación á realidade formativa e aos requirimentos das persoas e do sector produtivo, o Servizo de Observatorio do Emprego exercerá as seguintes funcións:

a) A análise permanente dos datos estatísticos oficiais dispoñibles sobre a situación laboral en Galicia.

b) A realización de informes técnicos que compilen a evolución das variables máis relevantes e difusión de información a través de ferramentas en calquera formato.

c) A análise, seguimento e información sobre as profesións reguladas, estruturas ocupacionais e perfís profesionais asociados ás cualificacións profesionais.

d) A detección das necesidades de cualificación dos/as traballadores/as e seguimento da inserción laboral resultante das accións formativas da formación profesional para o emprego.

e) A coordinación, xestión e desenvolvemento das probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade.

f) A asistencia á Secretaría Xeral de Emprego nas tarefas que lle sexan encomendadas.

Sección 5ª. Centro de Novas Tecnoloxías

Artigo 61. Centro de Novas Tecnoloxías

O Centro de Novas Tecnoloxías, órgano de apoio con nivel orgánico de servizo, baixo a dependencia do/da director/a xeral, ten como obxectivo e competencia a impartición de formación profesional para o emprego dirixida aos/ás profesionais do sector das novas tecnoloxías e a sociedade da información.

Corresponden a este centro as seguintes funcións:

a) A realización de actividades formativas e cursos técnicos especializados destinados ás persoas profesionais do sector das TIC.

b) A detección de tendencias tecnolóxicas que permitan ofertar actividades formativas actualizadas e adaptadas ás innovacións tecnolóxicas e ás necesidades e demandas do mercado.

c) A organización e o apoio loxístico para a realización de actividades, foros, seminarios e xornadas que supoñan transferencia de coñecemento para os/as profesionais do sector.

d) Aqueloutras que se lle asignen dentro da súa área funcional.

TÍTULO III
Órganos territoriais

Artigo 62. Atribucións

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Economía, Emprego e Industria organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións nas áreas competenciais da devandita consellería no ámbito territorial da provincia correspondente, de conformidade coa normativa de aplicación, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito, de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, e das atribucións de dirección e coordinación que este decreto de estrutura establece para cada un dos órganos superiores e de dirección da Consellería.

2. Á fronte das xefaturas territoriais estarán os/as xefes/as territoriais, dos/das cales dependerán todos os servizos, unidades ou centros da Consellería que radiquen no ámbito territorial da súa competencia. As persoas titulares das xefaturas territoriais dependerán funcionalmente do/da conselleiro/a, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar dos órganos superiores e de dirección da Consellería, e exercerán as seguintes funcións:

a) A dirección, despacho e resolución dos asuntos ordinarios.

b) A coordinación dos servizos e unidades que a integran.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamentos do departamento territorial.

d) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais do departamento territorial.

e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto, o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia do departamento territorial.

g) A xefatura inmediata do persoal respecto de todos os órganos e servizos que integran o departamento, sen prexuízo das competencias que nesta materia correspondan ás persoas titulares das delegacións territoriais e aos correspondentes órganos da consellería.

h) A resolución dos recursos administrativos que correspondan.

i) A imposición das sancións que, de acordo coas disposicións vixentes en materia sancionadora, lles correspondan.

j) A tramitación e resolución das reclamacións administrativas que correspondan.

k) A tramitación dos expedientes expropiatorios.

l) A resolución dos procedementos cuxa instrución e proposta corresponda aos servizos periféricos e que non estea atribuída expresamente a outro órgano superior ou de dirección da Consellería.

ll) A supervisión, seguimento e control do cumprimento polas unidades administrativas periféricas das directrices que emanen, segundo a área funcional e competencial, dos correspondentes órganos superiores e de dirección da consellería.

m) Cantas outras funcións lles sexan expresamente atribuídas ou delegadas.

3. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, os/as xefes/as territoriais serán substituídos/as polas persoas titulares das xefaturas de servizo, seguindo a orde de prelación establecida no número 1 do artigo 63.

Artigo 63. Estrutura

1. Para o exercicio das súas funcións, as xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contarán coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Coordinación Administrativa e Xestión Económica.

b) Servizo de Administración Industrial.

c) Servizo de Enerxía e Minas.

d) Servizo de Emprego e Economía Social.

e) Servizo de Orientación e Promoción Laboral.

2. As xefaturas de servizo dependerán funcionalmente dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Economía, Emprego e Industria dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada centro directivo, sen prexuízo da coordinación xeral que exerza a persoa titular da xefatura territorial, así como das funcións que a esta corresponden segundo o artigo 62, nomeadamente, en materia de xefatura inmediata do persoal, resolución e procedementos e supervisión, seguimento e control do cumprimento de directrices dos órganos superiores e de dirección.

A Secretaría Xeral Técnica poderá ditar instrucións sobre as materias de ámbito horizontal da Consellería, para a debida coordinación dos distintos servizos dos departamentos e un adecuado seguimento na execución orzamentaria, sen prexuízo das funcións que neste ámbito poidan corresponder aos/ás delegados/delegadas territoriais.

Artigo 64. Servizo de Coordinación Administrativa e Xestión Económica

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación administrativa do funcionamento dos servizos dependentes da xefatura territorial.

b) A habilitación e xestión do persoal que preste servizos na xefatura territorial e nos centros dependentes.

c) As cuestións de réxime interior, información e atención ao/á cidadán/a, rexistro xeral, publicacións, tramitación administrativa, arquivo e inventario de bens.

d) A execución de actuacións de inspección da organización e o funcionamento dos servizos administrativos da xefatura territorial.

e) O asesoramento e asistencia técnica e administrativa á persoa titular da xefatura territorial.

f) O control contable, a xestión e xustificación dos créditos que se lle asignen ou desconcentren.

g) A elaboración do estudo do anteproxecto de orzamento anual correspondente aos programas de gasto da xefatura territorial e dos centros dela dependentes.

h) A coordinación e supervisión da xestión económica dos servizos da xefatura territorial e dos centros dependentes dela.

i) A administración, control contable, xestión e xustificación dos créditos desconcentrados e asignados á xefatura territorial.

j) A habilitación dos medios materiais.

k) A tramitación dos expedientes de contratación.

l) Calquera outro asunto que non sexa de competencia específica dos demais servizos da xefatura territorial.

Artigo 65. Servizo de Administración Industrial

O Servizo de Administración Industrial exercerá as seguintes funcións:

a) O rexistro, autorización e inspección de actividades e instalacións industriais e a vixilancia do mercado.

b) A capacitación profesional dos/as instaladores/as e das empresas instaladoras.

c) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas.

Artigo 66. Servizo de Enerxía e Minas

O Servizo de Enerxía e Minas exercerá as seguintes funcións:

a) As autorizacións de execución e posta en funcionamento das instalacións de produción e distribución de enerxía, así como a inspección e supervisión do cumprimento das condicións técnicas e legais destas instalacións e a coordinación do seu funcionamento no seu ámbito territorial.

b) A inspección mineira e a xestión do dominio público mineiro no seu ámbito territorial. En particular, corresponderalle a instrución dos procedementos e a elaboración da proposta de resolución de outorgamento dos dereitos mineiros, autorización das súas modificacións, transmisións, renovacións ou prórrogas, declaración da caducidade e autorización de plans de restauración.

c) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas.

Artigo 67. Servizo de Emprego e Economía Social

O Servizo de Emprego e Economía Social exercerá as seguintes funcións:

a) Os programas de promoción do emprego, integración laboral e programas de cooperación.

b) O desenvolvemento das funcións en materia laboral, seguranza e saúde laboral, responsabilidade social empresarial, rexistro de cooperativas e outras entidades de economía social, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da Xunta de Galicia.

c) A instrución e tramitación dos expedientes sancionadores na orde social que lle corresponden, e tamén a coordinación cos xefes dos centros provinciais do Issga nos supostos de investigación de accidentes laborais e naqueles outros asuntos que se determinen.

d) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas.

Artigo 68. Servizo de Orientación e Promoción Laboral

O Servizo de Orientación e Promoción Laboral desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación na prestación do servizo de orientación laboral.

b) A xestión dos recursos materiais e persoais das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.

c) O seguimento e control dos programas mixtos de emprego e formación.

d) A instrución dos procedementos que en materia de orientación e promoción laboral correspondan á xefatura territorial.

e) A asistencia e colaboración na planificación, programación, avaliación así como o seguimento das accións de formación para o emprego.

f) A tramitación da acreditación da competencia docente para impartir formación correspondente a certificados de profesionalidade. Para tales efectos, entenderase que unha persoa formadora cumpre cos requisitos para impartir un determinado módulo formativo no ámbito territorial dunha xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria se foi acreditada en tal sentido por calquera outro departamento territorial da mesma consellería.

g) A instrución dos procedementos de autorización dos centros previstos no Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles, así como a certificación dos profesionais que os utilizan e polo que se establecen os requisitos técnicos para as instalacións que desenvolven actividades que emiten gases fluorados.

h) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas, no ámbito das atribucións da consellería en materia de políticas activas de emprego.

Artigo 69. Servizos da Xefatura Territorial de Pontevedra con sede en Vigo

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria contará cos seguintes servizos na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, que exercerá funcións en todo o ámbito provincial baixo a dependencia orgánica da Xefatura Territorial de Pontevedra:

a) Servizo de Coordinación Administrativa e Xestión Económica.

b) Servizo de Coordinación Industrial.

c) Servizo de Emprego e Economía Social.

d) Servizo de Orientación e Promoción Laboral.

Disposición adicional primeira. Substitución das persoas titulares de determinados órganos

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares da Secretaría Xeral de Emprego e direccións xerais das áreas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente, e mentres persistan aquelas circunstancias, como a seguir se indica:

a) As persoas titulares da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e da Dirección Xeral de Comercio e Consumo serán suplidas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

b) A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego será suplida pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, e viceversa. Na súa falta, asumirá a suplencia a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Disposición adicional segunda. Competencias en materia de estatística

O exercicio das competencias que este decreto outorga aos distintos órganos da Consellería de Economía, Emprego e Industria entenderanse sen prexuízo das atribuídas ao Instituto Galego de Estatística.

Disposición adicional terceira. Referencias normativas a outros órganos

As referencias que a normativa vixente realiza aos órganos correspondentes nas materias recollidas no artigo 1 deste decreto, entenderanse efectuadas aos correspondentes órganos da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional cuarta. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa denominación varíe como consecuencia do disposto no presente decreto.

Disposición adicional quinta. Cambios de denominación ou dos contidos funcionais dos órganos directivos

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria