Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 8 de febreiro de 2018 Páx. 8868

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

DECRETO 11/2018, do 18 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 193/2012, do 27 de setembro, polo que se regula o Observatorio Galego de Educación Ambiental.

O 4 de outubro de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 190 o Decreto 193/2012, do 27 de setembro, polo que se regula o Observatorio Galego de Educación Ambiental.

Conforme sinala o seu artigo 1, o obxecto do Decreto 193/2012, do 27 de setembro, é regular as funcións e a composición do Observatorio Galego de Educación Ambiental.

Para tal efecto, o artigo 3 sinala como a finalidade principal do Observatorio Galego de Educación Ambiental o seguimento e avaliación da situación da educación ambiental na Comunidade Autónoma de Galicia, delimitando as súas funcións, e o artigo 4 procede a regular a composición deste observatorio, especificando as persoas a quen corresponde a Presidencia, a Vicepresidencia, así como as vogalías.

As novas estruturas orgánicas da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, aprobadas polos decretos 146/2016, do 13 de novembro, e 177/2016, do 15 de decembro, respectivamente, supuxeron cambios e modificacións nas denominacións e funcións de determinados órganos, afectando a composición das vogalías do Observatorio Galego de Educación Ambiental, polo que procede axustar tal composición a esta situación.

Igualmente, cómpre destacar as competencias e funcións atribuídas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural polo artigo 12 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Este artigo 12 sinala que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia de conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e dos seus elementos etnográficos e a súa preservación para as xeracións futuras e, en particular, atribúelle no parágrafo 1, letra c), a divulgación dos valores do patrimonio natural, a xestión dos hábitats naturais, da flora e fauna silvestre, das paisaxes naturais e dos elementos senlleiros da xea da Comunidade Autónoma galega.

A intrínseca relación entre a función de divulgación dos valores do patrimonio natural atribuída á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o concepto mesmo da educación ambiental configúrase como outro dos aspectos que aconsellan a modificación da composición do Observatorio Galego de Educación Ambiental, para poder así reflectir na súa composición esta evidente interrelación.

Polo exposto, a través deste decreto modifícase o Decreto 193/2012, do 27 de setembro, polo que se regula o Observatorio Galego de Educación Ambiental, en concreto, o seu artigo 4, co fin de axustar a súa composición aos aspectos anteriormente sinalados.

Neste mesmo sentido, procede incorporar na disposición derrogatoria única un parágrafo no cal se recolle a derrogación expresa da Orde do 10 de decembro de 1984, sobre protección do acivro (Ilex aquifolium, L.) no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 240, do 15 de decembro de 1984), co obxecto de reforzar a seguridade xurídica que esta derrogación supón no ámbito ambiental, dadas as dúbidas que nos ámbitos económico e social están a derivar desta orde, que carece ata a data dunha derrogación en tal sentido e desde a premisa que na lexislación vixente sobre conservación da biodiversidade non está considerada a súa protección.

Na súa virtude, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concordante, e por proposta da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xaneiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 193/2012, do 27 de setembro, polo que se regula o Observatorio Galego de Educación Ambiental

Modifícase o artigo 4 do Decreto 193/2012, do 27 de setembro, polo que se regula o Observatorio Galego de Educación Ambiental, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 4. Composición

O Observatorio Galego de Educación Ambiental terá a seguinte composición, que tenderá a acadar unha participación equilibrada de homes e mulleres:

1. Presidencia: a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente.

2. Vicepresidencia: a persoa titular do centro directivo competente en materia de patrimonio natural.

3. Vogais: os/as vogais do Observatorio Galego de Educación Ambiental serán propostos/as polos organismos, institucións e organizacións de Galicia que se relacionan a continuación:

a) Un/unha vogal designado/a polo centro directivo competente en materia de calidade ambiental e cambio climático.

b) Un/unha vogal designado/a polo centro directivo competente en materia de educación, formación profesional e innovación educativa.

c) Un/unha vogal designado/a polo centro directivo competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

d) Un/unha vogal designado/a pola Dirección do Instituto de Estudios do Territorio.

e) Un/unha vogal designado/a polo centro directivo competente en materia de augas de Galicia.

f) Un/unha vogal designado/a polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia.

g) Un/unha vogal designado/a pola Sociedade Galega de Educación Ambiental.

h) Un/unha vogal designado/a pola Federación Ecoloxista Galega.

i) Un/unha vogal designado/a pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia.

l) Dous/dúas expertos/as de recoñecido prestixio no campo da educación ambiental, propostos/as pola Presidencia.

Disposición adicional única. Obxectivo de igualdade

No exercicio e desenvolvemento da aplicación deste decreto terase en conta a perspectiva de xénero.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto, en concreto queda derrogada a Orde do 24 de xullo de 2014, pola que se nomean os membros do Observatorio Galego de Educación Ambiental.

Así mesmo, derrógase a Orde do 10 de decembro de 1984, sobre protección do acivro (Ilex aquifolium, L.) no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 240, do 15 de decembro de 1984).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar as normas, nas materias da súa competencia, para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xaneiro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio