Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2018 Páx. 6863

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2018 (código de procedemento BS410A).

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23 asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece no seu artigo 6, como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia, o apoio e a protección da familia como medio de transmisión da vida e como ámbito privilexiado para o desenvolvemento persoal e artella, ao longo dos seus artigos, medidas que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar.

A Xunta de Galicia, co fin de paliar, na medida do posible, os gastos dos primeiros anos de crianza dunha filla ou fillo establece deducións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) polo nacemento de fillas e/ou fillos. Por outra banda, o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 prevé, na súa disposición adicional sexta, que aquelas persoas que, na data do 1 de xaneiro de 2018, teñan ao seu cargo fillas ou fillos menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros pola primeira filla ou fillo, de 1.200 euros pola segunda ou segundo e de 2.400 euros polo terceiro e sucesivos, nas condicións que estableza a Consellería de Política Social.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 19 de outubro de 2017.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Esta orde ten por obxecto regular os requisitos e o procedemento para a percepción desta prestación e adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normativa de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2018 (código BS410A).

Artigo 2. Orzamento

1. O outorgamento das axudas a que se refire esta convocatoria realizarase a través da modalidade de pagamento único, co crédito consignado de 3.000.000 euros existente na aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.0 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, para este fin.

2. Este crédito poderá ser obxecto de ampliación, tal e como se establece no artigo 7.Un.o) do referido proxecto de Lei de orzamentos.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración da súa dispoñibilidade logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2018 (nados entre o 2.1.2015 e o 1.1.2018, incluídos) e que, durante o ano 2016, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigadas a iso.

No caso de fillas ou fillos adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2016 e o 31 de decembro de 2017, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou o acollemento.

2. Nos supostos de que exista unha resolución xudicial que atribúa a custodia exclusiva a unha das persoas proxenitoras, a persoa beneficiaria será aquela que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido na dita resolución.

3. Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a formada polo pai e/ou a nai que teña/n a custodia do ou da menor polo que se solicita a axuda e os fillos e fillas da persoa solicitante.

4. En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda foi asumida por unha institución pública.

5. As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.

6. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Requisitos

1. Será requisito necesario para a concesión da prestación:

a) Que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que non quede acreditada a dita circunstancia pola presentación do xustificante de empadroamento, poderán ser requiridas para que presenten documentación complementaria que o demostre.

b) Que na data da solicitude os nenos ou as nenas convivan coa persoa solicitante.

2. Os requisitos para ter dereito a esta prestación deberán reunirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Tipo de axuda e contía

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:

a) Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.

b) Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.

c) Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

Artigo 6. Solicitudes

1. A solicitude formalizarase no formulario normalizado que figura como anexo I desta orde e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación sinalada, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez (10) días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 21 da dita lei.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do libro ou libros de familia en que consten todas as fillas e fillos da persoa solicitante ou certificación de nacemento do rexistro civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, para efectos de acreditar a data de nacemento e o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.

b) Xustificante de empadroamento conxunto de todos os membros da unidade familiar. Estes xustificantes deberán ter unha antigüidade máxima de 6 meses.

c) No caso de nulidade, separación ou divorcio copia da sentenza ou da resolución xudicial que estableza as medidas paternofiliais dos fillos e fillas comúns, acompañada, de ser o caso, do correspondente convenio regulador.

d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou acollemento, no suposto de que a súa formalización se realizase noutra comunidade autónoma, de ser o caso.

e) Anexo II debidamente cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non figure como solicitante e que forme parte da unidade familiar. De non achegar este documento deberá xustificarse achegando a documentación que figura na letra c) deste artigo ou certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente en calquera das administracións públicas. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma establecida no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa proxenitora que non figure como solicitante.

c) Certificado expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, de non ter presentado a declaración da renda das persoas físicas do ano 2016 da persoa solicitante.

d) Certificado expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, de non ter presentado a declaración da renda das persoas físicas do ano 2016 do persoa proxenitora que non figure como solicitante.

e) Datos de empadroamento da persoa proxenitora que non figure como solicitante e que non apareza no xustificante de empadroamento conxunto (anexo II).

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) No suposto das familias monoparentais definidas no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social.

b) Resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou acollemento formalizada en Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Lugar e prazo para a presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes será de trinta e cinco (35) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Procedemento de concesión e resolución das axudas

1. A concesión da axuda efectuarase sen fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, por non ser necesario realizar a comparación e prelación destas de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A subdirección xeral con competencias en materia de familia comprobará que os solicitantes reúnan todos os requisitos recollidos nesta orde e formulará a proposta de concesión que elevará ao órgano concedente para a súa resolución.

3. A resolución destas axudas correspóndelle á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación do conselleiro de Política Social, facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. O prazo para resolver estas axudas é de cinco meses contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

5. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución se o acto é expreso e, se non o for, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se o acto non é expreso, a persoa solicitante poderá interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo iso sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Artigo 12. Compatibilidade

Sen prexuízo do establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as prestacións reguladas na presente orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Artigo 13. Pagamento

O pagamento das prestacións reguladas nesta orde farase unicamente na conta bancaria que as persoas solicitantes fagan constar no anexo I. Esta conta ten que permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración concedente non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

O pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e especificamente o seguinte:

a) Cumprir o obxectivo e executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións.

b) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

2. Todas as persoas físicas ou xurídicas beneficiarias de subvencións estarán obrigadas a lle subministrar á Administración actuante, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

No caso de que o requirimento de información non sexa atendido en prazo poderanse aplicar multas coercitivas. A multa de 100 a 1.000 euros será reiterada por períodos mensuais ata o cumprimento. O total da multa non poderá exceder o 5 % do importe do contrato, subvención ou instrumento administrativo que habilite para o exercicio das funcións públicas ou a prestación dos servizos. No suposto de que no devandito instrumento non figure unha contía concreta, a multa non excederá os 3.000 euros. Para a determinación do importe atenderase á gravidade do incumprimento e ao principio de proporcionalidade.

Artigo 15. Revogación da prestación

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devindicados, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou a non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 16. Información

A información relativa ao procedemento, que regula a prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2018, poderase obter nos seguintes enderezos de internet: http://politicasocial.xunta.gal/web/portal/portada-de-familia, www.familiasgalegas.org e https://sede.xunta.gal/portada, así como no teléfono 012.

Artigo 17. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politica.social@xunta.gal.

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Disposición adicional segunda. Aboamento de axudas pendentes

Aboaranse con cargo aos orzamentos da presente convocatoria as axudas finalmente concedidas por resolución da dirección xeral competente en materia de familia ditada no ano 2018 en favor daquelas persoas que, tendo presentado a solicitude dentro do prazo fixado pola Orde do 24 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2017, se atopasen en 31 de decembro de 2017 nalgunha das situacións que se recollen a continuación:

a) Os expedientes pendentes de pagamento por estar a súa solicitude nunha fase anterior á proposta de resolución.

b) Os expedientes que teñan pendente de resolución un recurso administrativo que finalmente se estime por resolución ditada no ano 2018.

Disposición adicional terceira. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional cuarta. Publicidade das axudas

1. As prestacións económicas concedidas non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional quinta. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias na directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file