Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 7 de febreiro de 2018 Páx. 8585

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2018, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO., CSIF e UGT para o desenvolvemento dun plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos.

Vista a documentación do acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO., CSIF e UGT para o desenvolvemento dun plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

A Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o rexistro e depósito do acordo no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010.

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2018

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO.,
CSIF e UGT para o desenvolvemento dun plan de estabilidade
no emprego dos servizos públicos

As partes representadas neste acordo son plenamente conscientes de que o persoal ao servizo da Administración pública da Xunta de Galicia contribuíu, de xeito notable e directo, á recuperación económica e ao cumprimento dos compromisos adquiridos polo Goberno galego en materia de consolidación do gasto público, soportando unha parte importante do esforzo de austeridade levado a cabo no último período.

Os servizos públicos experimentaron durante o período de crise un importante aumento da temporalidade no emprego.

Consideramos que unha elevada taxa de temporalidade no emprego non é conveniente nin para os profesionais nin para o funcionamento dos servizos públicos que se prestan á cidadanía.

Unha vez iniciado o primeiro paso co Acordo para a mellora do emprego público asinado o día 29 de marzo de 2017 entre o Ministerio de Facenda e Función Pública e as organizacións sindicais CC.OO., UGT e CSIF, semella axeitado adoptar, na Comunidade Autónoma de Galicia, co maior grao de consenso posible, as políticas de persoal que nos permitan reducir a actual taxa de temporalidade no emprego para acadar a plena estabilidade dos nosos cadros de persoal.

Como consecuencia do anterior, en uso da habilitación potestativa que a Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, outorga ás comunidades autónomas, e recollendo as propostas que trasladaron as organizacións sindicais, as partes representadas neste acordo, no marco de negociación referido ao conxunto do persoal ao servizo da Xunta de Galicia,

ACORDAN:

Primeiro. Obxecto do acordo

O presente acordo ten por obxecto o desenvolvemento dunha iniciativa plurianual planificada dirixida a incrementar a estabilidade no emprego público dependente da Xunta de Galicia, co obxectivo de reducir a taxa de temporalidade ata situala na contorna do 7 % e sen prexuízo dos acordos sectoriais que posibiliten acadar unha taxa menor.

Segundo. Ámbito de aplicación

O presente acordo será de aplicación ao emprego público dependente da Xunta de Galicia, que se concreta nos seguintes ámbitos de representación:

• Mesa sectorial de funcionarios públicos e do persoal laboral.

• Mesa sectorial de persoal docente.

• Mesa sectorial de persoal estatutario.

• Mesa sectorial de persoal de xustiza, coas especificidades en materia de selección e provisión propias deste ámbito.

O presente acordo tamén será de aplicación ás entidades do sector público autonómico que conten con persoal a que se refire o número 6 do artigo 19 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, nos termos previstos na propia lei.

Terceiro. Oferta de emprego público

A Xunta de Galicia e as organizacións sindicais asinantes concorren na necesidade de adoptar decisións en materia de taxa de reposición para fornecer os efectivos no conxunto dos sectores que a integran, con pleno respecto aos límites e regras de gasto establecidos.

Nesta oferta de emprego público fomentarase a utilización da promoción interna nos termos en que se negocie en cada ámbito sectorial.

As prazas que se oferten para promoción interna non computarán para os efectos de taxa de reposición, sen prexuízo das especialidades de cada ámbito sectorial.

No ámbito da Xunta de Galicia, para o período de vixencia do presente acordo, aprobaranse ofertas de emprego ordinarias e tamén de estabilización.

Cuarto. Plan de estabilidade

Para estes efectos, a Xunta de Galicia acollerase ás previsións establecidas na Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017.

As taxas de reposición que se aplicarán a estes procesos serán as previstas no artigo 19 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, que totalizan unha cifra superior ás 14.750 prazas (cifra provisional e orientativa).

Considéranse sectores prioritarios os recollidos no Acordo para a mellora do emprego público asinado o día 29 de marzo de 2017 e segundo se implemente na lexislación básica estatal.

Quinto. Medidas en favor da redución de emprego temporal

5.1. En desenvolvemento do plan de estabilidade que é obxecto deste acordo, as ofertas de emprego poderán abranguer en cada un dos sectores e ámbitos as prazas que veñan estando ocupadas por persoal cunha vinculación temporal que reúna os requisitos a que fai referencia o artigo 19.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, de forma que se poidan reducir ao longo dos próximos tres anos nun máximo dun 90 % as prazas ocupadas de forma temporal e a cifra do persoal cunha vinculación temporal existente en data de 31 de decembro de 2016.

Todo iso coa finalidade de reducir a temporalidade en cada un dos sectores, para reforzar a estabilidade dos cadros de persoal, sen que ao finalizar o período se produza de novo un incremento das taxas de temporalidade, que deben manterse na contorna do 7% e sempre dentro dos límites e regras do gasto establecidos.

5.2. A articulación destes procesos selectivos garantirá, en todo caso, o cumprimento dos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade. En cada ámbito poderá ser obxecto de valoración entre outros méritos, de ser o caso, o tempo de servizos prestados á Administración unicamente na fase de concurso.

Estes procesos serán desenvoltos a través dos oportunos sistemas de concurso-oposición previamente negociados nas respectivas mesas sectoriais. A puntuación da fase de concurso será polo valor máximo legal permitido segundo a regulación que exista en cada sector.

Previamente ao desenvolvemento do correspondente proceso selectivo garantirase a oferta das respectivas prazas mediante a convocatoria de procesos de provisión de mobilidade voluntaria, agás que se propoña outra cousa no ámbito das respectivas mesas de seguimento.

Da resolución destes procesos non poderá derivar, en ningún caso, incremento de gasto nin de efectivos. Nestes procesos deberanse ofertar, necesariamente, prazas de natureza estrutural que estean desempeñadas por persoal interino ou eventual estatutario na mesma situación, nos termos do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

5.3. De conformidade co previsto no artigo 19.4 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, a convocatoria de prazas de carácter estrutural do persoal laboral que estean cubertas por un traballador indefinido declarado non fixo por sentenza xudicial non computará para efectos da taxa de reposición.

Tampouco computará para efectos da taxa de reposición a convocatoria de prazas que, nos termos previstos na disposición transitoria cuarta do texto refundido do Estatuto básico do empregado público, estean dotadas orzamentariamente e, desde unha data anterior ao 1 de xaneiro de 2005, estean ocupadas ininterrompidamente de forma interina ou temporal. A estas convocatorias seralles de aplicación o previsto no punto terceiro da citada disposición transitoria do Estatuto básico do empregado público.

Sexto. Desenvolvemento das medidas

A Xunta de Galicia incorporará ao anteproxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 as medidas necesarias para o cumprimento do presente acordo.

Sétimo. Comisión de seguimento

Constitúese unha comisión de seguimento coas funcións de interpretación e control do presente acordo, que estará composta por un membro por cada unha das organizacións sindicais asinantes, ou adheridas a el, e un número igual de membros por parte da Administración. Presidirá a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública ou persoa en que esta delegue e será secretario un funcionario público con rango de subdirector xeral ou xefe de servizo, que actuará con voz pero sen voto.

Serán de coñecemento desta comisión as certificacións establecidas no artigo 19.5 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017.

En cada un dos ámbitos de representación establecidos no punto segundo deste acordo crearanse subcomisións de seguimento para atender as especificidades dos procesos en cada sector. Estará composta por un membro por cada unha das organizacións sindicais asinantes, ou adheridas a el, e un número igual de membros por parte da Administración. Presidirá a persoa titular da Dirección Xeral ou persoa en que esta delegue e será secretario un funcionario público con rango de subdirector xeral ou xefe de servizo, que actuará con voz pero sen voto.

Oitavo. Ampliación do acordo

No suposto de que con posterioridade á sinatura do presente acordo se adopten medidas normativas que habiliten a posibilidade de ampliar o seu ámbito material e subxectivo, as partes adoptaranas no ámbito da Mesa xeral de empregados públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Noveno. Vixencia do acordo

O presente acordo será eficaz desde a súa sinatura, resultará de aplicación ás ofertas de emprego público do período 2017-2020, e procudirá os seus efectos durante o prazo suficiente para a execución das medidas nel propostas.

Décimo. Publicación

O presente acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia. Autorízase o persoal designado pola Dirección Xeral da Función Pública para a realización dos trámites ante a autoridade laboral conducentes ao seu rexistro e publicación.