Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2018 Páx. 8093

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas e dos incentivos á contratación (códigos de procedemento TR301P e TR349X).

BDNS (Identif.): 383991.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento das accións formativas para o emprego en unidades formativas nas empresas con compromiso de contratación e da actividade laboral asociada, dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas, a través dos seguintes programas:

a) Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (TR301P).

b) Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (TR349X).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas e dos incentivos á contratación (códigos de procedemento TR301P e TR349X).

Cuarto. Importe

O importe das axudas recollidas no capítulo II da orde de convocatoria, correspondentes ao Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR301P), é de 600.000 euros para o ano 2018 e de 150.000 euros para o ano 2019.

O importe das axudas recollidas no capítulo III da orde de convocatoria, correspondentes ao Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR349X), é de 250.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes das axudas correspondentes ao Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR301P) será de dous meses a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria.

No caso das axudas correspondentes ao Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR349X), o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da contratación laboral que se produza ao rematar a acción formativa, respectando, en todo caso, o límite máximo do 14 de decembro de 2018.

Excepcionalmente, nos supostos en que a acción formativa remate posteriormente ao 10 de decembro de 2018, o prazo de presentación de solicitudes das axudas previstas no capítulo III finalizará o 20 de decembro de 2018.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria