Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 1 de febreiro de 2018 Páx. 7416

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2018 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (Galicia Emprende).

Mediante Resolución do 30 de marzo de 2017 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG núm. 73, do 17 de abril) e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2017.

As ditas bases establecen no seu artigo 10.6 que a resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da resolución definitiva do 22.12.2017 da convocatoria 2017.2 das axudas do Igape para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no enderezo www.tramita.igape.es (apartado «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Habilítase un prazo de 10 días naturais para que os interesados accedan á oficina virtual do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es («Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas), utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o devandito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido, entenderase rexeitada.

As axudas da presente convocatoria fináncianse no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, e compútase como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.01: promoción do espírito empresarial, en particular facilitando o aproveitamento económico de novas ideas e impulsando a creación de novas empresas, tamén mediante viveiros de empresas.

Obxectivo específico 03.01.02: creación de novas empresas e viveiros de empresas, en particular mellorando o acceso ao financiamento e a servizos de apoio avanzados.

Actuación 3.1.2.1: incentivos aos investimentos en activos tanxibles e intanxibles, aprovisionamentos para a posta en marcha, e outros gastos iniciais para novas persoas emprendedoras ou empresas de recente creación.

Campo de intervención 067: desenvolvemento empresarial das pemes, apoio ao espírito de empresa e á incubación (incluíndo o apoio a empresas incipientes e empresas derivadas).

Liña de actuación 50: servizos a persoas emprendedoras e apoio financeiro para investimentos en activos tanxibles e intanxibles, aprovisionamentos para a posta en marcha para novos emprendedores ou empresas de recente creación.

O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

A concesión desta axuda supón a aceptación do beneficiario a ser incluído na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Así mesmo, o beneficiario deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2 do devandito Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día hábil seguinte ao acceso á resolución individual, ou a partir do día en que se puxo á súa disposición no caso de non acceder ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interpoñer un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contados a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou a partir do día en que se puxo á súa disposición no caso de non acceder ao seu contido.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica