Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2018 Páx. 6831

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 10/2018, do 18 de xaneiro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Reforma da intersección do p.q. 21+900 da AC-840 (Curtis), de clave AC/16/230.10, no concello de Curtis.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 27 de xullo de 2017 a Axencia Galega de Infraestruturas resolve aprobar provisionalmente o proxecto de construción Reforma da intersección do p.q. 21+900 da AC-840 (Curtis), de clave AC/16/230.10.

Segundo. Con data do 3 de novembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 209) o anuncio do 19 de outubro de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción Reforma da intersección do p.q. 21+900 da AC-840 (Curtis), de clave AC/16/230.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Terceiro. Despois da análise dos certificados presentados, o 9 de xaneiro de 2018 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción Reforma da intersección do p.q. 21+900 da AC-840 (Curtis), de clave AC/16/230.10.

Este proxecto de construción ten por obxecto a reforma da intersección da estrada AC-840 coa estrada provincial DP-3204, no p.q. 21+900, transformando a intersección a nivel existente, de notable accidentalidade, nunha rotonda coas características axeitadas e coa finalidade de mellorar a seguridade vial e a calidade de vida dos cidadáns, cun importante efecto positivo sobre o medio socioeconómico e humano.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xaneiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción Reforma da intersección do p.q. 21+900 da AC-840 (Curtis), de clave AC/16/230.10.

Santiago de Compostela, dezaoito de xaneiro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda