Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2018 Páx. 5712

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende).

BDNS (Identif.): 381725.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación. A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.

b) As microempresas e pequenas empresas, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, de nova creación ou que inicien unha actividade distinta á que tiña no momento da solicitude da axuda.

c) As persoas físicas que residan nunha zona rural e que creen unha nova empresa ou que inicien unha actividade distinta da que tiña no momento da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase zona rural o territorio elixible segundo o previsto no artigo 1.1 destas bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sustentabilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7704, por un importe de 2.000.000 € con cargo ao exercicio 2018 e por un importe de 2.500.000 € con cargo ao exercicio 2019.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2017

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica