Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 30 de xaneiro de 2018 Páx. 6541

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria anticipada de subvencións para proxectos de enerxías renovables, para o ano 2018, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia mediante o Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición a consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía, así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.

O Inega establece este sistema de subvencións, co obxectivo de fomentar a utilización de fontes de enerxía renovables. Máis concretamente, preténdese fomentar a utilización da biomasa forestal con fins enerxéticos, o que implica toda unha serie de vantaxes tanto sociais coma ambientais, económicas e enerxéticas. Non se debe esquecer que a biomasa é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece, dentro do campo enerxético, a redución de emisións de CO2, o autoabastecemento e a seguridade da subministración a prezos competitivos. Por criterios similares é necesario fomentar tecnoloxías como a solar térmica, a xeotérmica e a aerotermia.

A dotación da presente convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2018 ascende a 3.128.546 euros, dos cales 2.383.416 estarán financiados con fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Trátase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia encadradas no obxectivo temático 4 –favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores–, na prioridade de investimento 1 –fomento da produción e distribución da enerxía derivada de fontes renovables–, e no obxectivo específico 2 –aumentar a participación e distribución das enerxías renovables para usos térmicos, en particular a biomasa, biogás e biocombustibles para o transporte–, en consonancia co Plan de enerxías renovables 2011-2020, referido a medidas de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento da biomasa térmica. O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa Galicia 2014-2020, Feder nun 80 %, e computarase como cofinanciamento nacional ou investimento privado elixible dos beneficiarios.

O artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que as convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma, deberán primar, na forma en que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera forma, agrupación, asociación, mancomunidade, consorcio, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente.

O uso das enerxías renovables pode representar para Galicia un gran xacemento de nova actividade e, por iso, a Xunta de Galicia entende que é preciso facer unha aposta firme e realista de cara ao futuro, materializando esta a través da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de equipamentos térmicos de biomasa e convocar todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. O obxecto destas bases é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica (código de procedemento IN421G).

Financiaranse con fondos propios os proxectos de aerotermia, xeotérmia, solar térmica e biomasa (excepto a tipoloxía B), promovidos por empresarios e autónomos.

Cofinanciaranse con fondos Feder os proxectos de biomasa promovidos pola Administración local e as entidades sen ánimo de lucro, así como os proxectos de biomasa, tipoloxía B, promovidos por empresarios e autónomos.

2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva, e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

3. As axudas recollidas nesta bases reguladoras, a excepción daquelas en que os beneficiarios sexan administracións públicas local ou entidades xurídicas sen ánimo de lucro que non poidan emprender actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

As entidades xurídicas sen ánimo de lucro cando realicen actividades económicas de forma regular estarán suxeitas ás condicións que se establecen no citado capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas no capítulo III, sección 7, artigo 41.6.b) –Axudas ao investimento para a promoción de enerxía procedente de fontes renovables– do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 14 de xuño.

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 5 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 21 destas bases. Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan imputaranse ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Medida: Fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento de biomasa.

Beneficiarios

Aplicación orzamentaria

Importe

Empresas e autónomos biomasa tipoloxía B (Feder)

09.A2.733A.770.5

1.383.416

Administración pública local biomasa (Feder)

09.A2.733A.760.5

900.000

Entidades sen ánimo de lucro biomasa (Feder)

09.A2.733A.781.1

100.000

Empresas e autónomos biomasa tipoloxía A (fondos propios)

09.A2.733A.770.5

145.130

Empresa e autónomos xeotérmica (fondos propios)

09.A2.733A.770.2

300.000

Empresas e autónomos aerotermia e solar térmica (fondos propios)

09.A2.733A.770.3

300.000

Total

3.128.546

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles. Non obstante, en ningún caso se poderán subvencionar cos fondos cofinanciados con Feder actuacións financiadas con fondos propios.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, aínda que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 15 destas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal) sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

4. A presente convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.

b) As entidades sen ánimo de lucro e as comunidades de montes.

c) As empresas legalmente constituídas e autónomos.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas dos sectores excluídos do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, no seu artigo 1.2, entre as cales figuran:

a) As empresas do sector da pesca e da acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro.

b) As empresas que operan na produción primaria de produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) Aquelas que operan na transformación e comercialización dos produtos agrícolas:

1) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a súa totalidade repercuta aos produtos primarios.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Se as empresas non teñen o domicilio social en Galicia, deberán acreditar, cando menos, a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma.

5. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

6. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

7. As empresas en crise están excluídas, excepto cando se trate de réximes de axudas destinadas a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.

8. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das causas de exclusión previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

9. As entidades sen ánimo de lucro non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Gastos que se subvencionan

1. Serán subvencionables:

a) O equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares, bomba de calor, caldeira,...).

No caso da biomasa, o custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).

b) O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

d) O custo do sistema de alimentación do combustible.

e) O custo de montaxe e conexionado.

f) No caso da enerxía xeotérmica o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondaxes, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, etc.

g) No caso de redes de distribución de calor con biomasa o custo da rede de distribución de enerxía térmica (ata a sala de caldeira existente se se conecta a ela ou, no caso contrario, ao punto de entrada ao edificio) e, se for o caso, o custo dos sistemas para a conexión coas salas de caldeiras existentes. A obra civil necesaria da sala de caldeiras.

2. Non son subvencionables:

a) O IVE (imposto sobre o valor engadido), excepto cando non sexa recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

En todo caso, aquelas persoas xurídicas que gocen da exención de IVE, ou dun réxime de pro rata, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria ou documentación acreditativa da pro rata do último exercicio.

b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

c) Os gastos anteriores á presentación da solicitude. Por exixencia do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da presentación da solicitude de axuda, de forma que se algún dos gastos para os que se solicita axuda foi iniciado con anterioridade, o proxecto na súa totalidade non se considerará subvencionable.

d) As obras de mantemento.

e) As conducións de distribución interior da calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

f) O proxecto de enxeñaría, a obra civil non asociada á instalación dos equipamentos (salvo en proxectos de distribución de calor) nin os gastos de legalización.

g) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Nas subvencións concedidas ás entidades locais, de acordo co establecido no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, con carácter xeral, considérase gasto realizado, cando se contabilizase o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local. As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas.

Artigo 6. Normas específicas

1. Co obxectivo de garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipamentos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao ambiente.

Para tal efecto, no caso que sexa necesario, as instalacións financiadas deben cumprir cos requisitos establecidos no Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas de edificios (RITE) respecto a instalacións térmicas, coas condicións establecidas no documento recoñecido do RITE.

No caso das caldeiras de biomasa da tipoloxía B, cando o regulamento sexa de aplicación, os equipamentos térmicos terán una calificación energética mínima de D para que o proxecto sexa subvencionable.

a) Bombas de calor.

No caso das bombas de calor, os equipamentos que se instalan deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 3,5, nas condicións establecidas na norma que os afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc.). Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia. No caso dos equipamentos que, segundo a normativa específica, deban dispoñer dunha cualificación enerxética, os equipamentos deberán contar cunha cualificación A ou superior, salvo no caso de equipamentos acumuladores que será C ou superior.

Ademais, en calquera dos casos anteriores, o sistema deberá poder ser considerado como renovable, para o cal verificará os requirimentos mínimos incluídos no documento Prestacións medias estacionais das bombas de calor para a produción de calor en edificios, emitido polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, en función das características da instalación. Polo tanto, para xustificar esta condición, deberá achegarse a documentación xustificativa do ensaio para a obtención do COP, do factor de corrección FC e do factor de ponderación FP segundo a zona climática e o tipo de instalación.

b) Solar térmica.

Considéranse neste punto as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do Documento básico HE 4-Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se destinen a outras aplicacións non obrigadas por esta normativa, unicamente se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

As instalacións solares destinadas ao apoio á calefacción no sector doméstico e terciario unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50 ºC), como chan radiante, radiadores de baixa temperatura ou fan coils.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas ao quentamento da auga de piscinas descubertas.

