Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2018 Páx. 6835

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2018, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se convocan as eleccións para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de Galicia.

A Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación, establece no seu artigo 18 que corresponde ao Ministerio de Economía e Competitividade determinar a apertura do proceso electoral, logo de acordo coas comunidades autónomas que teñan atribuída a competencia nesta materia, e que corresponde á respectiva Administración tutelante a convocatoria de eleccións.

Pola súa banda, o artigo 32 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, e o artigo 15 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, aprobado polo Decreto 431/2009, do 19 de novembro, sinalan que corresponderá ao órgano tutelar, logo da consulta ás cámaras, a convocatoria de eleccións para a renovación dos membros dos plenos destas.

O Ministerio de Economía e Competitividade declarou aberto o proceso electoral para a renovación dos plenos das cámaras de comercio, industria, servizos e navegación de España e do seu Consello Superior, mediante a Orde EIC/710/2017, do 26 de xullo, dispondo a apertura do devandito proceso o día 2 de outubro de 2017 e a súa finalización o día 30 de setembro de 2018.

Unha vez aberto o proceso electoral e transcorridos os prazos previstos para a exposición pública dos censos electorais e de reclamacións, corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo, como departamento competente en materia de cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de Galicia, convocar as eleccións para a renovación dos seus plenos, logo de seren consultadas as seis cámaras galegas, de acordo co establecido nos artigos 32 da referida Lei 5/2004, do 8 de xullo, e 15 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Por todo o anterior, logo da consulta ás cámaras, e en uso das competencias que esta dirección xeral ten atribuídas no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,

RESOLVO:

Un. Obxecto

Convocar eleccións para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de Galicia.

Dous. Ámbito territorial e sede das xuntas electorais

Para garantir a transparencia e a obxectividade dos procesos electorais, constituiranse as xuntas electorais, a razón dunha por cada cámara oficial de comercio, industria, servizos e navegación, na forma e coa composición e competencias previstas na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, e no Decreto 431/2009, do 19 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia. As xuntas electorais terán a súa sede no domicilio social da cámara correspondente.

Tres. Prazo de presentación de candidaturas das persoas electoras

As candidaturas elixibles por sufraxio do electorado presentarán escrito no rexistro da cámara respectiva durante os quince días seguintes á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O prazo rematará ás 24 horas do décimo quinto día, contado desde a devandita data.

Catro. Prazo de presentación de listas de candidaturas das organizacións empresarias

1. No prazo dos quince días seguintes á data de publicación desta convocatoria de eleccións, as organizacións empresariais máis representativas presentarán ante a Administración tutelante e ante a xunta electoral, no rexistro da cámara respectiva, a lista das súas candidaturas no número de vogalías que corresponda cubrir, seguidas por un número de suplentes, na súa orde de precedencia, que non será inferior á metade dos candidatos propostos.

2. Xunto coa lista de candidatos, as organizacións empresariais achegarán a documentación do artigo 30 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro, declaración responsable dos candidatos de estaren ao día no pagamento de obrigas tributarias e coa seguridade social segundo o modelo do anexo X e un certificado do secretario xeral da cámara conforme os representantes das empresas candidatas e persoas de recoñecido prestixio realizan achegas voluntarias a ela, efectivas e satisfeitas, de acordo cos datos do censo específico previsto no artigo 30.5 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Cinco. Requisitos dos candidatos

Os candidatos a formaren parte dos órganos de goberno das cámaras, ademais de cumpriren os requisitos necesarios para seren electores, deberán cumprir os requisitos previstos no artigo 30.3 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, e no artigo 10 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

Seis. Data e horario das eleccións por sufraxio do electorado

A elección dos vogais a que fai referencia o artigo 14.2.a) da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, celebrarase para todos os grupos e categorías o 10 de abril de 2018 e os colexios electorais permanecerán abertos entre as 9.00 e as 21.00 horas.

Sete. Data e horario da elección das listas de candidatos das organizacións empresariais

1. A elección dos vogais a que fai referencia o artigo 14.2.b) da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, celebrarase o 28 de maio de 2018, na sede de cada cámara, entre as 13.00 e as 14.00 horas.

2. Cando as organizacións empresariais presenten unha soa lista, a súa proclamación equivalerá a súa elección e esta non terá que efectuarse, despois do cal a xunta electoral expedirá as correspondentes actas de proclamación.

No prazo dos tres días seguintes á data prevista no punto sexto desta convocatoria, a secretaría da cámara notificaralles a súa designación e faralles entrega da credencial para a toma de posesión no prazo previsto no artigo 52.3 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

Oito. Representantes das empresas de maior achega voluntaria

1. Para os efectos de designación dos vogais a que fai referencia o artigo 14.2.c) da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, no prazo dos quince días seguintes á data de publicación desta convocatoria de eleccións, a xunta electoral correspondente requirirá o secretario xeral de cada cámara para que achegue no prazo dos dez días seguintes ao remate do devandito prazo un informe co número de vogalías para cubrir con representantes das empresas de maior achega voluntaria de acordo cos limiares fixados nos respectivos regulamentos de réxime interior.

Xunto co informe presentará unha relación certificada de empresas que realicen achegas voluntarias a ela, efectivas e satisfeitas, elaborada e ordenada por orde decrecente das contías.

2. A xunta electoral de cada cámara designará seguindo a orde de prelación os vogais representantes das empresas de maior achega, no número e de acordo cos limiares fixados nos regulamentos de réxime interior, no prazo dos tres días seguintes á data prevista no punto sexto desta convocatoria.

Con carácter previo á súa designación os representantes deberán achegar a declaración responsable de estaren ao día no pagamento de obrigas tributarias e coa seguridade social segundo o modelo do anexo X.

3. No prazo dos tres días seguintes, a secretaría da cámara notificaralles a súa designación e faralles entrega da credencial para a toma de posesión no prazo previsto no artigo 46.3 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro, para a toma de posesión dos vogais electos por sufraxio.

4. No caso de producirse empate entre as empresas, a xunta electoral proclamará electa a empresa coa maior antigüidade no censo da cámara. De persistir o empate, resolverase mediante sorteo.

5. De producírense renuncias, poderá procederse á designación sucesiva de acordo coa relación certificada de empresas ata os cinco días anteriores á data da reunión constitutiva do pleno, e a súa designación queda diferida á data desta reunión. De non cubrirse o número total de vogalías, o pleno declarará as vacantes.

Nove. Proclamacións de electos sen eleccións

1. Cando para a elección dos vogais a que fai referencia o artigo 14.2.a) da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, o número de candidatos proclamados por un grupo resulte igual ao dos membros que se deba elixir e, cando para elección dos vogais a que fai referencia o artigo 14.2.b) da mesma lei, as organizacións empresarias presenten unha soa lista, ambas as proclamacións equivalerán á súa elección e estas non terán que efectuarse, despois do cal a xunta electoral expedirá as correspondentes actas de proclamación.

2. A designación dos vogais representantes das empresas de maior achega a que fai referencia o artigo 14.2.c) da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, realizarase no prazo previsto para a proclamación das persoas candidatas a que fai referencia o artigo 27.1 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

De producírense empates ou renuncias, procederase de acordo co disposto no punto oito.

Con carácter previo á súa designación, os representantes deberán achegar declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias e coa seguridade social segundo o modelo do anexo X.

3. A secretaría da cámara correspondente notificará a todas as persoas electas no prazo de tres días a súa condición e faralles entrega, na secretaría, da credencial que xustifique esta cualidade e comunicaralles que dispoñen dun prazo de quince días para tomaren posesión como membros do pleno desde a data da entrega.

Dez. Colexios electorais

O número de colexios electorais e os lugares onde se van instalar establécense, para cada unha das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de Galicia, no anexo I desta resolución.

Once. Mesas electorais

As cámaras deben enviar á xunta electoral correspondente a proposta de lista de persoas electoras para seren designadas presidentes/as ou vogais das mesas electorais, conxuntamente coa lista das candidaturas presentadas e coa proposta de número de mesas electorais, no prazo que establece o artigo 26.3 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

Doce. Voto por correo

As persoas electoras que prevexan que na data das eleccións non poderán comparecer nos colexios electorais poderán exercer o seu dereito ao voto emitíndoo por correo certificado e urxente, logo da solicitude persoal á cámara respectiva, dentro dos vinte días seguintes ao da publicación desta convocatoria, segundo o modelo normalizado que figura no anexo II desta resolución e con suxeición aos requisitos e ao procedemento sinalados no artigo 28 do Decreto 669/2015, do 17 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación, e o artigo 36 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, e no capítulo VIII do Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

Trece. Papeletas e sobres

As papeletas e sobres para o voto presencial ou por correo seguirán os modelos normalizados do anexo VII. Nas papeletas indicarase, no caso de persoas físicas, os apelidos e nome e, no caso de persoas xurídicas, a denominación social, das persoas candidatas ordenadas alfabeticamente, de forma que a persoa electora marcará cunha cruz o recadro da papeleta normalizada correspondente aos candidatos ou lista da súa elección. As papeletas configuradas e impresas despois da proclamación de candidatos manterán a súa validez durante todo o proceso electoral.

Catorce. Modelos normalizados

Co fin de garantir o adecuado exercicio do voto achéganse os modelos normalizados segundo os anexos I a X.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2018

Sol María Vázquez Abeal
Directora xeral de Comercio e Consumo

ANEXO I

a) Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña:

– Colexio electoral único.

– Domicilio: Alameda, 30-1º, 15003 A Coruña.

– Demarcación: a correspondente á cámara.

b) Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Lugo:

– Colexio electoral único.

– Domicilio: avda. Ramón Ferreiro, 18, 27002 Lugo.

– Demarcación: a correspondente á cámara.

c) Cámara Oficial de Comercio, Industria e Servizos de Ourense:

– Colexio electoral único.

– Domicilio: avda. da Habana, 30 bis, 32003 Ourense.

– Demarcación: a correspondente cámara.

d) Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela:

– Colexio electoral único.

– Domicilio: San Pedro de Mezonzo, 44-baixo, 15701 Santiago de Compostela.

– Demarcación: a correspondente cámara.

e) Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Tui:

– Colexio electoral único.

– Domicilio: Augusto González Besada, 15-1º D, 36700 Tui.

– Demarcación: a correspondente á cámara.

f) Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa:

– Colexio electoral de Pontevedra.

– Domicilio: Xardíns de Vicenti, 4-2º, 36001 Pontevedra.

– Demarcación: A Estrada, Agolada, A Lama, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo, Cotobade, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Rodeiro, Silleda, Vilaboa e Vila de Cruces.

– Colexio electoral de Vigo.

– Domicilio: República Arxentina, 18 A, 36201 Vigo.

– Demarcación: A Cañiza, Arbo, As Neves, Baiona, Cangas, Covelo, Crecente, Gondomar, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, Redondela, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo.

– Colexio electoral de Vilagarcía de Arousa.

– Domicilio: avda. Dr. Tourón, 46, 36600 Vilagarcía de Arousa.

– Demarcación: Barro, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file