O coeficiente global de perdas do panel solar deberá ser inferior ou igual a 9 W/(m2 ºC). Os equipamentos acumuladores deben dispoñer dunha cualificación enerxética clase C ou superior.

2. O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado polas características do sistema segundo a seguinte táboa:

a. Biomasa.

Tipoloxía

Tipo de equipamento xerador

Rango de potencias

Custo elixible máximo por potencia sen IVE (€/kW)

A1

Estufas de aire, cociñas calefactoras e xeradores de aire quente

P ≤ 25 kW

225-5 P

P > 25 kW

100

A2

Cambio de queimador en equipamento existente que non sexa de biomasa

50

B1

Caldeiras sen sistema de alimentación automática ou con sistema de alimentación automática desde o volume de acumulación de combustible V < 250 litros

P ≤ 20 kW

300-5 P

20 kW < P ≤ 40 kW

250-2,5 P

P > 40 kW

150

B2

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V ≥ 250 litros e
V < 1.000 litros

P ≤ 40 kW

300

40 kW < P ≤ 440 kW

310-(P/4)

P > 440 kW

200

B3

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible con V ≥ 1.000 litros

P ≤ 40 kW

325

40 kW < P ≤ 440 kW

335-(P/4)

P > 440 kW

225

P: potencia nominal total do sistema de caldeira(s) (kW).

V: capacidade do sistema externo de acumulación de combustible (litros).

Nas tipoloxías B1, B2 e B3, no caso de que a caldeira incorpore un sistema de limpeza automática de intercambiador, o custo elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) poderá incrementarse en 50 €/kW adicionais.

Non se admitirán nunha mesma solicitude varias caldeiras de distintas tipoloxías.

Para os efectos desta convocatoria considéranse redes de distribución de enerxía térmica cando desde unha mesma sala de caldeiras, con potencia total das caldeiras de biomasa de máis de 200 kW, se distribúa enerxía térmica a máis de dous (2) edificios ou no caso de que sexan dous (2) edificios que a distancia entre ambos supere os 80 metros. Tamén se consideran conceptos subvencionables as ampliacións de redes existentes ou en fase de execución sempre que as infraestruturas que se desenvolvan nestas ampliacións cumpran os criterios establecidos no parágrafo anterior. En relación con estes proxectos de ampliación de redes de distribución de calor, non se considerarán subvencionables as infraestruturas de ampliacións de proxectos que fosen subvencionadas noutras convocatorias de redes de distribución de enerxía térmica financiadas con fondos Feder.

O custo elixible máximo destes proxectos será o dobre da cantidade que lle correspondería no caso de que fose unha instalación de biomasa sen considerar os elementos característicos dunha rede de distribución de enerxía térmica, custos máximos que se calcularían a partir da táboa anterior.

Adicionalmente haberá unha limitación nos proxectos de biomasa subvencionables cuxos beneficiarios sexan as entidades locais co obxectivo de evitar o solapamento con outras axudas impulsadas con fondos Feder. Para que un proxecto solicitado polas entidades locais sexa subvencionable, os seus custos máximos elixibles sen IVE (valores máximos de táboas ou investimento) non poderán superar os 50.000 euros.

b. Xeotérmica.

Tipoloxía

Características do equipamento

Rango de potencias

Investimento elixible

máximo por potencia

sen IVE (€/kW)

A1

Instalacións con bombas de calor xeotérmicas con intercambio enterrado horizontal

P ≤ 10 kW

1.300

10 kW < P ≤ 30 kW

1.300-10 · (P-10)

30 kW < P ≤ 100 kW

1.100-2 · (P-30)

P > 100 kW

960

A2

Instalacións con bombas de calor xeotérmicas con intercambio enterrado vertical

P ≤ 10 kW

1.900

10 kW < P ≤ 30 kW

1.900-25 · (P-10)

30 kW < P ≤ 100 kW

1.400-3 · (P-30)

P > 100 kW

1.190

P: potencia térmica útil da bomba de calor (kW), debidamente xustificada coa documentación achegada, tal e como se indica no artigo 9 (documentación complementaria).

c. Aerotermia.

O investimento elixible máximo será de 600 €/kW para as bombas de calor aire/auga e 400 €/kW para as de aire/aire, a potencia será avaliada tal e como se indica no artigo correspondente á documentación complementaria.

c) Solar térmica.

Segundo a tecnoloxía utilizada, a contía máxima da subvención será a seguinte:

Tipo de instalación

Investimento elixible máximo

Paneis planos

1.500 euros/kW (*)

Tubos de baleiro

1.000 euros/m2 (**)

(*) A potencia en kW calcularase a partir da superficie útil de captación (de apertura) e da curva de rendemento do panel, con temperatura de entrada 45 ºC, temperatura ambiente 15 ºC e 800 W/m2 de radiación.

(**) Superficie de apertura.

Tendo en conta que na presente convocatoria se refire ás que aparecen definidas dentro da sección 7 do capítulo III do Regulamento (UE) núm. 651/2014 como axudas ao investimento para a promoción da enerxía procedente de fontes renovables (artigo 41.6.b), para as tipoloxías de biomasa tipo B e para os proxectos de aerotermia e xeotermia establécese como redución, polo investimento equivalente menos respectuoso co medio natural, un 20 % dos valores da tipoloxía B3 da táboa dos custos elixibles de biomasa, valores que están establecidos en función da potencia da instalación. Para as tipoloxías A de biomasa a redución será dun 20 % sobre os valores dos seus custos elixibles máximos, reducións que tamén serán aplicables aos proxectos de enerxía solar térmica.

Artigo 7. Contía da axuda

1. A intensidade máxima da axuda, segundo o tipo de beneficiario, será a seguinte:

Beneficiarios

Porcentaxe
máxima de axuda

Entidades locais

80 %

Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que non realicen actividade económica) e as comunidades de montes

50 %

Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas, a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais e no caso de medianas empresas en 10 puntos porcentuais

50 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto de biomasa será de 200.000 euros. No caso de redes de distribución de enerxía térmica o límite será de 400.000 euros. En proxectos de aerotermia, xeotermia e solar térmica a axuda máxima será de 100.000 euros.

3. A contía máxima por beneficiario será de 1.000.000 de euros.

Artigo 8. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade ao establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Os autónomos presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, dado que por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.

4. A documentación complementaria indicada no artigo 9 destas bases presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica.

Se algunha das persoas interesadas presentan a documentación presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As copias dos documentos terán a mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos, 5 MB por arquivo individual, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirllo á persoa interesada, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

6. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, o Inega pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 15 00 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.gal

Artigo 9. Documentación complementaria da solicitude

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se vai executar o proxecto ou da súa dispoñibilidade durante un período mínimo de cinco anos (que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo).

Os documentos admitidos para acreditar a titularidade son: certificado do rexistro da propiedade, escritura pública de obra nova, escritura pública de compravenda, escritura pública de aceptación de herdanza, escritura pública de doazón e aceptación ou sentenza xudicial, segundo corresponda. Contrato de arrendamento ou cesión de uso acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Non se admitirán como acreditación da titularidade recibos de impostos de bens inmobles ou certificacións do catastro inmobiliario.

b) Memoria técnica da actuación, asinada por un técnico competente, que incluirá como mínimo:

i. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal ) e unha memoria técnica na cal se describirá, de forma detallada, os sistemas do equipamento xerador e do resto dos compoñentes principais da instalación. Tamén incluirá unha xustificación do calor útil demandado.

ii. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea na cal se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc.), esbozos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.

iii. Folla de características dos equipamentos xeradores. No caso da biomasa incluirase a documentación relativa ao índice de eficiencia enerxética ou rendemento.

iv. Orzamento desagregado.

v. Oferta técnica dun provedor no caso de que o solicitante sexa unha empresa, autónomo ou entidade sen ánimo de lucro.

vi. No caso da xeotermia, aerotermia e solar térmica os certificados de rendemento dos sistemas xeradores coas seguintes especificacións:

– Xeotérmica e aerotermia.

Certificado do coeficiente de rendemento en modo calefacción (COP) emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma que lles afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc). Para acreditar este coeficiente, deberá xuntarse a certificación emitida por Eurovent, a EPHA (Asociación Europea da Bomba de Calor) ou por un laboratorio de ensaio acreditado para este tipo de ensaios, segundo a normativa vixente. No caso de Eurovent e da EPHA admitirase a impresión da páxina web en que se poden consultar os datos de potencia e COP do propio equipo ou do ensaiado na serie técnica sempre que vaia acompañado dunha captura do enlace en que se pode contrastar a información. Tomarase como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia. No caso dos equipamentos que deban dispoñer dunha cualificación enerxética deberán achegar a documentación xustificativa correspondente.

– Solar térmica.

Resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de forma íntegra a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e coeficientes de rendemento, entregarase, ademais copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se for o caso, a norma que a substitúa) que serviu de base para a emisión da resolución de certificación. No caso dos equipamentos que deban dispoñer dunha cualificación enerxética deberán achegar a documentación xustificativa correspondente.

c) As administracións locais, ademais da documentación sinalada nos puntos anteriores, deberán achegar:

i. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

ii. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

iii. Certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

O artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas establece como requisito para a concesión de subvencións que as entidades locais cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

d) As empresas, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista nas alíneas a) e b) deste artigo, e cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalación consumidoras de enerxía, ademais deberán achegar:

i. Unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda.

ii. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

No caso de empresas de servizos enerxéticos o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

O pagamento dos servizos que prestan as ditas empresas baséase na obtención de melloras de eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos. Contarase en todo caso co visto e prace do titular da instalación, por se dese lugar a modificación do contrato existente entre ambas as partes.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE, do 5 de abril, sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos, aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no paragrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grao de risco económico ao facelo. Todo isto, sempre que o pagamento dos servizos prestados se basee, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións incluíndo a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible o estimable.

e) As entidades sen ánimo de lucro e as comunidades de montes, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista nas alíneas a) e b) deste artigo e ademais deberán achegar a documentación que acredite a representación con que se actúa.

f) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

Artigo 10. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

1. Certificado de alta no imposto de actividades económicas cando a persoa solicitante sexa profesional autónomo.

2. Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e Facenda autonómica.

3. DNI/NIE da persoa solicitante.

4. NIF da entidade solicitante.

5. DNI/NIE da persoa representante.

6. Consulta dos administradores da sociedade, cando se trate de persoa xurídica.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o Inega publicará na súa páxina web oficial (www.inega.gal) a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 12. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido no artigo 7 das bases reguladoras, no marco nos números 7 a 9 do artigo 41.7 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) num. 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 19 destas bases reguladoras.

Artigo 13. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 14. Instrución dos procedementos

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De non ser así, de conformidade co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos tendo que achegar nestes casos o solicitante as correspondentes certificacións ou documentos.

2. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

A notificación do requirimento de emenda realizarase do seguinte xeito:

– Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude un aviso no cal se lle indica a posta á súa disposición desta notificación.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal). Para poder realizala é imprescindible que o solicitante ou o representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 15. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nos artigos seguintes.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o director do departamento de Enerxías e Planificación Enerxética.

b) O xefe da Área de Enerxías Renovables do Inega.

c) Un técnico do Inega.

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. Características técnicas dos principais equipamentos (ata 50 puntos).

– Biomasa.

a) Prestacións segundo as características do equipo xerador (ata 30 puntos).

Valorarase o equipo xerador tendo en conta os seguintes criterios.

a.1) Rendemento (20 puntos).

Utilizaranse os seguintes valores para definir as puntuacións deste subpunto, utilizando o valor da etiquetaxe enerxética cando lle sexa de aplicación ao equipamento térmico e o rendemento en caso contrario.

Valor da clase de eficiencia enerxética incluída na etiqueta
en modo calefacción

Rendemento (R)

P: 20 puntos

A+++

R ≥ 95 %

P: 18 puntos

A++

75 < R < 95 (1)

P: 16 puntos

A+

P: 12 puntos

A

P: 8 puntos

B

P: 4 puntos

C

P: 0 puntos

D

R=75 %

(1) O resto dos equipamentos puntuaranse proporcionalmente

a.2) Fluído caloportador (5 puntos).

Auga: 5 puntos.

Aire: 0 puntos.

a.3) Sistema de alimentación do combustible (5 puntos).

Automática: 5 puntos.

Manual: 0 puntos.

b) Calidade enerxética do combustible empregado polo equipo (ata 10 puntos).

Este punto valorarase tendo en conta o combustible utilizado:

Pellet: 10 puntos.

Estelas: 6 puntos.

Leña: 3 puntos.

Residuos forestais e outros tipos de biomasa: 1 punto.

c) Sistema de limpeza automática do intercambiador: 10 puntos.

– Aerotermia, xeotermia e solar térmica.

Neste punto avaliaranse os coeficientes de rendemento enerxético dos principais equipamentos, COP no caso das bombas de calor e o rendemento de paneis solares en termos de kW/m2, rendemento obtido a partir dos coeficientes de ensaio indicados no punto correspondente.

No caso das bombas de calor outorgarase unha puntuación de 0 puntos para as bombas de calor con COP de 3,5 e a máxima puntuación para as de COP igual ou superior a 5. O resto de bombas de calor puntuaranse proporcionalmente.

No caso dos paneis solares outorgarase unha puntuación de 0 puntos para os paneis solares con rateo igual ou inferior a 0,4 kW/m2 e a máxima puntuación para os iguais ou superiores a 0,55 kW/m2. O resto de paneis solares puntuaranse proporcionalmente.

2. Grao de utilización da instalación segundo o uso e a demanda (ata 15 puntos).

Tendo en conta o uso enerxético e a demanda da instalación avaliarase o seu grao de utilización considerando a calor útil demandada e a capacidade de xeración da instalación.

3. Rateo investimento/potencia da instalación (ata 15 puntos).

Avaliarase en relación cos rateos de investimento máximo elixible por potencia do proxecto segundo as bases. Outórganse 0 puntos aos proxectos cuxo rateo investimento/potencia supere un 120 % do custo máximo elixible que lle corresponde polas súas características e a puntuación máxima para aqueles cuxo rateo sexa inferior ao 80 % do custo máximo elixible. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.

4. Localización xeográfica do proxecto (ata 20 puntos).

Renda do concello (ata 20 puntos). Valoraranse os proxectos que se desenvolvan en zonas economicamente menos favorecidas, utilizando os datos máis recentes dispoñibles polo IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos municipios galegos. Outórganse 0 puntos aos proxectos situados no concello que teña a máxima renda dispoñible bruta por habitante de Galicia e a puntuación máxima ao de menor. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.

5. Concellos que coordinasen as súas solicitudes e compartisen ou mancomunasen obras ou servizos (ata 10 puntos adicionais).

No caso de que a solicitude sexa duns concellos que coordinasen as súas solicitudes e compartisen ou mancomunasen obras ou servizos, estes proxectos terán unha puntuación adicional de 10 puntos.

Os empates que, se é o caso, se produzan dirimiranse aplicando os criterios na orde que a continuación se expón:

1) Maior puntuación obtida na epígrafe «Características técnicas dos principais equipamentos».

2) Maior puntuación obtida na epígrafe «Rateo investimento/potencia da instalación».

3) Maior puntuación obtida na epígrafe «Localización xeográfica do proxecto».

4) Maior puntuación obtida na epígrafe «Grao de utilización da instalación».

Se aínda así segue existindo empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no artigo 7 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, decidirase a favor do proxecto en que a maioría das empresas participantes teñan implantado un plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se cubrirá no formulario de solicitude.

Artigo 17. Resolución e notificación

1. Elaborada a relación prevista no artigo 15.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia.

2. Todas as notificacións se realizarán por medios electrónicos, a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes ou, se é o caso, da súa emenda.

Se transcorre o prazo sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, aplicarase o sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

5. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso das resolucións de concesión da subvención poderase substituír a notificación individual pola publicación no DOG e na páxina web do Inega. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

6. Nos proxectos financiados con fondos Feder 2014-2020, e dicir, os proxectos de biomasa promovidos pola Administración local e as entidades sen ánimo de lucro así como os proxectos de biomasa, tipoloxía B, promovidos por empresarios e autónomos, deberá notificarse ao beneficiario un documento en que se establecen as condicións da axuda para a operación, no cal deben figurar como mínimo os seguintes aspectos:

– Identificación do beneficiario.

– Contía da subvención.

– Obrigas dos beneficiarios.

– Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter coa axuda.

– O plan financeiro e o calendario de execución.

– Os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

7. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluírase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, o seu título e a data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

Artigo 18. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberán cumprirse os requisitos previstos no punto seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. O beneficiario terá a obriga de presentar unha solicitude de modificación, como mínimo, un (1) mes antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento, cando o orzamento definitivo sexa inferior a un 80 % do orzamento máximo elixible da instalación subvencionada.

Cando se trate de concellos, este ten que solicitar a modificación da resolución, como mínimo, 15 días antes da finalización do prazo de xustificación do investimento.

Xunto coa solicitude, a entidade deberá presentar:

a) Memoria xustificativa, na cal, ademais, se faga constar que non se desvirtúa o proxecto subvencionado, que non suporá unha actuación deficiente e que se cumpre co obxectivo da resolución de concesión.

b) Orzamento ou proxecto modificado.

c) Relación e identificación concreta dos cambios introducidos en cadro comparativo.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación ou publicación da proposta de resolución definitiva sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 14.2 destas bases reguladoras.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as comprobacións e verificacións que poida realizar o organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Ademais, e posto que a convocatoria está dotada con fondos comunitarios, todo beneficiario das axudas cofinanciadas con fondos Feder 2014-2020, é dicir, proxectos de biomasa tipoloxía B, aerotermia, xeotermia e solar térmica promovidos por empresas ou autónomos, someterase ás verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto nos números 4 e 5 do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013), así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeos.

4. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013) sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, manténdose o investimento sen modificacións substanciais.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a cinco anos terase que achegar un documento asinado polo propietario dos terreos en que se instalen os equipamentos xeradores no que asume o compromiso de manter o investimento ata que se cumpra este período.

6. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada, en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda, e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos, no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a un 1.000.000 de euros a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

A conservación da documentación xustificativa relativa aos gastos financeiros durante un prazo de dous anos, no caso das operación non recollidas no punto apartado anterior, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.

O Inega informará os beneficiarios da data a partir da cal se realizará o cómputo anterior.

7. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberán constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e o logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

8. Cando se trate de proxectos de biomasa promovidos pola Administración local e as entidades sen ánimo de lucro, así como os proxectos de biomasa, tipoloxía B, promovidos por empresarios e autónomos, ao tratarse de proxectos cofinanciados con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, o beneficiario deberá:

a) En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Inega, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto incluíndo a imaxe institucional do Inega e da Xunta de Galicia e mostrando o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo, que dá apoio á operación, o lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

b) Durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, o beneficiario informará o público do apoio obtido do Inega, Xunta de Galicia e Feder: a) facendo unha breve descrición no seu sitio de internet, no caso de que dispoña dun, da operación, de maneira proporcional o nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión. b) colocando, polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar ben visible para o público, por exemplo na entrada dun edificio.

O beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo nun prazo de tres meses a partir da conclusión dunha operación que reúna as características seguintes:

i. A operación consista na compra dun obxecto físico, no financiamento dunha infraestrutura ou en traballos de construción.

O Regulamento de execución (UE) núm. 821/2014 especifica nos artigos 3 e 4 a forma en que debe crearse o emblema e as características técnicas deste e no artigo 5 as características técnicas das placas fixas e dos carteis publicitarios temporais e permanentes.

Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

9. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder 2014-2020, é dicir, para proxectos de biomasa promovidos pola Administración local e as entidades sen ánimo de lucro, así como os proxectos de biomasa, tipoloxía B, promovidos por empresarios e autónomos implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións a que fai referencia o artigo 115, número 2, e co contido previsto no anexo XII, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

11. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade dos previstos no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Prazo para a execución da instalación

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2018.

2. A documentación xustificativa do investimento realizado presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes deste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo II, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 14.2 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto do resultado negativo da consulta efectuada a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica) tendo en este caso o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 24. Documentación xustificativa do investimento

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, na data límite de xustificación do proxecto.

2. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar, xunto coa solicitude de pagamento, toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes:

a) Sempre que o custo elixible da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 50.000 euros (en concepto de execución de obra) ou a 18.000 euros (cando se subministran bens ou se prestan servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica) o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega, como mínimo, o contido de tres ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar no cal se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as tres ofertas, pois o que se debe achegar é o orixinal ou copia do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será necesario acreditar as tres ofertas no suposto de que polas especiais características dos gastos que se subvencionan non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten; neste suposto o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

b) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación á organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

No caso da administracións públicas presentaranse facturas orixinais, ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias, previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

i. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

ii. Que se obteña a pertinente autorización por parte da dirección do Inega.

A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario da solicitude.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

i. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario do ingreso efectivo polo portelo), no cal conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou a persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir, en todo caso, coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número de factura obxecto do pagamento.

ii. Efectos mercantís que permitan o pago aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil xunto coa documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) na cal conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, recibo asinado e selado polo provedor no cal se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

iii. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 22.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

c) No caso da Administración local, a certificación ten que estar expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Farase constar como mínimo:

i. O cumprimento da finalidade da subvención.

ii Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na letra c) deste mesmo artigo, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Así mesmo, as administracións públicas achegarán unha copia completa –preferiblemente escaneada, ou ben en soporte papel– da documentación integrante do expediente de contratación, sen prexuízo das comprobacións que se poidan efectuar sobre a documentación orixinal, que poderá ser requirida para os efectos de ulteriores controis.

d) Os concellos, para as obras públicas que promovan, deberán achegar o acordo do órgano municipal competente de aprobación do proxecto nos termos previstos no artigo 147.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, é dicir, acreditando que se deu cumprimento á lexislación urbanística e sectorial, así como do planeamento en vigor.

e) Fotografías dos principais equipamentos instalados.

f) Xustificación de ter dado cumprimento ás obrigas establecidas no artigo 20.8 en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII número 2 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

g) O beneficiario achegará un certificado asinado polo técnico instalador, no cal se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Naqueles proxectos de xeración térmica con potencia superior a 70 kW deberá achegarse o certificado de dirección de obra asinado polo técnico. Naquelas instalacións que requiran a súa inscrición no rexistro da consellería competente en materia de industria, o beneficiario deberá achegar o xustificante de solicitude de inscrición da instalación nese rexistro. Nese xustificante deberán figurar as características técnicas e o correspondente código de acceso ao referido rexistro, para ter a posibilidade de verificación no caso de que sexa necesario.

Artigo 25. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presente, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material na cal certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 26. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Concesión de subvencións» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Xerencia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Xerencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a inega.info@xunta.gal

A cesión de datos de carácter persoal que se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado, que é o órgano responsable da administración e custodia da Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do afectado.

Así mesmo, nos proxectos financiados con fondos Feder 2014-2020, é dicir, proxectos de biomasa tipoloxía B, aerotermia, xeotermia e solar térmica promovidos por empresas ou autónomos os datos serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», creado pola Orde do 31 de marzo de 2016 (DOG núm. 68, do 11 de abril) cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal

Artigo 27. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 60 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de realizar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 21.7 e 8 destas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de cinco anos.

Artigo 29. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013), que xa foron mencionadas na letra c) do artigo 20 das bases.

Artigo 31. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos das operacións, tal e como se define no artigo 140 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder ao FSE ea o Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013).

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital con un importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material do investimento, da cal quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 32. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no DOG a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no DOG, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

Artigo 33. Remisión normativa

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras con fondos Feder, é dicir, proxectos de biomasa tipoloxía B, aerotermia, xeotermia e solar térmica promovidos por empresas ou autónomos rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE l 187, do 26 de xuño de 2014).

b) Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo, Fondo de Cohesión, Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

c) Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006, así como na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

d) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file